luns, 22 de novembro de 2021

Pan con chocolate. A merenda de Gianni.

 

                                                                 Pan con chocolate 



Ficha bibliográfica:  Carballeira, Paula e Teimoy, Xiana (2021). Pan con chocolate. A merenda de Gianni. Vigo: Edicións Xerais, col. Merlín, [80 pp ]. (ISBN: 978-84-9121-909-5).

Descrición do formato: Este libro de xénero narrativo, impreso en papel, cunha encuadernación de cartón e tapas brandas. Está composto de 80 páxinas. Na cuberta atopamos unha ilustración onde podemos ver que Gianni, o neno protagonista, está deitado no sofá lendo un libro e ten na man un cacho de pan con chocolate. Imaxe que fai referencia ao título principal da obra. Esta ilustración atópase na parte inferior.

Na parte superior da cuberta atopamos o nome da colección do libro (Merlín), debaixo o nome da autora e debaixo deste o titulo da obra. Xusto debaixo do título aparece o nome da ilustradora. E a continuación, abaixo de todo, a ilustración que mencionaba ao principio. Na contracuberta podemos ler unha sinopse do libro, así como a editorial e a idade a que vai dirixida a obra.

Na solapa do libro aparece unha biografía da autora e na anteportada atópanse os datos bibliográficos. 

Na portada podemos observar na parte superior o nome da autora e debaixo o título do libro e  por último o nome da ilustradora. No centro vemos un espazo en branco, e na parte inferior o nome da editorial.

Por último en canto ao interior do libro, vemos como en cada un dos sete capítulos aparece algunha imaxe para ilustrar a historia que vai narrando. Tamén aparecen algúns contos, cancións, poemas e diálogos. Por outra parte, destaca a utilización de metáforas.

Argumento: Esta obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. Trátase dun libro narrativo dado que ofrece unha narración na que se relacionan o texto e as imaxes. O libro tamén conta con contos, poemas, diálogos e cancións.

Este libro está formado por sete breves capítulos: “Pan con chocolate”, “O gato e a choiva”, “Piratas e trens”, “A Befana e a escola”, “Paz e cebola”, “Preguntas e cartas” e “Despedidas por teléfono”. Ademais, para rematar, conta cun capítulo final. 

Este libro conta a historia dun neno chamado Gianni Rodari. Está inspirado no autor italiano Gianni Rodari e o resto de personaxes son literarios ou procedentes de obras da literatura universal. A este neno gústalle soñar e escribir para poder ter tantas vidas como queira, e imaxínase historias e aventuras do mundo que lle gustaría vivir. 

Outras das historias que trata son a da Befana e a escola. Había unha bruxa en Italia chamada Befana e repartía caramelos e xoguetes cada mes de xaneiro. A Gianni sempre lle dixeron que as bruxas eran malas. Pero a Befana voaba soa e repartía regalos caesen onde caesen. Entón el non se conformaba só co que lle dicían e tentaba responder as preguntas que se facía.

Nestes capítulos narra unha serie de historias de diferente temática cun toque fantástico. Unha delas conta a historia de cando Gianni tiña nove anos e seu pai rescatou un gato que estaba chorando baixo a choiva. E dende aquela os gatos sempre acompañaron a súa familia. Mentres que o gato tiña comida e casa, seu pai enfermaba. Logo formúlanse dúas preguntas e e preséntanse posibles finais porque a Gianni gustáballe inventar varios finais para as historias que imaxinaba.

Ilustracións: Este libro conta con máis texto ca ilustracións. Dase máis importancia o texto cas imaxes, creo que para que os nenos e nenas poidan desenvolver a imaxinación. Estas complementan o texto dado que representan o que relata a historia. Por cada capítulo aparecen dúas ou tres ilustracións, unhas máis pequenas e outras que ocupan a páxina enteira. A gran maioria das ilustracións aparecen nas páxinas impares pero tamén hai algunhas nas pares. As páxinas impares son as primeiras que se ven ao acceder ao libro.

A gran maioría das imaxes presentan formas redondeadas, o cal transmite un sentimento de dozura. En case todas as imaxes as cores son chamativas e vivas e outras están feitas con cores pasteis. Nalgunha imaxe aparece algunha cor máis escura e apagada como cando fala da noite. Por outra parte na imaxe que aparece na cuberta, a cal se atopa na parte inferior, conta con cores vivas e claras.

Potencialidades de lectura: Paréceme moi interesante ler este libro nas aulas de Educación Primaria e traballar con el dado que considero que hai que romper con esa idea de escola tradicional onde o que máis se valora sexa a memorización ou atención do alumnado así como a obediencia e recepción de coñecementos de forma pasiva, deixándose nun segundo plano a imaxinación. Por tanto, entre as potencialidades de lectura desta obra atópase o feito de que os nenos e nenas poidan crear, imaxinar historias e divertirse lendo. 

Creo que a imaxinación e a creatividade debería ter un valor moi importante na educación. E este escritor, intenta apostar por isto.

Por último, tamén cabe destacar, que neste libro despois dalgún conto preséntanse posibles finais e alternativas diferentes para dito conto, o que fará que os nenos poidan cuestionarse máis as cousas e desenvolver esa capacidade de reflexión.

Sheila Guzmán Gens, 3º curso do Grao de Educación Primaria


         Ficha bibliográfica: Nin un biquiño á forza. Mebes, M., Consallería de Famlia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e o Servizo Galego de Igualdade. (2003). Maite Canal. 1ª edición. ISBN 13: 978-84-453-3724-0

O primeiro que podemos apreciar ao ter a obra entre as nosas mans é a dureza da súa cuberta, ademais das cores tan vivas das ilustracións que nela se ven. As follas son dunha gramaxe alta e a tipografía das letras é moi redondeada e grande. Xa só por estas características podemos intuír que esta obra está pensada para nenos e nenas de pouca idade. Adentrándonos no libro, vemos que non posúe gardas e tampouco portada, no seu lugar, este libro ilustrado comeza cunha frase introdutoria. A páxina de créditos atópase cara ao final da peza.


Este libro ilustrado ten un estilo directo e está narrado en segunda persoa, xa que se dirixe directamente ao lector, ou, no caso de que alguén lle conte o libro, ao receptor. Na obra aparecen cativos e cativas en diversas situacións (agradables e desagradables) nas que se lles dá un bico e distintos tipos destes. Como conclusión destes bicos, os nenos e nenas deben ser conscientes de que teñen liberdade de elección. O trasfondo desta obra é o abuso sexual na infancia e a finalidade da mesma, por unha parte, é inspirarlles confianza aos cativos para falar sobre a situación, no caso de que viviran algunha similar ás retratadas no libro ilustrado; e por outra, transmitirlles ese poder de decisión sobre si mesmos/as.


No relativo ás ilustracións, vemos que son sinxelas e moi coloridas. Representan a personaxes de diversas características, fomentando así a igualdade e a integridade entre os nenos e nenas. A función destas é de representar graficamente o texto, de xeito que os novos lectores sexan capaces de interpretar o libro sen necesidade de ter un nivel de lectura avanzado. Están esparexidas por todo o libro e adoitan aparecer na páxina da dereita. Esta colocación estratéxica resulta moi eficiente para este tipo de lectores, pois, antes de ler o texto, xa teñen unha idea sobre o que vai tratar.


Con esta obra podemos traballar varias temáticas: o abuso sexual na infancia, a violencia de xénero (xa que esta obra é un proxecto da Xunta de Galicia dende a Consellería de Familia e promoción do emprego, muller e xuventude) e a diversidade cultural.


Zaira Ferradás Iglesias, 3º curso do Grao de Educación Primaria

Un becho estrano, Mon Daporta



Daporta, Mon (2009). Un becho estraño, ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Libros para soñar (ISBN: 978-84-8464-351-7)



1. Descrición do formato: álbum ilustrado composto por 12 páxinas e tapas impresas en cartón duro e tamaño pequeno, moi adecuado para as mans dos máis cativos/as.  Na cuberta aparece o protagonista da obra co corpo dividido en dúas partes, a parte inferior do corpo sitúase na parte superior da cuberta e a parte superior do corpo sitúase na parte inferior da mesma. O título da obra está centrado e en letras maiúsculas, xusto debaixo aparece o nome do autor e do ilustrador nun tamaño máis pequeno. Debaixo atopamos o nome da editorial.  Na contracuberta atopamos un dos elementos máis característicos do animal protagonista, o rabo. Ademais, na esquina inferior esquerda ten lugar numerosa información acerca do texto, das ilustracións, da tradución e da edición. Podemos dicir entón que as cubertas anunciánnos contido da obra, ademais de xogar con esa intriga ao non presentar ao individuo de xeito completo.

Por último, cómpre destacar que a obra carece de gardas, páxina de título de créditos e portada, posto que se trata dunha obra infantil relativamente breve.


2. Argumento: preséntase unha figura estraña semellante a un ovo á cal se lle van engadindo de xeito progresivo as diversas partes do corpo ata conformar un animal, concretamente, un rato. 

Todo isto lévase a cabo dende unha modalidade descritiva a través da rima e do ritmo, formando así un conto-xogo seguindo a fórmula dos contos sen fin, , é dicir,  a obra non remata nunca debido a que o seu final está conectado co seu principio. Ademais, o narrador é  en 1ª persoa e  a obra xira en torno a un único personaxe que ten a peculiaridade de ser un rato. O narrador atopa e presenta ao protagonista, incorporándolle as numerosas partes do corpo para logo quitarllas, debido a que un fenómeno natural cae sobre el, perdendo así todo o gañado e quedando de novo como unha figura carente de significado.


3. Ilustracións: a lectura visual é indispensable para a compresión do texto. As ilustracións dispóñense dende un plano frontal e central, cun fondo gris escuro que semella estar pintado a man e sobre o cal resalta o rato en cuestión, representado nunhas cores máis claras. Durante todo o albúm, agás nas cubertas, a ilustración do animal sitúase no centro da páxina, con texto na parte superior e inferior da mesma. Ademais, o rato aparece cunha forma ovalada e cuns trazos moi esaxerados (nariz, rabo) e outros nunha dimensión moi pequena (ollos, mans, pés e orellas), dando como resultado así unha figura moi graciosa. Por último, resaltar o contraste de letra branca baixo un fondo escuro, que crea dimensión á vez que facilita a lectura. 


4. Posibilidades formativas: trátase dun álbum feito para os nenos e nenas de máis de un ano, e con ela, poderemos traballar aspectos fundamentais como as partes do corpo e a oralidade, utilizando a musicalidade e diferentes patróns rítmicos.


5. Aspectos destacables: libro reeditado por Kalandraka en agosto de 2015, xa na súa cuarta edición. O texto foi escrito por Mon Daporta e ilustrado por Óscar Villán, o cal recibiu premios como o 10 Premio Nacional de Ilustración en 1999 polo seu traballo en “O coelliño branco” de Xosé Ballesteros ou a “A cebra Camila” de Marisa Núñez.



Laura Carelli Cortizo, 3º Grado en Educación Primaria.

domingo, 21 de novembro de 2021

Un becho estraño, de Mon Daporta

 

 

 

A obra literaria escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é o libro infantil, Un becho estraño, de Mon Daporta.

Ficha bibliográfica: Daporta, Mon. (2009). Un becho estraño, ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka Editora, {14pp.}. (ISBN: 978-84-8464-434-7)

1-    Descrición do formato:

Atopámonos ante un álbum ilustrado en lingua galega, que está impreso en cartón e composto por 14 páxinas. No centro da cuberta aparece o título do libro, xusto debaixo atopamos o nome do autor (Mon Daporta) e o do ilustrador (Óscar Villán) e debaixo destes, aparece o nome da editorial (Kalandraka). Na parte de arriba da cuberta aparecen as extremidades inferiores do rato e na parte de abaixo da mesma, observamos a parte superior dun rato, é dicir, a cabeza. Na contra cuberta observamos o rabo do becho, dende a parte de arriba até a metade da mesma. Tamén atopamos o código de barras, o ISBN, o número de edicións que se levan publicado, a dirección de onde se atopa a editorial e o lugar onde foi impreso.

Neste libro cóntasenos a historia de como un ovo se converte en rato. Váisenos dicindo como lle van aparecendo as diferentes partes dun rato, primeiro os pés e o rabo, logo os brazos e os dediños ben estirados, decontado o embigo e os bigotes recortados, despois os ollos xuntos coas pestanas e as cellas e finalmente as orellas. Unha vez está o rato con todas as súas partes, comézanlle a desaparecer ao mesmo ritmo que aparecían, até dar lugar ao ovo de orixe.

Este conto non contén nin gardas nin portada, xa que dende a cuberta e a contra cuberta comeza seguidamente o texto. As ilustracións son totalmente fundamentais nestas idades, xa que reflexan o que se vai dicindo no pouco texto que contén o libro. As cores deste non son moi chamativas, máis ben son todo o contrario predominando os tons apagados, o que fai que aumente moito a intriga e o misterio. O protagonista é o rato, pero non ten ningún tipo de connotacións, nin positivas nin negativas. 

No que se refire ao texto, é unha narración sinxela, doada de comprender, cunha estrutura circular e cun vocabulario axeitado para as/os máis pequenas/os. A letra do conto está en maiúsculas, polo que aínda o fai moito máis lexible para os/as cativos/as. O modo de lectura deste álbum non é convencional, é dicir, non se le da mesma maneira que a maioría dos libros aos que estamos acostumados, debido a que a estrutura non é lineal, senón circular, é dicir, o conto comeza e remata no mesmo sitio. Isto fai que se converta nunha historia infinita, a cal os nenos e as nenas non van querer de deixar escoitar, o que aínda o fai moito máis divertido e entretido. Ademais, empregan o recurso da rima e da repetición (por exemplo, “e ao darlle a volta ao conto...”). Estes recursos son moi empregados na linguaxe oral. Deseguido, facendo referencia ao apartado interactivo, debemos resaltar que este conto, non contén nin filtros, nin lentes, nin obxectos cos cales os/as máis cativos/as se poden entreter.

Finalmente, ao ser un libro principalmente recomendado para os primeiros lectores, é un libro no que o seu formato non ten picos, é dicir, ten os bordes redondeados, isto sempre é unha seguridade para todas as crianzas.

2-    Potencialidades:

Este álbum ilustrado podémolo atopar en múltiples idiomas, castelán, galego, éuscaro, portugués e italiano. As temáticas abordadas neste conto son a adiviñanza, o descubrimento e a curiosidade, xa que estas permiten aos máis cativos/as empregar a imaxinación e a creatividade facendo unha representación mental do que lle vai ocorrendo ao noso “becho” un rato. Ademais, debemos destacar que trata a temática das diferentes partes do corpo: orellas, rabo, bigote, pés, brazos, dedos, embigo, nariz, ollos, pestanas e cellas. 

Para rematar, salientamos que recibiu un premio do plan nacional de lectura (PNL Portugal).

3-    Recursos:

Colexio rural agrupado de Meis. (4 de maio de 2020). Un becho estraño. [Video]. YouTube. https://youtu.be/mbzF69jNlTQ

Chema (29 de abril de 2013). Un becho estraño. [Video]. YouTube. https://youtu.be/MhUIsH0nJhE

A Escola Infantil na casa. (19 de xuño 2020). Un becho estraño. https://www.escolasinfantisdegalicia.es/aescolainfantilnacasa/2020/06/19/un-becho-estrano/

Montero, B. (5 de novemebro de 2015). Un bicho extraño. [Video]. YouTube. https://youtu.be/Qu2VJi84t4A

 

Aquel neno e aquel vello, de Avelino Hernández

 

Aquel neno e aquel vello


Hernández, Avelino (texto). 2001. Aquel neno e aquel vello, ilust. Federico Delicado,  trad. Xoán Couto. Pontevedra:  Kalandraka

Álbum ilustrado de Avelino Hernández e Federico Delicado, traducido por Xoán Couto, impreso en papel, con tapas duras e un total de 36 páxinas. Na parte inferior da cuberta pódense ver dúas figuras humanas e, debaixo delas, o nome do autor, o do ilustrador e o da editorial. O título aparece centrado, destacando en letra grosa as palabras “neno” e “vello”, é dicir, ós protagonistas da historia. A carón del pódese ler “Demademora”, o nome da colección na que se encadra a obra. Na contracuberta aparece de novo o nome da colección, xunto co logotipo da editorial e diferentes obxectos: un peixe, unha especie de cometa e un fío.

Na portada aparecen o rapaz e o ancián que protagonizan a historia. Mentres o home está a pescar, o rapaz semella que está a brincar ao seu carón. Esta escena continúa logo na contraportada, creando un fío condutor con motivos como a propia sedela, presente en ámbalas cubertas.

A obra xira arredor dunha historia narrada en 3ª persoa protagonizada por un home ancián que se xubila e un rapaz que queda en compañía da súa avoa cando os seus pais famosos se ven obrigados a marchar por motivos de traballo. Cada tarde, o rapaz observa o home, quen día tras días acode ó río a pescar. Un día o rapaz, vendo que non pescaba nada, decidiu botar os restos da comida ó rio para atraer os peixes. Esa tarde, o ancián foi quen de pescar. O home, coñecedor da axuda do cativo, decide vender o peixe e comprarlle un xoguete. Nese preciso instante comeza a súa amizade, de xeito que cada tarde se reúnen á beira do río, poñendo fin así á súa soidade.

Con respecto ás ilustracións, estas ofrecen algunha pista sobre o contido do propio libro. Todos os debuxos, de carácter figurativo, están feitos de feltro e presentan unha especie de fíos que semellan estopas, fibras de fío de liño. Os protagonistas presentan trazos que os permiten diferenciar: o ancián ten bigote e o pelo branco, mentres o rapaz ten o cabelo de cor vermella. O ambiente da escena está acompañado de diversos debuxos- a cana de pescar, unha árbore, un curso de auga, un peixe e un paxaro- que aportan máis información. Respecto ás cores, están presentes varias, se ben predominan tons ocres. Isto pode estar relacionado coa estación do outono, o que tamén pode empregarse de xeito metafórico para referirse a un outono vital, en referencia ó ancián.

                                                                  

Esta lectura resulta interesante tanto dende o punto de vista social como educativo pois nela trátase unha realidade cada vez máis frecuente: a soidade dos anciáns. No pasado, os avós vivían coas familias, de maneira que compartían unha gran cantidade de tempo cos máis cativos. Durante ese tempo había unha transferencia de coñecemento, de vivencias e mesmo de creacións literarias (contos, lendas, anécdotas) que contribuía a perpetrar o legado cultural. Con todo, agora pasan boa parte do seu tempo sós, o que lles causa unha gran tristura. Por iso, os cativos deben coñecer esta realidade pois é un deber social coidar dos nosos maiores, ós que lle debemos o legado herdado. Ademais, a participación de nenos en actividades con xente maior resulta moi beneficioso para ámbalas partes, de maneira que os anciáns desfrutan de compañía mentres os meniños se nutren das súas experiencias vitais. Así mesmo, tamén se produce unha transferencia de coñecemento da que nenos e anciáns sacan proveito.

Respecto aos recursos en liña de acceso aberto sobre a obra, cabe sinalar que non se atopou ningún en lingua galega. Con todo, cabe sinalar que é posible traballar o seu contido por medio doutros recursos que traballen a temática da convivencia entre xeracións.

 

sábado, 20 de novembro de 2021

O día en que a mamá se lle puxo cara de teteira




Saiz, R. (2007). O día en que a mamá se lle puxo cara de teteira. OQO Editora. 


O libro foi traducido do castelán en 2007 por Sara Monda, a primeira edición fixose no mesmo ano de publicación e foi editado en Pontevedra onde se atopa a editorial.


Estamos ante un álbum ilustrado. É unha obra de tapa dura no que a cuberta e a contracuberta non forman unha única imaxe. Na cuberta atopámonos ca imaxe dun rapaz abraiado mentres agarra unha teteira, tamén aparece o nome da autora e o do ilustrador e por último aparece a editorial. Por outra banda,na contracuberta temos o debuxo dun neno observando un floreiro,o código de barras do libro e o ISBN, unha referencia ao ministerio de cultura e un recoñecemento a “Direcçao -General do Livro e das Bibliotecas” portuguesas. No lombo aparece o título do libro, a editorial e o logo da colección. Na portada aparece unha imaxe diferente á da cuberta e contracuberta, esta vez aparece un rapaz asustado correndo cunha teteira na man, vólvese facer alusión á autora, ao ilustrador e á editorial.

A tipografía que se emprega na obra ten distintos tamaños e distintas formas para remarcar o volume das voces. O tipo de narrador deste álbum ilustrado é un narrador en terceira persoa.




Marquiños era un rapaz que escachou o floreiro preferido dá súa nai. Cando ela o descobre empeza a semellar unha teteira; bota fume, o seu nariz ten forma de bico, unha das súas orellas semella unha asa e finalmente convértese nunha teteira moi parecida á súa nai. Marquiños asustado pide axuda á súa veciña, á súa avoa Lubi, ó tío Xesús... Mais ninguén da co que pasa.

Grazas a deus todo fora un soño do rapaz.



As ilustracións ocupan tódalas páxinas e expresan o mesmo que o texto, polo que se podería dicir que para a interpretación do que ocorre non nos faría falta saber ler. Responden a un tipo de ilustración figurativa na que destacan os ollos esféricos e unha gran nariz, isto ocorre con todos os personaxes. As únicas cousas polas que se diferencian son a forma do peiteado ou a roupa que levan. As imaxes céntranse nas relacións entre os personaxes e non hai case referencias espaciais. As páxinas son planos de cor onde se funden o piso e as paredes. Nas imaxes predominan cores tostados, vermellos, ocres e os azuis. Ao estar tan mesturados transmiten sensacións cálidas.



Esta obra quizais estea máis orientada para os cursos de infantil aínda que poderíamos empregala nos primeiros dous cursos de Primaria. Debido á que moitos nenos/as que teremos en 1º inda non saberán ler xa que non teñen por que vir lendo de infantil. E algúns alumnos/as que teremos en 2º inda non lerán con fluidez. Álbums ilustrados como este tan sinxelo e gráfico axudarán a mellorar a lectura e a fluidez.


Na clase traballaríao de varias maneiras, para empezar poderiamos facer un pequeno contacontos sen ensinarlle as imaxes ao alumnado. A docente le a historia e os rapaces deben facer un pequeno debuxo de como se imaxinan ao protagonista ou a súa nai convertida en teteira.


Logo de facer esta actividade poderiamos ver o vídeo contacontos que colgou a editorial e falar de como se senten os rapaces e rapazas cando lle rompen algo a algún familiar.

Paréceme unha boa historia para facer unha pequena reflexión da presión que senten os nenos/as ou mesmo nós os adultos cando rompemos algo de valor sen querer.


Penso que o feito de que a nai de Marquiños se converta en teteira é moi divertido para o alumnado porque mantenos cunha constante intriga de como se resolverá o problema que o protagonista ocasionou e como finalmente o soluciona.


Entre as potencialidades da obra atopamos a solidariedade, a axuda entre os diferentes protagonistas, o traballo coas estruturas  repetitivas e acumulativas da historia que axudan a memorizar o que sucede.


Desta obra só atopei un recurso en liña de acceso aberto. Este recurso é un vídeo de YouTube a modo de conta contos no que se le o libro e se representa o que se vai contando con figuras de plastilina ás que se lle dá vida. Este vídeo colgouno a propia editorial do álbum ilustrado en:

https://youtu.be/fdFQcjJHwag


O coelliño branco




Ballesteros, X. & Villán, Ó. (2015). O coelliño branco. Kalandraka.

    O libro O coelliño branco da autoría de Xosé Ballesteros e ilustración de Óscar Villán é un álbum ilustrado de carácter literario xa que se nos presenta cunhas imaxes significativas acompañadas dun breve texto. Ademais, esta historia ten a súa orixe nun conto popular portugués.

    O formato do libro presenta cuberta e contracuberta de tapa dura que se deben de observar en conxunto nunha única imaxe, xa que na cuberta preséntanos ao protagonista principal, o coello, que está mirando cara á esquerda e indícanos que observemos a contracuberta, onde vemos á formiga. Nelas tamén se nos indica: o autor e o ilustrador, a editorial, o título, un indicador dun premio, o código de barras e o título da colección. Nas gardas do libro atopamos o debuxo das orellas do coello e das patas da formiga. Tamén conta cunha páxina de título de créditos con toda a información pertencente ao libro. A portada conta co título, o nome do autor e ilustrador, a editorial e a ilustración do coelliño.

    No conto cóntase a historia dun coello que un día vai por coles á horta e cando regresa atopa a súa casa ocupada por unha cabra que non lle permite entrar. O protagonista busca a axuda de varios animais pero ningún se atreve a axudarlle. É unha formiga a que consegue expulsar a cabra da casa e recuperar a normalidade. Como podemos observar a trama está organizada coma todos os contos tradicionais en tres partes: exposición do problema (interveñen o coello e a cabra), desenvolvemento (interveñen o coello, o boi, o can e o galo) e o desenlace (interveñen o coello, a formiga e a cabra). O libro presenta un narrador en terceira persoa e as voces protagonistas son un coello, unha cabra e unha formiga. Os personaxes secundarios son o boi, o can e o galo. Este é un texto-fórmula concibido tanto para ser lido como para ser contado, que xoga de forma especial coa sonoridade e a rima coa inclusión de estruturas repetitivas, rítmicas e diálogos abundantes que fan que o conto se recolla no grupo de lecturas dos primeiros lectores.

    En canto á ilustración do conto cabe destacar que levou o Premio Nacional de Ilustración no ano 1999. Represéntanos as imaxes de diferentes animais xogando cos seus tamaños, co aspecto, coa cor e incluso coas reaccións dos personaxes. O texto forma parte da ilustración que é de cor violeta. Tamén podemos destacar a presenza dalgunha onomatopea dentro da ilustración como cando a formiga peta na porta (Toc, toc, toc!).

    Dentro da dimensión lúdica, coa estrutura encadeada e a humanización destes animais podemos traballar a importancia da cooperación entre as persoas e a afouteza ou forza interior que todos/as temos. Desta forma con este conto buscamos reivindicar a amizade e a coraxe, porque a valentía non é cuestión de tamaños. Aínda que aparentemente sexamos fráxiles dende o exterior, en realidade a fortaleza sempre se atopará no noso interior e só temos que soltarnos e sacala fóra cando a precisemos.

    Para a inclusión deste álbum nunha aula de educación primaria, eu escollería ó público máis cativo (primeiro e segundo) e contaríalles o conto xogando coa sonoridade, coa voz e incluso con elementos sonoros. Posteriormente farían eles/elas unha lectura máis reflexiva para finalmente acabar cunha posta en escena dende a dramaturxia.

    O conto está dispoñible ademais en castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano. Tamén se publicou na colección “Makakiños”, unha iniciativa para persoas con necesidades especiais. Como recursos en liña podemos destacar o traballo de varios/as contacontos que compartiron na web a audición do conto incluíndo música de fondo coma no seguinte caso do CEE Vilagarcía de Arousa: https://youtu.be/C7S8TGTGtKs ou o de Afundación TV: https://youtu.be/9uq9WmeZA3I. Tamén podemos destacar a dramaturxia do conto que fixo A Escola Infantil na Casa da Xunta de Galicia: https://youtu.be/2eGZQoL6R8Q.


Fátima Gallego García



Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...