Ao longo da historia a lectura leva ocupado un papel fundamental en todo o mundo, pois de forma directa ou indirecta encóntrase presente en practicamente todos os ámbitos da sociedade. Non obstante, a pesar deste valor, considero que na actualidade son cada vez menos as persoas que len obras, pois co avance das novas tecnoloxías a maioría da poboación, sobre todo a máis nova, decántase por outras alternativas como poden ser os podcast ou as series e películas.
Cunha visión de futura mestra de Educación Primaria, esta desvinculación ou desentendemento coa lectura obrigame a considerar necesario transmitir e potenciar un hábito lector no alumnado de 6 a 12 anos, pois ademais de ser fundamental para o seu día a día, proporcionaralle numerosos beneficios como o aumento do seu vocabulario, a estimulación da concentración ou incluso o desenvolvemento da imaxinación.
Analizando todas as lecturas traballadas nas aulas durante a miña infancia, recordo con gran agarimo A campá da lúa de Helena Villar Janeiro, pois como xa comentarei máis adiante, tratábase dunha obra totalmente diferente ás que estabamos acostumados a ler. Así, tendo como finalidade impulsar o interese pola lectura, considero que podería ser unha proposta adecuada para traballar nos centros educativos, preferiblemente nas aulas de terceiro curso en adiante.
Comezando coa súa recensión, a continuación mostrarase a súa ficha bibliográfica:
VILLAR JANEIRO, Helena & FERRER, Ánxeles (1999). A campá da lúa. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, Merlín.
Centrándonos na súa análise, o primeiro que debemos comentar é o formato que presenta. Así, trátase dunha obra de tamaño relativamente pequeno onde a cuberta e contracuberta non gardan relación en termos de ilustración, pois a segunda non presenta ningunha (si poderiamos dicir que gardan similitude no referente á gama de cor empregada). Outro aspecto relevante a destacar é o formato de tapa branda que posúe, indicador que nos permite determinar, de forma aproximada, cal é o público para a que está dirixida.
Seguindo coa súa descrición, no seu lombo podemos ver reflectido tanto o título como o nome completo da autora, non posuíndo nin solapa nin faixa. Ademais, entre a cuberta e a portada (que mostran o mesmo) encóntrase a garda, páxina que facilita a unión entre as propias páxinas e a cuberta e que recolle información bibliográfica do libro (lugar de publicación, número de edición, ISBN...)
A modo de resumo, podemos indicar que se trata dun poemario curto de Helena Villar Janeiro (Becerreá-Lugo, 1940) formado por 18 poemas que, xunto coas ilustracións de Anxela Ferrer, remiten cara ó universo do mundo da infancia empregando elementos coñecidos e fantásticos como ananos, nubes, princesas ou gatos. Ademais, na súa fin hai un apartado denominado “Cando a autora fala de si”, onde a escritora comparte recordos da súa infancia.
Dentro da poesía, un elemento clave nas súas publicacións son as ilustracións que presenta, pois neste caso facilitan a comprensión da temática principal de cada un deles. Ademais, cabe indicar que teñen un tamaño equivalente aos poemas e que lucen tonos suaves, todo isto para adecuarse á idade dos nenos á que vai dirixida ou recomendada.
Como xa comentei ao comezo, o principal motivo de selección desta obra é a novidade que pode provocar no alumnado, pois desafortunadamente e dende a miña propia experiencia, a poesía non era algo que frecuentara nas aulas de Educación Primaria. Así, dada a sinxeleza e lonxitude curta que presenta, considero que se trata dunha proposta que permite acercar ao alumnado á poesía con actitude de interese, permitíndolle ademais imaxinar diferentes realidades e ampliar a súa linguaxe.
Considerando interesante traballar aspectos da educación emocional, esta obra conta con dous poemas nos que se aborda o sentimento de tristeza ("Princesa triste") e o de medo ("Canción do medo"), podendo realizarse propostas como a súa lectura e a posterior posta en común na que se compartan os sentimentos e as emocións orixinadas, así como traballar contidos do currículo dentro da materia de Lingua Galega (concretamente do bloque 4), a través da busca de diferentes palabras do poema e a mención do seu xénero e número.
Para rematar, ao tratarse dunha obra publicada no ano 1999 os recursos en liña que podemos atopar sobre ela son escasos. Así, neste apartado podemos mencionar o resumo presente na web dos Informes de Literatura do centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, pois recolle dunha maneira clara e concisa a temática en torno a cal xira o poemario. Ademais, tamén considero interesante mencionar o seguinte video publicado pola Televisión de Galicia na súa canle de Youtube, pois nela cóntase a iniciativa que ten a autora da obra para dar clases de galego a través da rede social de Facebook. https://www.youtube.com/watch?v=1zZhWXqupfk.
Ningún comentario:
Publicar un comentario