luns, 10 de xaneiro de 2022

Dúas bágoas por Máquina

                                                                

CASALDERREY, Fina & RIVAS, Víctor (1992): Dúas bágoas por máquina.Vigo, España: Xerais.


FORMATO DA OBRA

Libro de relato narrativo convencional, impreso en papel, con tapas brandas e composto por 113 páxinas, organizados en seis capítulos máis un epílogo.

 

Na cuberta aparece o título do libro en letra máis grande, xunto co nome da autora xusto debaixo e co nome do responsable das ilustracións en letra máis pequena; todo isto atópase máis ou menos no centro da cuberta e dentro dun recadro de cor branca. Ademais, tamén atopamos o nome da editorial na parte inferior dereita da cuberta e de fondo podemos observar unha ilustración que fai referencia ás que serían as protagonistas do conto, Xusta e Máquina.

Na contracuberta hai un pequeno resumo do que imos atopar na historia e o nome da editorial, todo escrito con letras negras sobre un fondo de cor violeta azulado; tamén aparece o código de barras e o ISBN dentro dun recadro branco.

Tanto a cuberta como a contracuberta do libro son independentes.

 

Na portada do libro atopamos o nome do autor, do ilustrador e da editorial colocados da mesma forma que na cuberta e, tamén, a mesma ilustración pero, esta vez en tons brancos e negros.

 

Contén lapelas tanto na parte de diante coma na parte de atrás onde aparecen escritos outros títulos de Fina Casalderrey e unha pequena biografía da autora. Na páxina do título de créditos podemos atopar toda a información que fai referencia á editorial como, por exemplo, a primeira edición do libro, ou as posteriores, tamén aparece o ISBN, o nome da autora, do ilustrador e unhas cinco ou seis liñas escritas en cursiva que fan referencia aos dereitos de autor e ao non plaxio do libro.

 

En canto á disposición do texto, como ben dixemos, está formado por seis capítulos e un epílogo; cara ao final do libro e despois do epílogo aparece o índice e unhas dúas ou tres páxinas nas que aparecen os títulos dos libros máis vendidos, de 11 anos en diante da colección Merlín.

 

ARGUMENTO

Xusta, unha nena que acaba de cumprir dez anos, tiña un can chamado Máquina. 

Un bo día Máquina desaparece e tras varios días sen saber nada do can, Xusta decide armar xunto co seu irmán Moncho un plan de busca. Debido a isto, ámbolos dous non acoden ese día ao colexio, o que acaba provocando un enorme rebumbio en todo o pobo.

O que pasou en realidade foi que Máquina, aínda que llo regalara o seu pai polo aniversario, era un can pouco querido pola familia (menos polo seu avó xa morto) e polo propio pai, quen tras quedar en paro, decidiu abandonalo nunha estrada. 

Xusta ignorante, durante moito tempo, desta situación segue devecendo polo seu can sen saber que foi del. 

 

Unha vez que Xusta descobre o abandono do can polo seu propio pai, este, arrepentido trata de recuperalo indo ao sitio onde o deixara pero non son capaces de dar con el. 

 

Un bo día Xusta ía disposta a coller o bus para volver á casa, despois de escoitar durante un par de días comentarios no colexio sobre un can que vagabundeaba por alí dende hai dous días, cando, de súpeto, levou unha enorme sorpresa, xa que levantou a mirada e apareceu Máquina correndo cara a ela.

O condutor de autobús deixoulle excepcionalmente meter o can e así fóronse todos camiño á casa. Cando chegaron e abriron as portas do autobús, Máquina comezou a correr cara a súa casa con Xusta detrás gritando “Apareceu Máquina!”.

Esa noite toda a familia celebrou o regreso de Máquina cunha boa cea e sería ao día seguinte cando lle farían unha visita a Don Lucho, o veterinario, para que lle curase todas as feridas ao pobre can.

 

Sería Máquina quen salva a avoa de Xusta dun terrible atropelo na curva de Choza pero, acaba morrendo como consecuencia disto.

 

Pasado un tempo, Xusta decide facerse veterinaria e, na súa consulta, sempre ten presente una foto de Máquina xa que ningún can dos que tivo chegou a ocupar o seu lugar.

 

ILUSTRACIÓNS

Neste libro amósanse ilustracións realizadas por Víctor Rivas, nas que representa as partes máis importantes da historia.

Todas elas están debuxadas e pintadas en tons brancos e negros sen ningunha cor. Ademais, un aspecto moi importante a destacar é que todas elas están representadas nas follas do lado dereito do libro.

 

POTENCIALIDADES

Novela emotiva, narrada con tenrura e humor que aborda a complexidade existente entre as relacións dos/as nenos/as cos animais.

 

Grazas a ela os/as nenos/as poderán aprender sobre: a relación dos/as nenos/as e os animais, o mundo dos/as nenos/as, é dicir, o que senten, os seus apegos, a súa evolución...; as relacións familiares, ben entre pais e fillos, entre irmáns, entre avós e netos/as; as mascotas e o seu coidado; avós e avoas, dado que, o seu tempo foi moi diferente a como é o noso, o que pode provocar cambios moi fortes entre uns e outros; a valentía, esa capacidade para enfrontarse ás probas máis difíciles e superar as dificultades que se presenten e a enfermidade, como causa de mal humor, crueldade ou de cambios de carácter que nos atopamos.

 

RECURSOS EN LIÑA

Como recurso en liña do libro, a continuación deixo un enlace dun vídeo no que a propia autora, Fina Casalderrey, aparece lendo fragmentos da historia xunto cunha nena:

https://axendacultural.aelg.gal/tag/duas-bagoas-por-maquina/

 

 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...