luns, 29 de novembro de 2021

O Manual das Bruxas



Malcom, B. (1985). O Manual das Bruxas. Vigo: Editorial Xerais de Galicia, [96 pp.] (ISBN: 9788475071961)

O Manual das Bruxas, álbum ilustrado de Malcom Bird, reescribe a concepción de maldade que temos das bruxas, converténdoas en boas persoas a través de fortes trazos de humor, onde elas pasan a ser as protagonistas e toman o rol de profesoras ensinándolles aos cativos/as curiosidades sobre elas e dos lugares que os rodean. A obra contén once capítulos curtos nos cales os personaxes principais contan a súa vida cotiá e algúns dos seus segredos.

Este álbum non ten un formato convencional, dado que atopamos viñetas en certas partes, que nos recordan ao formato dun cómic e outras nas que se emprega unha imaxe e se indican os seus elementos, como por exemplo, a casa que aparece máis adiante. Este é un libro impreso nun papel diferente ao resto, dándolle unha visión de folla antiga.

Á hora de falar da portada e a contraportada podemos dicir que ambas son de tapa dura, na primeira podemos observar como nos adianta a temática deste escrito, cun debuxo dunha bruxa sostendo o mesmo, enriba aparece o título e debaixo o nome do autor. En cambio, na segunda só vemos debuxada unha folla dunha libreta en cor amarela, onde temos críticas doutros autores sobre a obra.

Observamos que este álbum ten un formato de 23x26 cm, composto por 96 páxinas. O escritor é o propio ilustrador, así mesmo, a persoa encargada de traducir este libro ao galego foi Xosé María Bouzó Fernández. A súa lectura recoméndase a partir dos seis e sete anos e é considerada como unha obra de carácter infantil e xuvenil.  

  En canto ás ilustracións, podemos atopalas en cor ou en branco e negro, cada unha delas conta unha historia que vén posteriormente acompañada cun texto. Todas as páxinas contan con imaxes, estas son moi detalladas e expresivas, e como o libro, teñen tamén certo carácter humorístico. A maioría representan unha acción, ademais nelas non só vemos as bruxas, temos algunhas ilustracións descritivas de elementos como as súas casas, obxectos empregados por elas, e ata algunhas das súas mascotas. Utilízanse unhas cores vivas, onde predominan o amarelo e os tons escuros. Gran parte dos debuxos veñen en viñetas.

Ao final do conto, pódese atopar certos elementos complementarios como unha sopa de letras, recortes... Nas tres últimas páxinas vemos un índice dalgunhas palabras usadas ao longo do álbum. Esta parte aproveitarémola para xogar con eles e facer que desfruten máis o libro. A sopa de letras realizariámola na pantalla dixital da aula, entre todos e todas por orde, e os recortes imprimiríanse para que cada un poda completalos.

Por outra banda, esta obra traballaríaa nunha aula de segundo de educación primaria, nun contexto lúdico – formativo, onde cada un contaría cun exemplar. Leríamos en oral entre todos/as intervindo a/o docente como participante. Cada día na hora de galego a última media hora/vinte  e cinco minutos (depende da extensión do capítulo por exemplo o primeiro é moi curto e levaríanos vinte minutos traballalo, non obstante, o segundo igual hai que traballalo en dúas clases) empregariámola para este álbum (leríamos un capítulo e os últimos minutos poríamos en común o que lemos), como o escrito consta de once calcúlase un total de 11 sesións aproximadamente para a súa lectura, unha 12ª para poñer en común esta obra e unha 13ª na cal veríamos a curta e falaríamos sobre ela.

Dende o punto de vista do profesorado a maior potencialidade que podemos apreciar é o traballo do vocabulario. Outra característica a salientar é o dinámica que é a lectura. E por último, débese destacar non só a diversidade das bruxas se non a das materias que nos presentan.

O recurso en liña que se empregará será o seguinte vídeo: https://youtu.be/-oWj0igPIMI Pararíao no minuto 9.26 e debatería que cren que vai ocorrer co bicho a continuación. Posteriormente, preguntaríalles cal é relación que ven entre o vídeo e o libro, ademais tamén faría unha ficha que se realizaría conxuntamente na pantalla dixital.

Escollín este obra porque despois de ler varias que tiña dispoñibles esta foi a que me pareceu a máis adecuada e máis atractiva para o alumnado, descartei títulos como A señorita Bubble de Ledicia Costas ou Ameaza na Antártida  de Ramón Caride.


Luscofuscotv. (13 de novembro de 2011). A bruxa regañadentes [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://youtu.be/-oWj0igPIMI

venres, 26 de novembro de 2021

O misterio da casa do Pombal



Casalderrey, F. (2011). O misterio da casa do Pombal, ilust. Manuel Uhía. Pontevedra: Editorial  Xerme (Colección: O barco de vapor), nº 20, [79 pp.] (ISBN 978-84-9854-142-7).

 O misterio da casa do Pombal é un libro impreso en papel con tapas brandas, cun formato de 19 x 12 cm e composto por 79 páxinas. O texto é de Fina Casalderrey e as ilustracións son obra de Manuel Uhía. A lectura desta é recomendable de 7 a 9 anos.

A maior parte da cuberta está ocupada por unha imaxe dun neno e una nena xunto a un tesouro e acompañados por un paxaro e un gato. O título da obra insírese na parte superior da cuberta en letras negras e de gran tamaño, por riba del aparece o nome da autora. Na parte superior da cuberta aparece o nome da serie á que pertence xunto ao distintivo, que é a ilustración en fondo amarelo dun barco de vapor. A contracuberta garda similitudes coa cuberta, xa que ámbalas dúas están en fondo azul; mais nesta última, atopamos na marxe esquerda o título da obra e o nome da autora en letra máis pequena e no lado dereito temos unha sinopse da historia, así como a idade para a cal se recomenda a lectura. Na parte inferior esquerda está o ISBN e o código de barras.

Con respecto ao texto, é unha narración sinxela cun estilo narrativo similar ao conto, conta cun narrador en terceira persoa. O léxico empregado é sinxelo, o tamaño da letra é axeitado para o alumnado de 7 a 9 anos. A historia divídese por capítulos, conta con numeración ao pé de páxina agás nas páxinas con ilustración total.

As ilustracións, de Manuel Uhía, teñen un estilo que recorda aos debuxos animados o que as fai máis atractivas para os cativos. Emprega unha extensa paleta de cores. Na obra atopamos principalmente dous tipos de ilustracións: as de páxina enteira e as de media páxina; ambas axudan a unha mellor comprensión da historia así como fan fincapé en elementos importantes do relato, é dicir, as ilustracións son apoios da narración.

A lectura trata sobre a misteriosa casa do Pombal. Todos os habitantes de Vilacova teñen medo da casa do Pombal, xa que din que está enmeigada. Ninguén se achega a ela ata que un día aparecen Rosa e os seus dous netos adoptados, Ramón e Rita, xunto coas súas mascotas. A casa parece que ten vida propia e unha misteriosa luz azul chama a atención dos nosos protagonistas así coma do pobo enteiro. Despois de investigar na casa esa misteriosa forza leva a Ramón e a Rita a encontrar un tesouro baixo o chan, o cal precisa para ser aberto dunha chave que trae a súa avoa Rosa despois de que unha muller con ollos bicolor lla dera. E así pódese cumprir o soño de Rosa de ter un fogar grande onde coidar e axudar a moitos nenos orfos coma os seus netos.

Escollín esta obra, debido a que foi unha das poucas das que o meu irmán pequeno garda un bo recordo. Ademais transmite unha mensaxe moi positiva: que o que axuda aos demais seralle recompensada esa bondade. E creo que é un valor que debemos transmitirlle ao alumnado.

Como futura docente, considero que este libro será un bo recurso para empregar nos cursos de 4º e 5º de Educación Primaria posto que se traballa unha temática propia da literatura galega, as lendas de mouras, e traballa valores tan importantes como a bondade, o bo facer, a curiosidade. Así como, os tipos de unidades familiares que pode haber, neste caso unha señora maior e dous nenos orfos.

Actividades propostas para esta lectura:

-          Antes da lectura proporía que dixeran posibles teorías/hipóteses de cal é o misterio da casa do Pombal. E ideas previas que tivesen sobre a obra. Lanzar hipóteses, intuír posibles liñas argumentais...

-          Investigación por grupos sobre lendas de mouras

-          Recreación dramática da obra literaria. Podería ser un kamishibai ou teatro con monicreques.

-          Traballamos valores. Que é a xenerosidade? Como se ve no texto? Parécevos que Rosa é xenerosa?

-          Tipos de unidades familiares. Cal é unha boa familia? Son todas as familias como a de Rosa? Que motivaría a Rosa a formar a súa familia? Cal é unha “boa” familia segundo os nosos valores culturais?

Recursos en liña non atopados.

xoves, 25 de novembro de 2021

¡¡¡Lume!!!




CASALDERREY, Fina & UHÍA, Manuel (2006): ¡¡¡Lume!!!. A Coruña: RODEIRA

 

Estamos a falar dun relato convencional, así pois o seu formato e a súa lectura son tamén convencionais. Está impreso en papel, con tapas brandas e composto por 32 páxinas.

En canto á cuberta, no centro aparece unha ilustración do protagonista da obra apagando un lume, esta imaxe poderíase encadrar nun dos momentos da historia, mais non está incluída dentro do libro. Encima da ilustración, no centro alto da cuberta, aparece o título do libro, ¡¡¡Lume!!!, en letras cursivas, minúsculas e de cor gris. Debaixo da imaxe están o nome da autora e o do ilustrador, en letras maiúsculas, de cor gris e separados por un guión. Por último, na parte baixa da cuberta aparece o nome da editorial, Rodeira, en letras de cor gris e co formato de letra propio da marca. Cabe destacar que na  parte esquerda da cuberta, a media altura, atopámonos co debuxo dun tren, acompañado das palabras “tren azul”. Esta pequena ilustración significa que o libro pertence á colección “tren azul” da editorial Rodeira, do grupo Edebé . Esta colección recolle unha serie de obras destinadas aos lectores máis cativos.

No centro da contracuberta atopamos de novo unha ilustración do protagonista peiteando ao seu can, neste caso a imaxe non se podería encadrar nun momento concreto da historia. Encima dela hai unhas liñas de texto do interior do libro, na que se fala do protagonista e do seu can, ademais aparece a palabra “Lume”. Debaixo da imaxe vemos as palabras “Primeiros Lectores” en minúsculas de cor gris e na parte máis baixa da contracuberta o nome da editorial, escrito no mesmo formato que na cuberta. Situado na parte inferior esquerda está o código de barras do libro e na parte dereita a media altura, volve aparecer a mesma imaxe do tren azul.

Se abrimos o libro de par en par e miramos a contracuberta e a cuberta á vez, encontrámonos cunha oposición de significado nas ilustracións. Por un lado a imaxe do protagonista peiteando a seu can na contracuberta, transmitíndonos paz e calma, mentres que na cuberta, Andrés está apagando o lume, dando a sensación de caos e desorde. Poderíamos dicir que é o enfrontamento entre o que os adultos entenden por portarse ben e portarse mal nun cativo.

Unha vez abrimos o libro, encontrámonos coa portada. Se a analizamos de arriba abaixo temos: no centro alto o título do libro en letra grosa, debaixo o nome da escritora e na liña inferior o nome do ilustrador. No centro, unha imaxe de Andrés levando unha bandexa con bebida, a cal está tamén no interior da obra. Xa na parte baixa, o nome da editorial en letra grosa e no formato habitual. A seguinte, é a páxina de créditos, nela recóllese información sobre o autor, o ilustrador, a editorial e a publicación. Na última páxina antes de arrancar coa historia aparece a dedicatoria, no medio da páxina “A Marcos e a Rocío polo seu delicioso tempo de ¡¡¡Lume!!!.”

En canto ás páxinas da historia, comparten un formato. Teñen unhas liñas de texto na parte superior, ocupando un cuarto da páxina aproximadamente, e o resto é ocupado por unha ilustración que representa o que din as correspondentes liñas de texto.

As ilustracións de Manuel Uhía son debuxos de carácter realista, nos cales se ve á perfección a expresión facial dos personaxes, desta forma transmíteselle ao lector os sentimentos dos protagonistas. As cores son claras e semellan estar pintadas con acuarelas.

  Hai ilustracións de dous tipos:

1. Ilustracións onde hai un fondo debuxado claro, nelas o ilustrador recolle todo tipo de detalles, máis alá do centro da imaxe, como poden ser cadros, árbores, distintos mobles, etc. Este tipo de ilustración ocupa dúas páxinas, é dicir, a imaxe da esquerda e a da dereita forman un conxunto.

2. Ilustracións onde aparece unha imaxe nun fondo branco. Estas son máis simples que as anteriores, o ilustrador non recolle apenas detalles, senón que se limita a debuxar o que di o texto. Neste caso as imaxes nunca forman un conxunto coa da            seguinte páxina.

Cabe destacar que tamén aparece representado un animal, Tor, o can de Andrés, este ao igual que o resto de personaxes é de carácter realista, mais aparece moi pouco e case sempre de costas ou sombreado ao lonxe.

Respecto ao texto, aparece en letras minúsculas de cor negra e ten un tamaño mediano, é habitual ver certas exclamacións nun tamaño maior ao resto, outorgándolle así unha énfase. É unha narración sinxela cunha estrutura en liña e cun vocabulario sinxelo e accesible para nenos e nenas.

Neste relato de Fina Casalderrey, un neno chamado Andrés cóntanos as numerosas profesións que lle desenvolve aos seus familiares: peiteador, bombeiro, camareiro... Mais isto non lle fai ningunha gracia aos pais de Andrés, que nunca ven a vontade por axudar do seu fillo e a súa ansiedade por non saber que vai ser de maior. Polo que se limitan a rifarlle e dicirlle que todo o que fai está mal, xa que son cousas de maiores.

Toda a historia é contada por Andrés, o cativo vainos dicindo como se sente en cada instante, de forma que podemos ver a oposición entre o momento no que se lle ocorren as ideas e o momento no que seu pai lle rifa. O resto dos personaxes, a nai, o pai e o avó de Andrés aparecen na obra a través de diálogos co protagonista.

  Esta obra ofrécenos dous niveis de lectura:

1.  Por unha banda a interpretación habitual, máis propia dos cativos. Na cal  vemos a historia dun neno traste que lle causa numerosos problemas aos seus pais.

2. Unha interpretación crítica, onde a autora critica a actitude dos adultos ante as ideas dos nenos e nenas pequenas.

Así pois, dados estes dous niveis de lectura, podemos analizar as potencialidades da obra cara á educación primaria, na miña opinión encadraríase no primeiro curso. ¡¡¡Lume!!! trata o tema da inquedanza dos nenos e nenas por descubrir que queren ser de maiores, polo que nos permitiría traballar na aula as profesións, tendo en conta que cada quen pode traballar do que lle guste de verdade, independentemente do seu xénero, nacionalidade, etc.

Como xa se dixo, o texto desta obra é sinxelo, mais está escrito usando maiúsculas e minúsculas correctamente, así como a puntuación adecuada. Pois precisamente, o uso da maiúscula e o punto poderíanse traballar con esta obra, tal e como recolle o currículo de educación primaria, na materia de lingua galega e no primeiro curso. En concreto no terceiro bloque, no punto 4: “B3.4. Respecto polas convencións xerais da escrita: uso das maiúsculas e do punto.”

Outra opción sería traballar a relación entre as ilustracións e o texto, xa que como se explicou, correspóndense totalmente. Neste caso, este aspecto recóllese no cuarto punto do segundo bloque do currículo: “B2.4. Interpretación da información das ilustracións.”

Esta obra, ao seren do ano 2006 non conta apenas con recursos na rede. Debido a esta dificultade, recóllense dous recursos alternativos, un sobre á autora e a outro sobre unha das súas obras destinadas a cativos na etapa de educación primaria.

O primeiro é a páxina web de Fina Casalderrey Fina Casalderrey – Web oficial da escritora galega. Nela atopamos a súa biografía, a bibliografía e todos os premios que gañou dende que comezou o seu camiño como escritora. Desta forma vemos como aparte de escribir literatura infantil e xuvenil, tamén ten escritos tres libro de gastronomía galega e catro guións de curtametraxes. Cabe destacar que tamén nos da a opción de contactar con Fina, algo moi útil á hora de consultar dúbidas ou programar unha charla coa autora.

Outro recurso é o blog brabádegos, nel atopamos unha entrada dedicada á obra da autora, O segredo de Zoe https://brabadegos.blogspot.com/2016/05/agardar-sobre-o-peitoril-da- venta.html . Nela, fálase un pouco do papel de Fina como muller escritora e reflexionase sobre a obra mencionada anteriormente.

Lía e as zapatillas de deporte.

REIMÓNDEZ, María (2008). Lía e as zapatillas de deporte. Vigo: Xerais.

A obra Lía e as zapatillas de deporte é un relato impreso en papel, con tapa branda, composto por 88 páxinas e dividido en 15 capítulos. Na cuberta aparece ilustrada a personaxe principal, Lía; ao seu carón o nome da editorial e na cima de todo reflíctese o nome da colección, co seu característico paxaro. En canto á contracuberta, cun fondo rechamante en amarelo, no centro atópase unha breve sinopse da obra, e por baixo desta aparece o código de barras, co seu correspondente ISBN e de novo, o nome da editorial. Destaca que na marxe dereita hai un pequeno recadro verde que recomenda a obra a partir dos nove anos de idade.

No interior do libro, na solapa esquerda aparece impresa unha foto da autora, así como información biográfica e bibliográfica da mesma. Así mesmo, tamén hai un pequeno parágrafo con información acerca do ilustrador. Na solapa dereita, móstranse as obras de María Reimóndez en Merlín. A continuación, hai unha páxina en branco, que pola súa parte traseira contén a información de créditos, onde se observa que a obra xa vai pola 3ª edición. Na portada do libro repítese de novo a ilustración da protagonista observada na cuberta. Ao remate do relato móstranse 5 páxinas adicadas aos títulos doutras obras que foron publicadas na colección Merlín, todas elas dirixidas a nenos e nenas de nove anos en adiante.

Na obra nárrase en 3ª persoa omnisciente a historia de Lía, unha cativa á que lle cambia a mentalidade grazas á mostra de realidade que lle ensinan as súas novas zapatillas de deporte, un dos seus numerosos regalos de Reis. As zapatillas que lle regalan a Lía ensínanlle como na outra parte do mundo nenos e nenas coma ela son explotados en fábricas para producir a maior cantidade de zapatillas; ademais de privalos de ir á escola a aprender. Indignada ante esta situación, Lía ponse en acción e aporta o seu gran de area para tentar que esta situación de explotación infantil remate e tódolos nenos e nenas teñan acceso á escola.

No referido ás ilustracións, aparecen aproximadamente unha por capítulo, as cales son paralelas e complementarias á narración. A imaxe do personaxe de Lía presenta unha forma redondeada e grande para a cabeza e máis miúdo o resto do corpo. Isto é para darlle importancia á cabeza dos personaxes, é dicir, ao seu cerebro e a súa mentalidade. A meirande parte delas aparecen na páxina impar, xa que é o primeiro que se ve ao pasar de páxina, chamando máis a atención dos lectores e lectoras. Nelas pódese observar a Lía cas zapatillas viaxando a visitar a Ramesh, Lía comendo coas irmáns de Ramesh… Cabe destacar tamén, as pequenas ilustracións no encabezado das páxinas, que amosan a Lía durmindo no interior dunha das súas zapatillas e, probablemente, realizando algunha das súas viaxes.

Esta obra é fundamental para traballar a partir de 4º de primaria, porque a estas idades, nenos e nenas comezan a ser máis conscientes das repercusións dos seus actos, á vez que se continúa conformando o seu pensamento crítico. Xa que mostra a realidade que están a vivir os países menos desenvolvidos: onde os nenos/as non poden ir á escola porque teñen que traballar e viven en condicións precarias. Incidindo en que para tornar esta situación é preciso un cambio de mentalidade da sociedade consumista actual, realizando un consumo máis responsable e xusto. Todo isto preséntase a través da cativa Lía, coa que os futuros lectores e lectoras se poderán sentir identificados.

mércores, 24 de novembro de 2021

A princesa Sabela - Cornelia Funke








Funke, Cornelia, A princesa Sabela (Prinzessin Isabella, Verlag Friedrich Oetinger, Hamburgo, 1997), ilust. Kerstin Meyer, trad. María Xesús Bello Rivas, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, [lectorado autónomo], 2011, [32] pp. (ISBN: 978-84-9914-212-8)

A obra é un álbum ilustrado que recolle entre dúas tapas duras unha gran historia. Ao coller este libro podemos apreciar a dureza das súas cubertas, material empregado para os álbumes ilustrados dedicados aos/ás máis pequenos/as, debido a súa resistencia. Na cuberta frontal podemos ver unha ilustración en cores vivas fronte a un fondo máis escuro, a ilustración podemos visualizala no interior do libro nunha das escenas, que ademáis, xa nos deixa ver un pouquiño do que vai tratar a historia. Nas gardas hai unha ilustración pequena fronte a un fondo branco. Na portada observamos en letras grandes e de cor laranxa, o título do libro, o nome da autora, da ilustradora, da traductora e a editorial; acompañando a estas letras, temos unha ilustración da protagonista. Unha vez abrimos o libro podemos ver as ilustración na páxina impar, a donde vai dirixida directamente a nosa vista, e que ademáis nos vai servir de apoio para entender mellor o texto.

As ilustracións, feitas por Kerstin Meyer, acompañan aos textos, de xeito aleatorio, tanto nas páxinas impares como nas pares. A parte escrita ten letras grandes, redondeadas e aumenta de tamaño nas frases importantes, a primeira letra coa que comeza o texto está nun maior tamaño, e en cor laranxa, Este álbum ilustrado está escrito en 3ª persoa do singular, pois reflexa a perspectiva dun narrador omnisciente.

Sabela, a protagonista, está cansa de ser unha princesa, de que lle dean todo feito, ela quere levar unha vida máis normal e desfrutar como unha nena da súa idade. Subir ás árbores, escalar, saltar, meter o dedo no nariz, vestirse e peitearse soa, etc. Pero un día decide rebelarse e tirar a coroa ao estanque dos peixes. Esta escena desencadeará que Sabela queira marchar durmir á corte dos porcos e alonxarse da vida que levaba ata o de agora. O rei comprenderá que Sabela é máis feliz axudando na cociña ou limpando a corte dos porcos que sendo unha princesa, por iso deixará que Sabela sexa libre e elixa a vida de “princesa” que queira levar.

Esta obra permítenos traballar cos estereotipos que atopamos na nosa sociedade, e aínda que no presente cada vez somos máis conscientes da súa existencia, debemos seguir traballando por e para o cambio de sociedade. Aínda temos como referente as innumerables princesas de Disney que deben ser salvadas por un maravilloso príncipe. Os menos aínda pensan que optan a ser un forte e aposto cabaleiro que protexa a pobre e indefensa princesa.

Ademais existen estudos que reflicten que as mulleres dende pequenas non teñen grandes aspiracións ou expectativas de futuro fronte as grandes aspiracións dos homes. Todos estes estereotipos influirían negativamente na baixa autoestima das nenas. Este álbum ilustrado permítelles aos nenos e nenas disfrutar con humor do contrario a eses estereotipos, de ver a rebeldía como un acto de liberación, de poder obter a liberdade de ser quen a princesa quere ser, ou deixar de ser literalmente. 

En canto a recursos online podemos atopar o libro contado en You Tube por parte da Biblioteca de Verín. https://www.youtube.com/watch?v=HCwch4I-fiU

Nube Branca e o pingüín Valentín

 


Nogueira, P. (2020). Nube Branca e o pingüín Valentín. Baía Edicións.

 A obra escollida ten por nome Nube Branca e o pingüín Valentín e trátase dun álbum ilustrado. É un dos tres álbums que conforman esta pequena serie, da que unha delas, Nube Branca quere ser astronauta, quedou finalista da XVI edición dos premios literarios Frei Martín Sarmiento. Esta obra ten tapa dura e consta dun total de 21 páxinas. Na súa cuberta podemos apreciar na marxe superior o título en dúas cores, por unha parte aparece Nube Branca en vermello e e o pingüín Valentín en verde. Tamén aparecen enriba do título os nomes do autor e do ilustrador. Na marxe inferior, no centro, aparece o nome da editorial. Destaca a ilustración que ocupa toda a cuberta na que están representados os protagonistas da historia. A contracuberta é dunha soa cor e nela podemos ler un resumo do contido do libro.

Na portada vemos outra vez o título da obra, o nome do autor, o nome do ilustrador e a editorial, así como unha imaxe pequena e circular onde están representados Nube Branca e Valentín.

No tocante ao argumento, a historia que se conta ten por protagonista a unha nena india que atopa a un pingüín que non pode voar, entón ela decide prestarlle a súa axuda para que poida conseguilo. Ao longo das páxinas podemos ler como van aparecendo distintas personaxes (sempre son animais) que tamén intentan axudalo a lograr o seu propósito.

As ilustracións deste álbum ocupan a totalidade das páxinas. Nelas aparecen os personaxes principais e están representados os acontecementos que se están narrando. A letra aparece na marxe superior das páxinas. Maioritariamente é de cor negra, pero cando o autor quere resaltar algún son esta aparece con diferentes cores, tamaños e formas. Na marxe inferior das páxinas, en ocasións, aparecen oracións para facer ao lector partícipe da historia con preguntas que incitan a recordar datos anteriormente mencionados ou propostas para, por exemplo, imitar sons.

Penso que esta obra podería ser apta para traballar con nenos e nenas que estean no primeiro curso de Educación Primaria por varios motivos. O primeiro deles é que me parece interesante polo feito de que na historia se ven reflectidos valores como a empatía, a solidariedade e o traballo en equipo, xa que todos os personaxes que aparecen na obra están dispostos a axudar ao pingüín a lograr o seu soño que é voar. Cada un aporta algo, o que sabe, o que pode, o que cre que vai funcionar. E entre todos ao final son capaces de logralo.

Por outro lado, tamén me gustou polo feito de que se menciona a reciclaxe. Na historia, a foca Fafaroca pídelles aos demais que recollan distintos materiais que van atopando e con eles construirán finalmente un globo aereostático. Paréceme unha parte da narración que pode servir para ensinarlle ao alumnado que existen materiais que se poden reutilizar para elaborar outros instrumentos e que se lles damos un uso distinto do que tiñan inicialmente estamos axudando ao planeta. Ademais, considero que é unha lectura que tanto pode ser introducida nun momento no que a reciclaxe sexa un asunto que se estea tratando na aula especificamente, ou en calquera outra circunstancia porque penso que esta temática debe estar presente sempre na aula para conseguir como docentes transmitirlle aos nenos e ás nenas a importancia e repercusión que ten nas nosas vidas o acto de protexer a natureza. 

Por último, o feito de que a propia historia aporte chamadas de atención ao lector en forma de preguntas ou invitando á imitación de sons ou xestos, considero que podería ser interesante para fomentar que nunha situación na que o/a docente estea léndollo ao seu alumnado, este último participe dunha maneira máis activa e lle resulte máis atractiva e divertida a lectura.

Un recurso que está en liña para traballar con este álbum e que se pode atopar na canle de YouTube da editorial Baía é un vídeo no que se conta a historia a través dun teatro. Podemos apreciar como está feito con materiais de fácil acceso. O escenario e o fondo, elaborados con cartón, decorados cunha tea vermella e bordeados co que semella unha corda. Para a elaboración dos personaxes emprégase papel.

Enlace ao recurso: https://www.youtube.com/watch?v=bzYe8UiJE7U&t=65s 

 

Referencias:

 

A princesa que bocexaba a todas horas.

Referencia: GIL, Carmen & ODRIOZOLA, Elena (2005). A princesa que bocexaba a todas horas. Pontevedra: OQO editora. (ISBN: 849657302-8)


Descrición do formato: Atopámonos ante un álbum ilustrado impreso en papel, con tapas duras e composto por 36 páxinas. A cuberta do libro presenta uns tons claros que semellan estar nunha densa néboa. A dereita, a figura dunha rapaza cun vestido lila e o cabelo curto, coa boca aberta, ruborizada e levando as mans a boca. Detrás desta, fura o nome da editoral en vertical. Na parte inferior hai unhas pequenas flores verdes que lle dan un pouco de profundidade. A esquerda, figura o título da obra en grande e un pouco máis abaixo o nome da autora (Carmen Gil) e o da ilustradora (Elena Odriozola). Na contracuberta atopamos o mesmo fondo, sen a figura da rapaza, e co logotipo da editorial e o código ISBN a esquerda. En canto á portada, aparece  de novo unha rapaza de costas cun vestido de cor lila e o cabelo curto, cunha pequena flor branca enriba da cabeza; semella que leva unha man á boca. Ao seu carón, un paxariño bocexando. Tamén conta cunha páxina de título de créditos con toda a información pertencente ao libro. 

Argumento: a historia está narrada en terceira persoa omnisciente e sen divisións en capítulos, xa que se trata dunha historia curta. Os personaxes son o rei e a raíña (os pais da protagonista), a princesa (a protagonista), os servos de palacio e o fillo dun criado (o amigo da princesa). A peripecia coa que nos atopamos é a dunha pequena princesa que bocexa a todas horas. Que será o que lle ocorre? Acaso ten fame? Sono? O rei xa o tentara todo e perdera todas as esperanzas de que a súa filla deixara de bocexar, que para colmo era algo bastante contaxioso, xa que todos os membros do palacio bocexaban como ela. Ata que un día, aparece un rapaz que a fai rir e a nena deixa de bocexar. 

Ilustracións: ocupan ambas páxinas, alternando o texto ás veces na dereita e outras na esquerda, son ademais unha lectura visual e paralela ao que nos están narrando. Atopamos páxinas cheas de cor e con grandes ilustracións que ocupan todo o espazo. A ilustradora caracteríza aos personaxes femininos con grandes e alargadas fracións (grandes pescozos, longas pernas) e aos personaxes masculinos, grandes e grosos. As cores varian en función da escea, empregando cores máis cálidas cando os dous rapaces xogan e máis escuras cando a princesa se atopa dentro de palacio bocexando. 

Potencialidades: Esta obra ten múltiples potencialidades en educación primaria, tanto para nenos/as de 9 anos ata de 12. O que se nos conta é como unha nena que estaba aburrida sempre facendo o mesmo encerrada en palacio, atopa un amigo e xogando con el comeza a divertirse. 
Na sociedade na que vivimos, na que cada vez os nenos e nenas están máis pendentes dos aparellos electrónicos, por en valor os xogos no exterior é moi importante. Ademais tamén doutro valor fundamental que está implícito na obra: a amizade. A princesa ata que se rodeou dunha persoa da súa idade, coas mesmas ganas de xogar e de pasalo ben, non deu parado de bocexar. 

Aspectos destacables: é importante destacar que estamos ante unha obra con recoñecemento, xa que foi galardoado en 2006 co segundo premio ás mellores ilustracións na categoría de Libro Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura. 

Recursos en liña: podemos atopar varios vídeos na CRTVG infantil, de nenos e nenas representando a obra e un blog do CEIP plurilingüe Mosterio de Caaveiro cunha representación teatral.

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...