ACOSTA, Alicia, AMAVISCA, Luis & GUSTI (2018). Vivan as uñas de cores! Trad. Maruxa Zaera. Madrid: Nubeocho.
A obra literaria escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é Vivan as uñas de cores, un álbum ilustrado que ten unhas dimensións de 25x25 centímetros, de tapa dura e encadernación en cartoné. Ten 36 páxinas e na cuberta resalta a cara do protagonista moi feliz ensinando as súas uñas pintadas de moitas cores diferentes. Por outro lado, destaca tamén o título do libro, concretamente a palabra “cores” xa que, é única que está pintada. Abaixo á esquerda atopamos o nome da autora, do autor e do ilustrador. Todos estes datos podémolos atopar tamén no lombo do libro, onde ademais vemos o nome da editorial. Ao abrir o libro encontrámonos coa páxina de dereitos na que é importante resaltar que o libro está inspirado en feitos reais. O método de lectura do libro é o tradicional, é dicir, de esquerda a dereita. Así pois, atopamos o texto en calquera parte das páxinas, non segue unha orde fixa. Ao rematar o libro observamos a contracuberta na que aparece un código de barras, a editorial e un pequeno resumo.
Vivan as uñas de cores é un álbum ilustrado de Alicia Acosta, Luis Amavisca e Gusti, cuxo argumento transcorre a través de dúas voces, a do narrador, que introduce o conflito, conta e pecha a historia, desta maneira, aparece presente en todas as páxinas. A outra das voces é a do protagonista e a dos personaxes secundarios, os calen falan de cando en vez, xa que a maior parte está contada polo narrador. As intervencións destes recóllense cun guión ao principio, que sinalan as quendas de diálogo e ás veces aparecen frases escritas con letra grosa para resaltar. Así pois, o conto comeza presentando a Xan, un rapaz ao que lle gusta moito pintarse as uñas, sobre todo con cores alegres, porque lle gusta e lle fai feliz. O problema chega cando un día na escola uns rapaces se meten con el dicindo que pintar as uñas é de nenas e que polo tanto, el tamén é unha nena. Isto fixo que Xan se sentira fatal e que deixara de pintar as uñas para ir ao colexio. Dada esta situación, o seu pai comezou a pintar as súas uñas e a ir a recoller ao seu fillo á escola lucindo as súas cores para demostrar que non pasa nada. Cando chegou o aniversario de Xan todos os nenos e nenas da súa clase pintáronse as uñas e felicitárono dándolle esta magnífica sorpresa e manifestando así que pintar as uñas está ben independentemente do teu xénero.
Grazas ás ilustracións presentes pódese facer unha lectura visual que axuda a entender a historia. A caracterización dos personaxes está feita con caras redondas e con algúns garabatos no pelo, na cara e na roupa. Grazas a estas caracterizacións podemos empatizar co protagonista, vendo o feliz que está cando fai o que lle gusta, que é pintar as uñas, e o seu desconcerto e angustia cando os seus compañeiros se meten con el por facer o que lle gusta. Por outro lado, a pesar de que non están referidos no texto, encontrámonos tamén coa presenza dalgún animal como a súa mascota, un gato branco con partes negras que está presente en moitas ocasións acompañando a Xan e á súa familia e que ademais, aparece na sorpresa do seu aniversario tamén coas uñas pintadas. Con menos relevancia podemos atopar tamén un peixe co que Xan fai unha referencia de que a súa morte provocoulle tanta tristeza coma o que lle din os rapaces por pintar as uñas. Así mesmo, as cores usadas para as ilustracións resaltan sempre os personaxes deixando o fondo máis garabateado para darlle menos importancia.
En canto á arquitectura textual, podemos observar que segue unha estrutura lineal, xa que vai contando como avanza a historia. Ademais, tamén atopamos campos semánticos relacionados coas cores.
As posibilidades formativas que nos regala este álbum son a eliminación de estereotipos como que só son as mulleres as que poden pintar as uñas e os homes non o poden facer. Por outra parte, vese reflectido o compañeirismo, cando un neno ou nena fai algo que non é o habitual os seus compañeiros e a súa familia apoian a ese neno porque saben que non está facendo nada malo e é feliz co que fai. Ademais, a obra permite que o alumnado de Educación Primaria reflexione acerca das desigualdades de xénero que podemos atopar na nosa vida cotiá.
Para unha mellor comprensión da historia existen certos recursos en liña que se poden usar nas aulas de Educación Primaria, como un vídeo no que aparecen todos os nenos e nenas dunha clase coas súas uñas pintadas que podemos ver aquí ou esta elaboración dun teatro con obxectos deste álbum que pode ser visualizada aquí.
Con todo, penso que Vivan as uñas de cores é unha moi boa obra que sen dúbida traballaría nunha aula de Educación Primaria, tanto para os primeiros cursos dunha maneira máis profunda como para o alumnado de 5º e 6º para facer unha reflexión sobre o que acontece no álbum.
Ningún comentario:
Publicar un comentario