1. Elección da obra literaria para Educación Primaria.
O neno can.
2. Ficha bibliográfica:
Ficha bibliográfica: Casalderrey, Fina & Castro, Francisco (2012). O neno can. Vigo: Galaxia, 61 pp. (ISBN 978-84-9865-431-8).
3. Formato da obra.
A súa cuberta amosa un neno de pel escura deitado xunto a un can branco, cunha mancha negra nun ollo. Cada un conta unha historia diferente con personaxes propios. Previo a cada relato atópanse unhas liñas de dereitos promulgados pola ONU sobre a temática que se tratará a continuación.
4. Resumo do argumento.
O neno can é un libro constituído por 5 relatos breves, de en torno a 10 páxinas. Cada un afonda nunha desigualdade social. O narrador é omnisciente en terceira persoa. En todos eles, os protagonistas van acompañados dun can sempre igual (branco coa zona dun ollo marchada de negro), aínda que con nomes diferentes en cada capítulo. O primeiro deles contanos a historia dun neno pobre chamado Aakesh que non ten para comer e mendiga comida unha uns cativos e cativas que celebran un aniversario, deixando impactada á protagonista do mesmo, interesándose por el e propóndolle unha amizade. No segundo trátase o tema do abuso de menores e a prostitución onde un xoven Nadim vai intuindo pouco a pouco o que lle sucede á súa irmá no almacén onde coinciden con outros mozos e mozas. O terceiro fálanos do racismo e a inmigración a través de Kai, un neno que se busca a vida só sofrindo os comentarios de xente ao seu paso, ata que por fin atopa unha rapaza disposta a falar con el. Pola súa banda, o cuarto conta o intento de voda forzada dunha moza de 11 anos nun país do deserto, por obriga do seu pai, que finalmente decide reflexionar e deixar libre á súa filla dun compromiso non dexado. Por último, o protagonista do quinto é Carlos, un neno discapacitado que se sente diferente aos demais e sofre desprezos e burlas, pero a súa amiga Carmen (da que está namorado) si o trata como merece.
5. Descrición das ilustracións.
Esta obra tan só conta con ilustracións antes do inicio de cada relato (na cara par, polo que dan prioridade á escrita), ademais de na portada. A ilustradora é Patricia Castelao. Todas elas son a cor e a modo de debuxo animado (é dicir, non retratos realistas). Cando vai empezar unha nova historia, aparecen as pegadas dun can la páxina esquerda e o texto con liñas dos dereitos da ONU na da dereita. Na seguinte páxina atopamos sempre un debuxo co protagonista da historia e o can (sempre o mesmo). En xeral, trátase de rapaces e rapazas de pel lixeiramente escura, agás o último deles (un neno discapacitado). Ademais, acostuman amosar xestos tristes nos retratados, en consoancia coas historias que se narran sobre os mesmos.
6. Potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos.
O neno can é unha obra literaria perfecta para traballar con nenos e nenas de Educación Primaria. É un libro dunha extensión asequible, composto de relatos curtos, con algunha ilustración ao principio dos mesmos e dunha temática moi interesante para traballar coa xuventude.
O libro trata de concienciarnos acerca de temas que moitas veces escondemos e quedan como tabú en idades temperás e incluso xa na ensinanza secundaria. Por iso, ensinar á cativada que existen problemas moi graves coma a pobreza, o racismo, a explotación, etc. e como poden marcar a vida dun neno ou nena é importante para forxar a súa conciencia e personalidade. Polo tanto, podería aportar moito contido para reflexionar e debatir dentro da aula, posiblemente máis nos cursos de 5º e 6º.
Juan José Díaz Nieves.
Ningún comentario:
Publicar un comentario