venres, 4 de febreiro de 2022

Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) .



CAMPANARI, José & OLMOS, Roger (2014). Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro). Trad. María Luisa Núñez. Pontevedra: OQO.



Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) é un álbum ilustrado de carácter narrativo. Presenta un formato convencional, con tapa dura, letra bastante ampla e á vez resaltando en letra gorda certas oracións que o autor quere destacar.

Este álbum ilustrado de José Campanari e Roger Olmos conta a historia dun elefante con lunares morados que se namora dunha formiga un tanto peculiar, xa que esta ten cintura de avespa. Todas as tardes o elefante ía observar á formiga. Porén, cando o elefante se deu conta de que o verán estaba a piques de rematar decidiu confesarlle o seu amor. A formiga, que xa percatarase das miradas do elefante, decidiulle deixar unha serie de pistas para que a siga.

Finalmente, tras un longo camiño de aventuras, o elefante atópase coa formiga e conseguen vivir a súa historia de amor.

As ilustracións de Roger Olmos recrean escenas, espazos e personaxes do narrado. Este conto narrativo está composto de 48 páxinas, con ilustracións en todas as páxinas, así como na cuberta e na contracuberta onde a imaxe está unida. Na cuberta aparece un elefante con lunares morados sentado nun metro de cor amarelo que continúa na contracuberta xunto cunha folla de cor vermella con toques verdes.

Cabe destacar que estas imaxes son ilustracións literais, é dicir, aquilo que transmite o texto é plasmado na ilustración. Ademais, ao meu parecer, teñen un toque surrealista e detallado con certas pinceladas humorísticas.

Dende o meu punto de vista, considero que este libro presenta bastantes potencialidades para traballar con nenos e nenas, concretamente en idades comprendidas entre os 6 e os 8 anos.

Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) transmite a historia dun amor sen prexuízos, que pode superar calquera tipo de obstáculos e diferenzas, así como o tamaño, a cor, a cultura, o hábitat, entre outras.

Deste xeito, este libro é unha forma eficaz para tratar a diversidade nas aulas xa que pode axudar ao alumnado a entender que todos e todas somos diferentes Así pois, que iso non signifique un impedimento para non namorarse, como sucede na historia.

Eu como futura mestra traballaría este álbum ilustrado co meu alumnado e, ademais, incorporaría unha obra teatral da historia que se narra. Así mesmo realizaría unha tarefa na que o alumnado podese escoller o animal que queira con algunha modificación, se o prefire (así como un animal mitade cervo mitade tigre de cor verde), e representar unha obra de teatro entre todos e todas, con historias de amor, desamor, amizade, etc. Desta forma, enriqueceriamos a aplicación da lectura xunto coa representación similar da mesma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...