Frederick
Lionni, L (1967). Frederick. Kalandraka
Nesta obra estamos ante un conto seguido, sen capítulos, onde o narrador está en terceira persoa. Os personaxes que compoñen a obra son cinco ratos e o protagonista é Frederick, un deles. A historia mostra como catro ratiños traballan día a día para conseguir alimento para os días fríos de inverno, nos que terán que resgardarse nun muro de pedra. Mentres, un dos ratiños, chamado Frederick, en lugar de recoller alimento adícase a recoller raios de sol, cores e palabras para eses días tan duros. A súa familia repróchalle a súa actitude nalgunhas ocasións. Chegado o gran día no que teñen que entrar no muro para pasar unha larga tempada comezan a comer o que teñen pero, pouco a pouco, a comida empeza a esgotarse. Nese momento os catro ratiños pregúntanlle a Frederick onde está todo iso que recolleu mentres os demais collían alimento, así que este fixo posible que pechando os ollos o resto puidera sentir a calor, as cores e tamén as palabras, cun bonito poema que compuxo sobre as estacións. Todos quedaron marabillados ante a arte dese pequeno rato, un rato poeta.
Este é un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está ocupado por ilustracións, de tapa dura e con papel de gramaxe alto.
A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece un rato cunha flor mirando cara a adiante. Na parte superior aparecen o título do libro e o nome do autor, na inferior o nome da editorial. Na contracuberta aparece a parte traseira do rato que se corresponde coa ilustración que se mostra na parte dianteira, o código de barras, o ISBN correspondente e o nome da colección na parte superior. De seguido, na anteportada non aparece nada escrito, e na portada encontramos de novo o nome do autor co título do libro e a editorial, xunto cunha pequena ilustración, a mesma da contracuberta. Na parte esquerda, aparecen o título orixinal, o nome da colección e da editorial, o ano de publicación, o lugar onde se editou e imprimiu e o ISBN. A continuación xa comeza a relatarse a historia.
Neste álbum ilustrado podemos observar que o texto é moi escaso e que as ilustracións son un punto clave para poder comprender a historia que se está a narrar. As ilustracións deste libro ocupan ambas caras e van expoñendo todo o que di o texto, o cal aparece a maior parte do tempo na páxina esquerda.
A lectura deste libro é moi interesante para nenos e nenas de Educación Primaria. Con el poderiamos tratar temas como as emocións que nos producen certas situacións e o importante que é axudarnos entre todos cando as cousas se poñen difíciles. Este libro tamén lles pode servir aos nenos e nenas no futuro, xa que conta que cada un debe ser o que queira ser, sen importar o que pense ou diga o resto. Unha das actividades propostas sería crear unha obra de teatro en grupos de 5 alumnos/as contando a historia de Frederick para despois representala en clase. Outra actividade sería crear unha continuación desta obra, onde cada neno/a debe buscarlle unha historia nova a Frederick, desenvolvendo así a creatividade e a fluidez na escritura. Cada un lerá o conto que creou en clase, diante dos seus compañeiros, traballando neste caso a lectura. Por último, escollerase un conto dos que crearon ao azar e o alumnado deberá crear un mural na clase que represente esa historia, para despois colgalo na parede.
Finalmente, en canto aos recursos en liña sobre esta obra o único que podemos encontrar en google son diversos vídeos onde se narra a historia acompañada de representacións moi interesantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario