TURÍN, Adela & BOSNIA, Nella (2014). Unha feliz catástrofe. Trad. Glenn Tolentino. Pontevedra: Kalandraka.
Escollín a obra Unha feliz catástrofe debido a que considero que a temática que trata é de especial relevancia social e que é necesario presentala nunha aula de primaria. Ademais, é unha obra sinxela que motiva á lectura.
Este álbum ilustrado de 40 páxinas ten a cuberta de tapa dura e un formato convencional. Ofrece unha lectura tradicional e fácil, a súa extensión é breve, a súa estrutura sinxela e lineal (presentación dos personaxes, problema ao que se enfrontan e solución) e non está dividida por capítulos.
Este relato de Adela Turín, ilustrado por Nella Bosnia, conta a historia da familia Rato que leva unha vida moi tranquila e monótona nun modesto tobo. O pai traballaba fóra da casa, mentres que a nai se encargaba das tarefas doméstica e do coidado dos oito fillos. Cando o señor Rato chegaba á casa desfrutaba do silencio dos seus ratiños e tras degustar a cea preparada pola súa esposa contáballes as súas aventuras de cando era mozo, eles escoitaban encantados e impresionados. Un día, mentres o pai estaba na oficina, a súa vivenda inundouse e a señora Rato tivo que pensar rapidamente unha solución. Cos oito pequenos refuxiouse nun caixón e ao longo dos días a nai e os fillos dedicáronse a atopar un novo lugar, vivían moitas aventuras e pasábano moi ben, estábanlle moi agradecidos a súa nai por tanta diversión. Cando por fin se mudaron a súa vida era moi diferente, agora todas as noites os rapaces daban un concerto e seu pai facía a cea mentres os observaba felizmente.
As ilustracións deste relato son debuxos de cores moi vivas que representan o que o texto está a contar. A pesar de que os protagonistas son uns animais a ilustradora logra darlles vida e humanizar os personaxes representando as accións que realizan e tratando de plasmar as súas emocións e pensamentos. Así pois, resultan moi atractivas para o lector. Ademais posúen un carácter simbólico, xa que transmiten de modo moi sinxelo e visual os roles sexuais estereotipados. Cada ilustración ocupa dúas páxinas e déixase un espazo para poñer as liñas de texto correspondentes.
No referente ás potencialidades deste libro é esencial destacar os valores feministas, de coeducación e igualdade que nos aporta e a clara ruptura cos estereotipos de xénero. Como docentes é interesante e positivo, ademais de necesario, presentar ao alumnado modelos abertos sobre os roles dos homes e das mulleres. É o noso labor visibilizar que ambos sexos poden compartir a autoridade, as decisións e o coidado da casa, de xeito que se apoien e traballen colaborativamente sen que ningunha das partes teña un papel máis submiso. Nesta obra podemos ver como a nai é quen salva a situación e se converte na heroína da historia, pero tamén o fai o pai amosando un exemplo de apoio e axuda nas tarefas domésticas ademais dun esforzo por realizalas do mellor modo posible. Por outra banda, no relativo ás potencialidades para o fomento da lectura tan só mencionar que é un libro moi sinxelo e entretido, razón pola cal é atractivo para o lectorado, especialmente para os máis pequenos. Ademais considero que o feito de que os protagonistas sexan animais é un aspecto a destacar porque adoita ser máis divertido para os rapaces, cabe destacar que as ilustracións son atractivas e poderían ser unha motivación para a lectura da obra. Tamén o conflito é algo importante pois a historia de “ir pasando aventuras mentres buscan un novo fogar” resulta emocionante e incentiva aos cativos.
Por último, os recursos en galego dispoñibles na rede relacionados con esta obra son moi escasos. Tan só podemos atopar un vídeo de YouTube (https://www.youtube.com/watch?v=GJzR69l-73I) no que se realiza unha lectura do relato, tamén se inclúen as ilustracións de fondo. Un aspecto a destacar desta lectura son os efectos sonoros, como por exemplo os suspiros dos personaxes, o ruído da auga, as exclamacións de felicidade...
Ningún comentario:
Publicar un comentario