martes, 23 de novembro de 2021

 

Alonso, Tareixa & Suárez, Alicia (2001). O galo Quirico. Pontevedra: kalandraka, col. Os contos do Trasno, [40 pp.]. (978-84-8464-084-4).

O libro escollido é un álbum ilustrado que ten por título o nome de O galo Quirico. Este consta dunha cuberta (de tapa dura) na que, como primeiro termo a destacar, aparece o título escrito na parte superior; letra grande e redonda, podendo apreciarse o resaltado da negriña. En canto á marxe inferior, concretamente no lado dereito, aparecen reflectidos os nomes da autora (Tareixa Alonso) e a ilustradora (Alicia Suárez) e, xunto a estes, ao seu carón esquerdo, o nome da editorial, que neste caso se trata de Kalandraka. En canto á ilustración aquí plasmada, podemos destacar como debuxo principal o do protagonista da obra, o galo Quirico. A súa posición no centro da páxina e as súas cores rechamantes (especialmente a destacar o verde das plumas, o amarelo do pico e o vermello da crista) fan un reclamo da nosa atención conseguindo así que fixemos a nosa vista nel nun primeiro instante. Por debaixo del hai unha pota dada a volta sobre a que está pousado (elemento moi a destacar xa que é onde remata metido ao final da historia) e arredor, elementos que constitúen a sinopse da obra.

En correlación coa cuberta estaría a contracuberta. Neste caso, é unha clara representación do comezo e final deste conto, xa que aparece bordando fume dende a mochila do galo ata a reiterada tarteira. En contraste coa cuberta, podemos destacar a diferenza de tonalidades, tratándose de tons vivos na primeira e cores apagadas e escuras na última; podemos así entender que compara a vida coa morte do animal.

Nas gardas deste libro destaca a cor negra. Na primeira páxina, acompañada dunha lúa de ton frío; na segunda, a contraposición co colorido galo Quirico.

A anteportada contén unha fotografía e os datos bibliográficos do libro e na portada volvemos atopar os nomes da autora e ilustradora, o título do libro cunha imaxe do galo e o nome da editorial.

Este libro está cualificado dentro dos álbums ilustrados xa que as ilustracións ocupan a totalidade das páxinas, estando a letra subordinada ás mesmas. Esta última, de estilo redondo; crea un ambiente artístico, imaxinativo e de confianza. Está narrado en terceira persoa cun narrador omnisciente, mesturado con escenas de estilo directo nas que aparecen representados diálogos dos propios personaxes do relato. Con respecto a estes últimos, temos personaxes principais (galo e verme), personaxes secundarios (leituga, cabuxa, pau, lume, chuvia e cociñeira) e un personaxe terciario (tío Perico). 

Adentrándonos na peripecia deste albúm ilustrado, descubrimos a singular historia do galo Quirico que, tras iniciar a marcha cara á voda do seu tío Perico á que acababa de ser invitado, atopa un verme polo camiño. Este pídelle que o leve, e, tras negarse nun primeiro momento, acaba accedendo para levalo no papo. Tan mala sorte tiña o galo que non se decatou de que o verme estaba situado por riba dunha bosta, polo que emporcou o pico. Este infortunio levouno a pedir axuda a todo aquel co que se atopaba polo camiño e todos tiñan unha cousa en común: todos lle preguntaban polo verme. A tal pregunta, el sempre respondía que non o vira e como o becho sempre contestaba dende o interior do seu papo, todos se enfadaban con el por mentireiro e lle daban unha boa tunda. Xa para cando deu chegado á voda do tío (todo desfeito), a cociñeira atopouno e pensou que era a comida, polo que o meteu na pota mentres o verme marchaba tranquilamente.

As ilustracións xa mencionadas son as que máis destacan nesta obra, sendo acompañadas do texto, que nos relata o que ocorre en cada unha delas. Son imaxes que xogan co mundo fantástico e que resaltan polas súas cores e formas variadas e chamativas.  Xoga coas secuencias e cos pequenos detalles e consegue fixar o punto de atención en todas elas, grazas aos elementos rompedores que as acompañan.

Relativo ás potencialidades que se poderían extraer deste libro para unha aula de educación primaria poderíamos pensar na abordaxe da mentira e tratar as consecuencias que esta ten. É un libro con cores moi chamativas que poderían dar xogo para a memorización; por exemplo, fixarse ben durante a lectura na cor do galo para despois pintala eles e elas mesmas nun folio impreso en branco, unicamente coa súa forma. Tamén daría renda solta a súa imaxinación propondo unha actividade na que lle tiveran que cambiar o final, partindo de que o galo lle responde á leituga que leva ao verme dentro. 

En definitiva, diversas son as actividades que se poden extraer deste libro para abarcar diversos puntos.

Os recursos activos atopados na web serían vídeos de youtube nos que unha persoa, a través de imaxes que vai poñendo das páxinas correspondentes, vai relatando a histora. Como exemplo disto:

 "O GALO QUIRICO" - (CONTO EN GALEGO)

O GALO QUIRICO


Orellas de Bolboreta

 


AGUILAR, Luisa & NEVES, André (2008). Orellas de Bolboreta

Trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka.



Orellas de Bolboreta é un álbum ilustrado de Luisa Aguilar e André Neves, impreso en papel, con tapa dura e composto de 28 páxinas. Na cuberta aparece representada a protagonista da obra en grande e no medio, debaixo desta e ao lado esquerdo o nome da editorial, o título da obra centrado cara a cima da cuberta e en grande e, sobre este e ó lado dereito, os nomes da autora e o ilustrador. O resto da cuberta son debuxos aleatorios que acompañan a imaxe da protagonista. Na contracuberta atopamos un deseño composto por un banco de madeira baleiro e o corpo da protagonista, dende o pescozo ata os pés, voando cara á dereita e seguida de nove pequenas bolboretas.

A portada do libro son dúas imaxes totalmente distintas ao longo de dúas páxinas. Na primeira imaxe, situada ao longo da marxe superior das páxinas, represéntanse cinco casas, unha árbore e o mesmo banco de madeira que aparecía na contraportada. Na segunda imaxe, situada ao longo da parte inferior destas dúas páxinas, tan só se representan cinco bolboretas practicamente de cor branca sobre un fondo de cores moi claras.

Esta historia está contada dende a perspectiva dun narrador en 1ª persoa. A protagonista deste conto, Mara, está a pasar un mal momento provocado polas ofensas e insultos que recibe a diario, por parte duns nenos/as, debido aos seus trazos físicos tan aloxados e distanciados do agardado na sociedade (vestimenta, atributos,...). Así, Mara busca axuda na súa nai, quen lle fai ver que todos eses carácteres que eses nenos/as critican, son en realidade, aspectos positivos.

Con respecto ás ilustracións, cabe destacar que estas ofrecen unha lectura visual e complementaria ao texto, xa que presentan a información necesaria para comprender o texto. A protagonista e, os demais personaxes, caracterízanse por ter rostros anchos, bocas expresivas e narices poliédricas que destacan por encima dos demais elementos figurativos, fortalecendo deste modo a inmersión emocional plena. Por outra parte, o ambiente que os rodea caracterízase por ter unha gran riqueza visual, xerando un universo cheo de cor que reforza e abriga a mensaxe alegre e optimista da historia, levando pois, á protagonista por escenarios imaxinarios que se mesturan coas súas ocorrencias.

Este álbum ilustrado, ademais de destacar pola súa facilidade de lectura, trata un tema moi importante dun modo sinxelo e de fácil comprensión, o acoso escolar.

A partir desta lectura, cabería a posibilidade de potenciala na aula mediante diversas actividades co fin de sacar ideas e conclusións acerca da diversidade. Así pois, na aula poderíanse levar a cabo actividades como: dinámicas de grupo nas que os discentes se teñan que por na pel de Mara, a protagonista da historia, co fin de que realicen eles/as mesmos/as unha reflexión propia e a teñan en conta ao longo das súas vidas e tamén traballar con películas ou outros libros nos que se aborde o tema principal deste libro para así, ter diferentes exemplos e opinións que axuden a unha mellor comprensión por parte do alumnado.

Con todo, para unha mellor comprensión da historia, existen diversos recursos en liña adaptados para as aulas de Educación Primaria. Así, no que respecta ó conto Orellas de Bolboreta, atopamos recursos como blogs educativos e algún audio-libro.


A memoria das árbores



  • Ficha bibliográfica 
NEIRA, X. A.; DASILVA, K. & DEL ADALID, M. (2000). A memoria das árbores. Kalandraka. Colección: Sondeconto 
  • Descrición do formato da obra 

A memoria das árbores é un álbum ilustrado, que pola sinxeleza do seu texto e as características do formato que se presentan posteriormente, estaría adicado ao grupo de primeiros lectores de Educación Primaria. Xunto co libro, inclúese un CD que contén unha banda sonora producida por Marcial del Adalid, que permite que os cativos e cativas experimenten unha lectura máxica e inmersiva da historia que nos relata Xose Antonio Neira Cruz, acompañada das magníficas e peculiares ilustracións de Kiko Dasilva.


  1. Dimensión física 

  • Formato do libro: Este é un libro de tapa dura, formato cadrado e un grosor das follas alto, características que corresponden co álbum ilustrado. Este formato ademais é moi boa opción para os primeiros lectores, posto que permiten ser manipulados sen risco a estragarse facilmente. Esta obra conta cun segredo ao final do mesma. No interior da contracuberta inclúese un CD con música da Orquesta Sinfónica de Galicia. 
  • Cuberta: Na cuberta podemos atopar: o título da obra, autoría, o nome do ilustrador, o encargado da música, a editorial e a entidade que colabora na elaboración deste libro. O título emprega unha tipografía variada e desordenada en tamaño grande e de cor branca para que destaque en relación ás cores do fondo. As marxes superior e inferior son de cor verde lisa e, ocupando a maior parte da mesma, atópase unha imaxe con fondo negro e os dous protagonistas da obra en primeiro plano. 
  • Contracuberta: Non forma unha unidade de sentido coa cuberta, senón que presenta un fondo verde liso co título repetido varias veces nunha tonalidade diferente de verde, de maneira desordenada. No centro volve aparecer o título da obra en cor branca. Na parte superior esquerda recóllese o nome da colección á que pertence, así como o código de barras e o ISBN na parte inferior esquerda . 
  • No seu interior, as gardas manteñen a estética do resto do libro, empregando cores e texturas que recordan a madeira e a natureza. O seguinte que se pode observar é unha páxina de créditos co nome da colección, Copyright, editores, impresión, depósito legal, o ISBN e; ademais, fai referencia a un programa ao que pertence esta obra dirixido ao estudantado de Educación Infantil e Educación Primaria. 

 A continuación, a portada recolle de novo a información que aparece na cuberta. Esta páxina ten unha ilustración que nos aporta información relevante sobre o contido do conto. Concretamente, sobre un fondo de madeira, na parte inferior dereita, vemos unha imaxe dos dous protagonistas da obra. 

Non conta con índice, sumario nin prólogo. Directamente procede co inicio da historia. A razón pode ser a idade á que vai dirixida esta obra e a extensión do relato. O número de páxinas é de 32 caras sen numerar, adicadas ao relato da historia. Estas páxinas conteñen tanto texto como ilustracións que comparten espazo de maneira harmónica.  

  • Lomo: Presenta o nome da obra. 
  • Tipografía e texto: A tipografía que se emprega é sinxela e en tamaño grande, variando o mesmo segundo o espazo do que este dispoña ou a énfase que lle queira dar o autor a cada un dos acontecementos que se relatan. Empregouse unha tipografía en cor branca, que destacan sobre o fondo, na súa maioría, de cor escura. As onomatopeas recóllense en maior tamaño que o resto do texto e aumenta ou diminúe segundo a énfase. 
  • Resumo do argumento 

Dende a voz dun narrador en 3ª persoa relátase a historia dun neno que, ao nacer, os seus pais deciden plantar unha semente de baobab, unha árbore orixinaria da África. A medida que crece Tano, o protagonista da historia, a árbore vai medrando con el. 

O día do seu quinto aniversario a Tano fanlle unha festa. El non remata de sentirse contento, pois ninguén está a celebrar que tamén ese día baobab cumpre anos. Para remedialo garda un oco do seu día para felicitar a Baobab e levarlle un anaco do seu pastel de aniversario. 

Cando chega a noite o protagonista esperta cuns sons estraños na súa fiestra. Ao achegarse a ela descobre que o responsable é o seu irmán baobab, que tamén desexa celebrar con el o seu aniversario. Tano pasa a noite de troula con el e o seu grupo de amigos do bosque. Cando xa está saíndo o sol, e tras moita festa, regresa ao súa cama cunha promesa de volver a atoparse no seu vindeiro aniversario. 

Xunto co relato en terceira persoa a historia incorpora diálogos entre as persoaxes que van aparecendo ao longo da trama. 

  • Descrición da ilustración 

É un tipo de ilustración fusca, que intenta crear unha atmosfera nocturna, en contraposición con algúns toques máis brillantes; por exemplo no berce e pixama de Tano. 

A ilustración foi elaborada a partir de fotografías a pequenos escearios físicos creados a partir do uso de óleo, arxila e anacos diferentes de madeira. 

Todo isto fai que a ilustración estea en sintonía coa trama da historia e as ideas que se queren transmitir coa mesma. 

Son ilustracións a dobre páxina que van relatando a través de imaxes o transcurso da historia. O texto ocupa a minoría do espazo e atópase situado nun lateral da ilustración sen chegar a entorpecelaTamén se pode observar recursos para chamar atención do lector creando focos de luminosidade, cambiando as imaxes planas por otras con texturas, ou gardando a posición central da ilustración para aqueles aspectos que se queren destacar. 

  • Explicación das potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos 

Con esta obra podemos traballar diferentes temáticas e contidos na aula. 

Por un lado está presente a tradición galega. O feito de plantar unha árbore, era común en tempos pasados nalgunhas zonas do territorio galego cando un neno chegaba ao mundo. Isto permite acercar ao alumnado as tradicións e cultura propia da nosa terra, esencial para que poidan apreciala e poñela en valor. 

A conexión que ten Tano coa árbore reflicte a conexión que teñen os máis cativos co medio natural; esa capacidade de dar vida, voz e sentimentos a seres inanimados e que lles outorga unha capacidade empática co medio que, co tempo, se vai perdendo. Esta aprendizaxe é fundamental que se instaure na mente dos máis cativos para que desenvolvan unha mentalidade de coidado e respeto polo medio ambiente, vital para a supervivencia do noso planeta nos tempos que estamos a vivir. 

A aparición dos amigos de Baobab e a propia árbore, facilitan a presentación ao alumnado e achegamento da fauna do medio natural galego. O feito de que Baobab sexa unha árbore éxotica abre tamén portas ao diálogo sobre a diversidade no seu sentido máis amplo e; atendendo a outros temas, por exemplo, a coñecer o propio da nosa paisaxe e o perigo das especies invasoras. 

Por último, como os dous naceron case ao mesmo tempo, ábrense portas para que o alumnado comprenda que o desenvolvemento e ciclo de vida do resto de seres vivos e da terra non é o mesmo que o dos humanos, que unha árbore garda moitas vivenzas de xeración pasadas, presentes e posiblemente futuras. 

  • Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra 

Tras facer unha procura pola rede, non atopei ningún tipo de recurso audiovisual. En cambio, si se recolle en Google algunha blogue na que se menciona a obra. 

Estes son algúns dos exemplos que puiden atopar: 

-    Foro no que se recolle unha sesión feita pola nai dunha das alumnas dese centro. Empregou este libro como fío condutor da súa exposición sobre a importancia das árbores. Recurso: 

-     A Escola Municipal de Música de Oleiros levou a cabo un concerto pedagóxico en base a esta obra, xuntando: a danza, a narrativa e a música. Recurso: http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/c-ensino-e-xuventude/ensino/concertos-e scola-municipal;jsessionid=84E7A6BCDEF213E30928EF168AD1F7E6 

-     Blogue de Kiko Dasilva, ilustrador desta obra. Nesta entrada explica o proceso artístico que levou a cabo para realizar as súas ilustraciónsRecolle como xoga coas texturas para transmitir a sensación de realidade. Recurso: https://kikodasilva.blogspot.com/2006/12/la-memoria-de-los-rboles-2.html 

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...