Ficha bibliográfica: Cáccamo, Pepe e Arbat, Carles (2001). Dinosaurio Belisario. Kalandraka Editora, 1ª edición. Col. Demademora. ISBN: 84-8464-075-2.
O primeiro que sentimos e podemos apreciar cando nos atopamos coa obra entre as mans é a dureza da cuberta. Sobre un fondo neutro, destaca nunha cor verde viva o gran protagonista da obra, Belisario. Se abrimos o libro despregando as cubertas, podemos observar que entre as dúas conforman unha mesma imaxe, e se nos fixamos, tras ler o libro, poderemos interpretar a razón pola que os gatos que aparecen na contracuberta marchan cun taboleiro de parchís, á vez que, na cuberta, Belisario os mira de reollo mentres foxe con varios taboleiros en miniatura do mesmo xogo.
Ao abrilo, vemos unhas gardas ilustradas simples pero con significado. Nas gardas do comezo está Belisario sorrinte lanzando uns dados do parchís que pouco a pouco se van facendo máis pequenos; pola contra, nas gardas do final podemos ver a Belisario escapar dos mesmos dados, esta vez grandes, que ao comezo lanzou. Se nos seguimos adentrando, atopámonos coa páxina de créditos xunto coa portada, na que vemos de novo ao protagonista, quen expulsa unha chamarada de lume que envolve cunha espiral estas dúas páxinas. A tipografía de letra é redondeada e grande, ademais as follas son dunha gramaxe alta. Estas características declinan que é unha obra pensada para uns lectores e lectoras de menor idade.
O estilo do libro ilustrado é directo e está narrado en terceira persoa con intervencións en primeira por parte de Belisario. Poderiamos dicir que esta obra é de modalidade poética, os seus versos préstanse a ser entoados coma unha canción e case todos os seus versos teñen rima. Isto tamén fai que os cativos, no caso de escoitar a historia a través doutra persoa, se enganchen á trama e a escoiten activamente.
A historia que nel se conta está protagonizada por un dinosaurio, Belisario, quen é un personaxe de poder na súa sociedade animal. Empregaba o seu poder e o medo para someter á poboación baixo os seus ideais e isto desencadeou o illamento do dinosaurio. Non tiña xente coa que falar nin amigos cos que xogar a xogos de mesa, a súa gran afición, isto fixo que entrara en cólera e prohibiu toda fonte de diversión. O pobo rematou sublevándose contra Belisario procurando así a liberdade.
En canto ás ilustracións, estas son de estilo convencional, semellan feitas a man no propio libro. Isto débese á naturalidade coa que están pintadas as figuras, incluso se poden apreciar algúns trazos pintados con ceras brandas. As imaxes ocupan por completo todas as páxinas da composición e representan graficamente ao texto que as acompaña. Estas axudan a que os/as novos/as lectores/as comprendan o texto con máis facilidade. Os/as lectores/as quedarán prendados/as das ilustracións.
En canto ás potencialidades: con este libro ilustrado podemos traballar a importancia e a necesidade dos Dereitos Humanos na sociedade; a liberdade e o poder que posúe a sociedade para realizar cambios; as consecuencias tras os malos actos; e as emocións e a súa xestión. Este último tema, aínda que é complexo de abordar, podería traballarse a través de talleres emocionais na aula ou no propio centro.
Por último, no relativo aos recursos en liña atopei o seguinte audioconto: https://youtu.be/KxRsAZOXVSc . Ademais, tamén din cun vídeo interpretativo do conto realizado por uns nenos e nenas de sexto curso do CEP Brea Segade: https://youtu.be/5N_xwc_pp14.
Ningún comentario:
Publicar un comentario