Este blog é unha ferramenta de apoio á docencia na materia de Didáctica da Lingua e da Literatura galegas na Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo (Campus de Ourense)
martes, 8 de febreiro de 2022
Os soños na gaiola
Con Tango son tres
venres, 4 de febreiro de 2022
Con Tango son tres.
Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro) .
CAMPANARI, José & OLMOS, Roger (2014). Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro). Trad. María Luisa Núñez. Pontevedra: OQO.
Entrevista a María Canosa
“Aínda que somos moitos os que escribimos, non se consome a literatura en galego que se debería”
A escritora galega María Canosa cóntanos a súa experiencia como autora de literatura infantil e xuvenil en galego.
María Canosa Blanco é unha enxeñeira e escritora de literatura infantil e
xuvenil galega. Tamén é coñecida pola súa participación como xurado en algúns
programas da Televisión de Galicia como "Cifras e letras" e
"Como un allo".
Ao longo da súa infancia, transcorrida no lugar de Cee, sempre estivo
rodeada de libros pois, como ben se coñece, é filla da escritora Concha Blanco.
Así, grazas á importancia da comunicación que aprendeu no seu fogar e o ánimo
que lle outorgaban na escola, foi como María comezou a adentarse no mundo da
escritura.
Logo duns anos, marchou estudar á Coruña unha enxeñería de Camiños, Canais
e Portos pois, como ben ela dicía, quizais da combinación entre números e
letras poida saír algo tan fermoso como un arco da vella.
Cabe destacar que, como escritora tivo e ten moito éxito. Así pois, participou en mesas redondas, recitais poéticos, campañas da Xunta de Galicia e recibiu Ao longo da súa infancia, transcorrida no lugar de Cee, sempre estivo rodeada de libros pois, como ben se coñece, é filla da escritora Concha Blanco. Así, grazas á importancia da comunicación que aprendeu no seu fogar e o ánimo que lle outorgaban na escola, foi como María comezou a adentarse no mundo da escritura.
Deste modo, ao longo da súa vida compaxinou, e compaxina, a faceta de enxeñeira coa de escritora e tamén a de colaboradora e guionista de distintos programas da TVG.
Alumnas de Educación Primaria
Ourense
- Como ben sabemos, estudaches unha enxeñería na Universidade da Coruña. Que foi o que provocou que tras rematar a carreira comezases a escribir literatura infantil e xuvenil?
O de escritora
eu sempre digo que xa o levaba metido dentro. A verdade é que levo escribindo
practicamente toda a miña vida, pois comecei cando era moi nova escribindo
contos, durante a Educación Primaria. Ben é certo que non se tratou dun proceso
lineal ou constante, pois segundo o tempo do que dispuxera ou debido a
situación na que me encontrara escribía máis ou menos.
Un exemplo disto é o período no que estudei a carreira de Enxeñaría de
Camiños, non sendo capaz de compatibilizar as ciencias coas letras debido ás
numerosas horas de estudo que lle tiña que adicar. Non obstante, o que non
sabía é que isto me abriría as portas cara a escritura infantil, pois
acostumada a escribir para un público da miña idade en adiante, ao dispoñer de
pouco tempo pero non querendo deixar a escritura, comecei a facer obras
curtiñas para os primeiros lectores. Tratouse dun proceso complicadísimo, pois
sempre escribía para min e á medida que ía medrando, pero foi unha gran
descuberta que me impulsou a continuar creando máis ata o día de hoxe.
- Relacionada coa pregunta
anterior, houbo algún libro ou escritor/a que che impactara ou influíse en ti á
hora de escribir?
Aínda que gran parte do meu interese pola escritura se deu grazas aos
profesores que tiven ao longo de toda a traxectoria educativa, non podemos
esquecer o decisivo que é nisto ter unha escritora na casa, pois non podo negar
que son filla de Concha Blanco. Así, ao isto formar parte do noso día a día, o
feito de escribir a miúdo e de dispoñer dunha gran variedade de libros para
diferentes idades, fixo que sempre se vise a escritura como algo normal; como
quen fai unha tortilla, coce o pan ou sae a pescar.
Na miña casa, miña nai unha das cousas que sabía facer era escribir entón
animábame moito a non ter ese medo inicial e a reproducir esa actividade con
maior sinxeleza. De dicir, collo un papel en branco e por onde comezo? Pois
intentándoo. Todos de pequenos somos animais de repetición e facemos o que vemos
na casa.
Ademais, neste ámbito tamén inflúe moito poder ver o proceso máxico dos
libros, pois ves un montón de papeis, incluso ata de diferentes tamaños, que
finalmente se converten nunha obra, a cal ademais tiveches o privilexio de ler
antes que os demais.
“Collo un papel en
branco e por onde comezo? Pois intentándoo. Todos de pequenos somos animais de
repetición e facemos o que vemos na casa.”
- Como foi o proceso para conseguir que unha editorial publicara as túas obras?
Aínda que moitas persoas pensan que por ser filla dunha escritora se me
abriron todas as portas neste mundo, a verdade é que foi un proceso complicado,
pois aínda que somos moitos os que escribimos, non se consome a literatura en galego
que se debería, dando a impresión ás veces de que nós mesmos nos
retroalimentamos.
Para explicar isto temos que dar volta anos atrás, concretamente a cando
escribín a miña primeira noveliña, no verán dos meus trece anos, pois fora un
ano no que chovera moitísimo e apenas podía saír da casa. Así, escrita sen
ningunha pretensión e puro divertimento, esta historia que quedara nun caixón
xunto con moitos outros contos e relatos, decidín presentala meses despois nun
concurso que se anunciaba no corredor da miña escola, denominado “Rúa Nova”.
Aínda que por desgraza non o gañei, quedei finalista e convidáronme á
entrega de premios, tendo a grandísima sorte de compartir mesa de cea con
Tempo despois, tras recibir a noticia da súa morte pola prensa, decidín
recuperar aquel escrito que lle entregara e, tras chamar ás edicións O Castro,
comentáronme que levaban tempo buscando á súa autora, pois estes querían publicalo
e era un asunto que quedara pendente con Manuel Beiras. Así, tras contactar cun
amigo meu de belas artes para que realizase as ilustracións, publicaron o meu
primeiro libro.
Así, as miñas seguintes publicacións, tamén foron da man desta primeira xa que
nalgúns premios, os editores pedíanme que mandase escritos para publicar. O
problema estaba en que tiña moita vergoña, de feito, aínda a sego tendo, iso
que non me importa que me critiquen xa que é a mellor maneira de mellorar.
- En que momento se che ocorre sobre que escribir? Porque supoñemos que non é soamente sentarse, pensar que vas escribir e que saia todo non? Por exemplo cando escribiches aquela novela no verán, como foi?
Aquela novela foi a consecuencia de non poder saír da casa, pero, se saíse, que pasaría? Comecei a darlle voltas á cabeza e case que soñar esperta. Imaxinas situacións que che gustaría que pasaran nesa aldea, na aldea da túa vida. Para min esa aldea significa moito; a súa xente, a súa paisaxe, como se fan as cousas, como se vive.
“Comecei a darlle
voltas á cabeza e case que soñar esperta.”
Deste xeito, as razóns polas que unha escribe son múltiples e diversas e
nunca sabes onde estará esa primeira semente da que vai saír un libro. Como ben
dicides vos, algunhas veces non me sae nada e, outras, teño tantas ideas e tan
pouco tempo para escribir que a meirande parte das anotacións acaban perdidas.
Ás veces, incluso tendo todo o tempo do mundo, a cabeza tampouco está tranquila
e disposta para escribir.
Por exemplo, en épocas en que non tiña tanto traballo, non era capaz de escribir, supoñíame un esforzo moi grande; o que desexaba escribir non quería que foise triste, entón non saía nada.
- Entón, ó longo do día non
deixas un momento para pensar e centrarte na escritura?
Depende das épocas da vida, oxalá puidese vivir só de escribir. O problema
é que non podo vivir só diso.
O tempo que me queda para a escrita é tempo que me sobra, tempo que lle roubo
a múltiples cousas: á familia, ós amigos, ó lecer, ó traballo,... Houbo unha
época na que tiña unha idea sobre a que quería escribir e erguíame unha hora
antes de ir a traballar para escribir concentrada.
Se puidese elixir, elixiría escribir de noite, tranquila. Non obstante, actualmente teño unha idea para plasmar nunha novela para a que non logro sacar tempo, como moito cada semana consigo escribir un pouco.
- En que te inspiras para
escribir as túas obras? Segues algún patrón en concreto?
Non precisamente, ó mellor leo algo no xornal e automaticamente xurde unha
idea nova que remata nunha novela. Ao mesmo que ocorre nos colexios cando un
neno ou nena me fai unha pregunta que deriva noutras cuestións.
O que si é certo é que, para certas idades entre 8 e 12 anos, sempre intento mesturar a realidade e a fantasía xa que considero que é o último momento no que os cativos poden crer na maxia; é dicir, non perder a capacidade de sorprenderse. O feito de introducirte nunha historia sabendo que non é real. Normalmente xogo con iso, pois a maiores de parecerme moi fermoso, noutros niveis non se acepta este tipo de lectura.
“Sempre intento
mesturar a realidade e a fantasía xa que considero que é o último momento no
que os cativos poden crer na maxia.”
- Que pretendes transmitir ós
lectores ou lectoras coas túas obras? Que crees que atopan nelas?
Ás veces teño esa sensación de que os libros que fago non son quizais os que máis lle van a gustar aos rapaces, pero creo que son necesarios. Contarlles e escribirlles cousas que creo que teñen que ler e nas que teñen que reflexionar.
Con isto non digo que os meus libros sexan educativos, pero si que sempre
hai valores e temas que creo que se teñen que falar, como por exemplo da
tristeza e os sentimentos. Non sempre ten que ser algo moral, pero é preciso tratar
temas como a tristeza ou a morte e todos os sentimentos que nos produce. Así,
ao mellor non son libros para pasar unha aventura tremenda pero si que che fan
reflexionar.
Ler é para divertirse e pasalo ben. Eu o que quero é que os nenos o pasen
ben mentres len os meus libros e que gocen desa lectura, pero non é sempre rir
a cachón. Ás veces tamén gozas cando te decatas de que algo che tocou. Ao
mellor, máis que educativos, son formativos, onde amoso roles diferentes, como
por exemplo nenas súper valentes, arriscadas, e nenos sensibles que choran, que
botan de menos e que son introvertidos.
- Unha das túas obras máis coñecidas é a de Emilia Pardo Bazán: unha mente poderosa. Porque tomaches a decisión de realizar unha obra biográfica sobre esta muller galega? Que significa para ti?
Estou moi sorprendida coa acollida que tivo o libro. Leva poucos meses no mercado e comunicáronme que van a sacar a segunda edición, tanto en galego como en castelán.
“Esta obra é unha
saída das mulleres, seguindo o camiño da divulgación.”
“Nos colexios non
lles falan o suficiente das mulleres [...] que fixeron cousas importantes e
valiosas.”
Esta idea xorde da man da editorial, pois foron eles quen me pediron que
fixera esta obra biográfica e, logo de moito insistir, accedín a facela pero
con moito medo. Nunca antes fixera unha biografía. Unha biografía para xente
máis nova e de Emilia Pardo Bazán, que era unha muller moi intensa e un
terremoto con moita forza.
Nun principio non sabía como ía contar todo iso, era moi complexo, pero
rematei por facelo sobre todo por responsabilidade pois, na editorial,
afirmaban que os nenos e nenas da Coruña non coñecían a Emilia Pardo Bazán. Eu
pensaba que a tiña que coñecer e, neses días, pregunteille a unha das miñas
fillas se coñecía a Emilia Pardo Bazán e a súa resposta foi “Non, teño que
sabelo?”. Nese momento deime conta que nos colexios non lles falan o suficiente
das mulleres, das mulleres de aquí, que fixeron cousas importantes e valiosas.
Por iso, esta obra é como unha saída das mulleres, seguindo o camiño da divulgación
dende un estilo máis literario para achegalo ós pequenos.
Era moita información nun mesmo libro, pero os retos é o que teñen, e a min
gústanme os retos e gústame experimentar. Ademais, así tamén cambiaba un pouco
o estilo pois, cando remato un libro, intento que o seguinte sexa algo
diferente para poder separar máis as historias e non contaminar uns libros con
outros.
Nesa liña, era algo novo e que nunca fixera. Ó fin deu resultado xa que nos colexios estase empregando e non só para os máis cativos, senón para calquera persoa que quere saber un pouco de Emilia Pardo Bazán. Estou moi satisfeita por cumprir esa parte de responsabilidade como escritora.
- Cando comezaches a presentarte a concursos literarios, cres que se non houbeses gañado ningún premio de literatura seguirías escribindo?
Seguiría escribindo con certeza pero, ao mellor, non me atrevería a mandar ás editoriais os textos.
A dos premios, é unha arma complexa porque hai que saber tomalos como son. Estes están formados por xurados con criterios subxectivos pero que sempre contan cun factor persoal en cada un deles. Eu mesma podo recoñecer que hai obras de distinta temática que están moi ben escritas pero sempre me van gustar unhas máis que outras. Entón, cando te presentas a un premio literario hai que ter en conta moitos factores: a obra que se presenta, o tipo de obra, a temática, as persoas do xurado, a sorte,... Non cabe dúbida que ten que haber sempre un mínimo de calidade literaria pero, tamén inflúen as circunstancias do momento.
Ben é certo que nun tempo longo non me presentei a ningún concurso literario, porque perdera a costume e tampouco me sentía con forzas para intentalo. Ás veces tamén inflúe a moralidade da persoa e a fortaleza psicolóxica. Gañar un premio sempre gusta pero, que non leves moitos premios, non significa que non sexas un bo escritor.
- Que supuxo para ti recibir o premio Merlín de literatura infantil no ano 2017?
O premio Merlín para min era un premio moi especial; eu sempre digo que tiñamos unha relación de amor-odio.
Durante moitos anos non me presentei a este premio a pesar de que, como
escritora infantil, sempre dicía que quería conseguir o premio Merlín. Entón,
un día, miña nai díxome “Eu entendo que che guste o premio, pero ti
presentácheste algunha vez? Se non te presentas non o vas gañar”. Foi nese
momento cando me animei a escribir unha obra, Rubicundo, coa intención de enviala ó premio Merlín. Como unha
costume en min, quedei finalista e non levei o premio, así que púxenme en
contacto co xurado e a editorial para saber se tiña moitos erros a miña obra e
se quedara moi mal na clasificación, dándome de conta que en realidade tan só
había outro libro que gustara máis.
Así, ó ano seguinte volvinme presentar e de novo quedei finalista co libro A cazadora de estrelas. Como xa era costume, volvín chamar ó xurado para coñecer as opinións da miña obra pero, o que me sorprendeu foi que algunhas persoas do xurado si quería que gañase. Así, modifiquei aquelas partes que menos gustaban e ó seguinte ano volvín presentar este mesmo libro xa que o xurado non era o mesmo. Non obstante, outra vez levei un desgusto a pesar de saber que esta obra tiña algo bo xa que gustara dous anos seguidos.
Para min era inevitable non pensar que era o que me faltaba en vez de, que
é o que tiña. Así, cheguei a un punto de obsesión máxima no que non sabía por
onde comezar a escribir. Era algo moi absurdo pensar cal era a fórmula máxima
para gusta no Merlín, pois non existen fórmulas máxicas. Un libro vai de saber
escribir, de cabeza e corazón. Nese momento deime conta que non escribía para
gañar o premio, senón polo que queda, para que siga habendo libros e lectores,
polo que lles conto aos nenos e para que estes o pasen ben.
Tras darlle moitas voltas, decanteime por escribir un libro como os de cando era pequena, unha historia fabulosa que ninguén esperaba. Non obstante, a miña idea non era enviar este libro ó premio Merlín pero, por non quedar coa dúbida, rematei por facelo. Xa non era o mesmo, este ano o libro non era tan orixinal para min senón, máis ben, máis tradicional.
Así, como unha especialidade volvín quedar finalista pero, o que non contaba era que o xurado me chamase para confirmarme que fora a gañadora.
Non cabe dúbida que foi un momento moi especial xa que era como un premio a maiores, de dicir, escribín o que quixen sen pensar no éxito. Ademais, este libro era como un recollemento cara min, falaba moito dos avós e das cartas que me levaban a pensar en Manuel Veiras, nesas primeiras cartas que escribía. Era un libro moi meu, moi para min.
- Poderías dicir cal é o libro
que máis significa para ti dentro da túa produción literaria, no caso de que o
teñas?
Todos os libros son moi distintos. Este último era un dos especiais, pero
tamén Rubicundo ou Ana xa chegou, que o escribín cando naceu a miña primeira
filla. O primeiro libro tampouco se volve repetir e a sensación non a volves
sentir de novo.
Nunca podo elixir un en concreto, son moitos libros e sempre digo que o primeiro é moi especial pero o último tamén.
- E xa para rematar e, como
curiosidade, ademais de ser enxeñeira e escritora, tamén sabemos que tiveches
grandes papeis na TVG (Televisión de Galicia), dende guionista ata colaboradora
en algúns concursos como ‘Cifras e Letras’ ou ‘Como un allo’. Como conseguiches compaxinar todas estas labores?
Todo está na deriva de deixarte ir. Cantas máis cousas fas, máis es capaz
de facer. Non sei como o conseguín porque había épocas nas que escribía ó mesmo
tempo que traballaba en obra ou colaboraba na televisión.
Tamén é verdade que o da televisión foi moi fortuíto. Cando me chamara Paco Lodeiro para colaborar en ‘Cifras e Letras’ eu estaba segura de que era una broma, pero non, era verdade. Sen dúbida foi unha experiencia na que aprendín moito e o pasei moi ben, ao igual que de guionista no programa ‘Como un allo’. Esta foi unha faceta que me gustou moito, pois era un programa cultural, no sentido amplo da palabra, no que se valoraba Galicia en xeral. Así, a pesar de ter moita responsabilidade, aprendín moito destas experiencias.
Ti, que estás a ler isto, quizáis non coñecías estas pinceladas máis persoais de María. Agora podes coñecer un pouco máis desta autora galega e mesmo adentrarte nas súas lecturas. Esas lecturas que contan historias moi entretidas e nas que se agochan mensaxes e experiencias da propia autora como en Ana xa chegou.
Barreiro García, Alba; Losada Rodríguez, Alba; Torregrosa Redondo, Maider; Vázquez Vázquez, Lucía.
mércores, 2 de febreiro de 2022
Grandes contra pequenos
Carreiro Fernández, A. (2003). Grandes contra pequenos. A Nosa Terra.
O libro en cuestión titúlase Grandes contra pequenos, pertencente á colección Contos do Miño e á editorial A Nosa Terra. O seu autor é Abraham Carreiro Fernández. Esta historia é unha versión dunha fábula ou conto popular e foi publicada no ano 2003.
Nesta obra atopamos unha historia seguida, sen capítulos, na que o narrador está en terceira persoa, é dicir, a historia é contada por un narrador omnisciente. Hai dous personaxes principais: o sapo e a raposa, e varios secundarios: o lobo, o oso, o porco bravo, a cabra montesa e os bechos cativos (grilos, tabáns, formigas, toupeiras, saltóns, abesouros…)
O libro móstranos un pique entre a raposa e o sapo, xa que a primeira búrlase do segundo polo seu tamaño. Isto desemboca nunha guerra entre animais grandes (amigos da raposa) e animais pequenos (amigos do sapo). Dita batalla termina coa vitoria do equipo do sapo, que emprega a súa intelixencia e maña a través de recursos que teñen ao seu alcance para conseguir gañar, ensinándonos de que non por ser máis grande e forte eres mellor que alguén pequeno e aparentemente débil. Todos/as somos iguais e cada un/unha pode ser útil para unha cousa.
Estamos ante un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está cuberto por ilustracións e conta con tapa dura.
Na cuberta, atopamos ao equipo de animais grandes dispoñéndose a atacar aos animais pequenos e na contracuberta observamos a este último grupo sendo visto dende os ollos dos animais grandes. Este debuxo é rodeado polas grandes fauces do lobo, que observa ao equipo do sapo dende unha perspectiva de superioridade. O título da obra aparece con grandes letras na parte superior da cuberta, para deixar na parte inferior esquerda o oco para a editorial e a colección, que volven aparecer na contracuberta ao carón da sinopse da historia.
No comezo e no final do libro hai unhas gardas azuis nas que vemos debuxadas unha epecie de olas.
Na páxina de créditos, podemos apreciar a diferente información acerca do libro: o nome do ilustrador, o lugar de edición (Rúa do Príncipe, 22, Vigo)...
Ao carón da páxina de créditos atopamos a anteportada, na que volve aparecer o título da historia, así como a colección e a editorial, que se atopan plasmadas nun cadro co mesmo deseño que observábamos nas gardas. Estes elementos están recollidos nun gran cadro violeta que ocupa case toda a páxina. Este é rodeado por diferentes escenas do libro, que tamén atopamos na páxina de créditos. Unha vez pasada a anteportada, comeza a narrarse a historia.
En canto ás ilustracións, estas ocupan unha parte fundamental na historia. Xuntan a páxina esquerda e a páxina dereita nunha única, que vai acompañada dun breve texto que sempre está colocado na parte superior esquerda ou dereita. Estas son realizadas por Abraham. Dito autor crea neste libro uns personaxes robotizados, dándolles desta maneira unha pincelada futurista, así como divertida e innovadora. As cores que emprega non son moi intensas, máis ben prefire optar por unhas cores tenues; xoga co marrón, co azul marino, cos verdes… En cambio, podemos apreciar nalgunhas ilustracións como na paisaxe si que añade cores máis intensas, como o vermello, o branco, o amarelo ou o laranxa para formar follas.
Introduciría dita obra entre os primeiros cursos de primaria, primeiro ou segundo, debido a súa linguaxe sinxela e a brevidade do texto, co converten nunha obra doada de ler.
Este libro paréceme unha moi boa opción para o alumnado de educación primaria, xa que aporta un valor moi interesante para traballar cos máis pequenos e pequenas: non crerse máis que ninguén, nin xulgar aos demais polas súas apariencias. Neste, o grupo dos bechos miúdos demostra que, a pesar do seu tamaño, pode derrotar aos animais máis feroces e grandes.
Finalmente, en canto ós recursos en liña sobre esta obra, non se poden atopar ditos elementos en galego.
Abalde Rodríguez, Kevin
O misterio dos fillos de Lúa
Casalderrey, F. (1997). O misterio dos fillos de Lúa. Ediciones SM.
A obra en cuestión titúlase O misterio dos fillos de Lúa, unha obra da famosa autora Fina Casalderrey, pertencente á editorial Ediciones SM e á colección O Barco de Vapor. O libro escollido é a 7ª edición, que foi escrita en 1997. Dita historia é gañadora de varios premios, como o Premio O Barco de Vapor 1994 ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.
En canto ao formato, dita obra conta con tapa branda. Na cuberta podemos observar unha gata (Lúa) dándonos as costas aos lectores, enriba dun tellado e observando unha enorme lúa. Nesta recóllese o título, o nome da autora, a colección e a editorial, así como tamén aporta os premios que recibiu e o número de edición.
Por outra banda, a contracuberta ofrécenos un breve resumo da historia e a importancia desta para a carreira de Fina Casalderrey. Tamén volve aparecer a colección e lemos en letra grosa a idade dos nenos e nenas para os/as que vai recomendado o libro: “a partir dos 9 anos”. Nesta, ademais, observamos a un neno e unha nena (David e Branca) correndo cara á cuberta, animando aos lectores e lectoras a comezar a historia.
Unha vez aberto o libro, atópase unha garda en branco e deseguido, a portada, na que volve aparecer o título, o nome da autora, os diferentes premios acadados e a edición. Pasada esta, atopamos a páxina de créditos, a cal nos aporta moita información, xa que nela aparecen datos relevantes, como quen realizou as ilustracións foi Manuel Uhía, que este libro imprimiuse en España, na imprenta SM, ou que a primeira edición creouse en abril de 1995 e a séptima, a que estamos analizando, en setembro de 1997. O libro non conta con solapas. Un dato curioso é o índice, que se sitúa ao final do libro en lugar de facelo ao principio, como é o habitual.
Cabe destacar que O misterio dos fillos de Lúa forma parte da “Serie Laranxa”, que conta con vinte e unha historias diferentes. No lombo observamos escrito o número 21, polo que o libro en cuestión é o último da serie. Podemos coñecer os demais títulos desta na páxina seguinte ao índice, situada a continuación doutra garda branca. Despois desta atópase a “Serie Vermella”, formada por 26 obras. Esta será recomendada para nenos e nenas a partir dos 12 anos de idade.
O xénero da obra é a novela, xa que é unha narración extensa con personaxes que se relacionan entre eles. A historia está dividida en 28 capítulos, nos que o protagonista é David, un neno de 8 anos que narra en primeira persoa as aventuras da súa gata Lúa, a cal o seu irmán maior, Quin, atopa nun cemiterio. Dita gata protagonizará un gran misterio ao desaparecer os seus gatiños cando esta pare en dúas ocasións. Será entón cando, no seu terceiro parto, David, coa axuda de Branca, a súa noiva de tamén 8 anos, procurará encontrar os fillos de Lúa. Os demais personaxes son a nai de David, o pai, a avoa, a tía Sita e o veciño Indalecio, principal sospeitoso da desaparición.
O libro conta con diferentes ilustracións. Estas son en branco e negro e atópanse situadas na folla dereita, na impar. Dito método axuda a potencialas, xa que na folla esquerda perden relevancia ao ser o lado menos observado polos ollos lectores.
A linguaxe é sinxela e infantil, propia da infancia, o que conseguirá que os nenos e nenas se sintan identificados/as co personaxe principal. Na linguaxe tamén podemos observar a presenza do humor e da ironía.
Introduciría esta obra no alumnado de Educación Primaria, entre cuarto e sexto, xa que lles aportaría valores como o amor, o respecto ou o cariño polos animais. Tamén está presente o misterio, que nos pode dar moito xogo á hora de querer realizar diferentes actividades. Unha das posibles actividades sería, despois de ler o libro conxuntamente na aula, dividir ao noso alumnado en pequenos grupos de traballo e que pensen e creen un novo misterio. Unha vez creado, poderíase elaborar un pequeno teatro no que os nenos e nenas exploren a súa creatividade, así como tamén serviría para traballar o falar ante o público.
Debido ao famoso que é o libro, este atópase na rede e existen varios recursos en liña para trasladar á nosa aula, como diferentes vídeos en youtube que nos poden servir para realizar unha lectura máis visual e dinámica.
Abalde Rodríguez, Kevin
Bailar nas nubes
Starkoff, Vanina (2010). Bailar nas nubes. Pontevedra: Kalandraka
Este libro chámase Bailar nas nubes e foi escrito por Vanina Starkoff e publicado no ano 2010. A editorial á que pertence é Kalandraka e o lugar de edición foi Pontevedra. Esta obra foi finalista do III Premio Internacional para álbumes ilustrados no ano 2010.
Nesta obra estamos ante un conto seguido sen capítulos, onde o narrador está en primeira persoa e a que fala é unha nena. Os personaxes que compoñen a obra son a rapaza, protagonista e, os seus veciños os secundarios.
A historia mostra como unha nena, da que descoñecemos o nome, desexa bailar coas nubes e a súa nai non lle deixa. Pasan os días e van aparecendo veciños novos, que constrúen as súas casas debaixo da casa da protagonista, a cal comeza a sentirse feliz con esas persoas. Un día, cando chegou xa moi alto, logrou ver as nubes e bailar con elas, non obstante, o silencio que alí había puxo moi triste á rapaza, que decidiu volver xunto os seus veciños e seguir alí a súa vida.
Este é un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está ocupado por ilustracións, de tapa dura e con papel de gramaxe alto. A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece unha rapaza mirando cara á esquerda, subida a un conxunto de casas. Na parte superior aparecen o título do libro e o nome da autora e, na inferior, a editorial. Na contracuberta continúa a ilustración que se mostra na parte dianteira, o código de barras co ISBN correspondente. De seguido, na anteportada non aparece nada escrito, e na portada encontramos de novo o nome da autora co título do libro e a editorial, xunto cunha pequena ilustración, representada por casiñas, unhas enriba das outras. Na parte esquerda aparecen o título orixinal, o nome da colección e da editorial, o ano de publicación, o lugar onde se editou e imprimiu e o ISBN. Desta maneira podemos saber que esta edición que estamos analizando é a primeira. A continuación xa comeza a relatarse a historia.
Neste álbum ilustrado podemos observar que o texto é moi escaso e que as ilustracións son un punto clave para poder comprender a historia que se está a narrar. As ilustracións deste libro ocupan ambas caras e ás veces só aparecen na dereita. Isto ocorre xa que a vista humana enfócase primeiro nesta parte, polo que a autora estalle querendo dar máis importancia aos debuxos que ao relato, que pasa a ser algo secundario. Ademais son ilustrativas, expoñendo todo o que di o texto.
A lectura deste libro é moi interesante para nenos e nenas de Educación Primaria. Con el poderiamos tratar temas como por exemplo os sentimentos e emocións que experimentamos os seres humanos no noso día a día ou como co paso do tempo imos madurando e cambiando de gustos e opinións. A rapaza do libro consegue o que quere e aínda así decide baixar cara ao seu pobo xunto cos seus veciños, xa que arriba, nas nubes, séntese soa. Isto é algo moi importante que se debe traballar cos nenos e nenas na aula, que expresen as súas emocións, e crear debates e traballos interactivos sobre a temática.
Finalmente, en canto aos recursos en liña sobre esta obra podemos encontrar en google diversos vídeos onde nenos, nenas e algún adulto/a len o libro e coméntano, o cal pode ser unha boa alternativa para poder traballalo na aula. Por outra banda sería interesante traballar esta lectura levando a cabo unha obra de teatro en clase, desta maneira os nenos e nenas desfrutarían da lectura dunha maneira máis divertida e cooperativa.
Frederick
Lionni, L (1967). Frederick. Kalandraka
Nesta obra estamos ante un conto seguido, sen capítulos, onde o narrador está en terceira persoa. Os personaxes que compoñen a obra son cinco ratos e o protagonista é Frederick, un deles. A historia mostra como catro ratiños traballan día a día para conseguir alimento para os días fríos de inverno, nos que terán que resgardarse nun muro de pedra. Mentres, un dos ratiños, chamado Frederick, en lugar de recoller alimento adícase a recoller raios de sol, cores e palabras para eses días tan duros. A súa familia repróchalle a súa actitude nalgunhas ocasións. Chegado o gran día no que teñen que entrar no muro para pasar unha larga tempada comezan a comer o que teñen pero, pouco a pouco, a comida empeza a esgotarse. Nese momento os catro ratiños pregúntanlle a Frederick onde está todo iso que recolleu mentres os demais collían alimento, así que este fixo posible que pechando os ollos o resto puidera sentir a calor, as cores e tamén as palabras, cun bonito poema que compuxo sobre as estacións. Todos quedaron marabillados ante a arte dese pequeno rato, un rato poeta.
Este é un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está ocupado por ilustracións, de tapa dura e con papel de gramaxe alto.
A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece un rato cunha flor mirando cara a adiante. Na parte superior aparecen o título do libro e o nome do autor, na inferior o nome da editorial. Na contracuberta aparece a parte traseira do rato que se corresponde coa ilustración que se mostra na parte dianteira, o código de barras, o ISBN correspondente e o nome da colección na parte superior. De seguido, na anteportada non aparece nada escrito, e na portada encontramos de novo o nome do autor co título do libro e a editorial, xunto cunha pequena ilustración, a mesma da contracuberta. Na parte esquerda, aparecen o título orixinal, o nome da colección e da editorial, o ano de publicación, o lugar onde se editou e imprimiu e o ISBN. A continuación xa comeza a relatarse a historia.
Neste álbum ilustrado podemos observar que o texto é moi escaso e que as ilustracións son un punto clave para poder comprender a historia que se está a narrar. As ilustracións deste libro ocupan ambas caras e van expoñendo todo o que di o texto, o cal aparece a maior parte do tempo na páxina esquerda.
A lectura deste libro é moi interesante para nenos e nenas de Educación Primaria. Con el poderiamos tratar temas como as emocións que nos producen certas situacións e o importante que é axudarnos entre todos cando as cousas se poñen difíciles. Este libro tamén lles pode servir aos nenos e nenas no futuro, xa que conta que cada un debe ser o que queira ser, sen importar o que pense ou diga o resto. Unha das actividades propostas sería crear unha obra de teatro en grupos de 5 alumnos/as contando a historia de Frederick para despois representala en clase. Outra actividade sería crear unha continuación desta obra, onde cada neno/a debe buscarlle unha historia nova a Frederick, desenvolvendo así a creatividade e a fluidez na escritura. Cada un lerá o conto que creou en clase, diante dos seus compañeiros, traballando neste caso a lectura. Por último, escollerase un conto dos que crearon ao azar e o alumnado deberá crear un mural na clase que represente esa historia, para despois colgalo na parede.
Finalmente, en canto aos recursos en liña sobre esta obra o único que podemos encontrar en google son diversos vídeos onde se narra a historia acompañada de representacións moi interesantes.
Os soños na gaiola
Manuel María (1968). Os soños na gaiola (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...
-
O libro escollido para a realización desta recensión crítica foi O misterio dos fillos de Lúa , un relato infantil escrito por Fin...
-
Mejuto Rial, Eva María (2014). Maruxa . Ilust. Ana Mafalda Milhões Aires. Pontevedra: OQO Editora, [ 28 pp .] . (ISBN: 978-84-9871-490-6)...
-
Marcos Viso, ilustrador infantil ourensán, ilústranos coas súas ideas e vivencias — Que consideras que é máis importante na túa profesi...