martes, 1 de febreiro de 2022

O coelliño branco





Este álbum ilustrado presenta unha cuberta e contracuberta que gardan relación tanto en termos de ilustración coma na gamma de cor empregada. Na primeira pódese ver ao protagonista en primeiro plano (o coelliño branco) virado cara á atrás, coma se estivera comunicándose con alguén, que resulta ser a formiga que aparece na contracuberta. Outro aspecto a destacar, moi característico dos álbums ilustrados, é o formato de tapa dura que presenta, contendo no seu lombo tanto o título como o nome do autor, pero prescindindo de sopala e faixa. Ademais, entre a cuberta e a portada (na que se mostra practicamente o mesmo) encóntrase a garda, páxina que facilita a unión entre as páxinas e a cuberta e que recolle información bibliográfica do libro (lugar de publicación, número de edición, isbn…), podendo observar, respectivamente nas iniciais e nas finais, as orellas do coello e as patas das formigas, considerando relevante ademais mencionar a existencia de cromatismos contrapostos (branco e negro) de ambos protagonistas.

A modo de resumo, podemos indicar que se trata dunha adaptación de Xosé Ballesteros do conto popular portugués no que, xunto coas ilustracións de Óscar Villán, conta a historia dun coelliño que, tras regresar da horta en busca de verdura para preparar un caldo, atopa a súa casa ocupada por unha cabra que non lle deixa entrar. Para recuperala, este decide pedirlle axuda a diferentes animais (concretamente un touro, un can e un galo), pero todos se negan polo medo que lle teñen á cabra, sendo finalmente unha formiga a que a consiga expulsar.

Dentro dos álbums ilustrados, e tal e como indica o seu propio nome, un elemento clave en todos eles son as ilustracións, pois ocupan polo menos o 50% das páxinas e encóntranse implícitas xunto co relato textual, é dicir, que se as retiras a obra perde parte do seu sentido. Neste caso, considero que se tratan de representacións moi orixinais que teñen a capacidade de captar o interese dos lectores máis novos (de feito esta obra recibiu o premio nacional de ilustración no ano 1999), empregando para iso tons de cores chamativas e dúas tipoloxías de ilustracións (as de páxina enteira e media).

O motivo de selección deste álbum ilustrado é, ademais da extensión que presenta, a sinxeleza da súa lectura. Así, e debido á cantidade e variedade de ilustracións que posúe, considero que se trata dunha proposta que pode axudar a traballar a lectura no alumnado máis pequeno (primeiro ou segundo de primaria), pois encóntranse numerosas estruturas repetitivas e moitos diálogos. Ademais, outro aspecto fundamental é a posibilidade de traballo transversal que ofrece, pois a partir dela pódense abordar aspectos como a alimentación, os sentimentos, novo vocabulario… incluso a poesía.

Profundizando nas súas potencialidades, unha posible proposta para levar ás aulas sería a dramatización da historia por parte de todo o alumnado, sendo necesario para iso a introdución de novos animais (tantos como nenos e nenas haxa). Outra opción sería a realización dun debate sobre o final aberto que presenta, pensando e argumentando quen cren que é a persoa que fala e por qué non lle quixeron dar o caldiño, pois desta forma traballaríase a imaxinación e orixinalidade de cada un deles.

En canto á alimentación, outra posible actividade sería a posta en común dos ingredientes necesarios para a elaboración dun caldo, podendo consultar estes aspectos cos seus familiares, pois existen moitas tipoloxías dependendo do lugar. Así, desta forma estaríamos introducindo, en certo modo, á familia nas actividades do centro, aspecto que considero fundamental á hora de lograr unha educación de calidade.

Xa para rematar coas propostas, e relacionado tamén coa creatividade, poderíase propor o seguimento, de forma escrita, da historia unha vez que o coelliño regresa da horta, poñendo posteriormente en común as creacións de cada un deles, pois deste modo traballariamos a escritura xunto coa expresión oral. Ademais, e relacionado coa poesía, tamén se podería realizar algunha actividade cos parágrafos que presentan rima, como por exemplo cambiando esas palabras por outras que rimen.

Como peche desta recensión, é interesante destacar a variedade de recursos en liña que podemos atopar sobre a obra, pois existen numerososo vídeos de persoas narrando o conto (como se mostra nesta páxina de kalandraka, que é a propia editorial do conto https://kalandraka.tv/gl/videos/o-coellino-branco/), así como a súa dramatización a partir de diferentes técnicas e estratexias comentadas na clase, xa sexa un teatro de títeres (concretamente de variña: https://www.youtube.com/watch?v=Yo6t3jLfAUU), un teatro de sombras (https://www.youtube.com/watch?v=JwSFm6jIe_o), unha especie de kamishibais (https://www.youtube.com/watch?v=UCQ4vH60H-Q), así como obras de teatro adaptadas musicalmente e protagonizadas por alumnado de centros educativos (https://www.youtube.com/watch?v=ZkxNcf1zdNg), (https://www.youtube.com/watch?v=hPq0ID7NeyA). 

Ademais, neste apartado tamén podemos mencionar o resumo presente na web dos Informes de Literatura do centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, pois recolle dunha maneira clara e concisa un resumo da obra.


FICHA BIBLIOGRÁFICA: BALLESTEROS, Xosé & VILLÁN, Óscar (1998). O coelliño branco. Pontevedra: Kalandraka

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...