mércores, 5 de xaneiro de 2022

Elmer




Ficha bibliográfica:

Mckee, David (2012). Elmer. A Coruña: Vicens Vives, col. Pillota, [40 pp ]. (ISBN: 978-84-682-1091-9). 


Descrición do formato da obra:

Este libro é un álbum ilustrado, impreso en papel, cunha encuadernación de cartón e tapas brandas. Está composto de 40 páxinas. Na cuberta atopamos unha ilustración de Elmer, o protagonista da historia. Esta ilustración atópase no centro.

Na parte superior da cuberta atopamos o nome do autor e debaixo deste, o título da obra. Á esquerda, o nome da colección do libro (Pillota). Na parte inferior, debaixo da ilustración, o nome da editorial.

Na contracuberta, podemos ler unha sinopse do libro, así como o título da obra, o autor e a súa editorial.

Na portada podemos observar, datos bibliográficos tales como: o título da obra, o autor, o ilustrador, o nome da editorial, a persoa que fixo a tradución, a persoa que realizou as actividades que aparecen ao final do libro...

Por último en canto ao interior do libro, vemos como en cada unha das páxinas aparecen imaxes para ilustrar a historia que vai narrando.

Resumo do argumento:

Esta obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. Trátase dun álbum ilustrado dado que ofrece unha gran variedade de ilustracións, as cales aparecen en tódalas páxinas. O texto e as imaxes compleméntanse, de modo que aportan coherencia e conexión á historia. As palabras e as imaxes son de gran axuda para introducirte de cheo na historia e para conseguir unha boa comprensión dela. 

Centrándonos xa no argumento, este libro narra a historia de Elmer, un elefante que ten como peculiaridade posuír unha cor de pel diferente á do resto da manda de elefantes. O protagonista era de remendo de cores: amarelo, rosa, morado, azul, verde, negro, branco, laranxa e encarnado. 

Elmer é amigo do resto de elefantes, todos se rin xuntos e fanse bromas mutuamente. 

Chegado un día, canso de sentirse diferente ao resto de elefantes da súa manda ( dado que pensaba que estes se rían del por ser o único elefante diferente ), afástase do resto de elefantes.

Comeza a pasear pola selva, saudando a tódolos animais que atopaba. Os animais, ao percatarse de que se trataba de Elmer, vendo as cores da súa pel, saudábano polo seu nome e Elmer contestaba contento.

Seguindo o seu camiño, Elmer remata por atoparse cunha árbore peculiar, que posúe unhas froitas da mesma cor exacta á que teñen na pel o resto de elefantes. Elmer, canso de sentirse diferente, abalou a árbore dun lado a outro ata que tódalas súas froitas remataron no chan. Nese momento, aproveitou para refregarse co zume das froitas, o cal estaba pintando a súa pel do cor da do resto de elefantes, unha e outra vez, ata que a Elmer non lle quedou máis pel por colorear.

Elmer, agora máis ledo ao sentirse igual que o resto de elefantes, comezou o camiño de volta. Atopouse cos mesmos animais que o saudaran antes, pero agora, xa non o chamaban polo seu nome, xa que non o recoñecían. Ao chegar onde o resto de elefantes, eles tampouco se percataban de quen era. Elmer estaba contento ao sentirse igual que os demais.

De súpeto, comezou a chover e a auga fixo que as verdadeiras cores de Elmer aparecesen de novo. Tódolos elefantes comezaron a rir, e decidiron celebrar ese día todos os anos: o Día de Elmer. Nel, tódolos elefantes pintarían o corpo de cores, a vez que Elmer da cor dos elefantes. 

Descrición das ilustracións:

Este libro conta con máis ilustracións ca texto. Considero que se lle dá máis importancia ao texto que as imaxes dado que estas ocupan case toda a páxina e aparecen en todas as páxinas. As imaxes representan todo o que relata a historia. 

A gran maioría das imaxes presentan formas redondeadas, o cal transmite un sentimento de dozura. En case tódalas imaxes as cores son chamativas e vivas. Nalgunha imaxe aparece algunha cor máis escura e apagada como cando comeza a chover. 

Potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos:

Este libro dado que é destinado a nenos de a partir de 4 anos, leríao en primeiro curso de Educación Primaria. 

Paréceme moi interesante traballalo na aula, dado que trata temas moi importantes que considero que debemos ensinarlle ao alumnado xa dende idades temperás. Tales como a diversidade,  o físico ( debemos tratar a todas as persoas de igual forma independentemente das súas características físicas ), a aceptación dun mesmo, a solidaridade, a amizade, a discriminación e o respecto. 

Por tanto, co alumnado podemos traballar o autoconcepto (concepto que teñen de si mesmos), intentando fomentar a autoestima nos nenos e nenas.

Por outra banda, reflexionar con eles sobre o físico, a apariencia e a importancia de valorar as peculiaridades de cada un.

Pódese traballar a inclusión para conseguir un bo clima na aula, dando a entender que inda que todos sexamos diferentes cada un de nós pode aportar algo novo aos seus compañeiros.

Por último, debemos ensinar aos nosos alumnos a aceptar aos demais tal e como son, fixándonos na persoa e non unicamente no seu aspecto físico, tal e como acontece no libro co elefante Elmer. 

Tamén cabe destacar, que ao final do libro aparecen unha serie de actividades para comprobar a súa correcta comprensión. 

Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra:

Conto Elmer en galego: https://www.youtube.com/watch?v=T3u0AoA-E-s
Actividades: https://aulasgalegas.org/wp-content/uploads/2020/03/ELMER.fpdf

Sheila Guzmán Gens, 3º curso do Grao de Educación Primaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...