Carreiro Fernández, A. (2003). Grandes contra pequenos. A Nosa Terra.
O libro en cuestión titúlase Grandes contra pequenos, pertencente á colección Contos do Miño e á editorial A Nosa Terra. O seu autor é Abraham Carreiro Fernández. Esta historia é unha versión dunha fábula ou conto popular e foi publicada no ano 2003.
Nesta obra atopamos unha historia seguida, sen capítulos, na que o narrador está en terceira persoa, é dicir, a historia é contada por un narrador omnisciente. Hai dous personaxes principais: o sapo e a raposa, e varios secundarios: o lobo, o oso, o porco bravo, a cabra montesa e os bechos cativos (grilos, tabáns, formigas, toupeiras, saltóns, abesouros…)
O libro móstranos un pique entre a raposa e o sapo, xa que a primeira búrlase do segundo polo seu tamaño. Isto desemboca nunha guerra entre animais grandes (amigos da raposa) e animais pequenos (amigos do sapo). Dita batalla termina coa vitoria do equipo do sapo, que emprega a súa intelixencia e maña a través de recursos que teñen ao seu alcance para conseguir gañar, ensinándonos de que non por ser máis grande e forte eres mellor que alguén pequeno e aparentemente débil. Todos/as somos iguais e cada un/unha pode ser útil para unha cousa.
Estamos ante un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está cuberto por ilustracións e conta con tapa dura.
Na cuberta, atopamos ao equipo de animais grandes dispoñéndose a atacar aos animais pequenos e na contracuberta observamos a este último grupo sendo visto dende os ollos dos animais grandes. Este debuxo é rodeado polas grandes fauces do lobo, que observa ao equipo do sapo dende unha perspectiva de superioridade. O título da obra aparece con grandes letras na parte superior da cuberta, para deixar na parte inferior esquerda o oco para a editorial e a colección, que volven aparecer na contracuberta ao carón da sinopse da historia.
No comezo e no final do libro hai unhas gardas azuis nas que vemos debuxadas unha epecie de olas.
Na páxina de créditos, podemos apreciar a diferente información acerca do libro: o nome do ilustrador, o lugar de edición (Rúa do Príncipe, 22, Vigo)...
Ao carón da páxina de créditos atopamos a anteportada, na que volve aparecer o título da historia, así como a colección e a editorial, que se atopan plasmadas nun cadro co mesmo deseño que observábamos nas gardas. Estes elementos están recollidos nun gran cadro violeta que ocupa case toda a páxina. Este é rodeado por diferentes escenas do libro, que tamén atopamos na páxina de créditos. Unha vez pasada a anteportada, comeza a narrarse a historia.
En canto ás ilustracións, estas ocupan unha parte fundamental na historia. Xuntan a páxina esquerda e a páxina dereita nunha única, que vai acompañada dun breve texto que sempre está colocado na parte superior esquerda ou dereita. Estas son realizadas por Abraham. Dito autor crea neste libro uns personaxes robotizados, dándolles desta maneira unha pincelada futurista, así como divertida e innovadora. As cores que emprega non son moi intensas, máis ben prefire optar por unhas cores tenues; xoga co marrón, co azul marino, cos verdes… En cambio, podemos apreciar nalgunhas ilustracións como na paisaxe si que añade cores máis intensas, como o vermello, o branco, o amarelo ou o laranxa para formar follas.
Introduciría dita obra entre os primeiros cursos de primaria, primeiro ou segundo, debido a súa linguaxe sinxela e a brevidade do texto, co converten nunha obra doada de ler.
Este libro paréceme unha moi boa opción para o alumnado de educación primaria, xa que aporta un valor moi interesante para traballar cos máis pequenos e pequenas: non crerse máis que ninguén, nin xulgar aos demais polas súas apariencias. Neste, o grupo dos bechos miúdos demostra que, a pesar do seu tamaño, pode derrotar aos animais máis feroces e grandes.
Finalmente, en canto ós recursos en liña sobre esta obra, non se poden atopar ditos elementos en galego.
Abalde Rodríguez, Kevin
Ningún comentario:
Publicar un comentario