Este blog é unha ferramenta de apoio á docencia na materia de Didáctica da Lingua e da Literatura galegas na Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo (Campus de Ourense)
luns, 31 de xaneiro de 2022
OS CATRO AMIGOS
Carballo Soliño, Xesús (2009), Os catro amigos. Vigo: Editorial Galaxia.
1. Descrición do formato: álbum ilustrado de tapa dura composto de 36 páxinas. Na cuberta aparecen os catro protagonistas do conto, un enriba de outro de maior a menor tamaño. O título da mesma está na zona superior da portada en varias cores e debaixo o nome do autor da adaptación e o da ilustradora. A dereita do nome da obra reflíctese o logo da colección, que indica que é un audioconto e na esquina inferior esquerda aparece o distintivo da editorial Galaxia. Na contracuberta plásmase o contorno dun CD e no seu interior o título e o personaxe principal, o burro, ademais dun breve resumo da historia.
Respecto ás gardas, amósanse dúas imaxes moi similares, na primeira hai un burro e un galo observando de noite unha casa dende lonxe, e na segunda a imaxe é case idéntica, excepto porque non aparecen o burro e o galo pero sí se aprecia a lúa. A continuación da garda inicial hai unha páxina adicada aos créditos e logo está a portada, moi similar á cuberta, coa única diferencia de que os animais aparecen á dereita e non centrados.
2. Argumento: historia narrada mediante un narrador en 3º persoa aínda que predominan os diálogos entre os catro personaxes: o burro, o galo, o can e o gato. Así pois, preséntase a andanza que estos amigos realizan de camiño á cidade para vivir da música, posto que nos seus respectivos fogares xa non os queren. Nesta viaxe atopan unha casa na que refuxiarse para pasar a noite, onde coinciden cuns ladróns que estaban a roubar nela pero que conseguen escorrentar. Finalmente, os catro quedan felizmente a vivir no seu novo fogar.
Ao remate da obra, obsérvase que o verdadeiro narrador é un pai contándolle a súa filla este conto, ademais de apreciar que o conto ten dúas variables respecto a frase popular final que berra o galo para acabar de escorrentar ao ladrón.
3. Ilustracións: ocupan toda a páxina, alternando o texto de lado esquerdo a dereito. As imaxes son paralelas á narración, ademais de recrear novos escenarios imaxinarios. Nestas mistúranse elementos reais como a herba ou leña, para poder apreciar as diferentes texturas, cos debuxos dos animais ou dos ladróns, todas elas perfectamente definidas. Os animais posúen algúns rasgos esaxerados para ser correctamente recoñecidos (as orellas do burro ou a cresta diferenciada do galo) e tamén humanizados (con brazos e pernas), para darlle máis verosimilitude á historia. As cores dos fondos varían dende tons azuis ou grisáceos (con pinceladas marcadas) para as escenas diurnas, a un ton negro referido ás andanzas nocturnas.
4. Posibilidades formativas: álbum ilustrado dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos, e co que se poderá traballar a temática da amizade xa que non importa o tipo de animal que sexa cada un, os personaxes fanse amigos igualmente. Rompendo así cos estereotipos xeralizados de que diferentes tipos de animais non poidan levarse ben.
Así mesmo, tamén invita a reflexionar acerca de que os animais non cumpren unha única función como pode ser cazar ratos ou coidar do galiñeiro, senón que ante todo son vidas animais, que tamén sofren e non se poden menospreciar.
5. Aspectos destacables: esta obra é unha adaptación de Los músicos de Bremen, dos irmáns Grimm. Ademais é un audioconto, posto conta cun CD onde se narra a historia e se inclúen dúas cancións complementarias á mesma.
En relación cos recursos en liña, en YouTube hai un audioconto realizado polos alumnos e alumnas de 5ºA do CEP Dr Fleming de Vigo, coas súas propias voces e ilustracións. Este mesmo alumnado, tamén fixo unha dramatización da obra a través de monicreques con paus.“Chamizo” de Fina Casalderrey
Eu elexín Chamizo de Fina Casalderrey. É un libro que lin en 3º de Educación Primaria.Decidín escollelo pola súa sinxeleza e polo que transmite, paréceme que dá unha mensaxe moi tenra.
2. Ficha bibliográfica
Casalderrey, F.(2007) Chamizo.Edicións Xerais de Galicia.
3. Describir o formato da obra
Estamos ante un libro convencional de 73 páxinas,é un libro moi sinxelo de ler xa que a autora fai que nos mergullemos no mundo do propio libro.
O lanzamento e a primeira edición tiveron lugar en 1994. A obra que eu manexo é a 6º edición e saiu en 2007.
Como é propio deste tipo de libros a cuberta e a contracuberta non forman unha única imaxe. Na cuberta do libro atopámonos cá ilustración dunha nena cun gatiño ao lombo, a rapaza está pegando nunha porta ou nunha parede adornos de Nadal.As ilustracións do libro son de Luís González pero a ilustración da cuberta confiouselle a Manolo Uhía. Nesta cuberta ademais de aparecer a ilustración tamén temos a editorial á que pertence, que neste caso é Xerais e a colección Merlín.
Na contracuberta aparece un breve resumo da historia do libro, un código de barras no que aparece o ISBN e unha referencia á editorial do libro.
Na solapa atopamos unha foto da autora, unha breve descrición ou presentación dela e do seu percurso pola narrativa galega.
Na portadilla está a información referente á ilustración e deseño da cuberta, á maquetación do libro, ao número e lugar de edición e á información referente á impresión. Na páxina á dereita desta aparece unha dedicatoria a tres persoas amigas dos animais.
Nas últimas páxinas do libro hai un índice dos 15 capítulos cos seus títulos e nas seguintes dúas páxinas aparecen algúns libros da colección Merlín que son de 9 anos en diante.
A tipografía do libro ten unha letra grande, xa non é unha letra ligada debido a que nos atopamos en niveis un pouco maiores. En tódalas páxinas podemos ver a imaxe de moitos gatiños seguidos enriba e debaixo do texto. Aínda que non de maneira moi frecuente seguen aparecendo imaxes representativas do texto, ocupando toda a páxina dereita.
4. Resumir o argumento
Martina, a protagonista deste libro, é unha rapaza de nove anos que o que máis desexa no mundo é ter un animal na casa. Seus pais non lle deixan xa que viven nun piso na cidade, e tras varias malas experiencias deciden non ter máis animais ata que poidan coidalos como estes precisan.
Un día, Martina vai tirar lixo á papeleira do patio do colexio,para a súa sorpresa atopa un gatiño ó que rápidamente lle pon “Chamizo” pola súa apariencia. Era un gatiño negro cunha única mancha branca. Ao longo do libro descubriremos que pasa co gatiño e cómo actúa a rapaza.
5. Describir as ilustracións (se as ten) e a súa relación co texto
As ilustracións están pintadas con acuarela por ambos ilustradores. A diferenza atópase nas tonalidades que empregan.
Mentres que na cuberta destacan cores vivas como poden ser verdes, amarelos ou rosas entre outros. Nas ilustracións do interior do libro,as tonalidades que se empregan son negras, grises ou marróns.
Todas as ilustracións teñen que ver con acontecementos do libro e incluso a portada, é un dos momentos cruciais do desenvolvemento da historia.
6. Explicar as potencialidades da lectura da obra para nenas/os de 6 a 12 anos.
Tras a lectura do libro de xeito opcional, a escoller entre outros moitos.Comentaremos entre todos os lectores de Chamizo presentes na aula os sentimentos que a eles lles suxire a lectura. Proporemos unha pregunta aberta de libre resposta sobre cómo rematarían eles e elas o libro ou cómo actuarían se se ven na situación de Martina.
Para aquel alumnado ao que lle gustase a maneira de escribir da autora e o tema que trata neste libro poderemos recomendar outro dos seus libros como O misterio dos fillos de Lúa.
Esta lectura está orientada para cursos como poden ser 3º ou 4º de primaria, aínda que tamén pode recomendarse para 5º. Penso que para 6º é un libro bastante sinxelo xa que esperase que o alumnado teña unha madurez lectora maior.
As potencialidades que podemos traballar có libro son os sentimentos encontrados entre o que debemos facer por humanidade e aquilo que podemos facer dependendo do que nos deixan os nosos maiores. Por outra banda, podemos traballar o amor e o cariño polos animais, a solidariedade e a empatía pero sobre todo a importancia da comunicación cos nosos pais.
7. Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra.
Desta obra non hai recursos en liña.
xoves, 27 de xaneiro de 2022
Frederick
Lionni, L. (2004). Frederick. Pontevedra: Kalandraka. (ISBN:9788493375911)
Descrición do formato: Atopámonos ante un libro pequeno, cadrado e de tapa dura. Na portada da obra podemos ver en grande unha ilustración de Frederick xunto co nome da obra. Estas letras son de cor negra nun fondo branco o que o fai máis atractivo para o lector.
Argumento: O libro trata dun grupo de ratos que quedan sós nunha granxa e que debido ó cal, comezan a recolectar recursos para o inverno. Todos menos un, Frederick. Ó longo do conto este rato comenta que está recollendo raios de sol, cores, etc… Como consecuencia a tódolos ratos lles resulta moi extraño e fan numerosas preguntas, pero todas elas quedarán respondidas cando chegue o inverno, desvelando así que Frederick é todo un poeta.
Ilustracións: As ilustracións do mesmo xeito que o texto están feitas por Leo Lionni, son debuxos que ocupan case a totalidade da páxina . Estas páxinas tan só teñen ilustración e varias liñas de texto , polo que a totalidade da historia resulta da interpretación entre as imaxes e o texto Están a dobre cara e amosan diferentes perspectivas da historia.
Potencialidades: Como potencialidades desta obra podemos destacar que é un álbum ilustrado, o cal fai que sexa unha proposta máis sinxela e tentadora para os lectores. A isto súmaselle que esta é unha obra cun gran valor sentimental, xa que mostra ós rapaces como pasamos por alto cousas do día a día porque estamos acostumados a velas, pero que si deixásemos de velas por un tempo, as botaríamos en falla enormemente. Por este motivo, este libro adáptase perfectamente á etapa de Educación Primaria.
Papá Bolechas doa sangue
Carreiro, Pepe (2018). Papá Bolechas doa sangue. Estudio Carreiro.
Na portada do libro podemos ver a un home e a unha muller doando sangue, mentres esta le un libro, sendo ambos atendidos por un enfermeiro e observados pola fiestra por uns rapaces. Ó abrir a portada podemos ver unha presentación do conto que imos ler representado cunha pequena ilustración. Para rematar, na parte final do libro podemos ver unha ilustración cos locais de doazón de sangue de cada provincia galega, así como ilustracións e unha serie de frases fomentando a solidariedade e a doazón de sangue.
Ó longo deste relato coméntanse numerosos aspectos acerca da doazón de sangue como as condicións necesarias, partes do bus, compoñentes da sangue, razóns polas que é necesario donar, etc… En conclusión todo acerca do proceso de doazón de sangue. Todo isto comentado de forma sinxela e animada para os rapaces mediante o papel de papá e mamá bolechas.
As ilustración do libro abarcan entre 1 ou 2 caras cada unha e están constituídas xeralmente polos personaxes principais, os bolechas. Tódalas ilustracións están formadas por cores moi animados con poucas liñas rectas, facéndoos máis atractivos para os cativos.
Esta é unha obra de interese para os rapaces de primaria, xa que a través dela poderemos tratar diversos contidos do currículo (comprensión lectora, vocabulario, coñecemento do medio social, competencias lingüísticas, etc…), ademais de poder abordar temas como a solidariedade e a preocupación polos demais, valores estes que son indispensables para un correcto código de valores e o seu propio desenvolvemento persoal. Do mesmo xeito, será moito máis doado tratar un tema tan abstracto coma este a través dun relato con ilustracións que chamen a sía atención, á vez que explican valores que son de difícil comprensión para eles.
luns, 24 de xaneiro de 2022
Fina a Pirata
Villar
Janeiro, H. (2019). Fina a Pirata. ilust. Abi Castillo. Vigo: Editorial
Galaxia S. A. [lectorado autónomo], [40] pp. (ISBN: 978-84-9151-354-4)
Esta
obra é un álbum ilustrado que trata a diversidade de xeito tenro e divertido. As
cubertas que recollen esta historia son de tapa dura, material adecuado para os
máis pequenos debido á súa resistencia. Na
cuberta frontal podemos ver unha ilustración en cores vivas fronte a un fondo
máis claro, nela aparece a figura dunha nena pirata que intuímos, vai ser a
protagonista desta historia. Na contracuberta temos un breve resumo da historia con ilustracións similares ás da
cuberta frontal, debaixo do resumo está o logo da editorial.
Nas
gardas hai pequenas figuras relacionadas coa historia, ademais ten dúas páxinas
antes da portada, a par é un fondo de cor vermella e a impar ten no centro un
retrato da protagonista fronte a un fondo branco. Na portada observamos en
letras grandes e de cor negro, o título do libro, en cor laranxa o nome da
autora, da ilustradora e a editorial.
As
ilustracións, feitas por Abi Castillo, acompañan os textos, de xeito aleatorio
ao longo das dúas páxinas. A parte escrita ten letras redondeadas e de tamaño
mediano, son de cor negra. Ademais, os textos veñen en parágrafos densos e sen
cambios de tamaño nalgunhas frases. Este álbum ilustrado está escrito en 3ª
persoa pois reflicte a perspectiva dun narrador omnisciente.
Fina
é unha nena especial que un día sofre unha accidente e perde unha perna. Seu pai ao ser carpinteiro
deséñalle unha perna de madeira mentres non conseguen unha prótese. Na escola
todos os nenos e nenas queren xogar con ela, pero non saben que xogo poden
escoller tendo en conta as necesidades especiais de Fina, ata que deciden xogar
aos piratas. Ao longo da historia Fina e os seus amigos sucarán os mares co seu
barco pirata e atoparanse con numerosas dificultades que afrontarán coa axuda
de todos.
Este álbum ilustrado permítenos traballar a diversidade en calquera curso de Educación Primaria. A través desta marabillosa historia podemos ver que aínda que a vida che poña trabas, sempre hai que miralas dende outra perspectiva e intentar superalas. Como futuros mestres e mestras podemos atopar na nosa aula nenos e nenas con necesidades educativas especiais, que requiran unha adaptación para facilitar a súa aprendizaxe, por iso con esta obra poderiamos realizar actividades para promover a consciencia sobre a diversidade funcional
venres, 21 de xaneiro de 2022
Fronteiras de papel
De Evan, Alba e Domínguez Pérez, Javier (2020). Fronteiras de papel. Ourense: Antela Editorial.
xoves, 20 de xaneiro de 2022
Entrevista Marcos Calveiro
Luns 1.11.21 HOXE
Entrevista a Marcos Calveiro Escritor
Calveiro, M. (2018). lecturafilia [Imaxe]. Recuperado de https://lecturafilia.com/tag/marcos-calveiro.
-En primer lugar, queríamos saber que che levou a escribir, é dicir, como comezaches e que te motivou a facelo.
-Penso que ser un gran lector. O camiño da escrita é un camiño ao que chegas sendo antes un gran lector. Eu penso que todo o mundo que le moito chega a algún momento na súa vida no que intenta escribir algo de seu, hai moita xente que o abandona ou o fai dunha forma totalmente privada e non ten vocación de publicar e ser autor, e hai outra xente que sí. Eu levo escribindo prácticamente dende a adolescencia; tardei moito en publicar porque houbo épocas da miña vida… familia, traballo, estudos e etcétera, pero dende sempre, o fío da lectura eu creo que sempre remata conducindo á escritura.
-Cres que a educación que recibiches na tua etapa de Educación Primaria motivoute para a túa carreira como escritor?
-A ver, eu teño 50 anos, estou nunha xeración moi afastada da vosa. Eu fundamentalmente tiven a sorte de que meus pais eran lectores, os dous. A miña nai era profesora e meu pai era era avogado. Tiña unha casa chea de libros, e dicir, que o primeiro sitio onde tiña os libros diante, foi na miña casa. Outros compañeiros meus daquela altura na casa… os libros prácticamente non existían. Cando acabei de ler os libros da casa da miña nai, pois entraba na biblioteca municipal en Vilagarcía e lía outro tipo de libros; os que na miña casa non era accesibles, sobre todo o cómic: Astérix e Obélix, Tintín e todo iso.
Eu fun collendo fundamentalmente pola casa máis que pola escola. Naquel momento a promoción da lectura nas escolas, as bibliotecas escolares, e todo iso... pois non existían, e nos centros que había non lembro de que houbese unha biblioteca escolar cando era rapaz. Logo, no instituto, pois había unha biblioteca pero... para estudar e cousas relacionadas fundamentalmente cos estudos, non coa literatura.
Fundamentalmente, eu creo que foi a infuencia sobre todo da miña casa.
-Como recomendarías a uns alumnos de primaria que se iniciaran no mundo da escritura?
-É un tema complexísimo, as posibilidades de ocio que eu tiña nos meus tempos eran moi limitadas; ou xogabas á pelota, ou andabas en bicicleta, ou a pedradas cos do barrio do lado. É dicir, se tivese as posibilidades daquela de ocio, que teñen os rapaces de hoxe en día, pois ao mellor non lía tanto nin chegaba a ser escritor. É un tema moi complicado hoxe, eu cada vez por exemplo, recoñezo que leo moito menos. Moitas veces que chego canso de traballar pola noite, e é moito máis doado poñer Netflix ou HBO. Non necesita moito esforzo, non é como meterte nun libro, que precisa dunha concentración ou dun esforzo que ao mellor neses intres, non tes.
Eu cando vou polos institutos e polos centros, sempre lles conto aos rapaces a mesma historia, escribir é moi importante non porque vaias algún día a publicar un libro ou a ser escritor; saber escribir é importante porque o vas a precisar en moitos intres da túa vida. Pois saber contar unha historia é moi importante para unha entrevista de traballo, tes que saber venderte; tes que saber contar a historia da túa vida, das túas necesidades ou das túas aspiracións.
Saber contar unha historia é moi importante nesta vida e cun montón de campos distintos que pouco teñen que ver coa literatura nun principio, pero que só se pode aprender lendo, e eu sempre lles tiro por ese fío. As posibilidades de ocio que hai hoxe en día ao noso alcance pois pouco teñen que ver coas da miña xeración, pero son posibilidades de ocio narrativas, onde se conta unha historia; series, cine, videoxogos, que é o lugar onde están eles. Calquera destos estrimmers de Twitch ou de Youtube, son xente que ten a capacidade para contar unha historia diante dunha pantalla e ser capaces de enganchar aos rapaces. É dicir, que teñen unha serie de habilidades; esas habilidades fundamentalmente se aprenden lendo,
-Se tiveras que quedarte so cun dos teus libros para levar a un aula de primaria, cal sería? Por qué?
-Eu en especial teño debilidade por un que se chama “Unha casiña branca”. Recoñezo que teño cariño por el porque foi a novela
que menos se vendeu e penso que non estaba nada mal, que era unha historia moi chula, así un pouco distópica cunhas ilustracións
extraordinarias, e merece a pena que se vexa. Supoño que diría iso porque ao fin é ao cabo, é coma se tes varios fillos e tes un que
vai un pouco máis atrasado e lle colles máis cariño porque necesita máis axuda, non? Os outros, pois máis on menos véndense sós,
non necesitan da miña axuda.
«“Unha casiña branca” foi un fracaso e a min nunca me pareceu que estivese tan mal»
-Que cres ou como cres que se motiva máis á hora de ler un libro na aula?
-É a pregunta do millón, é complicadísima. Len moitos menos libros, pero len moitísimas outras cousas que non son libros. Están todo
o día co móvil e moitas veces, xa sei que hai moitas imaxes e moitos vídeos, se le moitísimo nas pantallas. É dicir, que ler len, pero len
outras cousas. Eu supoño que é un tema moi complicado de promocionar con eles. É un pouco o que che contaba antes, o fío da historia,
de saber contar unha historia. Ensinarlles a contar unha historia noutros ámbitos, que ao final os acaban levando ao ámbito da lectura,
enganalos un pouco por así decílo. Por exemplo, os videoxogos cada vez son máis longos, máis narrativos, con máis posibilidades de
narración, etc. Non é o típico de cando xogábamos nós nas salas recreativas, cando era a miña adolescencia, nos oitenta. Os videoxogos
de hoxe teñen unha carga narrativa de construcción, organización e de personaxes que non deixan de ser unha novela en imaxes.
Pois un pouco por ese camiño, que aprendan a contar historias noutros ámbitos e que logo se acabe levando á lectura. Hoxe tamén hai
unha oferta inmensa de literatura infantil e xuvenil, e moitas veces pois o mesmo libro para unha aula de 20 rapaces que tedes
en clase… a algún lle pode parecer unha maravilla e a outros un aburrimento, porque non está de acordo cos seus intereses.
Pero para un profesor é imposible; coñece os rapaces ao principio de curso e ao mellor cando estén enfilados e contados, xa non pode
facer esa recomendación dirixida, non? Tamén hai que recoñecer que o cánon das recomendacións e da literatura infantil e xuvenil,
nalgúns casos está un pouco….pasado. Os meus fillos no centro leron algúns libros que no seu momento, foron un éxito pero que son
libros que se quedaron un pouco vellos, por así decilo… A eles lles quedan estas novelas moi lonxe. Aínda que a historia pode resultar
interesante, non hai WhatsApp, non hai Messenger, non hai teléfonos móviles, e os distancia moito da narración. Moitas novelas
antigas quedaron ahí porque se seguen recomendado por inercia, porque os profesores están ateirados por unha burocracia inmensa,
que pouco ten que ver coas clases ou co ensino. É un traballo que ten que facer o educador e o prescriptor pero recoñezo que un profe
non se pode por a ler 40 novedades ao principio de curso para ver cal é mellor para os seus alumnos. Os profesores vánse fiar doutros
compañeiros, dos que se puxeron noutros cursos, etc. É unha cuestión de loxística, por así decílo. Tamén a veces as editoras recomendan
libros para algunhas idades que non se corresponden coas idades dos rapaces, non te podes fiar da recomendación de idade. Igual hai rapaces
de 9 anos que son grandísimos lectores e que poden estar lendo novelas de instituto, e outros que son pésimos lectores e lles están a
recomendar libros doutros lectores. Entran moitas cuestións nese tema das recomedacións.
Por outra parte eu penso que a presenza dos autores nos centros, dos que nos dedicamos a literatura infantil e xuvenil, aínda que
forme parte da política-comercial do negocio, é importante.
«Seguen ahí porque se sabe que nun momento funcionaron, porque foron moi
vendidos pero moitas veces se distancian dos rapaces»
-Pensas que na etapa infantil dos nenos é preciso empregar libros con moita ilustración ou pódense implementar novelas?
-Eu creo que é un elemento fundamental, a día de hoxe vivimos nunha cultura totalmente visual, é dicir, que é moi importante.
Tamén logo aí hai un problema, que determinados rapaces que len, cando lles presentas un libro ilustrado din que eso é para nenos
pequenos, e segue habendo ese prexuízo. Pero a ver, as ilustracións nun libro para rapaces de 5º e 6º de primaria, enriquecen o libro,
e é outra lectura diferente que ten o ilustrador cando le o teu orixinal. E temos unha cantidade de ilustradores extraordinarios que a
min paréceme que enriquecen moitísimo os libros e a lectura.
«“Os libros ilustrados, son para nenos pequenos”, segue habendo ese prexuízo»
-Cres que hai algún tema tabú do que escribir un libro infantil-xuvenil?
-Eu creo que nos últimos tempos xa se tocaron todos os paus nese tipo de literatura, outra cousa é que logo outro escritor ou un
educador se atreva a poñer determinados libros porque pode xerar problemas cos pais, polos temas que tratan. Pero creo que tabú
nestes momentos non. Os autores son bastante libres nas suas vidas e fan o que queiran, outra cousa é que logo entren nos centros de
ensino e que se recomenden como lecturas e que se lean máis ou menos dependendo da complexidade ou da temática; sexa sexual,
da morte, do suicidio xuvenil ou todo ese tipo de historias. Pero vendo as series que están vendo en Netflix ou en HBO non creo que teñan
moito problema coa literatura. Máis que nada, seguramente é un problema cos pais e coas nais que moitas veces pensan que ó mellor as
series lles permiten ver calquera historia, pero a palabra escrita queda ahí gravada para sempre, e é máis impactante cá imaxe. Ó mellor
falta un pouco de sexo na novela xuvenil pero en fin, xa vai por autores, pero eu non o domino. Tampouco teño moitas referencias da
literatura infantil e xuvenil ou adulta, de feito, xuvenil e de adultos xa non fago diferenza. Evidentemente, para nenos e nenas de primaria hai
un rexistro lingüístico e léxico que tes que controlar, pero co rexitro.
-Vostede pensa que existe unha “literatura infantil” ou que a literatura é unha soa?
-Para min a literatura é unha sóa, eu non fago distincións. Eu lémbrome cando publiquei a miña primeira novela para adultos que
moita xente me dixo “!Coño, ya eres escritor! Ya publicaste un libro para adultos”
Eu escribo igual e lle poño o mesmo interés e empeño a un libro para rapaces que a un de adultos. E de feito moitísimas veces me
teñen dado máis traballo e boto moito máis tempo con eles que para un de adultos.
A ver, é unha cuestión de mercado e do sistema no que vivimos. Hai literatura negra; hai literatura romántica e literatura infantil e
xuvenil. É unha cuestión da descrición de xéneros e tamén unha forma de atopalos nas librerías, nos andéis, nas recomendacións e en todo.
A min non me parece mal, paréceme mal se se fala dela despectivamente como algo moi fácil, ou que veñan os escritores da gran
literatura a escribir unhas cousas horribles para rapaces como se fora facilísimo.
Parece que eles teñen que darlle o barniz de alta literatura e literatura infantil e xuvenil porque veñen eses autores que nunca escribiron
ese tipo de literatura e nos dan a súa bendición. Iso sí que me parece mal. Está claro que un rapaz non se pode iniciar na lectura
co ´”Ulises” de Joyce, hai que ler outras cousas antes. Dependendo da súa comprensión lectora e do seu nivel, vas ascendendo,
pero evidentemente os que creamos aos lectores de todo o futuro dos grandes papas e papisas, somos os escritores de literatura
infantil e xuvenil polo que penso que podían ser un pouquiño máis considerados con nós, e coa literatura infantil e xuvenil, por suposto.
-Con respecto ao teu libro “O pintor do sombreiro de malvas”, que che levou a escribilo?
-Foi un pouco de casualidade. Houbo unha exposición dos últimos lenzos de Van Gogh en Madrid, que non cheguei a ver pero que
comprei o catálogo da exposición outra vez que estiven alí, e no catálogo hai un montón de fotos en branco e negro; postais
sobre todo da época na que estivo Van Gogh alí e chamoume a atención de que parecía Galicia. Había como un pequeno centro
do núcleo da vila urbá por así decílo, pero logo había granxas e as imaxes que se veían así dos prados… parecía Galicia.
E deuseme por pensar que ao mellor Van Gohg algún día, como sabía que era un andarín, pois a ver si hai así algunha historia
na que veña Van Gogh a pintar cadros a Galicia andando e que se perderon os cadros polo camiño.
Eu comecei con esa idea, logo lin as cartas de ateo que ecribiu durante toda a súa vida e está tan perfectamente adaptado a
súa vida que non había forma de metelo en Galicia, polo que decidín aproveitar todo ese traballo e toda esa idea que tiña
narrando eses últimos meses da súa vida en Auvers, máis que nada porque estaba enganchado coa historia, co lugar e coa súa
pintura máis que con el como persoaxe.
Despois descubrín que nun daqueles cadros que pintou aqueles días en Auvers ao pouco de chegar, hai un retratro dun rapaz
con flor, chámase así de feito, que é un adolescente de cabelo roxo que non ten nome. Decidín que ese rapaz entablaría unha
relación con el, e decidín que el fose o que contase a historia. Por iso na novela o protagonista non ten nome, porque é unha pequena
chisca de el e do cadro ese, o rapaz con flor e que non se sabe o nome do adolescente. Logo enfiei todo o fío da novela.
«É unha novela coa que estou marcado porque son o escritor do “O Pintor do sombreiro de malvas”. Tivo moito éxito, introduciuse, vendeuse ben e quedoume ahí.»
-En relación a ese mesmo libro, que interese ou fortalezas cres que ten como libro de lectura na aula?
- Pois Van Gogh. Con iso está moi doado, moitos centros, colexios e institutos aos que ía claro, como é un libro que
permite moitas sinerxias entre distintas materias, a profesora de debuxo por exemplo, coa profesora de galego fixeron
exposicións, pintaron cadros de Van Gogh na aula de debuxo imitando cadros de el, etc. Claro ten ese engadido de que
Van Gogh é un home mundialmente famoso. Ao mellor os rapaces non o coñecen pero lles pos algunhas imaxes dalgún dos
seus lenzos e o identifican. Ten esa facilidade.
Ten o valor engadido de que é Van Gogh, se non se chamase Van Gogh e se chamase Felipe García, seguramente o libro venderíase
moitísimo menos ou tería tido moitísimo menos éxito.
En moitos dos meus libros de narrativa xuvenil o valor engadido que teñen é que moitas veces teñen personaxes históricos
que son coñecidos e que poden servir para falar doutras cousas á vez que fas a lectura do libro.
Para finalizar, gustaríanos mencionar acerca da xenerosidade do autor ao prestarnos un pouco do seu tempo para realizar esta entrevista enfocada á educación e á lectura. En definitiva estamos moi agradecidos/as de poder dirixirnos cara a el e conseguir establecer un bo clima entre entrevistadores e entrevistado.
Os soños na gaiola
Manuel María (1968). Os soños na gaiola (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...
-
Como expliquei na clase de galego unha mañá, este libro pertence a outra persoa a cal mo deixou sen ningún problema. Eu coñecía a auto...
-
O libro escollido para a realización desta recensión crítica foi O misterio dos fillos de Lúa , un relato infantil escrito por Fin...
-
Referencia: GIL, Carmen & ODRIOZOLA, Elena (2005). A princesa que bocexaba a todas horas . Pontevedra: OQO editora. (ISBN: 849657302-...