martes, 23 de novembro de 2021

A memoria das árbores



  • Ficha bibliográfica 
NEIRA, X. A.; DASILVA, K. & DEL ADALID, M. (2000). A memoria das árbores. Kalandraka. Colección: Sondeconto 
  • Descrición do formato da obra 

A memoria das árbores é un álbum ilustrado, que pola sinxeleza do seu texto e as características do formato que se presentan posteriormente, estaría adicado ao grupo de primeiros lectores de Educación Primaria. Xunto co libro, inclúese un CD que contén unha banda sonora producida por Marcial del Adalid, que permite que os cativos e cativas experimenten unha lectura máxica e inmersiva da historia que nos relata Xose Antonio Neira Cruz, acompañada das magníficas e peculiares ilustracións de Kiko Dasilva.


  1. Dimensión física 

  • Formato do libro: Este é un libro de tapa dura, formato cadrado e un grosor das follas alto, características que corresponden co álbum ilustrado. Este formato ademais é moi boa opción para os primeiros lectores, posto que permiten ser manipulados sen risco a estragarse facilmente. Esta obra conta cun segredo ao final do mesma. No interior da contracuberta inclúese un CD con música da Orquesta Sinfónica de Galicia. 
  • Cuberta: Na cuberta podemos atopar: o título da obra, autoría, o nome do ilustrador, o encargado da música, a editorial e a entidade que colabora na elaboración deste libro. O título emprega unha tipografía variada e desordenada en tamaño grande e de cor branca para que destaque en relación ás cores do fondo. As marxes superior e inferior son de cor verde lisa e, ocupando a maior parte da mesma, atópase unha imaxe con fondo negro e os dous protagonistas da obra en primeiro plano. 
  • Contracuberta: Non forma unha unidade de sentido coa cuberta, senón que presenta un fondo verde liso co título repetido varias veces nunha tonalidade diferente de verde, de maneira desordenada. No centro volve aparecer o título da obra en cor branca. Na parte superior esquerda recóllese o nome da colección á que pertence, así como o código de barras e o ISBN na parte inferior esquerda . 
  • No seu interior, as gardas manteñen a estética do resto do libro, empregando cores e texturas que recordan a madeira e a natureza. O seguinte que se pode observar é unha páxina de créditos co nome da colección, Copyright, editores, impresión, depósito legal, o ISBN e; ademais, fai referencia a un programa ao que pertence esta obra dirixido ao estudantado de Educación Infantil e Educación Primaria. 

 A continuación, a portada recolle de novo a información que aparece na cuberta. Esta páxina ten unha ilustración que nos aporta información relevante sobre o contido do conto. Concretamente, sobre un fondo de madeira, na parte inferior dereita, vemos unha imaxe dos dous protagonistas da obra. 

Non conta con índice, sumario nin prólogo. Directamente procede co inicio da historia. A razón pode ser a idade á que vai dirixida esta obra e a extensión do relato. O número de páxinas é de 32 caras sen numerar, adicadas ao relato da historia. Estas páxinas conteñen tanto texto como ilustracións que comparten espazo de maneira harmónica.  

  • Lomo: Presenta o nome da obra. 
  • Tipografía e texto: A tipografía que se emprega é sinxela e en tamaño grande, variando o mesmo segundo o espazo do que este dispoña ou a énfase que lle queira dar o autor a cada un dos acontecementos que se relatan. Empregouse unha tipografía en cor branca, que destacan sobre o fondo, na súa maioría, de cor escura. As onomatopeas recóllense en maior tamaño que o resto do texto e aumenta ou diminúe segundo a énfase. 
  • Resumo do argumento 

Dende a voz dun narrador en 3ª persoa relátase a historia dun neno que, ao nacer, os seus pais deciden plantar unha semente de baobab, unha árbore orixinaria da África. A medida que crece Tano, o protagonista da historia, a árbore vai medrando con el. 

O día do seu quinto aniversario a Tano fanlle unha festa. El non remata de sentirse contento, pois ninguén está a celebrar que tamén ese día baobab cumpre anos. Para remedialo garda un oco do seu día para felicitar a Baobab e levarlle un anaco do seu pastel de aniversario. 

Cando chega a noite o protagonista esperta cuns sons estraños na súa fiestra. Ao achegarse a ela descobre que o responsable é o seu irmán baobab, que tamén desexa celebrar con el o seu aniversario. Tano pasa a noite de troula con el e o seu grupo de amigos do bosque. Cando xa está saíndo o sol, e tras moita festa, regresa ao súa cama cunha promesa de volver a atoparse no seu vindeiro aniversario. 

Xunto co relato en terceira persoa a historia incorpora diálogos entre as persoaxes que van aparecendo ao longo da trama. 

  • Descrición da ilustración 

É un tipo de ilustración fusca, que intenta crear unha atmosfera nocturna, en contraposición con algúns toques máis brillantes; por exemplo no berce e pixama de Tano. 

A ilustración foi elaborada a partir de fotografías a pequenos escearios físicos creados a partir do uso de óleo, arxila e anacos diferentes de madeira. 

Todo isto fai que a ilustración estea en sintonía coa trama da historia e as ideas que se queren transmitir coa mesma. 

Son ilustracións a dobre páxina que van relatando a través de imaxes o transcurso da historia. O texto ocupa a minoría do espazo e atópase situado nun lateral da ilustración sen chegar a entorpecelaTamén se pode observar recursos para chamar atención do lector creando focos de luminosidade, cambiando as imaxes planas por otras con texturas, ou gardando a posición central da ilustración para aqueles aspectos que se queren destacar. 

  • Explicación das potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos 

Con esta obra podemos traballar diferentes temáticas e contidos na aula. 

Por un lado está presente a tradición galega. O feito de plantar unha árbore, era común en tempos pasados nalgunhas zonas do territorio galego cando un neno chegaba ao mundo. Isto permite acercar ao alumnado as tradicións e cultura propia da nosa terra, esencial para que poidan apreciala e poñela en valor. 

A conexión que ten Tano coa árbore reflicte a conexión que teñen os máis cativos co medio natural; esa capacidade de dar vida, voz e sentimentos a seres inanimados e que lles outorga unha capacidade empática co medio que, co tempo, se vai perdendo. Esta aprendizaxe é fundamental que se instaure na mente dos máis cativos para que desenvolvan unha mentalidade de coidado e respeto polo medio ambiente, vital para a supervivencia do noso planeta nos tempos que estamos a vivir. 

A aparición dos amigos de Baobab e a propia árbore, facilitan a presentación ao alumnado e achegamento da fauna do medio natural galego. O feito de que Baobab sexa unha árbore éxotica abre tamén portas ao diálogo sobre a diversidade no seu sentido máis amplo e; atendendo a outros temas, por exemplo, a coñecer o propio da nosa paisaxe e o perigo das especies invasoras. 

Por último, como os dous naceron case ao mesmo tempo, ábrense portas para que o alumnado comprenda que o desenvolvemento e ciclo de vida do resto de seres vivos e da terra non é o mesmo que o dos humanos, que unha árbore garda moitas vivenzas de xeración pasadas, presentes e posiblemente futuras. 

  • Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra 

Tras facer unha procura pola rede, non atopei ningún tipo de recurso audiovisual. En cambio, si se recolle en Google algunha blogue na que se menciona a obra. 

Estes son algúns dos exemplos que puiden atopar: 

-    Foro no que se recolle unha sesión feita pola nai dunha das alumnas dese centro. Empregou este libro como fío condutor da súa exposición sobre a importancia das árbores. Recurso: 

-     A Escola Municipal de Música de Oleiros levou a cabo un concerto pedagóxico en base a esta obra, xuntando: a danza, a narrativa e a música. Recurso: http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/c-ensino-e-xuventude/ensino/concertos-e scola-municipal;jsessionid=84E7A6BCDEF213E30928EF168AD1F7E6 

-     Blogue de Kiko Dasilva, ilustrador desta obra. Nesta entrada explica o proceso artístico que levou a cabo para realizar as súas ilustraciónsRecolle como xoga coas texturas para transmitir a sensación de realidade. Recurso: https://kikodasilva.blogspot.com/2006/12/la-memoria-de-los-rboles-2.html 

luns, 22 de novembro de 2021

No corazón do bosque

 FERNÁNDEZ, Agustín & PRADO, Miguelanxo (2001): No corazón do bosque. Vigo, España: Xerais

FORMATO DA OBRA

Libro de relato narrativo convencional, impreso en papel, con tapas brandas e composto por 144 páxinas, formando estas 13 capítulos máis un epílogo. 

 

Na cuberta aparece o título do libro en letra máis grande xunto co nome do autor encima do mesmo e do ilustrador pola parte de abaixo; tamén aparece o nome da editorial hacia o lado esquerdo. Na metade inferior aparece representada unha ilustración dun home diminuto no medio dun bosque, que fai referencia a Derdrín, o trasno protagonista do relato. Na contracuberta atopamos outra ilustración, na parte superior, do trasno xunto cun esquío pero, esta vez, máis pequena; no medio aparece un resumo moi breve da historia e na parte inferior a editorial e o ISBN do libro.

Tanto a cuberta como a contracuberta do libro son independentes e ambas as ilustracións que aparecen nelas están relacionadas coa historia do libro.

 

Na portada do libro atopamos o título do mesmo xunto co nome do autor, do ilustrador e o nome da editorial. Desta vez a ilustración que aparece representada na parte inferior fai referencia a elementos característicos que podemos atopar nos bosques.

 

Contén lapelas, tanto na parte de diante coma na parte de atrás onde aparecen escritos outros títulos da colección. Na páxina do título de créditos podemos atopar toda a información que fai referencia á editorial como, por exemplo, a primeira edición do libro ou as posteriores, tamén aparece o ISBN e o nome do autor e o ilustrador.

 

En canto á disposición do texto, como ben dixemos, está formado por 13 capítulos e un epílogo; cara ao final, despois do epílogo, aparece o índice e unhas páxinas dedicadas a unha pequena biografía sobre o autor e o ilustrador do libro.

 

ARGUMENTO

Raquel, unha nena de dez anos, foi de excursión aos bosques do río Eume cos seus compañeiros de clase. Alí, os docentes explicáronlles os diferentes riscos que podían ocorrer e realizaron diferentes e divertidas actividades coma, por exemplo, visitar un mosteiro abandonado ou recoller castañas por todo o bosque.

 

Cando Raquel chegou á noitiña á casa a súa nai estaba facendo a cea e o pai dándolle o puré ao seu irmán Lois. Mentres ceaban, a nena contoulles todas as aventuras que ocorreron durante o día e despois, dispúxose a durmir tras un día esgotador. Pero... de súpeto escoitou uns ruídos que parecían estar moi próximos, así foi, que proviñan da súa mochila. Cando a abriu, descubriu que dentro había un home moi diminuto. Era un trasno que se chamaba Derdrín, metérase na mochila de Raquel cando ela e a súa amiga Andrea estaban collendo castañas polo bosque, coa finalidade de pasar o inverno cos homes, xa que todos os demais trasnos desapareceran.

Raquel, sen dicirlle nada aos seus pais, deulle de comer e agochouno entre os monecos que tiña na súa habitación.

 

Derdrín é un trasno case invisible para os maiores, pero non para os máis pequenos ou os animais; ten trescentos anos, é moi valente e decidiu buscar axuda entre os humanos para salvarse.

 

Raquel e Derdrín fanse moi amigos, tanto, que Raquel antes de deitarse na cama polas noites contaralle as súas aventuras ao seu novo amigo o trasno. 

 

ILUSTRACIÓNS

Neste libro amósanse ilustracións realizadas por Miguelanxo Prado.

Aínda que non conta con moitas ilustracións, o autor intenta representar con elas as partes máis importantes da historia; practicamente todas as elas están coloreadas con cores cálidas.

 

POTENCIALIDADES

Atopámonos ante unha obra que contén elementos de fantasía facilmente recoñecibles polos nenos e con personaxes que contan experiencias cercanas ás dos nenos.

 

Grazas a este libro, os nenos aprenderán, principalmente, que con axuda das persoas máis importantes para eles todos os problemas se poden superar, tamén, a valorar as amizades e o compromiso, o respecto polos demais, a admiración e o respecto pola natureza e a valorar a importancia do núcleo familiar e a convivencia.

 

RECURSOS EN LIÑA

Como recurso en liña do libro, a continuación, deixo o enlace dun vídeo de youtube no que unha nena le un pequeno fragmento do mesmo.

https://www.youtube.com/watch?v=7sNMfYamKBc

 

 

 

 

Maxia de pedra



DOMÍNGUEZ, Xabier & DE EVAN, Alba (2021). Maxia de pedra. Vigo: Xerais. 







A obra Maxia de pedra, foi a escollida debido á relevancia da temática tratada, xa que a historia é unha parte indispensable da nosa cultura. A cultura castrexa é un dos elementos que máis nos caracteriza como pobo. 

Trátase dun relato, do xeito máis convencional, acompañado dunha guía ilustrada a modo de mapa conceptual para facilitar a contextualización da historia narrada. Esta obra está conformada por 136 páxinas, máis unha cuberta, onde se recollen os datos básicos da obra, incluíndo unha ilustración que permite ver a temática que se trata na historia. Está escrito en formato de novela, cunha relativa sinxeleza debido ao público obxectivo que ten por ser literarura xuvenil (está recomendado a partir dos 11 anos, é dicir, 6º curso de Educación Primaria).  

O relato de Xabier Domínguez e Alba de Evan cóntase dende a perspectiva dun narrador externo (3º persoa), que en ocasións parece ser omnisciente. Esta obra estrutúrase en forma de capítulos (19 máis un caderno ilustrado de campo). A obra toma como referencia dous planos temporais: a actualidade e a época romana. 

O plano da actualidade comeza cando un avión aterriza de emerxencia cun petróglifo cando viaxa de Roma a Vigo, ao museo onde traballa o pai de Anxela. Tras a desaparición do mesmo, a rapaza recoñece a existencia dun igual preto da súa casa. Cando acude a velo dase conta de que hai un cambio no centro do labirinto que conforma o petróglifo e volvendo a visitalo atopa a unha gata (“Morriña”) que ten tres colas e propiedades curativas. O petróglifo é roubado do museo e son os propios ladróns quen seguen espiando á familia coa finalidade de roubar á gata. Tras iso, Anxela é secuestrada polos ladróns (que forman parte dunha banda orquestrada polo director dunha empresa farmacéutica). A nena é salvada grazas á gata, que a guía e a saca do lugar. A continuación prodúcese unha persecución por parte da policía aos ladróns que remata coa detención dos implicados. Ademais, a obra remata narrando como repiten unha acción que marca o libro (xa que se desvelan os poderes de “Morriña”): Anxela e Lois recollen lixo mentras que a gata transforma eucaliptos en árbores autóctonas.  

No medio do relato intercálase a historia da época romana, contando como se produce a aparición do petróglifo e do gato máxico, así como dos seus poderes e da súa chegada a Roma. Faino mediante a narración da historia dun soldado romano que desaparece e é retido polos castrexos e tras coñecer a historia do gato máxico, traiciónaos para conseguir fama. El e outro centurión buscan ser recoñecidos, para o que secuestran a gata, que comeza a hibernar ao saír de Gallaecia, o que leva ao desprestixio dos soldados. 

As ilustracións empregadas na obra, realizadas por Eli García, reflexan dous momentos históricos que se narran paralelamente: para contar a época romana as ilustracións teñen tonalidades azuis (frías) e para narrar a actualidade tonalidades rosas (cálidas). Ademais, empregan debuxos realistas sen incluir demasiados detalles e cuxo estilo se aprecia na cuberta.  

Esta obra é moi completa e permite tratar unha gran variedade de temas, dende os máis tradicionais: ecoloxismo (queima dos espazos naturais, especies autóctonas, lixo nos espazos naturais...), historia (época romana/castrexa), amizade (relación de Anxela e Morriña); ata outros máis polémicos: modelos familiares (familia monoparental, pais absortos polo traballo), feminismo (modelo de coidado representado polas figuras femininas) ou o expolio de certas culturas a outras. 

Neste caso, non foi posible atopar recursos en liña para traballar esta obra, probablemente debido á novidade do libro (publicado neste mesmo ano), pero si que é posible atopar con gran facilidade recursos que permitan traballar algunhas das temáticas nas que se centra o libro, aínda que a gran maioría deles se atopan en castelán.  

Lía e as zapatillas de deporte

 Recensión crítica 


REIMÓNDEZ, María (2008). Lía e as zapatillas de deporte. Vigo: Xerais



Trátase dun relato convencional de ficción de María Reimóndez (Lugo, 1974) con ilustracións de Iván. Sende. É un libro de tapa branda, pequeno, cunha linguaxe sinxela e fácil de ler para os cativos/as. O formato da parte externa presenta un elemento característico propio da colección Merlín cun paxaro nunha rama. Seguindo coa cuberta, podemos atopar unha debuxo de Lía cos amallós das zapatillas atadas ó seu brazo para levala de viaxe.  Neste caso, ao non tratarse dun álbum ilustrado, na parte da contracuberta non figura ningunha imaxe relacionada coa portada, senón que se amosa o resumo do libro e non trae actividades finais. A súa estrutura é circular. Por último, cabe destacar que a obra pertence a unha colección de literatura infantil dirixida a nenos/as de 9 anos en diante. 


O libro conta con 15 capítulos que relatan a historia dunha nena na que por Reis lle regalaron unhas zapatilla de deporte que tanto desexaba. Un día durmindo, escoitou uns ruídos e asustouse xa que as zapatillas estaban falando. Estas tiñan unha triste historia que contar e levaron á protagonista a un lugar no que os nenos e nenas traballaban coma adultos fabricando as zapatillas como as que tiña ela.  O argumento trata un tema de gran importancia que está a pasar nalgunhas partes do mundo como é a explotación infantil. Hoxe en día nenos/as de Bangladesh ou Indonesia traballan como persoas adultas facendo esforzos perigosos e pondo en risco a súa vida como lle acontece a Ramesh nesta historia. 


Tocante ás ilustracións, Iván Sende trata de contar a historia desta obra a través dos debuxos que axudan a súa comprensión. No interior do libro, aparecen varias ilustracións que teñen a función de visualizar as accións, como por exemplo: Lía abraiada na súa habitación ao descubrir que as súas zapatillas novas están falando, Ramesh fabricando as zapatillas e cargando caixas, Lía comendo no chan coas irmás de Ramesh, Lía camiñando pola rúa co seu amigo... En canto á caracterización dos personaxes, cabe destacar que case todos teñen un rostro entristecido, ollos moi grandes e formas redondeadas en liña negra e fina. Páxina a páxina, van aparecendo varios debuxos con distintas cores.


O narrador é heterodiexético xa que presenta ós protagonistas narrando as súas peripecias e introducindo o conflito, polo que a historia está contada en 3ª persoa.  Prodúcense varios diálogos entre os personaxes principais e secundarios intercambiando información e expresando sentimentos e emocións. 


    O libro ten unha dimensión beneficiosa para os nenos/as xa que incita a que se poñan na pel da protagonista adquirindo valores como a amizade, o respecto, a vontade, a responsabilidade, a axuda ós demais… pretendendo amosar dunha forma lúdica unha realidade que pouco ten que ver cos nenos/as do primeiro mundo. 


Nunha futura clase de 5º de Primaria, para comezar a falar sobre este tema cos alumnos/as, poreilles o seguinte vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=aqQunOlVhKo para que se fagan unha idea do que trata o libro e posteriormente terán unha semana para lelo na casa, contando as clases de lingua galega. Unha vez lido, proporáselles facer unha redacción sobre o tema traballado anteriormente invitándoos a que reflexionen sobre este asunto pouco coñecido para eles/as e no privilexio que teñen ó poder ir ó colexio, saír ó parque a xogar cos amigos/as, dar unha volta en bicicleta… en resumidas contas, gozar da liberdade que outros nenos como Ramesh non teñen. Outro obxectivo proposto, é que os cativos/as comprendan e se sintan identificados coa personaxe principal fomentando e colaborando na construción dun mundo máis xusto erradicando por completo o traballo infantil.  


Maruxa

 MEJUTO, Eva & MILHOES, Mafalda (2014). Maruxa. Pontevedra: OQO editora.

A obra literaria escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é Maruxa, un álbum ilustrado que ten unhas dimensións de 23x25 centímetros, de tapa dura e encadernación en cartoné. Ten 28 páxinas e na cuberta resalta a cara da protagonista moi angustiada facendo as tarefas do fogar. Por outro lado, destaca tamén o título do libro xa que está en letras vermellas e maiúsculas, ademais, enriba deste atopamos o nome da autora e da ilustradora e máis abaixo observamos o nome da Editorial “OQO”. Tanto ao abrir como ao final do libro atopámonos coa garda, que nos serve de introdución e de final á historia grazas ás ilustracións que aparecen nela. O método de lectura do libro é o tradicional xa que se fai dunha maneira convencional, de esquerda a dereita. Deste xeito o texto contén xogos de continuación e podémolo atopar en calquera parte da páxina. 

Maruxa é un álbum ilustrado de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes cuxo argumento transcorre a través de dúas voces, a do narrador, que presenta os protagonistas, introduce o conflito e pecha a historia polo que só fala na primeira e na última páxina. A outra das voces é a dos protagonistas, os cales expoñen os feitos e perspectivas en estruturas acumulativas e repetitivas. As intervencións destes recóllense en letra grosa e cun guión ao principio sinalando as quendas de diálogo. Así pois, o conto comeza presentando a Maruxa, unha muller cansada de facer todas as tarefas do fogar ela soa. Dada esta situación, consegue moi astutamente que o seu marido Pepiño se involucre e a axude recibindo unha moi boa lección. Ademais, todo o libro vai desenvolvéndose a través de recursos propios da transmisión oral que favorecen o ritmo, a musicalidade, a capacidade mnemotécnica… 

Grazas ás ilustracións presentes pódese facer unha lectura visual que axuda a entender a historia, sobre todo nas gardas xa que estas, a modo de introdución transmítennos información sobre como era a situación de parella de Maruxa e Pepiño e como acabou sendo. A caracterización dos personaxes é con caras ovaladas con marcas de engurras sobre o rostro e con dentes ou dentaduras moi ben coidados. Grazas a esta caracterización podemos empatizar coa situación que están a vivir os personaxes, o cansa e angustiada que se ve unha persoa por ter que facer todo ela soa e o diferente que se amosa cando se reparten as tarefas por igual. Por outro lado, encontrámonos tamén coa presenza dalgún animal como é a súa mascota, un can marrón que aparece en varias escenas e que sempre está acompañando a Pepiño. Con menos relevancia podemos atopar tamén formigas, ovellas ou moscas. Ademais, as cores usadas para as ilustracións son bastante vivas e como se estivese pintado con acuarelas.

En canto á arquitectura xeral, podemos observar que a estrutura do álbum é circular xa que se vai repetindo sempre o mesmo, así pois, dentro deste podemos atopar acumulacións, encadeamentos e repeticións como por exemplo o retrouse de “Maruxa, Maruxa, vai facer o pan, que morro de fame”. Ademais, tamén atopamos campos semánticos relacionados cos ingredientes necesarios para facer pan, como poden ser a fariña, o sal, a auga…  

As posibilidades formativas que nos regala este álbum son a eliminación do rol patriarcal de que a muller sexa a que fai todas as tarefas do fogar, substituíndo isto por unha repartición equitativa das tarefas sen ningunha distinción de xénero. Ademais, a obra permite que o alumnado de Educación Primaria reflexione acerca das desigualdades de xénero que podemos atopar na nosa vida cotiá. 

Para unha mellor comprensión da historia existen certos recursos en liña que se poden usar nas aulas de Educación Primaria como un stop-motion que podemos atopar aquí ou esta adaptación do conto feita por un alumnado de segundo de primaria para conmemorar o día internacional da muller. Podémola ver aquí.

Con todo, penso que Maruxa é unha moi boa obra que sen dúbida traballaría nunha aula de Educación Primaria, tanto para os primeiros cursos dunha maneira máis profunda como para o alumnado de 5º e 6º para traballar en días como o 8 de marzo e facer unha reflexión sobre o que acontece no álbum. 

 


Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...