martes, 1 de febreiro de 2022

O coelliño branco





Este álbum ilustrado presenta unha cuberta e contracuberta que gardan relación tanto en termos de ilustración coma na gamma de cor empregada. Na primeira pódese ver ao protagonista en primeiro plano (o coelliño branco) virado cara á atrás, coma se estivera comunicándose con alguén, que resulta ser a formiga que aparece na contracuberta. Outro aspecto a destacar, moi característico dos álbums ilustrados, é o formato de tapa dura que presenta, contendo no seu lombo tanto o título como o nome do autor, pero prescindindo de sopala e faixa. Ademais, entre a cuberta e a portada (na que se mostra practicamente o mesmo) encóntrase a garda, páxina que facilita a unión entre as páxinas e a cuberta e que recolle información bibliográfica do libro (lugar de publicación, número de edición, isbn…), podendo observar, respectivamente nas iniciais e nas finais, as orellas do coello e as patas das formigas, considerando relevante ademais mencionar a existencia de cromatismos contrapostos (branco e negro) de ambos protagonistas.

A modo de resumo, podemos indicar que se trata dunha adaptación de Xosé Ballesteros do conto popular portugués no que, xunto coas ilustracións de Óscar Villán, conta a historia dun coelliño que, tras regresar da horta en busca de verdura para preparar un caldo, atopa a súa casa ocupada por unha cabra que non lle deixa entrar. Para recuperala, este decide pedirlle axuda a diferentes animais (concretamente un touro, un can e un galo), pero todos se negan polo medo que lle teñen á cabra, sendo finalmente unha formiga a que a consiga expulsar.

Dentro dos álbums ilustrados, e tal e como indica o seu propio nome, un elemento clave en todos eles son as ilustracións, pois ocupan polo menos o 50% das páxinas e encóntranse implícitas xunto co relato textual, é dicir, que se as retiras a obra perde parte do seu sentido. Neste caso, considero que se tratan de representacións moi orixinais que teñen a capacidade de captar o interese dos lectores máis novos (de feito esta obra recibiu o premio nacional de ilustración no ano 1999), empregando para iso tons de cores chamativas e dúas tipoloxías de ilustracións (as de páxina enteira e media).

O motivo de selección deste álbum ilustrado é, ademais da extensión que presenta, a sinxeleza da súa lectura. Así, e debido á cantidade e variedade de ilustracións que posúe, considero que se trata dunha proposta que pode axudar a traballar a lectura no alumnado máis pequeno (primeiro ou segundo de primaria), pois encóntranse numerosas estruturas repetitivas e moitos diálogos. Ademais, outro aspecto fundamental é a posibilidade de traballo transversal que ofrece, pois a partir dela pódense abordar aspectos como a alimentación, os sentimentos, novo vocabulario… incluso a poesía.

Profundizando nas súas potencialidades, unha posible proposta para levar ás aulas sería a dramatización da historia por parte de todo o alumnado, sendo necesario para iso a introdución de novos animais (tantos como nenos e nenas haxa). Outra opción sería a realización dun debate sobre o final aberto que presenta, pensando e argumentando quen cren que é a persoa que fala e por qué non lle quixeron dar o caldiño, pois desta forma traballaríase a imaxinación e orixinalidade de cada un deles.

En canto á alimentación, outra posible actividade sería a posta en común dos ingredientes necesarios para a elaboración dun caldo, podendo consultar estes aspectos cos seus familiares, pois existen moitas tipoloxías dependendo do lugar. Así, desta forma estaríamos introducindo, en certo modo, á familia nas actividades do centro, aspecto que considero fundamental á hora de lograr unha educación de calidade.

Xa para rematar coas propostas, e relacionado tamén coa creatividade, poderíase propor o seguimento, de forma escrita, da historia unha vez que o coelliño regresa da horta, poñendo posteriormente en común as creacións de cada un deles, pois deste modo traballariamos a escritura xunto coa expresión oral. Ademais, e relacionado coa poesía, tamén se podería realizar algunha actividade cos parágrafos que presentan rima, como por exemplo cambiando esas palabras por outras que rimen.

Como peche desta recensión, é interesante destacar a variedade de recursos en liña que podemos atopar sobre a obra, pois existen numerososo vídeos de persoas narrando o conto (como se mostra nesta páxina de kalandraka, que é a propia editorial do conto https://kalandraka.tv/gl/videos/o-coellino-branco/), así como a súa dramatización a partir de diferentes técnicas e estratexias comentadas na clase, xa sexa un teatro de títeres (concretamente de variña: https://www.youtube.com/watch?v=Yo6t3jLfAUU), un teatro de sombras (https://www.youtube.com/watch?v=JwSFm6jIe_o), unha especie de kamishibais (https://www.youtube.com/watch?v=UCQ4vH60H-Q), así como obras de teatro adaptadas musicalmente e protagonizadas por alumnado de centros educativos (https://www.youtube.com/watch?v=ZkxNcf1zdNg), (https://www.youtube.com/watch?v=hPq0ID7NeyA). 

Ademais, neste apartado tamén podemos mencionar o resumo presente na web dos Informes de Literatura do centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, pois recolle dunha maneira clara e concisa un resumo da obra.


FICHA BIBLIOGRÁFICA: BALLESTEROS, Xosé & VILLÁN, Óscar (1998). O coelliño branco. Pontevedra: Kalandraka

A campá da lúa




Ao longo da historia a lectura leva ocupado un papel fundamental en todo o mundo, pois de forma directa ou indirecta encóntrase presente en practicamente todos os ámbitos da sociedade. Non obstante, a pesar deste valor, considero que na actualidade son cada vez menos as persoas que len obras, pois co avance das novas tecnoloxías a maioría da poboación, sobre todo a máis nova, decántase por outras alternativas como poden ser os podcast ou as series e películas.

Cunha visión de futura mestra de Educación Primaria, esta desvinculación ou desentendemento coa lectura obrigame a considerar necesario transmitir e potenciar un hábito lector no alumnado de 6 a 12 anos, pois ademais de ser fundamental para o seu día a día, proporcionaralle numerosos beneficios como o aumento do seu vocabulario, a estimulación da concentración ou incluso o desenvolvemento da imaxinación.

Analizando todas as lecturas traballadas nas aulas durante a miña infancia, recordo con gran agarimo A campá da lúa de Helena Villar Janeiro, pois como xa comentarei máis adiante, tratábase dunha obra totalmente diferente ás que estabamos acostumados a ler. Así, tendo como finalidade impulsar o interese pola lectura, considero que podería ser unha proposta adecuada para traballar nos centros educativos, preferiblemente nas aulas de terceiro curso en adiante.

Comezando coa súa recensión, a continuación mostrarase a súa ficha bibliográfica:

VILLAR JANEIRO, Helena & FERRER, Ánxeles (1999). A campá da lúa. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, Merlín.

Centrándonos na súa análise, o primeiro que debemos comentar é o formato que presenta. Así, trátase dunha obra de tamaño relativamente pequeno onde a cuberta e contracuberta non gardan relación en termos de ilustración, pois a segunda non presenta ningunha (si poderiamos dicir que gardan similitude no referente á gama de cor empregada). Outro aspecto relevante a destacar é o formato de tapa branda que posúe, indicador que nos permite determinar, de forma aproximada, cal é o público para a que está dirixida.

Seguindo coa súa descrición, no seu lombo podemos ver reflectido tanto o título como o nome completo da autora, non posuíndo nin solapa nin faixa. Ademais, entre a cuberta e a portada (que mostran o mesmo) encóntrase a garda, páxina que facilita a unión entre as propias páxinas e a cuberta e que recolle información bibliográfica do libro (lugar de publicación, número de edición, ISBN...)

A modo de resumo, podemos indicar que se trata dun poemario curto de Helena Villar Janeiro (Becerreá-Lugo, 1940) formado por 18 poemas que, xunto coas ilustracións de Anxela Ferrer, remiten cara ó universo do mundo da infancia empregando elementos coñecidos e fantásticos como ananos, nubes, princesas ou gatos. Ademais, na súa fin hai un apartado denominado “Cando a autora fala de si”, onde a escritora comparte recordos da súa infancia.

Dentro da poesía, un elemento clave nas súas publicacións son as ilustracións que presenta, pois neste caso facilitan a comprensión da temática principal de cada un deles. Ademais, cabe indicar que teñen un tamaño equivalente aos poemas e que lucen tonos suaves, todo isto para adecuarse á idade dos nenos á que vai dirixida ou recomendada.

Como xa comentei ao comezo, o principal motivo de selección desta obra é a novidade que pode provocar no alumnado, pois desafortunadamente e dende a miña propia experiencia, a poesía non era algo que frecuentara nas aulas de Educación Primaria. Así, dada a sinxeleza e lonxitude curta que presenta, considero que se trata dunha proposta que permite acercar ao alumnado á poesía con actitude de interese, permitíndolle ademais imaxinar diferentes realidades e ampliar a súa linguaxe.

Considerando interesante traballar aspectos da educación emocional, esta obra conta con dous poemas nos que se aborda o sentimento de tristeza ("Princesa triste") e o de medo ("Canción do medo"), podendo realizarse propostas como a súa lectura e a posterior posta en común na que se compartan os sentimentos e as emocións orixinadas, así como traballar contidos do currículo dentro da materia de Lingua Galega (concretamente do bloque 4), a través da busca de diferentes palabras do poema e a mención do seu xénero e número.

Para rematar, ao tratarse dunha obra publicada no ano 1999 os recursos en liña que podemos atopar sobre ela son escasos. Así, neste apartado podemos mencionar o resumo presente na web dos Informes de Literatura do centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, pois recolle dunha maneira clara e concisa a temática en torno a cal xira o poemario. Ademais, tamén considero interesante mencionar o seguinte video publicado pola Televisión de Galicia na súa canle de Youtube, pois nela cóntase a iniciativa que ten a autora da obra para dar clases de galego a través da rede social de Facebook. https://www.youtube.com/watch?v=1zZhWXqupfk.


Onde está?


VOLTZ, Christian (2009): Onde está?.Trad. Xosé Ballesteros. Vigo: KALANDRAKA 


Estamos a falar dun álbum literario, debido a que se trata dunha obra formada pola sintaxe de narrativa e ilustracións e na cal estas, son imprescindibles para comprender a historia. Está impreso en papel, con tapas duras e composto por 36 páxinas.

En canto á súa cuberta, hai un fondo vermello, como se estivera pintado con acuarelas. No centro, atópase una gran pedra real redondeada cun botón branco debaixo, este está humanizado cun nariz vermello e dúas patiñas negras. Enriba da pedra está o título do libro, Onde está?, en letras brancas e minúsculas e unha liña máis arriba cara á dereita e en letras maiúsculas e negras atópase o nome do autor e ilustrador orixinal, Christian Voltz. Por último, na parte baixa dereita da cuberta recóllese o nome da editorial, Kalandraka, na súa fonte característica. Cabe destacar, que ao estar o fondo pintado e tratarse dunha pedra real, intúese que a cuberta é unha fotografía. 

A contracuberta do libro consiste nun gran fondo de cores verdes e marróns, representando un prado en outono que semella estar pintado, ao igual que a cuberta. Na parte baixa dereita, atopámonos co botón humanizado da cuberta, mentres que na parte superior esquerda, aparece escrito na súa fonte habitual e en vertical “demademora”, o nome da colección á que pertence este libro. Neste caso, a diferenza de outras obras, a cuberta e a contracuberta non están relacionadas, polo que non teñen ningún significado conxunto.

Unha vez abrimos o libro, atopámonos con dúas páxinas baleiras de cor amarela, como se estivera pintada. A terceira páxina é a de créditos, onde se recollen os datos do autor, ilustrador, tradución, editorial e publicación. Na parte superior desta páxina o autor aproveitou para escribir a dedicatoria “Para o señor Anatole, que me pregunta duascentas veces ao día onde está...?”. Finalmente, na páxina anterior ao comezo da historia, aparece a portada, onde se recolle o título do libro en negro e minúsculas na parte superior, o nome do autor orixinal en negro e maiúsculas enriba do título e o nome da editorial no seu estilo propio na parte baixa esquerda. No centro da portada hai unha serie de obxectos entre os que destaca a pedra da cuberta, dous paus de cores, uns arames e uns pelos negros. Esta portada asenta sobre o mesmo fondo amarelo xa mencionado. 

No que se refire ás páxinas da historia, hai un formato común, consiste nun fondo composto por dous elementos: Por un lado, ocupando tres cuartos de páxina o fondo amarelo das follas anteriores; e por outro lado, na zona baixa, unha cor marrón clara. Deste xeito, forman unha parede amarela e un chan marrón. 

As ilustracións son fotografías de obxectos reais que se asentan sobre dito fondo, estes elementos son: a pedra, un pau vermello e outro azul, uns arames, uns pelos negros, un pequeno ferro, uns remaches e o botón branco humanizado da cuberta. Estes elementos atópanse en todas as páxinas, mais colocados de formas diferentes. É precisamente nesta disposición dos elementos onde se atopa o sentido da historia, ó principio están todos mesturados na segunda páxina, é dicir, na par. A medida que vai avanzando o conto, vanse colocando nas páxinas impares. 

Respecto ao texto, aparece en letras minúsculas negras e de tamaño mediano. Este non está recollido de forma tradicional, senón que está situado en calquera sitio da páxina e ás veces de forma torcida, tamén é habitual que cada frase teña un tamaño. Ademais sempre que hai texto, recóllese nas páxinas nas que os obxectos protagonistas están mesturados, é dicir, nas pares. É unha narración moi breve e sinxela, cun vocabulario accesible para nenos e nenas, xa que a verdadeira lectura realízase a través das imaxes.

Neste álbum narrativo de Christian Voltz estamos a buscar algo entre un montón de obxectos. A medida que vai avanzando a historia, imos apartando os elementos que agochan ao protagonista e ordenándoos. Finalmente, tras ordenar todas as cousas, obtemos un novo personaxe e atopamos ao protagonista, un botón branco con nariz e pernas. Mais ao final tropezan un co outro, mesturando todo de novo e situándonos outra vez no comezo da historia.

Toda a historia é contada por un narrador que se comunica constantemente co lector a través de preguntas sobre as imaxes. Así pois, poderiamos diferenciar dous niveis de lectura nesta obra:

1. Por unha banda, unha lectura literal, propia dos cativos. Na cal nos limitamos simplemente a ler o texto.

2. Unha lectura de interpretación das imaxes, de xeito que imos relacionando o texto e as ilustracións para entender a historia. Deste xeito veremos como o final é o principio, é dicir, hai unha estrutura circular. Para levar a cabo esta interpretación é precisa a implicación do lector e no caso de traballar co libro nunha aula, o traballo previo do docente.

Así pois, a partir destes dous niveis de lectura, podemos analizar as potencialidades da obra para educación primaria. Na miña opinión, semella ser un libro moi sinxelo mais este carácter interpretativo fai que o encadre no segundo curso. Onde está? trata o tema da construción e da destrución, tendo moi en conta a creatividade e que calquera cousa pode ser algo ou alguén. Como xa se dixo, o texto está escrito empregando maiúscula e minúsculas, así como os símbolos de puntuación correspondentes, destacando a multitude de interrogacións e exclamacións. Pois isto sería algo a traballar na aula, o uso da maiúscula e do punto, tal como recolle o currículo de educación primaria, no segundo curso, na materia de lingua galega. En concreto, no bloque 3, punto 4: “B3.4. Respecto polas convencións xerais da escrita: uso das maiúsculas e do punto.”. Á súa vez, ese uso de interrogacións e exclamacións co obxectivo de conectar co lector, poderían dar pé a traballar a lingua oral. No currículo atópase no bloque 1, punto 8: “B1.8: Interese por expresarse oralmente coa pronuncia e coa entoación adecuadas”. 

En canto á importancia das imaxes e de ver máis alá dos obxectos, poderíase traballar a creatividade na aula e incluso levar a cabo unha réplica do conto con outros obxectos cotiáns. No currículo, recóllese no bloque 2, punto 4: “Integración de coñecementos e de informacións procedentes de ilustracións”. 


Pérez Gómez, Javier 

luns, 31 de xaneiro de 2022

Artur e Clementina

 TURIN, Adela (1976). Artur e Clementina. Trad: Eva Almazán (2012). Pontevedra: Kalandraka.




A obra escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é Artur e Clementina, un álbum ilustrado que conta cunhas dimensións de 22,5 x 28 cm, de tapa dura e encadernación en cartoné. Na cuberta presenta o título do libro, o nome da escritora Adela Turín e da ilustradora Nella Bosnia e a editorial á que pertence. Seguidamente,  podemos atopar un debuxo das dúas tartarugas aparentemente namoradas, el cun reloxo e ela cunhas flores. Seguindo coa contracuberta, ó tratarse dun álbum ilustrado, a imaxe está relacionada coa portada observándose así o ceo e a herba. Aquí tamén aparece o código de barras e mais unhas palabras que resumen o tema principal do libro. Ten 40 páxinas e na primeira atopamos todos os dereitos. O método de lectura é tradicional xa que se le dunha maneira convencional, de esquerda a dereita e o texto plásmase en calquera parte das páxinas. Por último, cabe destacar que a obra presenta unha linguaxe sinxela e fácil de ler para os cativos/as. Pertence a unha colección de literatura infantil dirixida a nenos/as de 6 anos en diante.


O libro conta a historia de dúas tartarugas, Artur e Clementina, que se coñeceron no lago e decidiron casar. Ela era alegre e contáballe a el os seus plans de vida. Todos os días Clementina propoñíalle algo (tocar a frauta, pintar) e sempre obtiña a mesma resposta, que non ía ser capaz. Ela quería coñecer mundo e el só lle dicía que quedara na casa. Tratábaa coma se non soubese falar nin facer nada ben. Ata que un día decidiu que aquilo non podía continuar así e decidiu abandonalo. Para el foi unha ingrata, pero ela era feliz polo mundo adiante, sen ninguén que lle dixera o que tiña que facer. O argumento trata un tema de gran importancia na actualidade como é o machismo. Hoxe en día tristemente moitas mulleres sofren diariamente abusos e maltratos por parte das súas parellas, o que se chama violencia de xénero. Neste caso, Clementina está farta de recibir comentarios daniños e ofensivos por parte do seu marido, o que se coñece como violencia verbal, que doe tanto ou máis como a violencia física. Clementina tomou a valente decisión de abandonalo para conseguir a súa liberdade e ser quen de tomar as súas propias decisións. 


Tocante ás ilustracións, Nella Bosnia trata de contar a historia desta obra a través dos debuxos que axudan a súa comprensión. No interior do libro, aparecen varias ilustracións que teñen a función de visualizar as accións. Nas primeiras páxinas aparecen as dúas tartarugas xuntas na súa fase de namoramento. Continuando a historia, podemos ver o rostro de Clementina cada vez máis entristecido e cansado. Como ela apenas saía de casa, Artur sempre lle traia algún agasallo para que estivera calada e non se queixara. En cada páxina, observamos a Clementina co seu lombo cheo de obxectos polo que non se daba nin movido. Cara ó final as imaxes que se amosan son de Clementina feliz bañándose no estanque coa idea de deixar para sempre a Artur. Por outra parte Artur está abraiado e enfadado á vez por ver o abandono pola parte da súa muller. 


O narrador é heterodiexético xa que presenta ós protagonistas narrando as súas peripecias e introducindo o conflito, polo que a historia está contada en 3ª persoa.  Prodúcense varios diálogos entre os personaxes principais e secundarios intercambiando información e expresando sentimentos e emocións. 

Como potencialidade, este libro ofrece unha lectura crítica do dominio do home sobre a muller, tomando todas as decisións, consolidando a súa autoridade, mentres ela é unha persoa submisa, dócil e  obediente, subxugada neste caso ó seu marido. É importante facer comprender ós nenos/as a igualdade, ninguén é máis que ninguén, sen distinción de xénero, todos temos dereito a opinar en liberdade, a equivocarnos e a volver empezar. Debemos poñernos no lugar dos demais para mellorar o trato interpersoal na contorna escolar e social. Con esta lectura pretendo destacar a necesidade de distribuír equitativamente as tarefas no fogar sen menosprezar á muller para que non se vexan afectados os seus dereitos. Valorar a importancia de identificar estereotipos sexistas que permitan a toma de conciencia e a denuncia da súa existencia. Por último, cabe destacar que debemos romper prexuízos e barreiras e abrir camiño para futuras xeracións baseándose na coeducación. A igualdade é necesaria para crecer en liberdade. 

Como recurso en liña, achego este contacontos realizado por Carmen Dolmench, https://www.youtube.com/watch?v=JglmWgcN17o, que proporciona dunha maneira lúdica e entretida para os cativos/as unha nova forma de axuda á hora de ler. Grazas ás súas marionetas, representa a perfección todos os contidos do libro. 


Paco Papán

 



Patacrúa  (2007). Paco Papán, ilust. Evelyn Daviddi. Pontevedra: OQO Editora (Colección: O), [40 pp.] (ISBN 978-84-96788-64-0).

Neste álbum ilustrado de Patacrúa e Evelyn Daviddi relátase como Paco Papán un rapaz lacazán vai buscar traballo pero acábano botando por excederse coas tarefas encomendadas. Cando remata a súa xornada danlle propina que sempre perde e nunca lla pode entregar a súa nai. A historia remata co protagonista atopando un traballo que se axeita a el e casando coa filla do seu xefe. Así mesmo, empréganse os días da semana para contar en que traballa cada día.  

Este álbum ten un formato convencional, dado que atopamos ilustracións que acompañan e expresan de maneira visual o que se atopa redactado. Esta é unha lectura recomendada entre 4/7 anos.

Á hora de falar da portada e a contraportada podemos dicir que ambas son de tapa dura e constan dun fondo vermello, na primeira observarmos un personaxe que neste caso será o protagonista da nosa lectura e un paxariño amarelo sostendo unha chave, dunha gaiola ao lado de Paco, que quizais representa a liberdade, ademais do animal sae un bocadillo onde se nomea o título do libro, tamén podemos ver algunhas flores. En cambio, na contraportada podemos ver plantas de diferentes tamaños, unha grande e dúas pequeniñas, acompañadas dunha regadeira, a esquerda e o que semellan herbas pequenas.  Así mesmo temos un código de barras, o nome da colección e un debuxo da editorial.

Observamos que este álbum ten un formato de  25 x 1 x 23 cm, composto por 40 páxinas. A escritora é Marisa Núñez, unha autora galega que adoita publicar as súas obras con pseudónimos (por exemplo Patacrúa ou Luisa Morandeira) e escribe versións de contos tradicionais publicados en formato de álbum ilustrado, como no caso de Paco Papán que provén dun conto tradicional xudeu. Á hora de falar da ilustradora, Evelyn Daviddi, naceu en Carpi, Italia ilustra contos en diversas linguas: castelán, inglés, galego...

Este libro consta dun texto sinxelo e cunha letra grande, está composto de moito diálogo e frases curtas. Ademais, algunhas frases e palabras atópanse en letra grosa e os días da semana, resáltanse con letras maiúsculas. Así mesmo, este texto conta cunha expresión que se repite continuamente, seguramente para que o alumnado a repitan ao unísono co/a docente.

            No referente ás ilustracións, estas son en cor, contan con personaxes moi expresivos e con  accións claras, detalladas e descritivas. Os debuxos empréganse como un recurso para acompañar o que relata o texto. Todas a páxinas contan con imaxes. Xógase coas cores, onde dependendo da situación na que se atope o personaxe empréganse máis vivas ou tons máis escuros. Predomina o emprego da cor amarela e vermella, sobre todo na escena na que se aparecen os namorados.  

Por outra banda, esta obra traballaríaa nunha aula de primeiro de educación primaria, nun contexto lúdico – formativo, onde cada un contaría cun exemplar. Nada máis chegar o alumnado poríalles o recurso interactivo para introducir o libro. Empregaría unha hora da materia de galego, onde leremos, entre todos/as intervindo o/a docente como participante e posteriormente faremos unha posta en común falando do que máis lle chamou a atención aos educando/as e expoñemos preguntas, que deberán responder os/as estudantes como se fora un debate.

As cuestións divídense en dous tipos:

·        Sobre o contido do libro: que fariades vós se fósedes Paco? Cal credes que sería o traballo que mellor se vos dá?

·       Profundando máis no significado deste contido: Cres que unha persoa é boa só para un traballo? Merece a pena seguir loitando ata atopar un traballo, cando cres que deberías deixar de buscar porque non serves para ningún? (esta última pregunta presentaríaa en cursos máis avanzados).

Dende o punto de vista do profesorado, mediante unha técnica repetitiva, as potencialidades a resaltar son: a preguiza e a inocencia, neste caso de Paco Papán, tres tipos de diversidades (A diversidade da xente e dos empregos, hai xente a que se lle dá ben onde Paco presenta máis dificultade e viceversa. A diversidade á hora de tratar os diferentes materiais e como debemos empregalos ou gardalos. A partir do vídeo tamén se pode tratar a diversidade do alumnado), que o importante á hora de facer unha actividade é como a realizamos, por último, o sentimento de persistencia (persistir e nunca desistir, porque sempre vamos atopar algo no que sexamos bos).

O recurso en liña que se usará será o seguinte vídeo: https://youtu.be/b1cbvnN5OgM. Con este aprenderemos unha nova canción, que resume o contido do libro e algúns dos xestos empregados na linguaxe de signos, ademais aproveitaremos este medio para ensinarlle o abecedario nesa lingua. Outro vídeo atopado foi https://youtu.be/X8Bl9HY55sk, onde se encontra o libro e unha persoa que o narra, este recurso non é tan atractivo porque os rapaces non interactuarían do mesmo xeito coa obra.

Escollín o primeiro audiovisual porque ten en conta a diversidade na aula e paréceme un vídeo a destacar porque despois de ver varios audiovisuais en galego sobre álbums ilustrados e outros contos este foi o único que atopei onde se traballe a linguaxe de signos. Ademais outro motivo é ensinar ao alumnado que aqueles que teñen certas limitacións físicas, tamén se poden comunicar perfectamente, e que eles mesmos poden facer uso desta linguaxe.

Seleccionei esta obra porque tanto o Loboferoz de Patacrúa e Chené e Paco Papán eran as miñas obra favoritas da infancia e das que teño un mellor recordo. O que me motivou a decantarme pola segunda foi o recurso interactivo que atopei para traballar na aula. 

 

BIBLIOGRAFÍA

Ei. Abelliñas (31 de xaneiro de 2020). Paco Papán en LSE [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://youtu.be/b1cbvnN5OgM

Taxi Roberto Burela (30 de novembro de 2017). "Paco Papán" - (conto en galego) [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://youtu.be/X8Bl9HY55sk

Pérez, J. y Marín, R. Pep Bruno. Marisa Núñez. [Mensaxe nun Blog]. https://www.pepbruno.com/index.php?option=com_content&view=article&id=833:marisa-nunez&catid=50&Itemid=75&lang=es 

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...