xoves, 31 de decembro de 2020

 



Muñoz Puelles, Vicente (2006). Nenas e nenos de todo o mundo. Ilust. María Espluga Solé. A Coruña: Bahía Edicións, col. Carteira de valores, [32pp.].

(ISBN: 978-84-96526-54-9)


Álbum ilustrado de tapas brandas composto por 32 páxinas. A cuberta está ocupada na súa integridade pola imaxe dun neno pequeno no colo da súa nai. Este leva colgada dun brazo unha especie de bandoleira que adianta aspectos relevantes do argumento, concretamente o espazo onde se vai desenvolver a historia, o colexio. Na parte superior aparecen os nomes do autor e ilustradora, debaixo dos que destaca o título da obra en letras grandes, mentres que debaixo deste aparece o nome da editorial. Na contracuberta, só se atopa a sinopse desta obra.


No interior, as gardas son de cor branca e as páxinas de lectura amosan unha mestura entre texto e imaxe, pois estes están intimamente relacionados, proporcionando unha necesaria lectura visual, dado que é algo difícil de seguir o texto sen as imaxes, que van axudar moito aos cativos a comprender a mensaxe. As imaxes, tamén están relacionadas entre si. Toda as ilustracións teñen en común o debuxo dun lugar específico, á escola. Ao longo da historia van aparecendo imaxes de novos personaxes con trazos e roupas totalmente diferentes, pois as culturas de todo o mundo van ser o fío condutor da lectura.


A letra adecúase a un modelo estándar para nenos/as de 8-10 anos, pois non é demasiado pequena. Os parágrafos son curtos, o que propicia o interese por seguir lendo sen problema, xa que doutra forma podería resultar algo pesada.


Dende o punto de vista do argumento, era o primeiro día de colexio para Vicente. Estaba triste porque a súa nai o deixara alí e ela marchara. A través das bágoas viu unha nena que choraba tamén. Era Tutune, unha rapaza de pel escura e cabelo crecho, da que se fixo amiga ao entrar na clase. A mestra comezou explicando o planeta, un lugar moi grande onde habita moita moita xente e tan diversa como as nenas e nenos que había na aula. Estaba Tutune, cuxos pais eran de Gana; Apu, un neno moreno que viña da India; Olga, unha rapaza de Ecuador, e David, ao que todos chamaban Chan porque viña da China. Ese mesmo día preparouse unha pequena festa en honor a toda as culturas do mundo. As profesoras prepararon doces e pasteis típicos de cada país e os pais e nais de tódolos nenos/as, levaban posta roupa que os caracterizaba: o papá de Apu, un turbante, e o papá de Tutune, un traxe de cores vivas parecido a un pixama. Tamén estaba a mamá de David, que levaba unha túnica amarela, e a mamá de Vicente, cun traxe típico galego. Os nenos e nenas desfrutaron moito da festa e coñeceron culturas diferentes á súa. 


A lectura desta obra permite, entre outras potencialidades, reflexionar sobre diferentes temas, entre os que destaca o da diversidade cultural. Esta cuestión resulta fundamental, polo que hai que transmitirlle aos nen@s que cada pobo ten a súa forma de ser e os seus costumes, que son necesariamente respectables por todos os demais Tamén é preciso incidir no feito de que todos temos os mesmos dereitos e non hai que tratar a ninguén como non nos gustaría que nos tratasen a nós. Hai que conseguir a integración dende a aula porque é o espazo principal de convivencia, onde ás veces se producen actos de racismo e rexeitamento aos demais. Coa lectura desta obra pódese transmitir que a variedade é boa, pois grazas a esta diversidade poden enriquecerse de coñecementos que ao longo da vida os vai facer crecer como persoas solidarias e respectuosas. Mensaxe principal deste libro, pois se nos paramos a coñecer aos demais, decatarémonos de que en realidade somos moi parecidos entre nós, pois todos somos iguais e diferentes á vez. Esta temática vai moi ligada a outra, como é a amizade (Tutune e Vicente) e a aceptación, neste caso entre todos os nenos da aula de Vicente.



As peripecias de Extravaganzza Pérez

 Costas, Ledicia e Villán, Óscar (2018). As peripecias de Extravaganzza Pérez. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Sopa de libros, serie verde, nº 66, 176 pp. (ISBN 978-84-9121-317-8).

 


A obra que escollín é As peripecias de Extravaganzza Pérez. Este libro conta a historia de Extravaganzza, unha nena bastante estraña, cuxos pais son biólogos. Un día os pais marchan de viaxe e a nena queda soa. Durante un tempo a nena vive tranquila pero ao ver que os pais non a chamaban preocupouse. Entón a nena colle unha caixa que os seus pais lle dixeran que non abrira. Porén a nena non foi capaz e atopou uns plans dun globo aerostático tirado por flamengos. A nena comeza unha viaxe longa e perigosa para atopar aos seus pais.


O formato da obra é un libro de tapa branda, cunha ilustración na cuberta na que aparece a protagonista (Extravaganzza) e os catro flamengos acompañándoa. Na contracuberta aparece unha pequena ilustración dunha tartaruga e a sinopse da obra.


O libro conta con varias ilustracións, nas que aparece a protagonista e animais. Estas ilustración non son moi realistas, como se pode ver nos pantalóns da protagonista ou na súa coleta. Xógase coas cores e os tons máis escuros para a noite. A maioría de ilustracións conteñen cores moi vivas e rechamantes. A protagonista acostuma ser a figura central, porén os animais tamén aparecen como máis grandes do que son na vida real.


O que atopei como recurso na web foi unha páxina que traballa coa obra. Ten unha introdución, o argumento, fala un pouco da autora e o ilustrador, conta os temas e os valores que transmite, outras obras da autora e páxinas de internet relacionadas, e distintas actividades para traballar na aula con este conto.

 

Algunhas das potencialidades que podemos traballar con este relato son: o tema do amor, neste sentido filio-paternal. Pódese ver reflectido no cariño que ten a nena cos seus pais e o preocupada que estaba por eles. Outro contido é a amizade e a lealdade que teñen os pais cara aos anciáns que protexían os animais. Tamén incluímos a amizade da nena con todos os animais cos que se atopaba e coas súas mascotas, catro flamengos. A creatividade percorre toda a obra, un dos exemplos máis claros é o globo aerostático tirada por flamengos e outro tipo de inventos. Na miña opinión un dos temas máis importantes desta obra é o coidado do medio ambiente, salvar os animais en perigo de extinción é a misión dos pais da nena. Un dos últimos temas que quero mencionar son a iniciativa e valentía que ten a nena por buscar os seus pais. Ela pretende atopalos soa nun mundo de perigos e riscos que poden mancala, pero o seu amor cara eles é maior.

mércores, 30 de decembro de 2020

Podesvir

 Recensión crítica dunha obra literaria


A miña elección para facer esta recensión crítica é unha obra que tiña pola casa de cando eu era unha cativa. A obra pertence a Fina Casalderrey, titulada Podesvir.



CASALDERREI, Fina (1997). Podesvir. Noemí López. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións, SL. Sotelo blanco infantil e xuvenil, 38 pp. (ISBN: 84-7824-301-1).



Esta obra é un libro ilustrado de tapa branda, con cores moi vivas e rechamantes. Este ten unhas medidas de 20x12, e o seu corpo é de tapa branda, observando na cuberta unha vila moi colorida e tranquila, podemos dicir que transmite tranquilidade observala, ademáis tamén vemos un cartel que ten escrito “Podesvir”. Na parte superior da cuberta tamén se pode leer o nome da autora, o título do libro e o nome da ilustradora, por outro lado, na parte inferior está o nome da editorial. Na contracuberta do libro aparece un pequeno resumo do libro e varios dibuxos dunhas mariposas, ademáis da edirorial do libro e o seu código de barras. Xa no interior, conta con 38 páxinas, nas que o texto aparece sempre nas páxinas impares, mentres que as ilustracións está nas pares. A tipografía é a letra redonda, que se emprega para facilitar a lectura autónoma da infancia.


A historia que nos conta este libro trata sobre un pobo chamado Podesvir, onde o sol e a natureza brillaba e se desfrutaba moito. Pero un bo día todo cambiou coa chegada dunha familia moi avarenta e adiñeirada. Unha vez que esa familia se instalou no pobo as cores vivas deixaron de existir, ao igual que os animais, os anciáns, o sol… o único que se  podía ver agora en Podesvir era a cor gris por toda a contaminación que había por culpa desa familia. Finalmente, o fillo desa familia que destruíra o pobo fixo que volveran os anciáns, facéndose o mellor amigo dun e dándolle así alegría e cor a Podesvir, de modo que todo volveu ser coma antes.


As ilustracións deste libro son moi grandes e rechamantes. Están cheas de cores vivas que resaltan á vista. Ademáis, son ilustracións moi básicas e sinxelas, pero que axudan a comprender a lectura, polo tanto as imaxes que aparecen ao longo do libro axudan a comprender o que se recrea na historia, e tamén facilitan a lectura xa que che axudan a ter un pensamento recreado do que vas lendo, para así poder imaxinar o que lees dunha forma máis sinxela. Nas imaxes soen salir os mesmos persoaxes en distintas esceas e paisaxes.


    A lectura desta obra ten entre as súas potencialidades o tratamento de temáticas como a contaminación e a economía familiar. Para o lectorado de ata os 8 anos é unha obra divertida, na que se centrarán no importante que son os anciáns nun pobo e na vida dunha persoa, en especial por asociala cos seus propios avós. Para un lectorado de máis idade, a lectura permitiralles reflexionar sobre o prexudicial da acción da familia adiñeirada e tamén no que lle ocorreo a Miguel, a súa soidade e falta de amigos. 








Nolo e os ladróns de leña

 Recensión crítica dunha obra literaria


A miña elección para facer esta recensión crítica é unha obra que tiña pola casa de cando eu era unha cativa. A obra pertence a Fina Casalderrey, titulada Nolo e os ladróns de leña.



CASALDERREY, Fina (2004). Nolo e os ladróns de leña. Teresa Novoa. Madrid: Edicións SM, col. O barco de vapor, 64 pp. (ISBN: 84-348-6163-1).



Esta obra é un libro ilustrado de tapa branda, o cal ten unhas medidas de 19 x 12, constituído por unha cuberta e pola contracuberta. Centrándonos na primeira, podemos dicir que observamos o nome da editorial cun pequeno debuxo representativo, por outro lado vemos o título da obra e o nome da autora, ao igual que un pequeno debuxo do noso protagonista, Nolo, sentando nun banco con varios nenos/as preto dunha árbore, e unha nube no ceo. Polo outro lado, na contracuberta observamos de novo o nome da editorial do libro co seu anagrama, tamén un breve resumo unha breve biografía da autora, unha fotografía de Nolo estomballado nunha nube e ao final de todo aparece o código de barras co que se pode identificar o libro. 


No interior conta con 63 páxinas, non todas numeradas por mor das ilustracións que ocupan a páxina completa. A tipografía é de letra redonda, a cal se emprega para facilitar a lectura autónoma da infancia. Ao longo de toda a obra podemos destacar as cores de cor pastel que fan relucir todos os debuxos, nos que chaman a atención tanto as cores como as siluetas, nos que se reflicte o que nos está a contar o texto. 


A historia que nos conta este libro trata sobre Nolo, un home moi querido no seu pobo, sobre todo polos nenos e nenas. É un home bastante maior e fisicamente está moi gordo. Tiña un can chamado Rufo, o cal vivía consigo na súa pequena casiña vella. Nolo nunca estaba só, sempre estaba rodeado de nenos, incluso esperaba no seu propio banco, a que saíran da escola para xogar un pouco e regalarlles lambetadas, mentres Rufo tamén xogaba un chisco no parque. Viviu moitas aventuras, ata que un día empezouse a laiar dunha forte dor no peito, a ambulancia veu buscalo pero Nolo marchou para o ceo, sen se poder despedir. A partires de aí, as cousas da casa de Nolo empezaron a desaparecer e, ao mesmo tempo, a leña das casas dos veciños tamén, ata que chegou un momento no que desapareceron os nenos. Os veciños estaban asustados sen entender nada do que estaba acontecendo, os pais preocupados polos seus fillos escoitaron ladrar a Rufo, e seguírono ata que os levou a xunto os nenos e a leña desaparecida. Todo fora unha invención dos nenos, que decidiran crear unha escaleira para poder estar con Nolo de novo, e así despedirse del e darlle as súas pertenzas.


As ilustracións deste libro son moi grandes e rechamantes, creadas por Teresa Nóvoa. Están cheas de cores pastel e cálidas, o que produce unha sensación moi agarimosa ao velas. Son ilustracións moi básicas e sinxelas, pero que axudan a comprender a lectura en todo momento. Na maioría das imaxes sae o noso protagonista Nolo, rodeado dos nenos e nenas do pobo, ou algunha paisaxe. Amplían moita información, xa que con tan só ver as imaxes podes imaxinarte ou facerte unha idea do que vas ler. 


A lectura desta obra ten entre as súas potencialidades o tratamento de temáticas consideradas tabú, como é a morte. A pesar de que poida resultar máis difícil para un neno/a entendelo, é algo inevitable que van ter que vivir ao longo das súas vidas. É de salientar nesta historia o tratamento do tema como algo natural, dunha forma sinxela e agradable. Ademáis, tamén se darán conta de todas as relacións sociais que este mantiña, ao igual que a súa bondade, xa que lle gustaba moito compartir e solidarizarse cos demais.


Vanesa non quere ser princesa


 


PEROZO, XOSÉ A. (2004). Vanesa non quere ser princesa.  Ilust. Xaime Asensi. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco,  col. Contar x contar, 35 pp. (ISBN: 84-9471-871-1).

 

Libro ilustrado de Xosé Antonio Perozo e Xaime Asensi, de tapa dura, de 21 cm x 21 cm aprox. e ten 35 páxinas. Na cuberta presenta unha imaxe dunha nena vestida de astronauta e nun contexto que semella o espazo exterior que acena cara ao lectorado en actitude alegre, mentres se observan múltiples estrelas ao fondo. Na parte superior aparece o título da obra e debaixo os nomes dos autores.

Dende o punto de vista do contido, a historia xira ao redor do soño da nai de Vanesa, que quere que súa filla sexa unha princesa. Por iso chamou ás fadas dos contos para facelo realidade. O problema xurdiu cando a máis vella de todas decidiu que a nena puidese elixir por si mesma o que ía ser. Vanesa quixo ser mestra, doutora, arquitecta, xuíza, xornalista, actriz, astronauta e escritora, pero non princesa. Vanesa quixo ser libre.

As ilustracións de Xaime Asensi acompañan o texto e serven de aporte de información adicional á do texto. Podemos observar que as imaxes que aparecen nas páxinas están formadas por cores vivas, que ao meu modo de ver, representan a vida en si mesma, as ganas de explorar libremente o mundo, sen que ninguén poña límites a esa exploración. En cada imaxe aparece Vanesa vestida da profesión que elixe ese día. Polo xeral, móstrase a unha Vanesa feliz descubrindo oficios novos día a día. Baixo o meu punto de vista, este aspecto é importante xa que se representa á nena como unha persoa alegre que desfruta xogando e querendo ser algo distinto cada día, tal como debería ser a infancia feliz dun neno ou nena, xogando.

Entre as potencialidades da lectura desta obra moi axeitada para nenas e nenos de educación primaria estarían a reflexión sobre a importancia da coeducación, as expectativas de futuro de ambos os xéneros e a relación entre os adultos e a infancia. Hoxe en día é habitual que a xente siga asignando roles aos nenos. Se es neno tenche que gustar o fútbol e se es nena, as bonecas. Os nenos son listos e as nenas “bueniñas”. Son construtos sociais cos que convivimos. Incluso a publicidade de xoguetes infantís segue a día de hoxe promocionando estes falsos estándares. Por isto paréceme axeitada esta temática para os libros infantís, xa que debemos inculcarlle aos nenos e nenas desde pequenas que todos somos distintos, que a diversidade é boa. As nenas poden xogar ao fútbol igual ou mellor que os homes, estes poden levar vestidos… Son cousas que hoxe en día parecen obvias, pero non o son tanto, por exemplo para a xente que viviu na ditadura. É importante tratar na escola os roles de xénero para educar a nenos e nenas por igual e libremente.

Entre os recursos en liña sobre a obra cabe destacar un vídeo no que unha mestra lle conta o conto á súa clase, moi recomendable ler para o alumnado: h ttps://youtu.be/I3e9k9yKb8k

 

 

A historia do RAINBOW WARRIOR.






Martínez, Rocío (2008). A historia do RAINBOW WARRIOR, trad. Laura Almazán. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Maremar [36 pp.]. (ISBN 978-84-8464-671-6).

            A autora e ilustradora do libro, Rocío Martínez, licenciada en Belas Artes, conta con numerosos premios e recoñecementos na súa traxectoria profesional no ámbito da ilustración de libros infantís e xuvenís. Con este libro amosa unha evolución cualitativa no seu percorrido artístico.

            A editorial do libro Kalandraka, inclúe este libro dentro da colección “Maremar”, álbums ilustrados, dirixida a  lectores autónomos.

            O libro está encadernado en tapa dura e as páxinas están encoladas ao lombo, estas teñen unha dimensión de 22x28 cm. Na impresión do libro empregáronse follas de papel reciclado, fabricadas a partir de madeira procedente de plantacións ambientais sostibles, polo que Greenpeace aprobou a publicación da obra, xa que cumpre cos requisitos do proxecto “Libro Amigo do Bosque”.

            Este recoñecemento aparece na cuberta do libro, nela amósase tamén unha imaxe a toda cor do barco, e arredor del preséntanse parte dos personaxes que aparecerán ao longo da historia: golfiños, baleas, habitantes de illas… É preciso resaltar que non existe unha continuidade entre a cuberta e a contracuberta, xa que nesta última se recolle unha imaxe dun mapamundi, onde se pode ver a cantidade de espazo que ocupan os océanos na Terra e pode interpretarse como un chamamento á reflexión do ser humano para conciencialo sobre o seu coidado.

            En canto ao texto do libro, destaca polo emprego dunha linguaxe sinxela que lles axuda aos nenos e nenas a comprender unha historia sensible sobre a importancia do mantemento dos ecosistemas do planeta , a pesar de estar cargada de matices ideolóxicos está adaptada ás súas idades de xeito que favorece a súa comprensión. O tipo de letra empregado, o uso das minúsculas, a idea de resaltar os diálogos en letra grosa e a posición do texto no relato, tanto mesturado coas ilustracións como a toda páxina, favorecen unha lectura fluída e  independente do alumnado.

            Por último en canto ao formato, un dato importante é que ao final do libro se engade un despregable cos fitos máis importantes do barco, recollidos en orde cronolóxica, onde se poden analizar todas as súas accións.                                     

            O relato comeza coa presentación de dúas baleas, nai e filla, que viaxaban polo mar dispostas a chegar aos mares do sur. A viaxe ía ser moi longa e a balea pequena lacazaneaba, a nai empurraba nela suavemente, mentres lle contaba a historia do Guerreiro do Arco da Vella, máis coñecido como Rainbow Warrior. A filla por non perder o fío da historia comezou a nadar máis a présa, escoitando abraiada o que dicía a súa nai.

            A historia do Rainbow Warrior xorde dunha profecía india, da tribo dos Cree. Na profecía falábase dunha paisaxe terrible para os animais, onde os seus hábitats, os mares e os ceos estarían contaminados, o que derivaría na extinción e morte de moitas especies. Ao fin desta predición, os Cree prognosticaron que homes e mulleres de tódalas razas e aldeas se unirían para loitar contra a destrución da Terra, o que provocou que a asociación Greenpeace puxese en marcha o proxecto do Rainbow Warrior.

            Este proxecto parte da reconstrución dun barco vello, froito do traballo en equipo de moitas persoas, onde os seus tripulantes loitan pola defensa das baleas, das focas, peixes e demais animais que habitan os mares. Do mesmo xeito tamén se implican na defensa das augas, na súa limpeza, na protesta contra os vertidos tóxicos e na construción de petroleiras no medio do mar.

            O guerreiro do Arco da Vella converteuse nun emblema de concienciación sobre a pesca furtiva, a caza ilegal de baleas e focas e a protección da flora e da fauna mariña, e neste libro adáptanse as fazañas realizadas polos ecoloxistas para contarllas aos cativos, sen pararse a describir polo miúdo as leis que moitos países aprobaron para facer fronte a todas estas problemáticas.

            Aínda que xa fai máis de 21 anos que aquel barco se atopa no fondo do mar, coma se fose un arrecife artificial, a súa causa segue viva e o seu sucesor, o barco Rainbow Warrior III continúa a loitar polas especies máis indefensas.

            En relación coas ilustracións, no libro a autora alterna debuxos realistas do mar e dos animais mariños, con imaxes simbólicas, onde as siluetas dos animais serven de soporte para relatar visualmente a loita de Greenpeace na defensa das especies e do mar.

            Estas imaxes presentan unha gran plasticidade. As técnicas empregadas na ilustración combinan un elegante manexo da pintura, debuxos a toda cor, con liñas e trazos moi finos e minuciosos para rodear as formas.

            No concernente ás potencialidades a obra está pensada e escrita para traballar cun alumnado de entre os 8 e os 12 anos. En función do establecido no Decreto da Educación Primaria e respecto á materia de Didáctica da lingua e da literatura Galega, é moi axeitada para traballar no 2ºcurso, xa que nos diversos bloques de contidos nos que se atopa dividida esta materia atópanse contidos e estándares que se poden desenvolver a través do tratamento deste libro.

            A historia relatada permite o tratamento da educación medioambiental dentro da aula, este é un tema transversal que debe traballarse de xeito globalizado, a través de todas as materias e que pola súa idiosincrasia favorece a concienciación medioambiental, o coñecemento ecolóxico e a adquisición de actitudes e valores comprometidos co medio ambiente, cun uso racional dos recursos. Isto vai contribuír á adquisición do concepto de desenvolvemento sostible, a través da compresión da linguaxe escrita do texto. Empregando a lectura como recurso, serán capaces de extraer as súas ideas principais, poderán interpretar a información exposta, as ilustracións e sacar as súas propias conclusións.

            A competencia lectora ademais de mellorar a comprensión do alumnado, debe ser tratada na aula de xeito diario, co emprego da biblioteca como recurso, facilitando o seu uso como instrumento cotián, accedendo a ela para a busca de información complementaria dos contidos tratados en dicionarios, enciclopedias, xornais… isto seralles de grande axuda para desenvolverse dentro da sociedade, para ir á biblioteca do concello e ter unha idea previa de como funciona e  para saber coidar e conservar os libros.

            A adquisición da competencia oral, coa participación nas conversas entre iguais, o desenvolvemento da escoita activa, o respecto das quendas de palabra e o respecto das opinións alleas son unha das potencialidades da obra. Debido á súa temática presente na vida real,  os nenos/as poden falar das súas experiencias persoais en canto á reciclaxe, a redución do gasto enerxético, limpeza do medio… a súa participación en debates, faladoiros, sobre cales son as mellores opcións para axudar a coidar o mundo axudaranlles a desenvolver o pensamento crítico e a súa capacidade de expresión comunicativa.

            Con respecto á escritura e ao coñecemento da lingua, estas son dúas destrezas que poden traballarse de xeito paralelo, coa reinterpretación da obra, mediante a elaboración de cancións, poemas ou adiviñas baseados na historia central do Rainbown, tentarase potenciar a creatividade dos cativos … isto, vai a axudarlles a elaborar textos de xeito correcto con coherencia e cohesión, empregando o uso da linguaxe verbal e a non verbal, a corrección das normas ortográficas e o emprego dos signos de puntuación. Procurarase que expresen as súas emocións a partir de diferentes textos, e as amosen a través da participación en lecturas ou interpretacións dramatizadas.

            Esta obra é vantaxosa para axudar a desenvolver a competencia literaria do alumnado, coa recreación e interpretación deses textos elaborados por eles mesmos procurarase que os valoren como fonte de goce persoal, xa que ademais de potenciar á animación á lectura e á escritura tamén serven para favorecer a lectura autónoma e independente, tanto en voz alta como en silencio. Polo tanto axudaralles a valorizar a literatura como un dos principais medios de comunicación.

            Ademais de todo o exposto, esta obra contén unha historia real, cargada de valores e podería empregarse para crear no alumnado a conciencia social e cidadá.  Como consecuencia da explosión onde se afundiu o barco, morreu un fotografo e foi o detonante para que en moitos países se aprobasen medidas para protexer o planeta. Con esta información nenos/as poden reflexionar, debater e analizar as consecuencias dos actos humanos tanto para o planeta como para nós mesmos como especie.

            Por último, esta obra conta cun valor engadido e é que existen un gran número de recursos en liña para traballar con ela dentro da aula, entre os máis interesantes recóllense os seguintes enlaces:

martes, 29 de decembro de 2020

O misterio dos fillos de Lúa



CASALDERREY, FINA (1995). O misterio dos fillos de Lúa. Ilust. Manolo Uhía. Vigo: ediciones SM, col. O Barco de Vapor (Serie Laranxa), nº 21, 128 pp. (ISBN: 84-348-4674-8).

Para esta segunda recensión literaria, a obra escollida é O misterio dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey, libro sobre o cal se darán máis detalles en relación ao seu formato, argumento e as súas potencialidades a continuación.

No tocante ao formato da obra, contamos cun libro cunhas dimensións de 11,9 centímetros de largo e de 18,9 de alto e con cuberta rústica e de tapa branda sen orelleiras no interior. Nesta cuberta podemos encontrar os datos claves da obra, como o son o título, o nome da autora, da editorial e da colección, ademais dunha serie de premios que a obra conseguiu no pasado. Acompañando estes datos podemos ver unha ilustración a cor de Lúa, a gata protagonista da historia, sendo dita ilustración traballo de Manuel Uhía.

Unha vez aberto o libro atopamos dúas páxinas en branco e inmediatamente a portada, a cal segue un formato similar ao atopado na cuberta pero sen a fotografía que caracteriza a esta e sen os datos da colección. Pasada a portada podemos observar unha páxina con datos da edición e unha dedicatoria da autora: “A Marcos e a Rocío. E a Lúa (que tamén é da casa)”. Tras ela, comeza a historia. Esta abarca 119 páxinas, organizada en 28 capítulos curtos dunhas 4 páxinas de media, aproximadamente. Os dous primeiros capítulos serven como introdución e presentación de personaxes e os dous últimos como desenlace do argumento, estando os 24 capítulos restantes dedicados ao nó. O formato que atopamos ao longo de toda a historia é o mesmo, caracterizado este polo uso dun formato de texto estándar acompañado de ilustracións en determinados puntos da narración. A fonte e tamaño empregados son sempre os mesmos agás no texto do título do capítulo e en determinados puntos onde atopamos ilustracións de notas por exemplo. Rematadas as 119 páxinas de historia, atopamos o índice da obra, que describe a división en capítulos da mesma, tal e como se citou anteriormente. Tras el e dúas páxinas en branco, podemos observar o conxunto de obras da colección “O Barco de Vapor”, tanto da serie laranxa como da vermella. Para rematar, temos a contracuberta, onde salienta a sinopse do libro entre o nome da colección, a idade recomendada (9 anos) e o código de identificación do ISBN.

En canto ao argumento, podemos destacar a tres personaxes principais. Por un lado temos a Lúa, protagonista dos acontecementos da obra. Esta é unha gata que foi rescatada por unha familia nun cemiterio e unha vez adoptada, tras parir dúas veces, perdeu os seus fillos en misteriosas condicións. Por outro lado temos o narrador da obra, David, un neno de 8 anos que é o dono da gata, aínda que fora o seu irmán quen a rescatara. Por último encontramos a Branca, a súa veciña, compañeira de clase e amiga. Xuntos, co terceiro embarazo da gata, tentan descubrir ao longo da historia quen foi o suposto ladrón dos gatos de Lúa para resolver así o misterio da desaparición destes. O principal sospeitoso durante a obra é o señor Indalecio, veciño dos protagonistas, pero finalmente descobren que foi o can do boticario do pobo quen en realidade matara os gatiños e que non había ningún ladrón en realidade. Por outro lado, Lúa remata a historia dando a luz os 4 gatiños dos que estaba embarazada.

Neste caso atopámonos cunha obra literaria acompañada por ilustracións que complementan a narración, aínda que estas aparecen de forma esporádica e non constantemente. Isto pode deberse a que xa falamos dun libro recomendado para idades próximas ao último ciclo de Educación Primaria, onde quizais, polo menos neste tipo de obras, o máis apropiado sexa deixar voar libremente a creatividade da mente dos alumnos e alumnas. Estas ilustracións de gran calidade adoitan ocupar unha páxina enteira (normalmente a dereita), están en branco e negro e, debido a isto último, dan moito protagonismo á técnica do sombreado con lapis. Destaca sobre todo o tratamento das figuras humanas e animais.

Xa no tocante ás potencialidades, considero que esta obra trata algunhas temáticas de suma importancia para as idades a que vai dirixida. Por un lado temos as relacións interpersoais, tanto no ámbito familiar como no eido da amizade. É neste último onde podemos destacar a amizade entre David e Branca, a cal representa de maneira moi apropiada os valores que teñen que estar presentes nunha relación deste tipo, como son a lealdade, o interese, a confianza... Por outro lado, David cumpre unha promesa, aquela pola cal Lúa pasa de ser a súa gata a ter tamén como dona a Branca, o que pon de relevo a importancia de cumprir o prometido ou de non mentir, algo que ás veces de neno (ou de non tan neno) se fai máis do debido. Por último, abórdase o mundo animal. A importancia que David lle dá á súa gata, pode ser un bo exemplo de como se debe de tratar a un animal doméstico e máis nun contexto coma o actual de concienciación contra o abandono e o maltrato animal, unha das grandes lacras da humanidade sen dúbida algunha. Tamén se pode aprender a partir do relato, características sobre os gatos dende unha perspectiva inocente, sobre todo aquelas que teñen que ver co ámbito reprodutivo. Ademais de todo isto considero que o eixe central da historia, a intriga, pode manter o alumnado enganchado á obra, algo que pode ser útil para fomentar o gusto pola lectura e crear así hábitos lectores que os axuden a acadar determinadas competencias.

Afortunadamente ao tratarse dunha obra bastante coñecida e vendida, pódense atopar diferentes recursos en liña en relación coa mesma na rede. En primeiro lugar, podemos atopar na rede book trailers da obra como este: https://www.youtube.com/watch?v=25fGelXpwyY ou este https://www.youtube.com/watch?v=wetf4t2oOXY, onde con debuxos e ilustracións do libro de fondo, se fala do seu argumento, da autora ou da opinión persoal dos usuarios que os colgaron na rede. En segundo lugar, atopamos unha páxina onde a propia Fina Casalderrey (https://axendacultural.aelg.gal/tag/o-misterio-dos-fillos-de-lua/) le diferentes fragmentos das súas obras, estando o segundo vídeo do portal adicado á obra na que nos centramos esta vez. Xa para rematar, tamén podemos atopar dous enlaces que nos levarán directamente a unhas fichas con diferentes actividades de postlectura relacionadas cos personaxes e o argumento do libro: https://ecat-server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12973.pdf e tamén en: https://ecat-server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12972.pdf.

 

A historia do RAINBOW WARRIOR


MARTÍNEZ, ROCÍO (2008). A historia do RAINBOW WARRIOR. Pontevedra: Kalandraka, Libro Amigo dos Bosques GREENPEACE, [30 pp.]. (ISBN: 987-84-8464-671-6).

Co obxectivo de abordar o bloque 5, Educación Literaria, presente no currículo de quinto de Educación Primaria utilizarase a lectura como recurso para promover os seguintes estándares de aprendizaxe: valorar a literatura como unha fonte de coñecemento ilimitada e unha forma de ocio persoal, mellorar a expresión oral a través da lectura en voz alta e de dramatizacións na aula, ademais de coñecer e respectar diferentes culturas e costumes –o B5.1.2, o B5.2.2, o B5.5.1 e o B5.7.2.

Para abordar estes estándares, o tema escollido foi o coidado do medio ambiente e a concienciación dos efectos negativos que provocan as intervencións humanas na natureza. Considero que esta cuestión é imprescindible, xa que na actualidade abondan numerosos problemas ecolóxicos, a extinción de especies animais e o quentamento global, entre outros. Por conseguinte, o alumnado debe ter unha educación ambiental apropiada, a cal se pode conseguir a través das múltiples posibilidades que ofrece a perspectiva literaria.

Un álbum ilustrado que se adapta a estes contidos é A historia do RAINBOW WARRIOR, unha historia significativa da que se pode aprender e que deixa moito que reflexionar, ademais da gran calidade das ilustracións que inclúe. A pesar de ser un álbum ilustrado, require dunha comprensión e coñecemento da realidade que o alumnado de 5º xa adquiriu previamente nos cursos anteriores.

De detérmonos con detalle na análise da obra, pódese dicir que dende o punto de vista do formato, no peritexto pódese observar a tapa dura que alberga a este álbum ilustrado, cunhas dimensións de 27 x 21 cm, encadernado en cartoné. As gardas son significativas e nelas pódese ver un barco navegando polo mar e no que unhas persoas de cor verde alzan bandeiras brancas. Tamén hai persoas en terra levando a un peirao próximo materiais para fabricar ou remodelar e pintar o barco. No mar hai peixes e golfiños nadando tranquilamente, mentres que no ceo se observan gaivotas voando. Na segunda garda repítese esta imaxe, pero sen rastro da pegada humana. Por outro lado, o libro non conta con lapelas nin cun indicador de idade.

Na ilustración que conforma a cuberta pódese observar que o mar rodea e resalta a imaxe central, coma se fose unha illa. Nela atópase o título e unha ilustración do barco xunto con dúas pequenas lanchas que portan persoas vestidas de cor verde con bandeiras brancas.

A primeira vista, o arco da vella pintado no barco cargado de xente “verde”, xunto coa pomba debuxada na proa e as bandeiras brancas, transmiten felicidade e tranquilidade, semellando que o propósito do barco é o de buscar a rendición e a paz. Esta última poderíase intuír que é do medio mariño, xa que é a paisaxe definitoria da cuberta: mar, animais, rochas, icebergs, algas e illa. Por outra banda, na contracuberta está debuxado un mapamundi e nel pódense localizar dúas baleas e o barco en cuestión.

As palabras RAINBOW WARRIOR quedan enfatizadas no título con letras máis grandes e dunha cor azul máis escura, en contraposición co resto da tipografía amosada na cuberta. O nome da escritora e tamén ilustradora, Rocío Martínez, está escrito cunha tipografía máis pequena ao carón do barco, e a editorial Kalandraka debaixo deste. Na portada vólvese repetir esta distribución. Adicionalente, na primeira folla fai unha breve dedicatoria a Marina, Santi, Elenita, Iker e María de la Prada, e adícalle un especial agradecemento a Miguel Ángel de Soto, amigo seu de Greenpeace. Tamén fai unha breve alusión á orixe desta historia grazas a unha conversa familiar na que un parente lle contaba á súa filla a historia do Rainbow Warriror.

No seu interior, a letra é grande e en minúsculas, e as ilustracións abranguen unha cara, situadas todas elas á dereita; aínda que tamén hai algunha ilustración a dobre páxina. Estas imaxes veñen acompañadas por un breve texto e son necesarias para entender o contido e que o libro teña sentido. É máis, a historia pódese comprender sen o texto, só son necesarias as ilustracións.

No referido ao contido, o gramado da edición é en papel groso, reciclado e de boa calidade. Escrito orixinalmente en castelán, conta con varias traducións a outros idiomas como o galego, o portugués ou o catalán. A súa lectura é convencional, de esquerda a dereita, aínda que pode ser considerado como interactivo porque inclúe un recurso ampliable sobre a historia do Rainbow Warrior, un mural despregable na garda final. Tamén é unha lectura lúdica, xa que as ilustracións conteñen un forte significado simbólico que os/as nenos/as tratarán de descubrir.

O argumento xira ao redor de dúas baleas que interpretan os roles de nai e filla. A balea nai cóntalle á súa filla a historia do Rainbow Warrior a través dunha canción. Tras cumprirse a profecía da tribo Cree, un grupo de persoas loitan contra as catástrofes causadas no mundo. Para iso, utilizan un barco abandonado e noméano “Rainbow Warrior”, que utilizan para concienciar á xente e tratar de evitar máis catástrofes a nivel mundial. As persoas que se viron prexudicadas con esta actuación tentaron de acabar co seu propósito afundindo o barco, o cal rematou converténdose nun refuxio de animais mariños. En honra a este barco, construíuse unha réplica.

Narrado en terceira persoa de omnisciencia total, o/a lector/a de entre 10 e 12 anos pode saber o que pensan e senten as dúas personaxes, o que permite empatizar con ambas e formar parte da historia como unha personaxe máis. En canto á caracterización das personaxes, as baleas nai e filla personifican unha relación humana entre elas: a filla é preguiceira e a nai insiste para que lle faga caso. Por tanto, entre as figuras empregadas, pódese destacar a personificación das baleas con sentimentos, ademais da reiteración da profecía da tribo Cree ao inicio e final da historia. Por isto mesmo, a estrutura da historia é un ciclo.

As ilustracións, pintadas con lapis de cores e coa técnica pastel mediante trazos que rebosan finura, acompañan o relato e están cargadas de gran forza simbólica: os animais, como a foca ou a balea, teñen debuxado no seu interior unha recompilación de viñetas que dividen o animal en tres, coma se se tratase dun antes e despois do efecto que tivo o Rainbow Warrior na biodiversidade mariña, unha evolución progresiva na historia da súa especie. A primeira viñeta transmite o sufrimento provocado polos seres humanos a estes animais, a segunda invoca a aparición do Rainbow Warrior coas súas características bandeiras brancas e a terceira a solución que atopou a esta problemática. Tamén me gustaría destacar que, nunha das ilustracións onde os guerreiros do Arco da Vella constrúen o barco, a ilustradora pretende sinalar o paso do tempo coa contraposición dos cromatismos negro e branco: día e noite, nubes de chuvia e neve. Outra cor sempre presente é a azul, coa que se representa ao medio mariño. As páxinas non están numeradas e as ilustracións atópanse na cara dereita. Esta é unha técnica de uso habitual na lectura porque é o primeiro que se ve ao pasar de páxina.

De entre as potencialidades cabe sinalar que a lectura deste libro ilustrado permite abordar múltiples temas que son de trato actual: o coidado do medio ambiente, a reciclaxe, a ecoloxía, a paz ou o compañeirismo. Tamén representa nas ilustracións a morte sen ningún reparo, abordando un tema tabú para o lectorado infantil. É moi importante concienciar sobre a problemática que sofre a natureza na actualidade e os medios ao noso alcance para contribuír ao seu detemento. O libro actúa como punto de partida para reflexionar e involucrarse na mellora do sistema ecolóxico.

Dentro da aula de quinto de Educación Primaria, a cal me parece a máis apropiada para ler e traballar con esta obra, os valores mencionados poden ser tratados con diferentes propostas didácticas. Seguindo os posibles obxectivos e estándares propostos do currículo, poderíase organizar unha dramatización, xa que é a mellor forma de mellorar a competencia oral. Cada estudante tería un papel e se disfrazaría para interpretalo correctamente. Esta obra sería presentada tanto en cursos superiores coma inferiores, xa que se busca un grande impacto no maior número de espectadores/as posible. Outra actividade de poslectura para fomentar unha participación activa do alumnado é facer un debate sobre que propostas e medidas ecolóxicas pensan que se poden levar a cabo no noso día a día que contribúan á mellora do medio ambiente para despois aplicalas noutros ámbitos, como nas súas casas.

En canto aos recursos, o Informe de literatura publicado en 2008 presenta unha ficha bibliográfica e un resumo do álbum ilustrado, ademais de incluír unha recensión e unha referencia publicadas no Faro de Vigo sobre A historia do RAINBOW WARRIOR. Na plataforma de Youtube tamén atopei unha gravación audiovisual feita polo alumnado de 1º de Educación Primaria subida como conmemoración do Día do Libro e na que len en voz alta a historia, en acompañamento de debuxos feitos por eles/as mesmos/as. Outrosí, hai unha entrada no blog de Greenpeace na que fala do guerreiro do Arco da Vella, os personaxes de cor verde que se encontraban dentro do barco.

Na páxina web da súa editorial, Kalandraka, destaca os premios que acadou o álbum ilustrado: SELECCIÓN LOS MEJORES no Banco do Libro de Venezuela e en 2010 o Plan Nacional de Lectura PNL Portugal. Adicionalmente, ten un certificado ecolóxico “Libro Amigo dos Bosques” e na páxina permite ver o libro en dixital. Por último, resaltar que a publicación deste álbum ilustrado coincidiu co Día Mundial da Terra.

 

González, N. (15 de decembro de 2011). ¡Bienvenido Guerrero del Arcoiris! [Mensaxe nun blog]. Greenpeace. Recuperado de http://archivo-es.greenpeace.org/espana/es/Blog/bienvenido-guerrero-del-arcoiris/blog/38406/

Informe de Literatura (2008). Recuperado de http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2008/Informe_Literatura_2008.pdf

Kalandraka (s. d.). Recuperado de https://www.kalandraka.com/a_historia_do_rainbow_warrior-978-84-8464-671-6-galego-572.html

Pirracasaspatacas (2014,  maio 1). A historia do Rainbow Warrior [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://youtu.be/8KjnPPwAWnk

Maruxa

 



Mejuto Rial, Eva María (2014). Maruxa. Ilust. Ana Mafalda Milhões Aires. Pontevedra: OQO Editora, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-490-6).

 

A miña elección foi o álbum ilustrado Maruxa, de Eva Mejuto e Mafalda Milhões para traballar con nenos e nenas de primeiro de Educación Primaria. Elixín este álbum ilustrado porque me parece moi interesante a combinación das imaxes cos valores de igualdade de xénero que se queren transmitir. Cabe destacar a súa sinxeleza, a cal me pareceu moi axeitada, sobre todo para este primeiro ano de Educación Primaria. Por último destacar os valores que se transmiten con esta obra, xa que é importante transmitilos aos nenos e nenas dende pequenos.

Con respecto ao formato, podemos dicir que se trata dun álbum ilustrado de 23x25 cm, de tapa dura e encadernación en cartoné. Maruxa ten 28 páxinas e conta con ilustracións moi significativas. Non contén solapas. Na cuberta podemos destacar que aparece o título en letras vermellas moi rechamantes e aparece unha ilustración de Maruxa con cara de angustia facendo as tarefas do fogar. Enriba do título atopamos o nome da autora e da ilustradora e máis abaixo observamos o nome da Editorial “OQO”.

Este álbum ilustrado trata sobre Maruxa que vive na aldea con Pepiño. A historia baséase na rifa que inician Maruxa e Pepiño. Maruxa sempre tiña que facer as tarefas do fogar: cosía, barría e labraba mentras que Pepiño cantaba, folgaba e durmía. Ata que un día, Maruxa, que era moi astuta e tiña unha grande habilidade para a retranca, decidiu dárlle unha lección a Pepiño mandándolle comprar todos os ingredientes para facer o pan. Finalmente, Pepiño déuse de conta de que as tarefas do fogar estaban mal repartidas e decide cambiar de actitude.

Con respecto ás ilustracións, cabe dicir que son moi significativas por recrear a historia e ampliar a información do texto. Teñen texturas e son de tipo figurativo. A maioría das ilustracións do álbum ilustrado son de Maruxa pedíndolle a Pepiño ingredientes para facer o pan, cunha evidente retranca,mentres tenta que o seu home tome consciencia de todo o labor que ten que facer ela soa na casa. Finalmente, Maruxa consegue o seu obxectivo e Pepiño comeza a axudala.

A lectura deste álbum considero que é de interese para os nenos e nenas de Educación Primaria, pois permite reflexionar sobre a desigualdade de xénero dentro do fogar, en particular no reparto das tarefas. Estes valores son fundamentais na etapa de Educación Primaria porque considero que son temas que os nosos alumnos e alumnas deben de coñecer dende moi pequenos.

En canto aos recursos en liña, é de destacar un stop-motion realizado por nenos e nenas de 1º de Educación Primaria do CEIP Carballal en Marín. Paréceme un recurso en liña moi interesante para compartir cos nosos alumnos e alumnas, deste xeito, poderíamos complementar a lectura co audiovisual. Ver en https://youtu.be/VuX6KG472qc

 

Nerea Durán Pérez

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...