martes, 8 de febreiro de 2022

Os soños na gaiola



Manuel María (1968). Os soños na gaiola (9º ed.). Vigo: Xerais.


Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa branda que consta de 96 páxinas e que está ilustrado por Xaquín Marín.

Na portada aparecen ilustracións que tratan de representar os contidos dos poemas, con cores vívidas, pódese distinguir o medio rural, unha vaca, unha igrexa, un barco, un gaiteiro e un labrego. Na parte inferior dereita da cuberta podemos atopar o logotipo de “Bocaberta” (programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia); á esquerda, o logotipo da editorial “Xerais” e o logotipo de “Voces á orella” (campaña de dinamización lingüística) e, por último, na parte superior esquerda, o logotipo da colección/serie “Merlín”. Case no centro, atopamos un recadro branco no que aparece o título do libro e o nome do autor e do ilustrador. Na contracuberta, atopamos un resumo do poemario e na parte inferior o código de barras que contén o ISBN e a editorial de novo.

Se abrimos o libro, na solapa, atopamos dúas pequenas biografías do autor e do ilustrador. Para rematar, destacar que hai un índice na parte final do poemario.


Os soños na gaiola está formado por 6 bloques que recollen 50 poemas relacionados co mundo infantil galego. Concretamente, “O mundo”, recolle poemas dedicados á lúa, ó arco da vella ou ao río, entre outros. A temática dos poemas tratan da identidade galega e a defensa do propio, do mundo infantil e o universo rural, ademais da necesidade de contar coa literatura, en concreto coa poesía, como método para axudar aos nenos e nenas a entender e construír o mundo que os rodea.

En canto aos poemas, podemos dicir que as estruturas son sinxelas tentando soar rítmicas. Así, son poemas doados de lembrar, xa que procuran ser repetitivos cun vocabulario fácil na súa maioría. En canto ás ilustracións, - que non aparecen en todos os poemas - de cores negras, laranxas e amarelas, reflicten ao/s protagonista/s, aportando ao lector unha imaxe visual.

Este poemario permite traballar a lectura, especialmente a poesía e a recitación. O contido dos poemas permitirá traballar vocabulario e coñecer - cunha representación visual - diferentes entidades ou elementos que se atopan presentes no mundo infantil galego, pero tamén xeral. Ademais, ofrece a posibilidade de traballar a memorización e o ritmo. Tamén a pronuncia, xa que nos poemas se repiten palabras de grupos consonánticos que ás veces poden resultar complexos (como “ch” ou “rr”), reiteradamente. Finalmente, este poemario permite visibilizar a importancia da lingua galega e revalorizar e reforzar a nosa identidade, así como a necesidade da literatura e da poesía como parte da nosa vida.







Recursos en liña

Álbum: Os soños na gaiola (1978), do cantante galego Suso Vaamonde. Ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=SU2c4HLMVMQ&list=OLAK5uy_nwbnC bRkROTuEA9KZCD6c6kb3neIo_WK8

Con Tango son tres



Richardson, Justin; Parnell, Peter e Cole, Henry (2005). Con Tango son tres. Trad. Senra Gómez, Sandra e Senra Gómez, Óscar. Pontevedra: Kalandraka.


Con Tango son tres é un álbum ilustrado impreso en papel e encadernado en tapa dura que consta de 32 páxinas En canto á súa forma, presenta un formato rectangular. Na cuberta aparecen os protagonistas desta historia, tres pingüíns que ocupan moito espazo visual, a pesar de que no fondo pódese atopar unha sobria representación do seu “espazo natural” que, neste caso, queda en segundo plano. Na parte superior dereita, atópase o título do libro, no que cada palabra ten un tamaño diferente, destacando “Tango” sobre as demais. Na parte inferior dereita atópanse os nomes dos autores e, na parte inferior esquerda, o nome da editorial.

Ao abrir o libro, na portada, atopamos de novo o título e os nomes dos autores. Ademais, aparece de novo a ilustración dos pingüíns, neste caso, sen a cría.

A historia céntrase nunha parella de pingüíns que viven nun zoo. Esta parella está formada por Roi e Silo, que viven no zoo da cidade de Nova York. Na época de xestación dos ovos, esta parella formada por dous pingüíns macho, incubaban unha pedra. Na natureza, os pingüíns só incuban un ovo, aínda que poden pór dous. En xeral, abandonan un ao saber que non é viable sacar adiante a dúas crías. O coidador, ao decatarse de que outra parella abandona un dos seus ovos, decide darllo a esta parella de pingüíns, que comeza a coidalo en lugar da pedra. Así, comeza a súa aventura para ser pais e, finalmente, dese ovo nacerá Tango... Pois como o coidador dixo: “Fan falla dous para bailar un tango”.

En canto ás ilustracións, podemos dicir que ocupan gran parte de todas as páxinas, acompañando ao texto e tratando de representar o que se está a contar. As cores son variadas, pero non demasiado vívidas. Estas ilustracións, no inicio do libro, atópanse cargadas de detalles que procuran representar dun xeito fiel a contorna do zoo, así como os animais que viven nel.






Ao avanzar a historia e centrarse nos pingüíns, as cores comezan a ser de tons máis fríos, como a cor azul, branca ou negra, nun intento de evocar o hábitat destes animais que, como xa sabemos, viven en lugares fríos, sobre placas de xeo e preto do mar.


Todas as ilustracións axudan ao lector ou lectora a visualizar a historia, pois acompañan ao texto.




Este álbum ilustrado permite traballar múltiples contidos. Nunha lectura quizais máis superficial, poderíase traballar o animal protagonista, o pingüín. Deste xeito, poderíase utilizar esta historia para coñecer a dito animal, a súa descrición física, o seu hábitat xunto á súa localización ou a súa alimentación, entre outros aspectos. Tamén permitiría coñecer outros animais similares a este ou totalmente opostos, ademais de poder aproveitar o coñecer o seu hábitat para estudar os climas principais que existen no noso planeta, os continentes ou mesmo a localización de países.

Por outra banda, nunha lectura máis profunda e baseada nos sentimentos e valores, poderíase traballar a diversidade e o respecto a ela. Ensinar os diferentes tipos de familia que se poden dar na sociedade e a importancia de respectar a liberdade sexual dos demais. Por outra banda, tamén permite traballar a intelixencia emocional na aula cos nenos e nenas e desenvolver a capacidade da empatía: recoñecer as emocións dos demais como, neste caso, no desexo da parella de pingüíns por formar unha familia e ser pais ou o amor que senten o un polo outro.

Por último, este libro tamén permitiría traballar o respecto aos animais. Grazas á humanización dos protagonistas, os nenos e nenas poden entender que os seres vivos tamén teñen sentimentos e que merecen, ao igual que os nosos iguais, ser respectados. Ademais, que a historia ocorra nun zoo, permite reflexionar sobre o feito de que os seres vivos teñen que ser libres.

Recursos en liña

Lectura do libro Con Tango son tres, por parte dunha alumna do “CEIP de Caión”: https://www.youtube.com/watch?v=k9kclSiyt58&t=56s&ab_channel=CEIPdeCai%C3% B3n


venres, 4 de febreiro de 2022

Con Tango son tres.







RICHARDSON, Justin; PARNELL, Peter & COLE, Henry (2016): Con tango son tres. Trad. Sandra Senra & Óscar Senra. Pontevedra: Kalandraka.

Con tango son tres é un álbum ilustrado de Justin Richardson, Peter Parnell e Henry Cole, traducido por Sandra Senra e Óscar Senra. Presenta un formato convencional con tapa dura e impreso en papel. As ilustracións de Henry Cole recrean escenas, espazos e personaxes do narrado. Este conto narrativo está composto de 48 páxinas, con ilustracións en todas as páxinas, así como na cuberta e na contracuberta. A cuberta contén unha imaxe cautivadora e emotiva na que aparecen os dous pingüíns xuntos, Roy e Silo, máis o seu fillo, Tango. Ó seu carón está o título resaltado en letra gorda e debaixo del, os nomes dos autores máis do ilustrador. Así mesmo, tamén se atopa debaixo á esquerda o nome da editorial, kalandraka. Pola contra, na contracuberta aparecen varios pingüíns no seu hábitat e debaixo á dereita a páxina web da editorial.

En canto á descrición das ilustracións, estas son de carácter expresivo xa que cumpren unha función descritiva de maneira que o texto e a imaxe adoitan estar ligados para así, entregar unha información máis intelixible. As imaxes son bastante realistas e representan as situacións dos pingüíns, destacando varias composicións de viñetas que representan o transcurso da historia.

A maioría das imaxes son claras, de cores suaves, resaltando o azul, o branco e o negro. Estas abarcan case toda a páxina o que facilita unha maior comprensión da historia.

Con tango son tres conta a historia dunha parella de pingüíns macho, Roy e Silo, que viven no zoo de Central Park da cidade de Nova York. Ambos os dous fan todo xuntos ata tal punto de que o seu cuidador Gramzay pensa que están namorados.

Cando Roi e Silo observan que as demais parellas constrúen os seus fogares para posteriormente incubar as súas crías, eles deciden facer o mesmo e elaboran un niño, porén atopábase baleiro. Deste xeito, Roi puxo unha pedra no niño e día tras día a chocaban, máis non aconteceu nada. O cuidador que observara toda a súa traxectoria, decide colocarlles no niño un ovo abandonado que necesitaba ser coidado. Así pois, Roi e Silo o incubaron ata que naceu e, finalmente covertéronse en papás dun precioso pingüín ao que o cuidador chamouno Tango, precisamente porque se necesitan dous para bailar un tango.

Este álbum ilustrado permítenos traballar varios temas e valores co noso alumnado en idades comprendidas entre os 5 e os 7 anos xa que consta dunha estrutura sinxela, vocabulario doado e imaxes claras. Ademais, a empatía e o respeto, temas que trata o libro, estanse a desenvolver nesa etapa. Deste xeito, fomentará o seu desenvolvemento intelectual e a identificación das emocións.

Adentrándonos nas potencialidades, amais do respecto e a igualdade cando se trata naturalmente a cuestión de que hai dous papás; a empatía cando Roi e Silo empatizan co resto de parellas ou mesmo o coidador cando observa que non poden por ovos; o amor que ofrecen os dous pingüíns polo seu fillo, o tema principal do conto é a diversidade das familias, neste caso dunha familia homoparental. Deste modo, permítenos traballar con dous conceptos chave como son a diversidade familiar, é dicir, os distintos tipos de familia que forman hoxe en día a nosa sociedade, e a adopción.


A modo de conclusión, considero este libro un bo recurso para traballar co noso alumnado xa que, como comenté anteriormente, mostra o respecto pola igualdade de xénero, promove e desenvolve o respecto dos rapaces e rapazas cara a outras persoas e os seus diferentes gustos e axuda a comprender a importancia do amor máis do afecto para os que forman parte dun novo hogar.

Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) .



CAMPANARI, José & OLMOS, Roger (2014). Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro). Trad. María Luisa Núñez. Pontevedra: OQO.



Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) é un álbum ilustrado de carácter narrativo. Presenta un formato convencional, con tapa dura, letra bastante ampla e á vez resaltando en letra gorda certas oracións que o autor quere destacar.

Este álbum ilustrado de José Campanari e Roger Olmos conta a historia dun elefante con lunares morados que se namora dunha formiga un tanto peculiar, xa que esta ten cintura de avespa. Todas as tardes o elefante ía observar á formiga. Porén, cando o elefante se deu conta de que o verán estaba a piques de rematar decidiu confesarlle o seu amor. A formiga, que xa percatarase das miradas do elefante, decidiulle deixar unha serie de pistas para que a siga.

Finalmente, tras un longo camiño de aventuras, o elefante atópase coa formiga e conseguen vivir a súa historia de amor.

As ilustracións de Roger Olmos recrean escenas, espazos e personaxes do narrado. Este conto narrativo está composto de 48 páxinas, con ilustracións en todas as páxinas, así como na cuberta e na contracuberta onde a imaxe está unida. Na cuberta aparece un elefante con lunares morados sentado nun metro de cor amarelo que continúa na contracuberta xunto cunha folla de cor vermella con toques verdes.

Cabe destacar que estas imaxes son ilustracións literais, é dicir, aquilo que transmite o texto é plasmado na ilustración. Ademais, ao meu parecer, teñen un toque surrealista e detallado con certas pinceladas humorísticas.

Dende o meu punto de vista, considero que este libro presenta bastantes potencialidades para traballar con nenos e nenas, concretamente en idades comprendidas entre os 6 e os 8 anos.

Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) transmite a historia dun amor sen prexuízos, que pode superar calquera tipo de obstáculos e diferenzas, así como o tamaño, a cor, a cultura, o hábitat, entre outras.

Deste xeito, este libro é unha forma eficaz para tratar a diversidade nas aulas xa que pode axudar ao alumnado a entender que todos e todas somos diferentes Así pois, que iso non signifique un impedimento para non namorarse, como sucede na historia.

Eu como futura mestra traballaría este álbum ilustrado co meu alumnado e, ademais, incorporaría unha obra teatral da historia que se narra. Así mesmo realizaría unha tarefa na que o alumnado podese escoller o animal que queira con algunha modificación, se o prefire (así como un animal mitade cervo mitade tigre de cor verde), e representar unha obra de teatro entre todos e todas, con historias de amor, desamor, amizade, etc. Desta forma, enriqueceriamos a aplicación da lectura xunto coa representación similar da mesma.

Entrevista a María Canosa

 “Aínda que somos moitos os que escribimos, non se consome a literatura en galego que se debería”

A escritora galega María Canosa cóntanos a súa experiencia como autora de literatura infantil e xuvenil en galego.


María Canosa. (14 de Febreiro de 2019). En Wikipedia.  https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Mar%C3%ADa_Canosa_(vertical).jpg

María Canosa Blanco é unha enxeñeira e escritora de literatura infantil e xuvenil galega. Tamén é coñecida pola súa participación como xurado en algúns programas da Televisión de Galicia como "Cifras e letras" e "Como un allo".

Ao longo da súa infancia, transcorrida no lugar de Cee, sempre estivo rodeada de libros pois, como ben se coñece, é filla da escritora Concha Blanco. Así, grazas á importancia da comunicación que aprendeu no seu fogar e o ánimo que lle outorgaban na escola, foi como María comezou a adentarse no mundo da escritura.

Logo duns anos, marchou estudar á Coruña unha enxeñería de Camiños, Canais e Portos pois, como ben ela dicía, quizais da combinación entre números e letras poida saír algo tan fermoso como un arco da vella.

Cabe destacar que, como escritora tivo e ten moito éxito. Así pois, participou en mesas redondas, recitais poéticos, campañas da Xunta de Galicia e recibiu Ao longo da súa infancia, transcorrida no lugar de Cee, sempre estivo rodeada de libros pois, como ben se coñece, é filla da escritora Concha Blanco. Así, grazas á importancia da comunicación que aprendeu no seu fogar e o ánimo que lle outorgaban na escola, foi como María comezou a adentarse no mundo da escritura.

Deste modo, ao longo da súa vida compaxinou, e compaxina, a faceta de enxeñeira coa de escritora e tamén a de colaboradora e guionista de distintos programas da TVG.

Alumnas de Educación Primaria

Ourense

- Como ben sabemos, estudaches unha enxeñería na Universidade da Coruña. Que foi o que provocou que tras rematar a carreira comezases a escribir literatura infantil e xuvenil?

O de escritora eu sempre digo que xa o levaba metido dentro. A verdade é que levo escribindo practicamente toda a miña vida, pois comecei cando era moi nova escribindo contos, durante a Educación Primaria. Ben é certo que non se tratou dun proceso lineal ou constante, pois segundo o tempo do que dispuxera ou debido a situación na que me encontrara escribía máis ou menos.

Un exemplo disto é o período no que estudei a carreira de Enxeñaría de Camiños, non sendo capaz de compatibilizar as ciencias coas letras debido ás numerosas horas de estudo que lle tiña que adicar. Non obstante, o que non sabía é que isto me abriría as portas cara a escritura infantil, pois acostumada a escribir para un público da miña idade en adiante, ao dispoñer de pouco tempo pero non querendo deixar a escritura, comecei a facer obras curtiñas para os primeiros lectores. Tratouse dun proceso complicadísimo, pois sempre escribía para min e á medida que ía medrando, pero foi unha gran descuberta que me impulsou a continuar creando máis ata o día de hoxe.

- Relacionada coa pregunta anterior, houbo algún libro ou escritor/a que che impactara ou influíse en ti á hora de escribir?

Aínda que gran parte do meu interese pola escritura se deu grazas aos profesores que tiven ao longo de toda a traxectoria educativa, non podemos esquecer o decisivo que é nisto ter unha escritora na casa, pois non podo negar que son filla de Concha Blanco. Así, ao isto formar parte do noso día a día, o feito de escribir a miúdo e de dispoñer dunha gran variedade de libros para diferentes idades, fixo que sempre se vise a escritura como algo normal; como quen fai unha tortilla, coce o pan ou sae a pescar.

Na miña casa, miña nai unha das cousas que sabía facer era escribir entón animábame moito a non ter ese medo inicial e a reproducir esa actividade con maior sinxeleza. De dicir, collo un papel en branco e por onde comezo? Pois intentándoo. Todos de pequenos somos animais de repetición e facemos o que vemos na casa.

Ademais, neste ámbito tamén inflúe moito poder ver o proceso máxico dos libros, pois ves un montón de papeis, incluso ata de diferentes tamaños, que finalmente se converten nunha obra, a cal ademais tiveches o privilexio de ler antes que os demais.

“Collo un papel en branco e por onde comezo? Pois intentándoo. Todos de pequenos somos animais de repetición e facemos o que vemos na casa.”

- Como foi o proceso para conseguir que unha editorial publicara as túas obras?

Aínda que moitas persoas pensan que por ser filla dunha escritora se me abriron todas as portas neste mundo, a verdade é que foi un proceso complicado, pois aínda que somos moitos os que escribimos, non se consome a literatura en galego que se debería, dando a impresión ás veces de que nós mesmos nos retroalimentamos.

Para explicar isto temos que dar volta anos atrás, concretamente a cando escribín a miña primeira noveliña, no verán dos meus trece anos, pois fora un ano no que chovera moitísimo e apenas podía saír da casa. Así, escrita sen ningunha pretensión e puro divertimento, esta historia que quedara nun caixón xunto con moitos outros contos e relatos, decidín presentala meses despois nun concurso que se anunciaba no corredor da miña escola, denominado “Rúa Nova”.

Aínda que por desgraza non o gañei, quedei finalista e convidáronme á entrega de premios, tendo a grandísima sorte de compartir mesa de cea con Manuel Beiras García, aínda que nese momento non o sabía. Tras a longa conversa que tivemos durante toda a celebración, e sobre todo sorprendido da miña alegría pese a non gañar o premio, escribiulle á fundación que promocionara o premio para pedirlle o meu enderezo e poder ler o meu relato orixinal, comezando así a intercambiar cartas e facéndonos amigos epistolares (de feito déralle a ler a miña novela a Pura e Dora Vázquez).

Tempo despois, tras recibir a noticia da súa morte pola prensa, decidín recuperar aquel escrito que lle entregara e, tras chamar ás edicións O Castro, comentáronme que levaban tempo buscando á súa autora, pois estes querían publicalo e era un asunto que quedara pendente con Manuel Beiras. Así, tras contactar cun amigo meu de belas artes para que realizase as ilustracións, publicaron o meu primeiro libro.

Así, as miñas seguintes publicacións, tamén foron da man desta primeira xa que nalgúns premios, os editores pedíanme que mandase escritos para publicar. O problema estaba en que tiña moita vergoña, de feito, aínda a sego tendo, iso que non me importa que me critiquen xa que é a mellor maneira de mellorar.

- En que momento se che ocorre sobre que escribir? Porque supoñemos que non é soamente sentarse, pensar que vas escribir e que saia todo non? Por exemplo cando escribiches aquela novela no verán, como foi?

Aquela novela foi a consecuencia de non poder saír da casa, pero, se saíse, que pasaría? Comecei a darlle voltas á cabeza e case que soñar esperta. Imaxinas situacións que che gustaría que pasaran nesa aldea, na aldea da túa vida. Para min esa aldea significa moito; a súa xente, a súa paisaxe, como se fan as cousas, como se vive.

“Comecei a darlle voltas á cabeza e case que soñar esperta.”

Deste xeito, as razóns polas que unha escribe son múltiples e diversas e nunca sabes onde estará esa primeira semente da que vai saír un libro. Como ben dicides vos, algunhas veces non me sae nada e, outras, teño tantas ideas e tan pouco tempo para escribir que a meirande parte das anotacións acaban perdidas. Ás veces, incluso tendo todo o tempo do mundo, a cabeza tampouco está tranquila e disposta para escribir.

Por exemplo, en épocas en que non tiña tanto traballo, non era capaz de escribir, supoñíame un esforzo moi grande; o que desexaba escribir non quería que foise triste, entón non saía nada.

- Entón, ó longo do día non deixas un momento para pensar e centrarte na escritura?

Depende das épocas da vida, oxalá puidese vivir só de escribir. O problema é que non podo vivir só diso.

O tempo que me queda para a escrita é tempo que me sobra, tempo que lle roubo a múltiples cousas: á familia, ós amigos, ó lecer, ó traballo,... Houbo unha época na que tiña unha idea sobre a que quería escribir e erguíame unha hora antes de ir a traballar para escribir concentrada.

Se puidese elixir, elixiría escribir de noite, tranquila. Non obstante, actualmente teño unha idea para plasmar nunha novela para a que non logro sacar tempo, como moito cada semana consigo escribir un pouco.

- En que te inspiras para escribir as túas obras? Segues algún patrón en concreto?

Non precisamente, ó mellor leo algo no xornal e automaticamente xurde unha idea nova que remata nunha novela. Ao mesmo que ocorre nos colexios cando un neno ou nena me fai unha pregunta que deriva noutras cuestións.

O que si é certo é que, para certas idades entre 8 e 12 anos, sempre intento mesturar a realidade e a fantasía xa que considero que é o último momento no que os cativos poden crer na maxia; é dicir, non perder a capacidade de sorprenderse. O feito de introducirte nunha historia sabendo que non é real. Normalmente xogo con iso, pois a maiores de parecerme moi fermoso, noutros niveis non se acepta este tipo de lectura.

“Sempre intento mesturar a realidade e a fantasía xa que considero que é o último momento no que os cativos poden crer na maxia.”

- Que pretendes transmitir ós lectores ou lectoras coas túas obras? Que crees que atopan nelas?

Ás veces teño esa sensación de que os libros que fago non son quizais os que máis lle van a gustar aos rapaces, pero creo que son necesarios. Contarlles e escribirlles cousas que creo que teñen que ler e nas que teñen que reflexionar.

Con isto non digo que os meus libros sexan educativos, pero si que sempre hai valores e temas que creo que se teñen que falar, como por exemplo da tristeza e os sentimentos. Non sempre ten que ser algo moral, pero é preciso tratar temas como a tristeza ou a morte e todos os sentimentos que nos produce. Así, ao mellor non son libros para pasar unha aventura tremenda pero si que che fan reflexionar.

Ler é para divertirse e pasalo ben. Eu o que quero é que os nenos o pasen ben mentres len os meus libros e que gocen desa lectura, pero non é sempre rir a cachón. Ás veces tamén gozas cando te decatas de que algo che tocou. Ao mellor, máis que educativos, son formativos, onde amoso roles diferentes, como por exemplo nenas súper valentes, arriscadas, e nenos sensibles que choran, que botan de menos e que son introvertidos. 

- Unha das túas obras máis coñecidas é a de Emilia Pardo Bazán: unha mente poderosa. Porque tomaches a decisión de realizar unha obra biográfica sobre esta muller galega? Que significa para ti?

Estou moi sorprendida coa acollida que tivo o libro. Leva poucos meses no mercado e comunicáronme que van a sacar a segunda edición, tanto en galego como en castelán.

“Esta obra é unha saída das mulleres, seguindo o camiño da divulgación.”

“Nos colexios non lles falan o suficiente das mulleres [...] que fixeron cousas importantes e valiosas.”

Esta idea xorde da man da editorial, pois foron eles quen me pediron que fixera esta obra biográfica e, logo de moito insistir, accedín a facela pero con moito medo. Nunca antes fixera unha biografía. Unha biografía para xente máis nova e de Emilia Pardo Bazán, que era unha muller moi intensa e un terremoto con moita forza.

Nun principio non sabía como ía contar todo iso, era moi complexo, pero rematei por facelo sobre todo por responsabilidade pois, na editorial, afirmaban que os nenos e nenas da Coruña non coñecían a Emilia Pardo Bazán. Eu pensaba que a tiña que coñecer e, neses días, pregunteille a unha das miñas fillas se coñecía a Emilia Pardo Bazán e a súa resposta foi “Non, teño que sabelo?”. Nese momento deime conta que nos colexios non lles falan o suficiente das mulleres, das mulleres de aquí, que fixeron cousas importantes e valiosas. Por iso, esta obra é como unha saída das mulleres, seguindo o camiño da divulgación dende un estilo máis literario para achegalo ós pequenos.

Era moita información nun mesmo libro, pero os retos é o que teñen, e a min gústanme os retos e gústame experimentar. Ademais, así tamén cambiaba un pouco o estilo pois, cando remato un libro, intento que o seguinte sexa algo diferente para poder separar máis as historias e non contaminar uns libros con outros.

Nesa liña, era algo novo e que nunca fixera. Ó fin deu resultado xa que nos colexios estase empregando e non só para os máis cativos, senón para calquera persoa que quere saber un pouco de Emilia Pardo Bazán. Estou moi satisfeita por cumprir esa parte de responsabilidade como escritora.

- Cando comezaches a presentarte a concursos literarios, cres que se non houbeses gañado ningún premio de literatura seguirías escribindo? 

Seguiría escribindo con certeza pero, ao mellor, non me atrevería a mandar ás editoriais os textos.

A dos premios, é unha arma complexa porque hai que saber tomalos como son. Estes están formados por xurados con criterios subxectivos pero que sempre contan cun factor persoal en cada un deles. Eu mesma podo recoñecer que hai obras de distinta temática que están moi ben escritas pero sempre me van gustar unhas máis que outras. Entón, cando te presentas a un premio literario hai que ter en conta moitos factores: a obra que se presenta, o tipo de obra, a temática, as persoas do xurado, a sorte,... Non cabe dúbida que ten que haber sempre un mínimo de calidade literaria pero, tamén inflúen as circunstancias do momento.

Ben é certo que nun tempo longo non me presentei a ningún concurso literario, porque perdera a costume e tampouco me sentía con forzas para intentalo. Ás veces tamén inflúe a moralidade da persoa e a fortaleza psicolóxica. Gañar un premio sempre gusta pero, que non leves moitos premios, non significa que non sexas un bo escritor.

- Que supuxo para ti recibir o premio Merlín de literatura infantil no ano 2017?

O premio Merlín para min era un premio moi especial; eu sempre digo que tiñamos unha relación de amor-odio.

Durante moitos anos non me presentei a este premio a pesar de que, como escritora infantil, sempre dicía que quería conseguir o premio Merlín. Entón, un día, miña nai díxome “Eu entendo que che guste o premio, pero ti presentácheste algunha vez? Se non te presentas non o vas gañar”. Foi nese momento cando me animei a escribir unha obra, Rubicundo, coa intención de enviala ó premio Merlín. Como unha costume en min, quedei finalista e non levei o premio, así que púxenme en contacto co xurado e a editorial para saber se tiña moitos erros a miña obra e se quedara moi mal na clasificación, dándome de conta que en realidade tan só había outro libro que gustara máis.

Así, ó ano seguinte volvinme presentar e de novo quedei finalista co libro A cazadora de estrelas. Como xa era costume, volvín chamar ó xurado para coñecer as opinións da miña obra pero, o que me sorprendeu foi que algunhas persoas do xurado si quería que gañase. Así, modifiquei aquelas partes que menos gustaban e ó seguinte ano volvín presentar este mesmo libro xa que o xurado non era o mesmo. Non obstante, outra vez levei un desgusto a pesar de saber que esta obra tiña algo bo xa que gustara dous anos seguidos.

Para min era inevitable non pensar que era o que me faltaba en vez de, que é o que tiña. Así, cheguei a un punto de obsesión máxima no que non sabía por onde comezar a escribir. Era algo moi absurdo pensar cal era a fórmula máxima para gusta no Merlín, pois non existen fórmulas máxicas. Un libro vai de saber escribir, de cabeza e corazón. Nese momento deime conta que non escribía para gañar o premio, senón polo que queda, para que siga habendo libros e lectores, polo que lles conto aos nenos e para que estes o pasen ben. 

Tras darlle moitas voltas, decanteime por escribir un libro como os de cando era pequena, unha historia fabulosa que ninguén esperaba. Non obstante, a miña idea non era enviar este libro ó premio Merlín pero, por non quedar coa dúbida, rematei por facelo. Xa non era o mesmo, este ano o libro non era tan orixinal para min senón, máis ben, máis tradicional.

Así, como unha especialidade volvín quedar finalista pero, o que non contaba era que o xurado me chamase para confirmarme que fora a gañadora.

Non cabe dúbida que foi un momento moi especial xa que era como un premio a maiores, de dicir, escribín o que quixen sen pensar no éxito. Ademais, este libro era como un recollemento cara min, falaba moito dos avós e das cartas que me levaban a pensar en Manuel Veiras, nesas primeiras cartas que escribía. Era un libro moi meu, moi para min.

- Poderías dicir cal é o libro que máis significa para ti dentro da túa produción literaria, no caso de que o teñas?

Todos os libros son moi distintos. Este último era un dos especiais, pero tamén Rubicundo ou Ana xa chegou, que o escribín cando naceu a miña primeira filla. O primeiro libro tampouco se volve repetir e a sensación non a volves sentir de novo.

Nunca podo elixir un en concreto, son moitos libros e sempre digo que o primeiro é moi especial pero o último tamén.

- E xa para rematar e, como curiosidade, ademais de ser enxeñeira e escritora, tamén sabemos que tiveches grandes papeis na TVG (Televisión de Galicia), dende guionista ata colaboradora en algúns concursos como ‘Cifras e Letras’ ou ‘Como un allo’. Como conseguiches compaxinar todas estas labores?

Todo está na deriva de deixarte ir. Cantas máis cousas fas, máis es capaz de facer. Non sei como o conseguín porque había épocas nas que escribía ó mesmo tempo que traballaba en obra ou colaboraba na televisión.

Tamén é verdade que o da televisión foi moi fortuíto. Cando me chamara Paco Lodeiro para colaborar en ‘Cifras e Letras’ eu estaba segura de que era una broma, pero non, era verdade. Sen dúbida foi unha experiencia na que aprendín moito e o pasei moi ben, ao igual que de guionista no programa ‘Como un allo’. Esta foi unha faceta que me gustou moito, pois era un programa cultural, no sentido amplo da palabra, no que se valoraba Galicia en xeral. Así, a pesar de ter moita responsabilidade, aprendín moito destas experiencias.


Ti, que estás a ler isto, quizáis non coñecías estas pinceladas máis persoais de María. Agora podes coñecer un pouco máis desta autora galega e mesmo adentrarte nas súas lecturas. Esas lecturas que contan historias moi entretidas e nas que se agochan mensaxes e experiencias da propia autora como en Ana xa chegou


Barreiro García, Alba; Losada Rodríguez, Alba; Torregrosa Redondo, Maider; Vázquez Vázquez, Lucía.

mércores, 2 de febreiro de 2022

Grandes contra pequenos

 Carreiro Fernández, A. (2003). Grandes contra pequenos. A Nosa Terra.



O libro en cuestión titúlase Grandes contra pequenos, pertencente á colección Contos do Miño e á editorial A Nosa Terra. O seu autor é Abraham Carreiro Fernández. Esta historia é unha versión dunha fábula ou conto popular e foi publicada no ano 2003.


Nesta obra atopamos unha historia seguida, sen capítulos, na que o narrador está en terceira persoa, é dicir, a historia é contada por un narrador omnisciente. Hai dous personaxes principais: o sapo e a raposa, e varios secundarios: o lobo, o oso, o porco bravo, a cabra montesa e os bechos cativos (grilos, tabáns, formigas, toupeiras, saltóns, abesouros…)


O libro móstranos un pique entre a raposa e o sapo, xa que a primeira búrlase do segundo polo seu tamaño. Isto desemboca nunha guerra entre animais grandes (amigos da raposa) e animais pequenos (amigos do sapo). Dita batalla termina coa vitoria do equipo do sapo, que emprega a súa intelixencia e maña a través de recursos que teñen ao seu alcance para conseguir gañar, ensinándonos de que non por ser máis grande e forte eres mellor que alguén pequeno e aparentemente débil. Todos/as somos iguais e cada un/unha pode ser útil para unha cousa.


Estamos ante un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está cuberto por ilustracións e conta con tapa dura.


Na cuberta, atopamos ao equipo de animais grandes dispoñéndose a atacar aos animais pequenos e na contracuberta observamos a este último grupo sendo visto dende os ollos dos animais grandes. Este debuxo é rodeado polas grandes fauces do lobo, que observa ao equipo do sapo dende unha perspectiva de superioridade. O título da obra aparece con grandes letras na parte superior da cuberta, para deixar na parte inferior esquerda o oco para a editorial e a colección, que volven aparecer na contracuberta ao carón da sinopse da historia. 


 No comezo e no final do libro hai unhas gardas azuis nas que vemos debuxadas unha epecie de olas.


 Na páxina de créditos, podemos apreciar a diferente información acerca do libro: o nome do ilustrador, o lugar de edición (Rúa do Príncipe, 22, Vigo)...


Ao carón da páxina de créditos atopamos a anteportada, na que volve aparecer o título da historia, así como a colección e a editorial, que se atopan plasmadas nun cadro co mesmo deseño que observábamos nas gardas. Estes elementos están recollidos nun gran cadro violeta que ocupa case toda a páxina. Este é rodeado por diferentes escenas do libro, que tamén atopamos na páxina de créditos. Unha vez pasada a anteportada, comeza a narrarse a historia. 


En canto ás ilustracións, estas ocupan unha parte fundamental na historia. Xuntan a páxina esquerda e a páxina dereita nunha única, que vai acompañada dun breve texto que sempre está colocado na parte superior esquerda ou dereita. Estas son realizadas por Abraham. Dito autor crea neste libro uns personaxes robotizados, dándolles desta maneira unha pincelada futurista, así como divertida e innovadora. As cores que emprega non son moi intensas, máis ben prefire optar por unhas cores tenues; xoga co marrón, co azul marino, cos verdes… En cambio, podemos apreciar nalgunhas ilustracións como na paisaxe si que añade cores máis intensas, como o vermello, o branco, o amarelo ou o laranxa para formar follas. 


Introduciría dita obra entre os primeiros cursos de primaria, primeiro ou segundo, debido a súa linguaxe sinxela e a brevidade do texto, co converten nunha obra doada de ler. 


Este libro paréceme unha moi boa opción para o alumnado de educación primaria, xa que aporta un valor moi interesante para traballar cos máis pequenos e pequenas: non crerse máis que ninguén, nin xulgar aos demais polas súas apariencias. Neste, o grupo dos bechos miúdos demostra que, a pesar do seu tamaño, pode derrotar aos animais máis feroces e grandes.


Finalmente, en canto ós recursos en liña sobre esta obra, non se poden atopar ditos elementos en galego.


Abalde Rodríguez, Kevin


O misterio dos fillos de Lúa






Casalderrey, F. (1997). O misterio dos fillos de Lúa. Ediciones SM.


A obra en cuestión titúlase O misterio dos fillos de Lúa, unha obra da famosa autora Fina Casalderrey, pertencente á editorial Ediciones SM e á colección O Barco de Vapor. O libro escollido é a 7ª edición, que foi escrita en 1997. Dita historia é gañadora de varios premios, como o Premio O Barco de Vapor 1994 ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.


En canto ao formato, dita obra conta con tapa branda. Na cuberta podemos observar unha gata (Lúa) dándonos as costas aos lectores, enriba dun tellado e observando unha enorme lúa. Nesta recóllese o título, o nome da autora, a colección e a editorial, así como tamén aporta os premios que recibiu e o número de edición.


Por outra banda, a contracuberta ofrécenos un breve resumo da historia e a importancia desta para a carreira de Fina Casalderrey. Tamén volve aparecer a colección e lemos en letra grosa a idade dos nenos e nenas para os/as que vai recomendado o libro: “a partir dos 9 anos”. Nesta, ademais, observamos a un neno e unha nena (David e Branca) correndo cara á cuberta, animando aos lectores e lectoras a comezar a historia.


Unha vez aberto o libro, atópase unha garda en branco e deseguido, a portada, na que volve aparecer o título, o nome da autora, os diferentes premios acadados e a edición. Pasada esta, atopamos a páxina de créditos, a cal nos aporta moita información, xa que nela aparecen datos relevantes, como quen realizou as ilustracións foi Manuel Uhía, que este libro imprimiuse en España, na imprenta SM, ou que a primeira edición creouse en abril de 1995 e a séptima, a que estamos analizando, en setembro de 1997. O libro non conta con solapas. Un dato curioso é o índice, que se sitúa ao final do libro en lugar de facelo ao principio, como é o habitual. 


Cabe destacar que O misterio dos fillos de Lúa forma parte da “Serie Laranxa”, que conta con vinte e unha historias diferentes. No lombo observamos escrito o número 21, polo que o libro en cuestión é o último da serie. Podemos coñecer os demais títulos desta na páxina seguinte ao índice, situada a continuación doutra garda branca. Despois desta atópase a  “Serie Vermella”, formada por 26 obras. Esta será recomendada para nenos e nenas a partir dos 12 anos de idade.


O xénero da obra é a novela, xa que é unha narración extensa con personaxes que se relacionan entre eles. A historia está dividida en 28 capítulos, nos que o protagonista é David, un neno de 8 anos que narra en primeira persoa as aventuras da súa gata Lúa, a cal o seu irmán maior, Quin, atopa nun cemiterio. Dita gata protagonizará un gran misterio ao desaparecer os seus gatiños cando esta pare en dúas ocasións. Será entón cando, no seu terceiro parto, David, coa axuda de Branca, a súa noiva de tamén 8 anos, procurará encontrar os fillos de Lúa. Os demais personaxes son a nai de David, o pai, a avoa, a tía Sita e o veciño Indalecio, principal sospeitoso da desaparición.


O libro conta con diferentes ilustracións. Estas son en branco e negro e atópanse situadas na folla dereita, na impar. Dito método axuda a potencialas, xa que na folla esquerda perden relevancia ao ser o lado menos observado polos ollos lectores. 


A linguaxe é sinxela e infantil, propia da infancia, o que conseguirá que os nenos e nenas se sintan identificados/as co personaxe principal. Na linguaxe tamén podemos observar a presenza do humor e da ironía.


Introduciría esta obra no alumnado de Educación Primaria, entre cuarto e sexto, xa que lles aportaría valores como o amor, o respecto ou o cariño polos animais. Tamén está presente o misterio, que nos pode dar moito xogo á hora de querer realizar diferentes actividades. Unha das posibles actividades sería, despois de ler o libro conxuntamente na aula, dividir ao noso alumnado en pequenos grupos de traballo e que pensen e creen un novo misterio. Unha vez creado, poderíase elaborar un pequeno teatro no que os nenos e nenas exploren a súa creatividade, así como tamén serviría para traballar o falar ante o público.


Debido ao famoso que é o libro, este atópase na rede e existen varios recursos en liña para trasladar á nosa aula, como diferentes vídeos en youtube que nos poden servir para realizar unha lectura máis visual e dinámica. 



Abalde Rodríguez, Kevin

 Bailar nas nubes


Starkoff, Vanina (2010). Bailar nas nubes. Pontevedra: Kalandraka


Este libro chámase Bailar nas nubes e foi escrito por Vanina Starkoff e publicado no ano 2010. A editorial á que pertence é Kalandraka e o lugar de edición foi Pontevedra. Esta obra foi finalista do III Premio Internacional para álbumes ilustrados no ano 2010. 

Nesta obra estamos ante un conto seguido sen capítulos, onde o narrador está en primeira persoa e a que fala é unha nena. Os personaxes que compoñen a obra son a rapaza, protagonista e, os seus veciños os secundarios. 

A historia mostra como unha nena, da que descoñecemos o nome, desexa bailar coas nubes e a súa nai non lle deixa. Pasan os días e van aparecendo veciños novos, que constrúen as súas casas debaixo da casa da protagonista, a cal comeza a sentirse feliz con esas persoas. Un día, cando chegou xa moi alto, logrou ver as nubes e bailar con elas, non obstante, o silencio que alí había puxo moi triste á rapaza, que decidiu volver xunto os seus veciños e seguir alí a súa vida. 

Este é un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está ocupado por ilustracións, de tapa dura e con papel de gramaxe alto. A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece unha rapaza mirando cara á esquerda, subida a un conxunto de casas. Na parte superior aparecen o título do libro e o nome da autora e, na inferior, a editorial. Na contracuberta continúa a ilustración que se mostra na parte dianteira, o código de barras co ISBN correspondente. De seguido, na anteportada non aparece nada escrito, e na portada encontramos de novo o nome da autora co título do libro e a editorial, xunto cunha pequena ilustración, representada por casiñas, unhas enriba das outras. Na parte esquerda aparecen o título orixinal, o nome da colección e da editorial, o ano de publicación, o lugar onde se editou e imprimiu e o ISBN. Desta maneira podemos saber que esta edición que estamos analizando é a primeira. A continuación xa comeza a relatarse a historia. 

Neste álbum ilustrado podemos observar que o texto é moi escaso e que as ilustracións son un punto clave para poder comprender a historia que se está a narrar. As ilustracións deste libro ocupan ambas caras e ás veces só aparecen na dereita. Isto ocorre xa que a vista humana enfócase primeiro nesta parte, polo que a autora estalle querendo dar máis importancia aos debuxos que ao relato, que pasa a ser algo secundario. Ademais son ilustrativas, expoñendo todo o que di o texto. 

A lectura deste libro é moi interesante para nenos e nenas de Educación Primaria. Con el poderiamos tratar temas como por exemplo os sentimentos e emocións que experimentamos os seres humanos no noso día a día ou como co paso do tempo imos madurando e cambiando de gustos e opinións. A rapaza do libro consegue o que quere e aínda así decide baixar cara ao seu pobo xunto cos seus veciños, xa que arriba, nas nubes, séntese soa. Isto é algo moi importante que se debe traballar cos nenos e nenas na aula, que expresen as súas emocións, e crear debates e traballos interactivos sobre a temática. 

Finalmente, en canto aos recursos en liña sobre esta obra podemos encontrar en google diversos vídeos onde nenos, nenas e algún adulto/a len o libro e coméntano, o cal pode ser unha boa alternativa para poder traballalo na aula. Por outra banda sería interesante traballar esta lectura levando a cabo unha obra de teatro en clase, desta maneira os nenos e nenas desfrutarían da lectura dunha maneira máis divertida e cooperativa.


 Frederick

Lionni, L (1967). Frederick. Kalandraka


Nesta obra estamos ante un conto seguido, sen capítulos, onde o narrador está en terceira persoa. Os personaxes que compoñen a obra son cinco ratos e o protagonista é Frederick, un deles. A historia mostra como catro ratiños traballan día a día para conseguir alimento para os días fríos de inverno, nos que terán que resgardarse nun muro de pedra. Mentres, un dos ratiños, chamado Frederick, en lugar de recoller alimento adícase a recoller raios de sol, cores e palabras para eses días tan duros. A súa familia repróchalle a súa actitude nalgunhas ocasións. Chegado o gran día no que teñen que entrar no muro para pasar unha larga tempada comezan a comer o que teñen pero, pouco a pouco, a comida empeza a esgotarse. Nese momento os catro ratiños pregúntanlle a Frederick onde está todo iso que recolleu mentres os demais collían alimento, así que este fixo posible que pechando os ollos o resto puidera sentir a calor, as cores e tamén as palabras, cun bonito poema que compuxo sobre as estacións. Todos quedaron marabillados ante a arte dese pequeno rato, un rato poeta.


Este é un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está ocupado por ilustracións, de tapa dura e con papel de gramaxe alto. 

A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece un rato cunha flor mirando cara a adiante. Na parte superior aparecen o título do libro e o nome do autor, na inferior o nome da editorial. Na contracuberta aparece a parte traseira do rato que se corresponde coa ilustración que se mostra na parte dianteira, o código de barras, o ISBN correspondente e o nome da colección na parte superior. De seguido, na anteportada non aparece nada escrito, e na portada encontramos de novo o nome do autor co título do libro e a editorial, xunto cunha pequena ilustración, a mesma da contracuberta. Na parte esquerda, aparecen o título orixinal, o nome da colección e da editorial, o ano de publicación, o lugar onde se editou e imprimiu e o ISBN. A continuación xa comeza a relatarse a historia.

Neste álbum ilustrado podemos observar que o texto é moi escaso e que as ilustracións son un punto clave para poder comprender a historia que se está a narrar. As ilustracións deste libro ocupan ambas caras e van expoñendo todo o que di o texto, o cal aparece a maior parte do tempo na páxina esquerda.

A lectura deste libro é moi interesante para nenos e nenas de Educación Primaria. Con el poderiamos tratar temas como as emocións que nos producen certas situacións e o importante que é axudarnos entre todos cando as cousas se poñen difíciles. Este libro tamén lles pode servir aos nenos e nenas no futuro, xa que conta que cada un debe ser o que queira ser, sen importar o que pense ou diga o resto. Unha das actividades propostas sería crear unha obra de teatro en grupos de 5 alumnos/as contando a historia de Frederick para despois representala en clase. Outra actividade sería crear unha continuación desta obra, onde cada neno/a debe buscarlle unha historia nova a Frederick, desenvolvendo así a creatividade e a fluidez na escritura. Cada un lerá o conto que creou en clase, diante dos seus compañeiros, traballando neste caso a lectura. Por último, escollerase un conto dos que crearon ao azar e o alumnado deberá crear un mural na clase que represente esa historia, para despois colgalo na parede.

Finalmente, en canto aos recursos en liña sobre esta obra o único que podemos encontrar en google son diversos vídeos onde se narra a historia acompañada de representacións moi interesantes.

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...