mércores, 5 de xaneiro de 2022

Podesvir-Fina Casalderrey

 



RECENSIÓN


Podesvir- Fina Casalderrey e Noemí López




  • Referencia bibliográfica:

Casalderrey, Fina & López, Noemí (1997). Podesvir. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.


         O libro Podesvir de Fina Casalderrey e con ilustracións de Noemí López é un libro ilustrado xa que se nos presenta un texto acompañado dunhas imaxes que toman significado en conxunto.

        O formato do libro presenta cuberta e contracuberta de tapa branda que se deben observar en conxunto nunha única imaxe. Na cuberta tamén se nos indica: o título, o nome da autora e ilustradora e a editorial. Na contracuberta podemos observar: a idade recomendada do libro, os últimos trinta títulos publicados da colección, a editorial e o código de barras. A obra conta cunha páxina de título de créditos con toda a información da edición e na portada móstrasenos: o título, o nome da autora e ilustradora e a editorial.

             No conto nárrase unha historia dun lugar fermoso, soleado, no que predominaban as cores vivas e ledas. Un día todo isto muda debido á inesperada chegada dunha familia rica que busca explotar economicamente o lugar e obriga a marchar á xente que non sexa capaz de producir, coma os anciáns. Deseguida se converteu nunha vila próspera que exportaba o produto ao resto do mundo. Con todo isto, as fábricas empezaron a desprender fume que tapaba o sol e mudaba o lugar a sombrío e as cores viraban escuras e feas. A fauna e a vexetación tampouco quería estar neste lugar contaminado e marchaban. Migueliño, o fillo da familia rica tiña todo canto pedira pero realmente, os pais non eran capaces de darlle o que precisaba. O neno cuestionábase todo o que vía mais ninguén tiña tempo para resolverlle as dúbidas. Un día chegou á vila un autobús con persoas maiores que ao ver as condicións ambientais marchou axiña, agás o señor Lino que quedou na vila por despiste e atopouse con Miguel, o cal lle deu estancia na súa casa. Migueliño por fin era feliz escoitando as peripecias do ancián e todos os nenos e nenas da vila demandaban un ancián coma Lino. Finalmente os traballadores foron á busca dos avós e avoas que botaran da vila e Podesvir encheuse de persoas de tódalas idades. Por fin volveu a ser coma era nun principio.

O libro presenta un narrador en terceira persoa, as voces protagonistas son Migueliño e Lino e as secundarias son os pais do neno. O conto inclúe diálogos abundantes.

En canto á ilustración do conto, as imaxes están representadas nas páxinas impares, o que lle confire maior carga de significado, ao ser o primeiro que capta o ollo ao virar de cada páxina. As figuras son redondeadas, o que nos aporta tenrura e unha sensación de confianza, que fai que o/a lector/a se achegue máis ao conto. A diferente gama de cores tamén acada un significado moi representativo, xa que relaciona as cores escuras e pálidas á contaminación do medio ambiente. O texto sitúase nas páxinas esquerdas e non forma parte da ilustración. Cabe destacar que o tipo de caligrafía que se emprega é a letra ligada e redonda, utilizada nas primeiras etapas de escolarización para que a asimilación e a aprendizaxe da lectura e escritura sexa máis eficaz.

Dentro da dimensión lúdica, con este conto podemos traballar a importancia do gran compromiso que temos co benestar do noso planeta. Buscamos que o noso alumnado cobre conciencia acerca da contaminación e do cambio climático que nos está afectando no día a día e leve a cabo medidas para solucionar ou minimizar os efectos. Denunciamos a sobreprodución e o consumismo masivo sen sentido. Por outra parte, transversalmente tamén traballamos a importancia dos anciáns e anciás na nosa sociedade. Non son persoas sobrantes, senón que nos aportan grandes coñecementos e son pezas fundamentais dentro da nosa sociedade.

          Para a inclusión deste conto nunha aula de educación primaria, eu escollería o público máis cativo (primeiro curso) e contaríalles o conto detidamente. De seguido fariamos unha lectura individual reflexiva. Logo traballariamos transversalmente coa materia de ciencias naturais realizando dous debuxos da vila Podesvir. No primeiro debuxarían o pobo sen contaminación, con todos os elementos que cren que ten, podéndose guiar pola lectura que interiorizaron previamente. No segundo, debuxarían a mesma vila cos efectos da contaminación e representando todos aqueles causantes da situación. Finalmente todo o alumnado presentaría o seu segundo debuxo diante dos/as compañeiros/as explicándolles todos os elementos causantes da contaminación que debuxaron. Para traballar o tema da importancia das persoas maiores, propoño que o alumnado pregunte aos seus avós algunha historia da súa infancia e o grave cun dispositivo que se lles facilitará previamente. Posteriormente reproducirémolas na aula.

              Como recurso en liña podemos destacar a interpretación do conto mediante sobras chinesas realizadas por María Cadilla e Nieves Berrecoso para o alumnado do Cra María Zambrano de Pías, O Rosal. Accesible en: https://www.youtube.com/watch?v=5tpi8MiJc4w

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...