luns, 27 de decembro de 2021

Entrevista a Fina Casalderrey

                                                             


«ESCRIBIR EN GALEGO NON LEVANTA VALOS,  PODES VOAR IGUAL POLOS TELLADOS DO MUNDO”»


    Escritora, etnógrafa vocacional, gastrónoma, conferenciante, periodista galega e gran mestra. Unha traxectoria digna de admirar para unha muller galega que logrou acadar recoñecementos e galardóns vindo dunha pequena parroquia de Pontevedra. En cada unha das súas verbas atopamos un gran amor pola súa profesión de mestra. Amosa un gran agradecemento aos cativos e cativas que pasaron pola súa vida regalándolle unha gran aprendizaxe e tamén cara os mestres e mestras que puxeron os seus libros nas nosas mans. 

P. Como mestra xubilada, e escritora referente, como pensas que debe ser, ou que características debe ter unha boa obra?

      R. Como se houbese unha fórmula máxica! Pois eu supoño que unha boa obra, non debería deixar indiferente a ninguén que a lea, debe ser algo que remexe dentro de ti, debe dicirlle algo a quen a lea. Tamén depende da persoa que a vaia ler, os libros moitas veces teñen moito de menciña, de distración para algunhas persoas, pero non todos somos iguais. 

P. Como crees ti que inflúe unha boa obra nos nenos e nas nenas?

R. Eu creo que os nenos e as nenas son máis novos ca nós, sempre o repito ata a saciedade, pero non por elo menos intelixentes, entón eles e elas son capaces de saborear unha obra ben escrita, e se non o fosen teñen dereito a que se lle ofreza a posibilidade de lela. Unha boa obra debe influír no alumando como mínimo para que despois de lela sexan mellores persoas, máis felices, que lles abra a mente e os encha de posibilidades. 

P. Nos últimos anos que estiveches como mestra, como vías aos novos lectores?

R. Pois os nenos e nenas ultimamente teñen moitas máis tentacións; por outras cousas e non para ese repouso que esixe a lectura, aínda que iso non significa que non lean, hoxe en día len doutra maneira. Dende que o ser humano existe ten a necesidade de expresarse, de contar historias, de escoitalas. Eu creo que iso segue aínda agora, pero buscan as historias en formatos diferentes. Seguimos tendo a necesidade de contar o que nos pasa e de que nos escoiten, e seguimos interesándonos por cousas que nos atrpan cando as contan. Dá igual que sexa no cine, que sexa no teatro, que sexa nun libro, no móbil... Dá o mesmo. Non creo que se lea menos, o que pasa é que agora todo o mundo pode escoller ler ou non, entón claro, a proporción de lectores posibles é moito máis grade, pero segue habendo xente que lle gusta moitísimo ler e xente que non le. É unha mágoa porque ler nos axuda un montón de veces, a saír incluso de baches nos que estamos metidos.

P. Un libro con tantas ventas e traducións a outras linguas como é “O misterio dos fillos de Lúa” en que lingua che proporcionou un maior alcance?


R. Eu creo que en castelán porque en poucos meses vendín cen mil exemplares, de feito entregáronme unha placa como recoñecemento. Que conste que porque en Galicia son menos habitantes, pero eu creo que tamén se leu moito, de feito teño ido a case todos os centros de Galicia. Cando lle deron o premio nacional, estaba só en galego, non estaba aínda traducido, iso foi inmediatamente despois, é dicir, que escribir en galego non levanta valos, que podes voar igual polos tellados do mundo.


P. A min concretamente, ese libro pareceume como unha forma moi explícita de que era sinxelo ver a vida a través dos ollos dun neno, como ver as cousas tan claras, como unha forma moi pura de ver e de contar todo o que pasa ao seu arredor. Ti querías transmitir iso?


R. Si, eu quería meterme na pel dun neno, incluso máis inocente, adrede, que un neno normal desa idade,  para arrincarlle sorrisos. Os nenos  aínda que sexan de 8 anos, xa comezan a rir con ese sorriso malicioso, iso era o que eu quería tamén, meterme na pel dun neno moi moi inxenuo, porque aínda que teña moitos anos, un día fun nena e queda na memoria.


P. Volves ler os teus libros unha vez publicados?


R. Normalmente, non. Antes de publicalos léoos cada vez máis, despois de publicalos ao mellor presentando o libro nalgún sitio, ou falando del nalgún cole, pero ao lelo enteiro sempre che parece que segues aprendendo e dis: pois aquí aínda puiden facelo doutro xeito. Pero bueno, por exemplo, cando traducín ao castelan “Dúas bágoas por máquina”, fíxeno eu mesma. Xa pasaran 15 anos da edición galega, e ao lelo a narices para traducilo, seguía gustándome, e iso é moi satisfactorio para quen o escribe, que pasasen moitos anos e que che siga gustando.


P. Como e por que  xurdiu o libro “Quen me quere adoptar”? Pensas que os avós tamén son esenciais no proceso de ensino-aprendizaxe?


R. Para min si, creo que os avós e as avoas son esenciais na vida dun neno ou dunha nena. É bo para os avós e é bo para os netos e hai sempre unha relación aí máxica que salta por riba dos pais, unhas confidencias entre eles das que nin os pais saben, é algo que os avós calan e que lle tapan aos netos, cousas que os netos lle contan ou do revés. A historia do libro “Quen me quere adoptar”, naceu de que eu lera nun xornal unha noticia dun señor italiano moi maior que era profesor da universidade, pero estaba xubilado e sentíase moi só. Como tiña diñeiro, puxo un anuncio nos xornais decindo que buscaba unha familia con nenos, que el quería estar nun sitio donde houbese vida, alegría, e claro, como tiña moito diñeiro non lle pasou como ao da historia. Tamén fala da soidade dos maiores que cada vez hai máis residendias de persoas anciáns.


“Non soñaba con ser escritora, parecíame que iso era algo inalcanzable”


P. Esta é unha pregunta para a Fina que comezaba a escribir, é increíble ver como unha autora galega conseguiu que as súas obras se traducisen a tantas linguas, incluíndo o braile, imaxinabas que as túas obras ían ter ese alcance?


R. Non, pero cando eu era unha nena e cando era unha moza, nin sequera soñaba, sobre todo por ser muller e no meu ambiente; con ser mestra si, xogabamos a iso cun pau na mau,  que despois non o tiven, pero non soñaba con ser escritora, parecíame que iso era algo inalcanzable, era algo que non se podía nin soñar. Cando empecei a publicar, publicáronme o primeiro libro “Mutacións xenéticas” Fina Casalderrey. Ao velo, sentinme coma un acordeón, inflada de satisfacción e de repente encollida. Inmediatamente despois. no mesmo ano, foi o premio Merlín por “Dúas bágoas por máquina”. Só eran dous libros publicados en principio, e nos xornais poñían: “A escritora Fina Casalderrey ...”.  Por dentro sentía unha vergonza, un pudor moi grande e pouquiño a pouco pois polos recoñecementos, grazas sobre todo aos lectores e lectoras, as mestras e mestres que puxeron moitos dos meus libros nas vosas mans, grazas a todo iso vas collendo un chisquiño máis de confianza no que estás facendo e aceptando un pouquiño máis que te meteches nun mundo marabilloso, do que non queres saír.


“Dixéronme: “que prefires, ir a coser ou estudar?”. Eu díxenlles que estudar.”


P. Ao longo da túa profesión como mestra atopácheste con trabas que te fixesen reformularte se ese era a túa vocación de verdade?


R. Eu tíveno maís fácil ca vós. A min dende moi pequena xa me mandaban coser, de feito aos nove anos fun a unha academia de corte e confección e posteriormente mandáronme a unha escola ata os dez anos. Logo dixéronme: “que prefires, ir a coser ou estudar?”. Eu díxenlles que estudar. Ao acabar o bacharelato había que elixir outra vez entre coser ou ser mestra que era o que había en Pontevedra. Eu dixen, por dicir, que quería ser mestra e tiven unha sorte… Así foi como descubrín un mundo novo aínda que non fun a única. Teño unha filla que traballou de arquitecta e cando viñeron os malos tempos para este sector non quixo ir para o estranxeiro. Ela reciclouse en profesora de matemáticas nun instituto e agora os nenos adórana e ela adóraos a eles. Nota que descubriu unha vocación a cal nunca pensaba sentir. Xa vedes, iso de intentar ensinar algo aos demais e ver como van medrando e como eles e elas tamén che ensinan, ten maxia. 


P. Os/as protagonistas das túas obras son o reflexo de persoas que forman parte da túa realidade ou son froito da túa imaxinación?


R. A ver, son todos ficticios, imaxinados. Pero ainda así, a miña imaxinación é como a de calquera outro ser humano e de calquera outro creador, aliméntase da realidade. Se eu nunca vira diante un neno, un ancián, un can… se nunca vivira situacións diferentes non podería escribir esas historias. Aínda que sexan inventadas, en moitos casos partiron de algo que me conmoveu. Por exemplo, hai un libro que se chama A Máscara de palma, que ten que ver cunha viaxe a Cuba e partiu dunha cousa pequeniña. A historia comezou cando eran as dúas da mañá e estabamos nunha terraza dun sitio onde non adoitaban ir os turistas, senón os propios cubanos. Esto foi xa fai moito, no ano 1997. Daquela Cuba estaba moi mal e a nós impactábanos moito máis ir pola diferenza que había de vivir alí e vivir aquí, para ben e para mal. Entón, pois había unha señora moi maior apoiada nunha columna cunha bolsa de plástico na man e unha música de ambiente. A señora bailaba ao ritmo do ambiente ás dúas da mañá e eu díxenlle aos compañeiros da mesa: “Así e todo, estes cubanos teñen un ritmo no corpo, mira, ás dúas da mañá e esa anciá aí con ese ritmo bailando, ala”. E nisto que nos imos de alí e algunha forza me fixo mirar para atrás e vin como aquela mulleriña bebía o que quedaba nos vasos, metía as botellas de auga na bolsa de plástico e marchaba correndo. Creo que xa non teño que dicirvos máis nada. É dicir, non terían nin auga corrente na casa, e se a tiñan non se podería beber. Tampouco tiña para poder mercala. Iso conmoveume ata o extremo de que foi como a primeira luz que me empuxou a escribir aquela historia. 


“En canto souben o que tiña, quixen escribir aquela historia para que a lera el”


De outras contaríache, eu que sei, cando morreu meu pai, era relativamente novo e ademais estaba aparentemente moi novo. Ganáballe aos netos, da vosa idade,  ás carreiras na praia. Pero nun mes, un cancro levouno e eu tiña múltiples razóns para adoralo. En canto souben o que tiña, quixen escribir aquela historia para que a lera el e non deu tempo a convertela en libro pero sí a que en folios a lese e como non sabía o que tiña, eu so quería, se se decataba do que tiña, que non sufrise tanto. Iso  era o que eu quería con aquela historia dos parrulos. Leuna e acórdome que dixo: “ai miña filla que imaxinación tes”. Xa vedes, que non me fixo falta tanta. Non é unha historia que parta de algo real pero moitas veces si de algo que me conmove ou porque o lin, o soñei ou efectivamente vin ao meu redor. Escribir é parecido a mirar dentro e mirar fóra. Eu agora mesmo non teño aquí a miña nai pero pecho os ollos e son quen de imaxinar tal como é agora, como está, porque está dentro de min, na miña memoria. Pero tamén podo subir o stor e mirar a igrexa de San Benitiño que está aquí. Vedes que tamén é mirar fóra, mirar o que acontece ao teu redor máis as túas lembranzas. Dicía Lobo Antunes: “ Literatura é a memoria fermentada”. Ás veces, cousas que che acordan ou que viviches, ao contalas xa estás transformando literatura.

 

“Calquera tema pode ser tratado a calquera idade”


P. Tras as verbas da túa obra Eu son eu podemos ver unha maneira moi bonita de tratar o alzheimer, e tendo en conta que é unha boa ferramenta para normalizalas na aula, que opinas que moitos pais estean en contra de tratar eses temas na aula?


R. Pois pobres rapaciños, porque será que os teñen coma nunha burbulla e en canto saian vailles estoupar na cara. Penso que calquera tema pode ser tratado a calquera idade, sobretodo temas polos que sinten curiosidade, como o ciclo da vida, ou algunhas enfermidades como o alzheimer. Que lles imos tapar iso?  Igual que nun libro que escribira que se chama Derradeira carta aos Reis Magos, nel non se di nada de que os Reis son os pais, pero se algún neno ou nena ten a necesidade de sabelo, xa ben sexa porque os seus pais non se poden permitir comprarlle nada, ou outros motivos. Que pensades que pasa pola cabeza deses nenos cando chegan á aula en xaneiro e todos contan unha retaíla de regalos que lles trouxeron e a eles nada?. Eses cativos van sentir un baleiro moi grande e ten que saber que non é culpa del ou de como se portara nese ano, porque seguro que se portou marabillosamente.

Unha vez unha mestra puxérame a caldo porque unha nai lle protestara polo contido do libro. Para empezar, antes de poñer un libro nas mans dun alumno teu, preocúpate en lelo ti primeiro. Despois, se ti non o entendes, mal o van entender eles ou os seus pais. Cando comecei a exercer si que lles preguntaba que lle trouxeran os Reis, mais ao ver estas realidades deixei de facelo. Con este conto, nalgúns cursos, os máis pillos xa sabían de que ía o tema, pero gardaban o segredo. Os nenos, mesturan aínda a realidade coa fantasía e os contos son a ferramenta perfecta para esa transición, a transición á realidade. É preciso que saiban distinguir a fantasía da realidade pero que iso non impida que desfruten da fantasía. Hai que axudalos neste proceso.


P. Das túas obras tes algunha favorita?


R. Antes dicía, a de O estanque dos parrulos porque fora escrita dende aquela circunstancia, a min caíanme as bágoas mentres a escribía. Foi a que escribín máis rápido, con diferenza. En dous días fixen o borrador para que lle dera tempo a lelo ao meu pai, nunca máis me pasou iso. Nos outros libros teño que documentarme, en moitos deles, pero nese foi como me saíu da alma, de dentro, no momento para que o lera. 

Pero hoxe non sei que dicirche, por exemplo a vós diríavos: por que non ledes A Pomba e o Degolado? Por exemplo, porque sei que está nunha colección xuvenil, pero que aos rapaces de 12, 13 anos élles difícil a estrutura. Se lles gustou aos mociños de Valencia que o escolleron para os Premios Cambalache, pois por que non vos ha de gustar a vós. Que por exemplo, se non podedes ler máis, pois que leades ese, e senón vos gusta, dádesllo de comer ao can.

 

“En Galicia temos autores marabillosos”


P. Faríasnos algunha recomendación lectora?


R. En Galicia temos autores marabillosos que escribiron, por exemplo, poesías fantásticas. Algunhas moi rompedoras como as de Gloria Sánchez, algúns ata a confundían con Gloria Fuertes que fora unha autora de poemas fabulosa que era capaz de escribir poemas coma este, contra a fame:

Eu como

Ti comes 

El come

Nós comemos 

Vós comedes

Eles non

Gloría Sánchez, Antonio García Teijeiro, Ana María Fernández… E agora tamén hai xente nova que escribe poemas para nenos marabillosa. Logo hai autores como Xabier Docampo ou Agustín Fernández Paz que se foron hai pouco, que non podemos esquecer que os seus libros seguen aí. Pero tamén hai outros vivos que tamén escriben moi ben e xente nova coma Ledicia Costas,  Andrea Maceiras, Ana Alfaya... Tería que nomear a moitísimos máis, son moitos os que o merecen.

E se tivera que dicirvos algúns dos meus libros, pois dos que teñen menos tempo, porque seguramente non os coñecedes. Por exemplo, Historia da bicicleta dun home lagarto, unha historia contada en terceira persoa, pero dende a mirada dun neno sobre a guerra civil. Os que o len dinme que é unha historia preciosa como está contada. E logo que cantedes con eles Lingua guapa, para que falen galego, que é outro libro que ten 14 cancións e creo que tamén son moi bonitas, moi dignas. Algunha delas mesmo emociona, como a última, a de vou cambiar o mundo. E seguiría dicíndovos moitas máis recomendacións; vai saír por exemplo agora en novembro O xenio da cidade do sal, que tamén ten un disco.

O libro é sobre Mozart. Pero Mozart, se vos adentrades na súa biografía, é alucinante para poder contarllo a nenos. Para empezar, era un “guarretas” cando falaba, e tiña uns tics así moi estraños porque tiña unha enfermidade, o síndrome de tourette; pero era un gran xenio, era un xenio capaz de escoitar calquera música xa de neno e saber que nota era aínda que fose unha nota soa. Tiña oído absoluto, e iso que tiña unha orella deforme por fóra, faltáballe a cuncha da orella. Sobre iso vai esa historia, con moitos momentos divertidos que te fan rir pero que te quedas cunha idea de quen era ese xenio, que veu de peregrinación a Galicia, non na vida real, veu nesta historia.


“É unha profesión que te mantén nova sempre”


P. Regalaríasnos algún consello como futuras mestras?


R. Que sintades a profesión, que a vivades moito, que ides notar que todo o que estudastes vaivos servir de pouco porque ao chegar alí é cando empeza, pero como en  todas as profesións. Cos rapaces veredes, se vos tocan rapaces pequenos que aínda lles estades ensinando a ler, cando notades que por fin xa romperon a ler, ides notar unha felicidade vós mesmas por dentro… É realmente unha pasada, como marchas para a casa dicindo “Fulanito está a piques, o outro segura que xa mañá…”, é marabilloso. E logo pois hai montóns de cousas que che quedan gravadas para sempre, ata tonterías. Un montón de cousas que a min me alimentaron con algunhas das cousas que escribín.

Notaredes ademais como o mundo evoluciona, a vós moito máis rápido que na miña época. Igual cousas, incluso contidos dos temas que estudastes, no momento que comezades a dar clase xa non valen pa nada, porque xa non serven, xa son outros. Notaredes que tendes que seguir manténdovos ao día como todas as profesións. É unha profesión que te mantén nova sempre, ides notar iso, que o contacto co alumnado ten a súa maxia. Ás veces vén un pai ou unha nai que che dá un disgusto porque non entenden o que fas e che dá a lata, ás veces o propio alumno che di algo que che doe ou que ti esperabas del, pero en conxunto, todo paga a pena.



    Se cadra, moitos e moitas de vós non coñeciades esta ollada máis persoal e vocacional de Fina. Quizáis só vos adentrarades na vida dun avó na procura de familia e máis de cariño, ou na de Xusta e Moncho, que o dan todo por Máquina. Neles hai pequenos anacos desta autora, que como ledes, segue a ser a mestra de sempre.


Zaira Ferradás Iglesias; Fátima Gallego García; Noelia Fírvida Fernández; Ana Gonzalez Riveiro; Ana María Freire Sampayo


O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas

CARIDE, Ramón & ASENSI, Jaime (2013). O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas. Ourense: Xerais, [96 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-461-0).


A obra seleccionada para esta recensión denomínase O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas que é un relato e está escrito por Ramón Caride. Penso que é unha obra moi axeitada para tratar dentro da etapa de Educación Primaria, xa que se podería empregar en diferentes cursos dependendo de que contidos queiramos traballar cos discentes.

Este libro de tapa branda ten un tamaño de 13.3 x 0.9 x 20 cm e unha lonxitude de 96 páxinas. Publicouse no formato tradicional, o cal se basea en pasar páxina a páxina dun xeito manual. Cabe destacar que ao final deste aparece un mapa detallado de todo Ourense e outro da ruta das termas de Ourense para que os/as nenos/as recorran a eles ao longo de toda a narración. Deste xeito, o alumnado é capaz de imaxinar a historia dun xeito máis detallado. Ademais, tamén trae unhas fichas a modo de presentación de cada un dos personaxes para coñecelos un pouco mellor.

Toda a historia está composta por un total de dez capítulos e cóntase dende o punto de vista dunha das integrantes do grupo de amigas; é dicir, en primeira persoa. Os integrantes chámanse Sabela (a narradora e destaca por querer comentalo todo), Martiño (o deportista e amante da natureza e do deporte), Lois (cariñoso e cun sexto sentido para detectar as inxustizas), Raia (a máis fermosa, pero un pouco despistada) e o capitán Aspanitas (inconformista cunha dobre identidade).  

O relato cóntanos que un grupo de catro rapaces/as con necesidades específicas perseguen a unha banda de encapuchados porque se decatan de que estes están facendo estragos no funcionamento das burgas de Ourense. Para isto, precisan da axuda do capitán Aspanitas, o cal só eles/as poden convocar mediante un ritual máxico en situacións de perigo. Grazas á cooperación de todo/as eles/as conseguen atrapar á banda para así quedar cancelada a sabotaxe das burgas.

Por outra parte, as imaxe deste relato fíxoas Jaime Asensi. Ademais, pódese apreciar que en case todas as ocasión ocupan unha páxina completa e en concreto a da dereita, que sempre vai coincidir coa páxina impar. Isto acontece así porque o autor quería darlle máis importancia ao debuxo que ao texto, xa que a vista é ao primeiro lado que mira cando pasamos a páxina do noso libro. Tamén aparecen algunhas ilustracións pequenas nas metades superiores ou nas metades inferiores. Estas van variando dependendo do que o ilustrador queira resaltar nese intre.

Considero que este libro é moi apropiado para traballalo dentro dunha aula de nenos e nenas de entre oito e doce anos. En concreto, empregaría moito este relato nun colexio de Ourense, xa que considero que o alumnado se engancharía cunha maior facilidade ao ir recoñecendo todos os lugares polos que pasan os/as protagonistas. Tamén resaltaría que esta historia se podería traballar non só pola comprensión lectora, senon polos conceptos xeográficos e polos datos da natureza que se comentan. Deste xeito, estaríase aproveitando unha única lectura para tratar moitos temas dun xeito transversal. O último, pero non menos importante, dos motivos que fan que me decante para empregalo nunha aula é que loita pola inclusión, mostrándolle aos lectores/as que as persoas con necesidades específicas tamén poden ser protagonistas dunha historia.

            Finalmente, centrándome nos recursos en liña penso que hai moi poucos dispoñibles, dado que foi un relato escrito coas peticións da Asociación de familiares de Persoas con Trastorno da Comunidade Social de Ourense e iso significa que tamén se lles tería que pedir dereitos de autor a eles. Do mesmo xeito pasou coa reedición deste libro que non poido levarse a cabo. Así mesmo, atopei unha breve entrevista que lle facían no xornal a Ramón Caride sobre esta obra e o enlace para acceder a ela é o seguinte: https://axendacultural.aelg.gal/tag/o-capitan-aspanitas-e-o-misterio-das-burgas/. Este é outro dos enlaces que atopei: https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipamaia/?q=taxonomy/term/1/all&page=9 que é dun CEIP que levou a Ramón Caride a visitar o seu centro e darlle unha charla ao alumnado. Finalmente, atopei unha breve entrada nun blog: https://armandorequeixo.wordpress.com/tag/o-capitan-aspanitas-e-o-misterio-das-burgas/


venres, 24 de decembro de 2021

Entrevista a Iago Araujo Molina

 

Falamos con  Iago Araujo Molina, ilustrador, escritor e profesor, acerca da súa visión sobre como enfocar a lectura e o debuxo na educación primaria.

“É mais doado escribir e ilustrar para pequenos porque sempre os tomo como un lector máis atento e máis intelixente que un adulto”


Iago Araujo Molina, técnico superior en gráfica publicitaria, é ilustrador e deseñador freelance, especializado na elaboración de proxectos divulgativos destinados ao público infantil-xuvenil. É membro da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Dende o 2010 imparte clases con María Vilar (ilustradora) nunha academia de cómic e ilustración.


Por Naiara Alborés, Alba Álvarez e Anahí Barros

 


Que obras che gustaba ler de pequeno? 

De pequeno tiven moita sorte, porque na miña casa sempre tivemos cómics, como Asterix e Tintín. Eu os devoraba continuamente, e os meus pais tamén. Doume de conta, canto máis avanzo no debuxo, de canto me influíron. Cando chegou o cómic de Dragon Ball a España linno e bucle, copieino e debuxeino sen parar. Dende ese día o debuxo converteuse nunha auténtica paixón.

 

Seguen gustando estes autores ao público actual? 

Si, seguen gustando. Iso si, como profesor decátome de que os nenos agora len menos porque hai unha oferta de ocio moi potente e moi variada coa que é moi difícil competir.  Pero si,  Tintín e Astérix (os clásicos) seguen aí, pero claro, son un patrón de aventura máis anticuado.  Aínda que baixou o consumo, cando os atopan bos lectores danse de conta da marabilla que son estes produtos. 

 

Ao longo da túa carreira tiveches a oportunidade de ilustrar para adultos e para nenos, cara que tipo de público cres que prefires enfocarte? 

Penso que é mais doado traballar para pequenos porque sempre os tomo como un lector máis atento e máis intelixente que un adulto. Cando penso en escribir para un adulto penso que o vai ler con máis presa, con máis prexuízos e con menos ilusión: Iso é así: a medida que medramos imos perdendo un pouquiño o amor pola lectura. Non digo que sexa inevitable, porque eu, por exemplo, o sigo tendo, pero hai que traballalo. Eu intento ler cousas novas, intento fixarme, pararme. A lectura é unha cousa un pouco sagrada, ao que hai que dedicarlle tempo e concentración.

Sei que os rapaces vanme escoitar, vanme ler con calma e vanse fixar en todos os pequenos detalles. Eu meto moitos detalles nas ilustracións xusto por iso, porque eu o desfrutaba moito de pequeno, fixábame nas mensaxes. Gústame pensar que a persoa que recibe os meus traballos está nas mesmas condicións. 

 

Adaptas o teu estilo, ou só os temas? 

No mundo da ilustración existe un debate dende fai moitos anos sobre se debemos ter un único estilo transversal a todas as nosas obras ou traballar un estilo variado para que nos poidan contratar de moitos sitios diferentes. Penso que como ilustradores é mellor ten unha identidade, porque hoxe en día para atopar un pouco de todo xa existe en internet.

Eu, por exemplo, intento escoller só traballos para infantil-xuvenil e que teñan un toque un cómico. Por outra parte escollo tamén un idioma que é totalmente diferente; que é  ilustración máis realista, traballos científicos para universidades. Neste caso adáptome, emprego un debuxo que é totalmente diferente ao meu estilo. Pero penso que como ilustradores é mellor ten unha identidade concreta e que o portfolio non pareza un caixón de sastre. 


As ilustracións ou a estética dunha obra pode axudar a facer máis atractivo o contido ou é unha cuestión meramente decorativa? 

Ilustrar é darlle un valor e unha vida ao texto, engadir unha visión máis. O debuxo fai que o texto sexa máis rápido entender como para aportar a unha visión máis rica do contido. Por exemplo, podemos estar a ler a biografía de Rosalía, pero se a debuxamos  cunha roupa específica, cun xeito de mirar diferente… xa estamos aportando un valor engadido. Unha imaxe vale máis que mil palabras, é un tópico que é verdade. 

 

Como se atopa o mercado de banda deseñada infantil en Galicia? Lense autores galegos ou só cómic importado?

En xeral de aquí hai moi pouco cómic publicado. Existen pequenas cousiñas, coleccións de banda deseñada como a que publicou Jacobo Fernández, Marco Pola. Pequenos intentos,  pero que son puntuais. Unha cousa anecdótica.

Agora, se imos ao dixital, fanse tiradas incluso de 500 exemplares, descóbrese aquí uns editores que non teñen intención de volver a editar ese título porque queren todo o tempo que a máquina estea en movemento, entón é un absoluto desastre. Lectores nese senso hai, pero o 60% das vendas do 2020, foron manga. Hai un 20% é un caixón onde se mete cómic infantil e novela gráfica. Esas cifras dinnos que os nenos non len moito. Nós na academia vemos que o único que len en materia de banda deseñada é manga. 


Trabállase ben o debuxo e a creación artística nas escolas? O profesorado está ben formado?

Penso que non,  o alumnado o que encontra é unha oposición total ao que lles gusta e así non hai posibilidade de diálogo. O que debuxan eles, os profesores de plástica rexéitano e, en xeral,  ven que o que teñen que facer na clase é unha cousa que non lles vai. Iso para min demostra o pouco próximos que están os profesores cara os rapaces. Dáme a sensación de que aos profesores tócalles un pouco de rebote materia de plástica. Ti non podes estar impartindo unha ensinanza artística se non te interesaches pola arte na túa vida, se non sabes nada de cine, de música, se non tes nada que transmitir. Vemos profesores que non teñen criterio para poñer exercicios nin para corrixir. Todos vivimos iso, o triste é que pasan os anos e a cousa segue igual...

 

Os mestres e mestras nas escolas falan dabondo cos nenos e nenas sobre os seus intereses? 

Hai mestres que si pero en xeral diría que non. Os pobres como van falar diso? Eu pregúntolle a alguén aquí sobre os seus gustos e como son consumidor destes temas sei do que falo, se me falan de videoxogos, dunha peli de animación etc., podo ter unha conversa, podo saber cales son os seus intereses e podo facer exercicios aplicados a eses intereses. Cando o primeiro eslavón desaparece, xa se perde a comunicación e o sentido. Hai que ter paixón, paixón por esta materia. Hai pouca formación.

Os nenos quéixanse de que nas bibliotecas non hai nada, pode que de refilón atopen algún cómic; pero do estilo de Mortadelo e Filemón, que xa está pasado, eles demandan máis variedade nas súas bibliotecas.

 

Un lugar ou acontecemento relacionado con cómics e lectura que recomendes para nenos e nenas de primaria.

Un exemplo sería o salón de cómics de Moaña. Ese salón é un éxito e sempre ten moita asistencia.

Aquí en Vigo, por exemplo, eu organizo un club de lectura de 6 anos para adiante. Na biblioteca Juan Compañel fanse continuamente talleres de lectura, concursos de escritura para nenos, pero non de cómic. De ilustración hai concursos a nivel nacional. Sempre existe a categoría infantil e ten moita participación. Nótase como os nenos sempre participan e debuxan.

A nivel local falamos de  iniciativas de xente que estamos facendo cousas para que isto non morra, pero o apoio institucional en Galicia é nefasto. Cómpre destacar  o salón do cómic de Coruña. Coruña é o centro de Galicia en canto a cómic e lectura.

 

Cal sería o consello que lle darías a alguén que se quere dedicar a ilustración? Cal é o mellor que che deron a ti?

O mellor que me deron a min? Eu penso que Jacobo Fernández e Norberto Fernández: Nulla dies sine linea, unha frase que esta atribuída a Plinio. Pois iso; debuxa todo o tempo. Practicar, practicar e practicar, e o outro xa ben dado.

O consello que eu lles dou aos rapaces da academia é unha versión adaptada aos nosos tempos: “Tolerancia á frustración”. O que quero dicir é que cando te pos a debuxar se non te sae algo non tires o lapis e collas un videoxogo. Se non sae algo, sigue. Pero que pasa? que vivimos nunha sociedade hiperestimulada, onde non existe tolerancia á frustración. Se non hai motivación para ler un libro, menos a haberá para crear. Sen a disciplina non se chega a nada.

 

Fainos tres recomendacións para unha biblioteca escolar.

Recomendo Hilda, de Luke Pearson e, por propor un máis cómico, Sarah's Scribbles de Sarah Andersen, o cal emprega  humor para todas as idades. Engadiría o único manga que escribiu Miyazaki: Nausicaa, un cómic súper bonito de concienciación medioambiental.


Fragmento dunha páxina da súa sección “Alén do real”, no xornal infantil Papagaio. Guión e ilustración realizados por Iago.

 

Onde viven os monstros

 

 

 

Sendak, M. (2014). Onde viven os monstros. Kalandraka

 

Neste documento achégase unha recensión crítica da obra Where the Wild Things Are, de Maurice Sendak, publicada por primeira vez en 1963. Traducida ao Galego no 2000 por Xosé Manuel González baixo o título Onde viven os monstros.

 

Atopámonos ante un álbum ilustrado, encadernado en tapa dura. A cuberta está ilustrada a tinta e acuarela, ensinando un monstro que durme nunha selva, á beira do mar, e un barco que se achega. A ilustración comprende a cuberta e contracuberta, debe visualizarse mostrando o libro completamente aberto. A contracuberta só amosa esta ilustración, non aparecen elementos textuais. 

 

Ao abrir o libro atopamos as gardas a dobre páxina, que mostra follas en diversas cores. Seguindo, a páxina de título de créditos.  A continuación, podemos atopar a portada cunha ilustración sobre fondo branco a dobre páxina, outra vez realizada en tinta e acuarela. Pasando a páxina, chegamos directamente ó inicio da obra.

 

Respecto o contido da obra, trátase dun relato escrito por un narrador omnisciente en terceira persoa. A historia contada é unha aventura á que se enfronta Max, o protagonista, un neno duns seis ou sete anos. O autor emprega para narrar a historia pequenos fragmentos textuais e moitísimo apoio visual das ilustracións, característica principal dos álbums ilustrados.

 

A trama comeza cando Max pon o seu traxe de lobo e fai trasnadas pola casa ata que a súa nai, farta, o manda á cama sen cear. Alí, a habitacións transfórmase nun mundo máxico, onde se atopa o lugar onde viven os monstros. As temibles criaturas converten a Max no rei de todos os monstros. Pasan unha noite de diversión, pero pronto Max comeza a sentir morriña da casa e da súa nai. A pesar das obxeccións dos seus novos amigos, o rapaz decide volver á habitación, onde aínda o agarda a cea, quente. A ensinanza da historia pretende aludir ao confort do fogar e á necesidade de sentirnos arroupados.

 

O retalo é moi sinxelo. A historia interna que se conta dura anos, pero o ritmo do relato é moi rápido, axudado pola presenza de multitude de diálogos, o escaso texto e múltiples ilustracións que aceleran a lectura, axudando a ofrecer moita información ao lector ou lectora nun espazo reducido.

 

A editorial non indica o curso ou idade ó que vai dirixida esta obra, pero podería ser tratada en calquera curso de primaria, sen excepción. Iso si, en Primeiro curso de Primaria probablemente a mestra deba facer de intermediaria e se deba presentar este libro a través dun contacontos, xa que unha lectura autónoma podería resultar máis complexa.


A transcendencia deste libro foi tal, que moitos autores e autoras refírense a Maurice Sendak como creador do álbum ilustrado e considérase esta obra o álbum ilustrado máis famoso da historia. O relato foi escrito en 1963, pero funciona perfectamente hoxe en día, sen incluír elementos anacrónicos ou ideas desfasadas que debamos rexeitar. O característico estilo deste autor foi copiado e reinterpretado por milleiros de autores e autoras nos anos posteriores.


Respecto á linguaxe empregada na obra, destaca o campo semántico do tempo, con palabras como semana, noite, día, ano, agora… Isto daría moito xogo para realizar na clase unha busca doutros campos semánticos a partir doutros substantivos da historia.


Unha das características máis destacables desta obra é como o tamaño das ilustracións xoga co contido do relato e o espazo que ocupan varía en función dos acontecementos que se relatan. A historia comeza cunha pequena ilustracións na páxina dereita da obra, encadrada no centro desta páxina e deixando moitas marxes brancas ata o límite da páxina. Esta imaxe vaise ampliando a medida que Max se achega á Terra dos monstros, ata que supera a páxina dereita e comeza a invadir a páxina esquerda, onde se atopa o texto. No punto álxido da historia, cando Max e os monstros pasan unha noite de diversión, o debuxo ocupa a dobre páxina e o texto desaparece. Cando Max decide retornar a casa, a ilustración volve a reducirse ata que, finalmente, ocupa só a páxina dereita.

A última dobre páxina, que pon o remate á historia e pecha o relato é unha dobre páxina en branco, sen ilustracións e cunha soa frase na esquina inferior esquerda: “[...]que aínda estaba quente”.

Todas as ilustracións da obra están realizadas con tinta negra empregando o que parece ser pluma ou bolígrafo (algún instrumento que realiza un trazo moi fino) e a cor dada con acuarela. O elemento máis característico destes debuxos é o emprego de trama raiada para sombrear e dar volume aos distintos elementos.

Este libro pode ser presentado nunha lectura conxunta, individual ou escoitando activamente a xeito de contacontos. Ao rematar a lectura, en gran grupo, comentaremos e analizaremos os sentimentos que nos provocou a obra, se cambiariamos o final ou que pensamos dos debuxos que acompañan o texto, adaptando os temas a tratar dependendo do curso no que nos atopemos.

Hai palabras no libro que poden representar unha dificultade para o alumnado de primeiros cursos, como “gadoupas” Se non coñecen o significado buscarémolo no dicionario e proporemos sinónimos, como “farpa” ou “garra”.

Explicaremos ao alumnado a importancia histórica desta obra e como cando este libro foi publicado, causou grande axitación porque os pais e nais aseguraban que provocaría pesadelos aos seus fillos e fillas. Eles e elas pensan que é un libro de terror? Ou é cómico?

Para afondar na clase no universo dos monstros e do terror, poríamos á disposición do alumnado outros títulos que traten estes temas. Para os primeiros cursos de primaria poderiamos ofrecer Un dous tres vampiro ti es, de Nadia Buddle, un libriño de rimas sinxelas e divertidas, ou Gato Guille e os monstros, de Rocío Martínez. Tamén poderiamos ensinar A casa enmeigada, de Jan Pieńkowski, un libro que ofrece un formato manipulable con pop-ups e unhas ilustracións cheas de detalles excepcionais. Nesta mesma liña, pero para cursos superiores poderiamos introducir Damned Writers, un libro que resume as biografías de vinte tres autores e autoras de terror, ilustrado por Ángel A. Svoboda, así como a Serie Minimortos e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas.

 

Tratando o tema do medo e dos seres místicos poderiamos propor na clase unha busca acerca das orixes dunha importante tradición galega relacionada coa morte: o Samaín.

Para traballar a morriña, ese desexo de volver á casa que sente Max á metade da historia, podemos tratar obras como Morriña de Paula Ventimiglia. Preguntaremos ao alumnado que outros sentimentos cren que sentirían eles e elas ao longo deste relato e explicar o por que. Por exemplo: “Eu sentiría moita curiosidade ao chegar á illa dos monstros e atopar criaturas descoñecidas”.

Para practicar as descricións, cada neno ou nena debuxará un mostro arrepiante e deberá explicarlle aos seus compañeiros e compañeiras as características físicas e psicolóxicas do mesmo. (Ten enormes dentes ou lingua bífida? É un mostro malvado ou é bondadoso? Asusta só á rapazada ou tamén ós adultos e adultas?).

Finalmente, tras visualizar a representación teatral da obra (enlace ao final do documento), proporemos representar na clase a obra reescrita a xeito de guión teatral. Nas aulas de 5º e 6º xa podería o alumnado escribir un guión en pequenos grupos, mentres nos primeiros cursos a mestra ofrecería o guión elaborado.


-          Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra:

Contacontos con imaxes do libro: https://www.youtube.com/watch?v=rXUa2cYxQ7M

Representación teatral con monicreques: https://www.youtube.com/watch?v=nslFC0bfWrM

 

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...