venres, 17 de decembro de 2021

        

Fernández Paz, Agustín. (2005). 13 anos de Branca. Rodeira. (ISBN:978-84-96352-52-0)

Descrición do formato:   Na súa portada podemos apreciar a unha nena de aparentemente 13 anos, escribindo nun caderno deitada enrriba dunha cama. Ao fondo podemos apreciar que se atopa nunha habitación. Ao pasar a portada do libro podemos ver unha extensión da mesma polo interior onde nos aporta un  pequeno resumo da obra. Na contracuberta do libro podemos ver a biografía do autor.

Argumento:   13 anos de Branca é unha obra na que a historia xira en torno á figura de Branca, unha nena que acaba de cumprir 13 anos e está encamada por hepatite dende hai xa 9 días, quédanlle aínda por diante 5 semanas e comeza a estar desesperada e aburrida, sen saber xa que facer. O día do seu aniversario a súa nai regálalle un álbum de fotos para que encha con fotos súas. A historia prosegue coas lembranzas da nena deses momentos pasados a partir dos instantes retratados nas imaxes que vai colocando.

Potencialidades:   Esta obra é moi adecuada para levar o tema da enfermidade á aula, así como o dos tempos prolongados encerrado na casa, tema de actualidade pola situación Covid e os confinamentos aos que puideron estar sometidos, ou poidan sufrir nun futuro. Con isto, poderíamos traballar os sentimentos que lles invadiron neses períodos ou lles poidan aparecer nun futuro en situacións parecidas así como as diferentes maneiras de sobrelevalo. Pon sobre a mesa tamén a situación de moitos nenos e nenas hospitalizados ou encamados xa antes da Covid e que posiblemente non coñecían, amosándolles unha certa empatía e comprensión destas situacións. Abre así un debate moi interesante dentro da aula no que poder escoitar as diferentes opinións dos diferentes integrantes da mesma así como as súas experiencias.

luns, 6 de decembro de 2021

O misterio dos fillos de Lúa

 


Casalderrey, F. (1999). O misterio dos fillos de Lúa, ilust. Manuel Uhía. Vigo: Edicións SM, col. O Barco de Vapor, (121) pp. (ISBN: 84-348-4674-8). [Primeira edición: abril 1995]


    O misterio dos fillos de Lúa é un relato convencional de Fina Casalderrey. O formato da parte externa ten unhas dimensións de 12 cm de ancho x 19 cm de alto e presenta en primeiro lugar un elemento característico propio da colección O Barco de Vapor: o marco cor laranxa. Trátase dunha colección de literatura infantil dirixida a nenos e nenas de entre 6 a 12 anos publicada por edicións SM. Seguindo coa cuberta, atopamos unha imaxe nocturna da gata Lúa no tellado observando a lúa. Na contracuberta podemos atopar a David e a Branca correndo polos arredores do pobo. Na primeria páxina ao igual que na cuberta, figuran o título do libro, o nome da autora e o dos dous premios que gañou con esta obra: Premio O Barco de Vapor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.

    En canto ó argumento, este trata dun neno chamado David que xunto a súa noiva e compañeira de clase Branca, terán que resolver ao longo dos 28 capítulos nos que está estruturada a obra, o misterio de por que cando a súa gata ten fillos estes desaparecen. A historia comeza no momento en que Xocas, o irmán de David, atopa unha gatiña abandonada nun cemiterio e a leva á nova casa a cal se mudaron recentemente. Lúa, que así é como deciden chamar ao felino, tras parir un par de veces perde ós seus gatiños nunhas circunstancias recónditas. Será entón durante o terceiro embarazo da gata cando os cativos fagan todo o que estea nas súas mans (acertando pistas e poñendo trampas) para resolver o misterio da desaparición destes. Finalmente, a nai de David (Flora) confésalle ao seu fillo e a Branca que foi Rambo, o can do boticario do pobo, quen matara en reaidade aos gatiños polo que non existía ningún ladrón. O relato chega ó seu punto e final con Lúa parindo ós catro gatiños dos que estaba embarazada.

    Referente ás ilustracións, Manuel Uhía plasmou algunhas en branco e negro, carentes de cor e con trazos sen definir empregando a técnica do sombreado con lapis. Todas elas presentan o mesmo formato posto que ocupan unha páxina enteira e sitúanse no lado dereito do libro (sendo soamente unha a excepción ocupando dobre páxina). A través delas visualizamos a acción que se está transmitindo coa lectura nun momento dado, pero non son imprescindibles para comprender o lido. Aínda que é un libro con ilustracións o elemento principal é o texto, non a imaxe. Estas aparecen de xeito esporádico axundando aos lectores e ás lectoras a poñerlle cara ós distintos personaxes que nos presenta a autora.

    Dende o punto de vista narrativo, David é o narrador dos feitos, o protagonista da historia. O relato está contado pois, en primeira persoa. Empregando esta tipoloxía de voz narradora dáse un enfoque moi persoal polo que podemos meternos na pel do neno. A orde narrativa é retrospectiva na maior parte da acción, xa que se están a transmitir feitos pasados contados de forma lineal. Ademais de David, a súa noiva Branca formaría parte dos personaxes principais xunto coa gata Lúa. Como personaxes secundarios destacan Xocas (irmán maior de David), a nai e o pai de David, a tía Sita, a avoa e o señor Indalecio.

    Debido a que a historia está narrada por un cativo de oito anos, a linguaxe empregada é moi sinxela e infantil que fai que o público lector se poida sentir identificado co personaxe principal. Considero que traballar na aula esta obra de Fina Casalderrey é idónea para tratar múltiples temáticas importantes das cales destacan as seguintes:

    En primerio lugar o valor da amizade representada polos personaxes David e Branca. Mostran estima un polo outro preocupándose polo benestar mutuo. Ademais amosan complicidade entre os dous e sobre todo fidelidade, cumprindo as promesas e xuramentos que se fan. Outro valor que se potencia neste relato é sen dúbida o respecto polos animais. En cada capítulo podemos ler os coidados e cariño que recibe a gata por parte dos membros da familia, especialmente por parte do narrador e a súa noiva.

    Tamén existen cuestións transversais que podemos abordar como son a inocencia e a curiosidade para descubrir os feitos que acontecen ao noso redor, provocando que os alumnos e as alumnas sintan empatía co narrador e esperten ese interese por saber cal é o misterio da desaparición dos fillos de Lúa; a familia e os roles que adoptan cada un dos membros que a conforman; a relixión a través da mención do sacramento da comuñón, os pecados e as oracións do catecismo; a morte, xa que se cuestionan como é ese ceo ó que se supón que ascenden os seres vivos ó falecer e que se representa no relato a través da morte dos gatiños de Lúa; as emocións, mediante sentimentos de mágoa e tristura que invaden aos personaxes cando a gata cae enferma e pensan que non vai sobrevivir; o ciclo reprodutor, comparando e diferenciando o embarazo e posterior parto entre os animais e os seres humanos; e por último pero non menos importante, a mención que se lle fai ao racismo a través da frase extraída do libro "A miña profe dixo que o racismo é cando hai uns abusóns que non deixan te-los mesmos dereitos, que quere dicir face-las mesmas cousas, a todo o mundo." (páx. 58).

    Referente ós recursos en liña acerca desta obra, despois de indagar en varios portais destaco dous vídeos: no primeiro deles o alumnado de Primaria explica brevemente o argumento da obra (https://youtu.be/sBMOp2jxG1w); e o segundo, trátase dun book tráiler no cal tamén se resume a historia (https://youtu.be/Av-ajuYQVLc). Dúas formas diferentes de coñecer da man dos nenos e das nenas O misterio dos fillos de Lúa.


domingo, 5 de decembro de 2021

Contos do recreo

 SAMPAYO, Alex, F. CAAMAÑO, Borja & CHAO, Rodrigo (2018). Contos do recreo. A Coruña: Redrum Teatro. 



A obra literaria que presento na seguinte recensión é a de Contos do Recreo, escrita por Alex Sampayo con Borja Fernández Caamaño e ilustrada por Rodrigo Chao. Coa intención de desmiuzar as diferentes partes do libro, definirei o mesmo analizando as súas dimensión física, interactiva e lúdica.

En primeiro lugar, ó redor do formato, este caracterízase por ser un álbum ilustrado impreso en papel de tapa dura e forma cadrada, cun total de catorce páxinas, de lectura convencional, que constitúe á unha narrativa rimada. Ao redor da súa estrutura, percíbese que a cuberta e a contracuberta forman unha unidade de sentido. Por unha parte, na primeira encóntranse recollidos na parte superior esquerda o título xunto cos nomes dos escritores e o autor ilustrado, e na parte inferior, a editorial. Mentres tanto, na segunda só aparece o deseño gráfico tanto da Xunta de Galicia como de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), como asociacións colaborativas. Todo isto, incorpórase ó redor dunha imaxe animada na que se representa un dos acontecementos fundamentais do desenvolvemento da obra: a protagonista da historia, a cal adquire visualmente a primeira atención, semella descubrir ó lado da contracuberta un bedel e unha porta máxica. Ó redor do tipo de ilustración, esta anticipa o tipo de imaxe figurativa que caracterizará o resto do conxunto da obra.

Seguindo co argumento, o libro conta a historia dunha rapaza chamada Alicia, unha meniña cuxo comportamento céntrase en burlarse dos seus compañeiros, faltar ó respecto e facer trasnadas co único obxectivo de chamar a atención e mofarse dos demais. Así mesmo, detrás desta conduta amósase unha familia, a cal non afronta con preocupación a problemática, senón que afasta a realidade fóra da responsabilidade da protagonista. Desta maneira, os insultos, as burlas e os enganos seguirán sendo característicos no proceder de Alicia. Ata que un día un máxico bedel será quen lle ensine, a partir dunha porta máxica do tempo, cales serían as verdadeiras consecuencias da súa actitude. A partir desa lección, nunca volverá actuar seguindo a maldade e as boas accións traeranlle crecemento, amizade e sobre todo, felicidade.

Ao longo desta historia incorpóranse dous tipos de voces, por unha parte, o narrador heterodiexético que será quen desenvolva a maior parte da obra dende un punto de vista obxectivo, e despois incluiranse certas respostas e expresións procedentes da protagonista e os seus pais.

Por outro lado, no referido á ilustración, trátase dun libro ilustrado cuxas imaxes, aparte de seren unha das partes máis relevantes da obra, completan información sobre o texto dunha maneira figurativa, describindo con exactitude os espazos e os personaxes da historia. Neste caso, a cor das mesmas, ademais de facer as imaxes máis atractivas visualmente, terán un sentido relacionado co argumento da obra. Este está composto por dúas etapas ben diferenciadas segundo o comportamento de Alicia, polo tanto a gama de cores empregadas para as accións negativas serán de tons apagados en representación de tristura e desánimo, mentres que as imaxes do cambio cara unha boa conduta acadan un ton vivo, alegre e positivo.

Con todo, as potencialidades que a lectura de Contos do Recreo pode proporcionar nunha aula de Educación Primaria son certamente destacables. Dende un principio, o obxectivo desta obra pretende amosar as múltiples semellanzas que existen entre un acosador e un acosado, empregando o mundo fantástico como medio de atracción para os nenos o nenas. Actualmente, son moitos os casos de acoso escolar que se observan en cada un dos centros educativos, e aínda que resulta un tema polo que existe maior conciencia e responsabilidade por parte da sociedade, é fundamental que os/as docentes traballen este tema a través de todos os puntos de vista, partindo dende o orixe do mesmo e empregando un reforzo positivo.

O habitual cando se trata este tipo de abuso, tanto na escola como na literatura, é que se dirixa dende a perspectiva do acosado, un feito que permite que os máis cativos e cativas coñezan o sentimento, o malestar, e as terribles repercusións que poden supoñer estes actos a calquera de nós. Porén, resulta igual de fundamental, coñecer cales son os sentimentos de furia e medo que caracterizan ó acosador, os motivos polos que chega a facer ese dano e, sobre todo, a lección que debe aprender sobre os seus actos.

Este libro resulta un recurso moi útil para transmitir estes coñecementos e leccións de maneira moi ilustrativa, co que cada un dos cativos e cativas pode chegar a verse na pel de calquera dos papeis de acosador, acosado ou espectador e concienciarse tanto da peligrosidade de cada un destes, como cara o respecto aos demais..

Despois acada un papel moi importante no desenvolvemento da historia, a familia e a influencia social. Especificamente, móstrase como o entorno familiar determina en gran medida as condutas que realiza cada individuo, sendo unha variable moi importante para erradicar o acoso en calquera situación.

Ademais de todo isto, Contos de Recreo é un libro que forma parte dun proxecto sobre o esforzo da autoestima que se complementa cun espectáculo teatral do mesmo nome, concretamente, unha comedia musical. Esta aportará un incentivo máis para a lectura do mesmo e sobre todo, será un reforzador do seu contido.

Por último, xa para rematar, despois de facer unha pescuda sobre os recursos en liña de acceso á obra encóntranse principalmente sinopses do que sería o propio libro (https://www.youtube.com/watch?v=LK5rlEXo4JM) e, despois, a obra teatral que o complementa (https://vimeo.com/290256093).

luns, 29 de novembro de 2021

O Manual das Bruxas



Malcom, B. (1985). O Manual das Bruxas. Vigo: Editorial Xerais de Galicia, [96 pp.] (ISBN: 9788475071961)

O Manual das Bruxas, álbum ilustrado de Malcom Bird, reescribe a concepción de maldade que temos das bruxas, converténdoas en boas persoas a través de fortes trazos de humor, onde elas pasan a ser as protagonistas e toman o rol de profesoras ensinándolles aos cativos/as curiosidades sobre elas e dos lugares que os rodean. A obra contén once capítulos curtos nos cales os personaxes principais contan a súa vida cotiá e algúns dos seus segredos.

Este álbum non ten un formato convencional, dado que atopamos viñetas en certas partes, que nos recordan ao formato dun cómic e outras nas que se emprega unha imaxe e se indican os seus elementos, como por exemplo, a casa que aparece máis adiante. Este é un libro impreso nun papel diferente ao resto, dándolle unha visión de folla antiga.

Á hora de falar da portada e a contraportada podemos dicir que ambas son de tapa dura, na primeira podemos observar como nos adianta a temática deste escrito, cun debuxo dunha bruxa sostendo o mesmo, enriba aparece o título e debaixo o nome do autor. En cambio, na segunda só vemos debuxada unha folla dunha libreta en cor amarela, onde temos críticas doutros autores sobre a obra.

Observamos que este álbum ten un formato de 23x26 cm, composto por 96 páxinas. O escritor é o propio ilustrador, así mesmo, a persoa encargada de traducir este libro ao galego foi Xosé María Bouzó Fernández. A súa lectura recoméndase a partir dos seis e sete anos e é considerada como unha obra de carácter infantil e xuvenil.  

  En canto ás ilustracións, podemos atopalas en cor ou en branco e negro, cada unha delas conta unha historia que vén posteriormente acompañada cun texto. Todas as páxinas contan con imaxes, estas son moi detalladas e expresivas, e como o libro, teñen tamén certo carácter humorístico. A maioría representan unha acción, ademais nelas non só vemos as bruxas, temos algunhas ilustracións descritivas de elementos como as súas casas, obxectos empregados por elas, e ata algunhas das súas mascotas. Utilízanse unhas cores vivas, onde predominan o amarelo e os tons escuros. Gran parte dos debuxos veñen en viñetas.

Ao final do conto, pódese atopar certos elementos complementarios como unha sopa de letras, recortes... Nas tres últimas páxinas vemos un índice dalgunhas palabras usadas ao longo do álbum. Esta parte aproveitarémola para xogar con eles e facer que desfruten máis o libro. A sopa de letras realizariámola na pantalla dixital da aula, entre todos e todas por orde, e os recortes imprimiríanse para que cada un poda completalos.

Por outra banda, esta obra traballaríaa nunha aula de segundo de educación primaria, nun contexto lúdico – formativo, onde cada un contaría cun exemplar. Leríamos en oral entre todos/as intervindo a/o docente como participante. Cada día na hora de galego a última media hora/vinte  e cinco minutos (depende da extensión do capítulo por exemplo o primeiro é moi curto e levaríanos vinte minutos traballalo, non obstante, o segundo igual hai que traballalo en dúas clases) empregariámola para este álbum (leríamos un capítulo e os últimos minutos poríamos en común o que lemos), como o escrito consta de once calcúlase un total de 11 sesións aproximadamente para a súa lectura, unha 12ª para poñer en común esta obra e unha 13ª na cal veríamos a curta e falaríamos sobre ela.

Dende o punto de vista do profesorado a maior potencialidade que podemos apreciar é o traballo do vocabulario. Outra característica a salientar é o dinámica que é a lectura. E por último, débese destacar non só a diversidade das bruxas se non a das materias que nos presentan.

O recurso en liña que se empregará será o seguinte vídeo: https://youtu.be/-oWj0igPIMI Pararíao no minuto 9.26 e debatería que cren que vai ocorrer co bicho a continuación. Posteriormente, preguntaríalles cal é relación que ven entre o vídeo e o libro, ademais tamén faría unha ficha que se realizaría conxuntamente na pantalla dixital.

Escollín este obra porque despois de ler varias que tiña dispoñibles esta foi a que me pareceu a máis adecuada e máis atractiva para o alumnado, descartei títulos como A señorita Bubble de Ledicia Costas ou Ameaza na Antártida  de Ramón Caride.


Luscofuscotv. (13 de novembro de 2011). A bruxa regañadentes [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://youtu.be/-oWj0igPIMI

venres, 26 de novembro de 2021

O misterio da casa do Pombal



Casalderrey, F. (2011). O misterio da casa do Pombal, ilust. Manuel Uhía. Pontevedra: Editorial  Xerme (Colección: O barco de vapor), nº 20, [79 pp.] (ISBN 978-84-9854-142-7).

 O misterio da casa do Pombal é un libro impreso en papel con tapas brandas, cun formato de 19 x 12 cm e composto por 79 páxinas. O texto é de Fina Casalderrey e as ilustracións son obra de Manuel Uhía. A lectura desta é recomendable de 7 a 9 anos.

A maior parte da cuberta está ocupada por unha imaxe dun neno e una nena xunto a un tesouro e acompañados por un paxaro e un gato. O título da obra insírese na parte superior da cuberta en letras negras e de gran tamaño, por riba del aparece o nome da autora. Na parte superior da cuberta aparece o nome da serie á que pertence xunto ao distintivo, que é a ilustración en fondo amarelo dun barco de vapor. A contracuberta garda similitudes coa cuberta, xa que ámbalas dúas están en fondo azul; mais nesta última, atopamos na marxe esquerda o título da obra e o nome da autora en letra máis pequena e no lado dereito temos unha sinopse da historia, así como a idade para a cal se recomenda a lectura. Na parte inferior esquerda está o ISBN e o código de barras.

Con respecto ao texto, é unha narración sinxela cun estilo narrativo similar ao conto, conta cun narrador en terceira persoa. O léxico empregado é sinxelo, o tamaño da letra é axeitado para o alumnado de 7 a 9 anos. A historia divídese por capítulos, conta con numeración ao pé de páxina agás nas páxinas con ilustración total.

As ilustracións, de Manuel Uhía, teñen un estilo que recorda aos debuxos animados o que as fai máis atractivas para os cativos. Emprega unha extensa paleta de cores. Na obra atopamos principalmente dous tipos de ilustracións: as de páxina enteira e as de media páxina; ambas axudan a unha mellor comprensión da historia así como fan fincapé en elementos importantes do relato, é dicir, as ilustracións son apoios da narración.

A lectura trata sobre a misteriosa casa do Pombal. Todos os habitantes de Vilacova teñen medo da casa do Pombal, xa que din que está enmeigada. Ninguén se achega a ela ata que un día aparecen Rosa e os seus dous netos adoptados, Ramón e Rita, xunto coas súas mascotas. A casa parece que ten vida propia e unha misteriosa luz azul chama a atención dos nosos protagonistas así coma do pobo enteiro. Despois de investigar na casa esa misteriosa forza leva a Ramón e a Rita a encontrar un tesouro baixo o chan, o cal precisa para ser aberto dunha chave que trae a súa avoa Rosa despois de que unha muller con ollos bicolor lla dera. E así pódese cumprir o soño de Rosa de ter un fogar grande onde coidar e axudar a moitos nenos orfos coma os seus netos.

Escollín esta obra, debido a que foi unha das poucas das que o meu irmán pequeno garda un bo recordo. Ademais transmite unha mensaxe moi positiva: que o que axuda aos demais seralle recompensada esa bondade. E creo que é un valor que debemos transmitirlle ao alumnado.

Como futura docente, considero que este libro será un bo recurso para empregar nos cursos de 4º e 5º de Educación Primaria posto que se traballa unha temática propia da literatura galega, as lendas de mouras, e traballa valores tan importantes como a bondade, o bo facer, a curiosidade. Así como, os tipos de unidades familiares que pode haber, neste caso unha señora maior e dous nenos orfos.

Actividades propostas para esta lectura:

-          Antes da lectura proporía que dixeran posibles teorías/hipóteses de cal é o misterio da casa do Pombal. E ideas previas que tivesen sobre a obra. Lanzar hipóteses, intuír posibles liñas argumentais...

-          Investigación por grupos sobre lendas de mouras

-          Recreación dramática da obra literaria. Podería ser un kamishibai ou teatro con monicreques.

-          Traballamos valores. Que é a xenerosidade? Como se ve no texto? Parécevos que Rosa é xenerosa?

-          Tipos de unidades familiares. Cal é unha boa familia? Son todas as familias como a de Rosa? Que motivaría a Rosa a formar a súa familia? Cal é unha “boa” familia segundo os nosos valores culturais?

Recursos en liña non atopados.

xoves, 25 de novembro de 2021

¡¡¡Lume!!!




CASALDERREY, Fina & UHÍA, Manuel (2006): ¡¡¡Lume!!!. A Coruña: RODEIRA

 

Estamos a falar dun relato convencional, así pois o seu formato e a súa lectura son tamén convencionais. Está impreso en papel, con tapas brandas e composto por 32 páxinas.

En canto á cuberta, no centro aparece unha ilustración do protagonista da obra apagando un lume, esta imaxe poderíase encadrar nun dos momentos da historia, mais non está incluída dentro do libro. Encima da ilustración, no centro alto da cuberta, aparece o título do libro, ¡¡¡Lume!!!, en letras cursivas, minúsculas e de cor gris. Debaixo da imaxe están o nome da autora e o do ilustrador, en letras maiúsculas, de cor gris e separados por un guión. Por último, na parte baixa da cuberta aparece o nome da editorial, Rodeira, en letras de cor gris e co formato de letra propio da marca. Cabe destacar que na  parte esquerda da cuberta, a media altura, atopámonos co debuxo dun tren, acompañado das palabras “tren azul”. Esta pequena ilustración significa que o libro pertence á colección “tren azul” da editorial Rodeira, do grupo Edebé . Esta colección recolle unha serie de obras destinadas aos lectores máis cativos.

No centro da contracuberta atopamos de novo unha ilustración do protagonista peiteando ao seu can, neste caso a imaxe non se podería encadrar nun momento concreto da historia. Encima dela hai unhas liñas de texto do interior do libro, na que se fala do protagonista e do seu can, ademais aparece a palabra “Lume”. Debaixo da imaxe vemos as palabras “Primeiros Lectores” en minúsculas de cor gris e na parte máis baixa da contracuberta o nome da editorial, escrito no mesmo formato que na cuberta. Situado na parte inferior esquerda está o código de barras do libro e na parte dereita a media altura, volve aparecer a mesma imaxe do tren azul.

Se abrimos o libro de par en par e miramos a contracuberta e a cuberta á vez, encontrámonos cunha oposición de significado nas ilustracións. Por un lado a imaxe do protagonista peiteando a seu can na contracuberta, transmitíndonos paz e calma, mentres que na cuberta, Andrés está apagando o lume, dando a sensación de caos e desorde. Poderíamos dicir que é o enfrontamento entre o que os adultos entenden por portarse ben e portarse mal nun cativo.

Unha vez abrimos o libro, encontrámonos coa portada. Se a analizamos de arriba abaixo temos: no centro alto o título do libro en letra grosa, debaixo o nome da escritora e na liña inferior o nome do ilustrador. No centro, unha imaxe de Andrés levando unha bandexa con bebida, a cal está tamén no interior da obra. Xa na parte baixa, o nome da editorial en letra grosa e no formato habitual. A seguinte, é a páxina de créditos, nela recóllese información sobre o autor, o ilustrador, a editorial e a publicación. Na última páxina antes de arrancar coa historia aparece a dedicatoria, no medio da páxina “A Marcos e a Rocío polo seu delicioso tempo de ¡¡¡Lume!!!.”

En canto ás páxinas da historia, comparten un formato. Teñen unhas liñas de texto na parte superior, ocupando un cuarto da páxina aproximadamente, e o resto é ocupado por unha ilustración que representa o que din as correspondentes liñas de texto.

As ilustracións de Manuel Uhía son debuxos de carácter realista, nos cales se ve á perfección a expresión facial dos personaxes, desta forma transmíteselle ao lector os sentimentos dos protagonistas. As cores son claras e semellan estar pintadas con acuarelas.

  Hai ilustracións de dous tipos:

1. Ilustracións onde hai un fondo debuxado claro, nelas o ilustrador recolle todo tipo de detalles, máis alá do centro da imaxe, como poden ser cadros, árbores, distintos mobles, etc. Este tipo de ilustración ocupa dúas páxinas, é dicir, a imaxe da esquerda e a da dereita forman un conxunto.

2. Ilustracións onde aparece unha imaxe nun fondo branco. Estas son máis simples que as anteriores, o ilustrador non recolle apenas detalles, senón que se limita a debuxar o que di o texto. Neste caso as imaxes nunca forman un conxunto coa da            seguinte páxina.

Cabe destacar que tamén aparece representado un animal, Tor, o can de Andrés, este ao igual que o resto de personaxes é de carácter realista, mais aparece moi pouco e case sempre de costas ou sombreado ao lonxe.

Respecto ao texto, aparece en letras minúsculas de cor negra e ten un tamaño mediano, é habitual ver certas exclamacións nun tamaño maior ao resto, outorgándolle así unha énfase. É unha narración sinxela cunha estrutura en liña e cun vocabulario sinxelo e accesible para nenos e nenas.

Neste relato de Fina Casalderrey, un neno chamado Andrés cóntanos as numerosas profesións que lle desenvolve aos seus familiares: peiteador, bombeiro, camareiro... Mais isto non lle fai ningunha gracia aos pais de Andrés, que nunca ven a vontade por axudar do seu fillo e a súa ansiedade por non saber que vai ser de maior. Polo que se limitan a rifarlle e dicirlle que todo o que fai está mal, xa que son cousas de maiores.

Toda a historia é contada por Andrés, o cativo vainos dicindo como se sente en cada instante, de forma que podemos ver a oposición entre o momento no que se lle ocorren as ideas e o momento no que seu pai lle rifa. O resto dos personaxes, a nai, o pai e o avó de Andrés aparecen na obra a través de diálogos co protagonista.

  Esta obra ofrécenos dous niveis de lectura:

1.  Por unha banda a interpretación habitual, máis propia dos cativos. Na cal  vemos a historia dun neno traste que lle causa numerosos problemas aos seus pais.

2. Unha interpretación crítica, onde a autora critica a actitude dos adultos ante as ideas dos nenos e nenas pequenas.

Así pois, dados estes dous niveis de lectura, podemos analizar as potencialidades da obra cara á educación primaria, na miña opinión encadraríase no primeiro curso. ¡¡¡Lume!!! trata o tema da inquedanza dos nenos e nenas por descubrir que queren ser de maiores, polo que nos permitiría traballar na aula as profesións, tendo en conta que cada quen pode traballar do que lle guste de verdade, independentemente do seu xénero, nacionalidade, etc.

Como xa se dixo, o texto desta obra é sinxelo, mais está escrito usando maiúsculas e minúsculas correctamente, así como a puntuación adecuada. Pois precisamente, o uso da maiúscula e o punto poderíanse traballar con esta obra, tal e como recolle o currículo de educación primaria, na materia de lingua galega e no primeiro curso. En concreto no terceiro bloque, no punto 4: “B3.4. Respecto polas convencións xerais da escrita: uso das maiúsculas e do punto.”

Outra opción sería traballar a relación entre as ilustracións e o texto, xa que como se explicou, correspóndense totalmente. Neste caso, este aspecto recóllese no cuarto punto do segundo bloque do currículo: “B2.4. Interpretación da información das ilustracións.”

Esta obra, ao seren do ano 2006 non conta apenas con recursos na rede. Debido a esta dificultade, recóllense dous recursos alternativos, un sobre á autora e a outro sobre unha das súas obras destinadas a cativos na etapa de educación primaria.

O primeiro é a páxina web de Fina Casalderrey Fina Casalderrey – Web oficial da escritora galega. Nela atopamos a súa biografía, a bibliografía e todos os premios que gañou dende que comezou o seu camiño como escritora. Desta forma vemos como aparte de escribir literatura infantil e xuvenil, tamén ten escritos tres libro de gastronomía galega e catro guións de curtametraxes. Cabe destacar que tamén nos da a opción de contactar con Fina, algo moi útil á hora de consultar dúbidas ou programar unha charla coa autora.

Outro recurso é o blog brabádegos, nel atopamos unha entrada dedicada á obra da autora, O segredo de Zoe https://brabadegos.blogspot.com/2016/05/agardar-sobre-o-peitoril-da- venta.html . Nela, fálase un pouco do papel de Fina como muller escritora e reflexionase sobre a obra mencionada anteriormente.

Lía e as zapatillas de deporte.

REIMÓNDEZ, María (2008). Lía e as zapatillas de deporte. Vigo: Xerais.

A obra Lía e as zapatillas de deporte é un relato impreso en papel, con tapa branda, composto por 88 páxinas e dividido en 15 capítulos. Na cuberta aparece ilustrada a personaxe principal, Lía; ao seu carón o nome da editorial e na cima de todo reflíctese o nome da colección, co seu característico paxaro. En canto á contracuberta, cun fondo rechamante en amarelo, no centro atópase unha breve sinopse da obra, e por baixo desta aparece o código de barras, co seu correspondente ISBN e de novo, o nome da editorial. Destaca que na marxe dereita hai un pequeno recadro verde que recomenda a obra a partir dos nove anos de idade.

No interior do libro, na solapa esquerda aparece impresa unha foto da autora, así como información biográfica e bibliográfica da mesma. Así mesmo, tamén hai un pequeno parágrafo con información acerca do ilustrador. Na solapa dereita, móstranse as obras de María Reimóndez en Merlín. A continuación, hai unha páxina en branco, que pola súa parte traseira contén a información de créditos, onde se observa que a obra xa vai pola 3ª edición. Na portada do libro repítese de novo a ilustración da protagonista observada na cuberta. Ao remate do relato móstranse 5 páxinas adicadas aos títulos doutras obras que foron publicadas na colección Merlín, todas elas dirixidas a nenos e nenas de nove anos en adiante.

Na obra nárrase en 3ª persoa omnisciente a historia de Lía, unha cativa á que lle cambia a mentalidade grazas á mostra de realidade que lle ensinan as súas novas zapatillas de deporte, un dos seus numerosos regalos de Reis. As zapatillas que lle regalan a Lía ensínanlle como na outra parte do mundo nenos e nenas coma ela son explotados en fábricas para producir a maior cantidade de zapatillas; ademais de privalos de ir á escola a aprender. Indignada ante esta situación, Lía ponse en acción e aporta o seu gran de area para tentar que esta situación de explotación infantil remate e tódolos nenos e nenas teñan acceso á escola.

No referido ás ilustracións, aparecen aproximadamente unha por capítulo, as cales son paralelas e complementarias á narración. A imaxe do personaxe de Lía presenta unha forma redondeada e grande para a cabeza e máis miúdo o resto do corpo. Isto é para darlle importancia á cabeza dos personaxes, é dicir, ao seu cerebro e a súa mentalidade. A meirande parte delas aparecen na páxina impar, xa que é o primeiro que se ve ao pasar de páxina, chamando máis a atención dos lectores e lectoras. Nelas pódese observar a Lía cas zapatillas viaxando a visitar a Ramesh, Lía comendo coas irmáns de Ramesh… Cabe destacar tamén, as pequenas ilustracións no encabezado das páxinas, que amosan a Lía durmindo no interior dunha das súas zapatillas e, probablemente, realizando algunha das súas viaxes.

Esta obra é fundamental para traballar a partir de 4º de primaria, porque a estas idades, nenos e nenas comezan a ser máis conscientes das repercusións dos seus actos, á vez que se continúa conformando o seu pensamento crítico. Xa que mostra a realidade que están a vivir os países menos desenvolvidos: onde os nenos/as non poden ir á escola porque teñen que traballar e viven en condicións precarias. Incidindo en que para tornar esta situación é preciso un cambio de mentalidade da sociedade consumista actual, realizando un consumo máis responsable e xusto. Todo isto preséntase a través da cativa Lía, coa que os futuros lectores e lectoras se poderán sentir identificados.

mércores, 24 de novembro de 2021

A princesa Sabela - Cornelia Funke








Funke, Cornelia, A princesa Sabela (Prinzessin Isabella, Verlag Friedrich Oetinger, Hamburgo, 1997), ilust. Kerstin Meyer, trad. María Xesús Bello Rivas, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, [lectorado autónomo], 2011, [32] pp. (ISBN: 978-84-9914-212-8)

A obra é un álbum ilustrado que recolle entre dúas tapas duras unha gran historia. Ao coller este libro podemos apreciar a dureza das súas cubertas, material empregado para os álbumes ilustrados dedicados aos/ás máis pequenos/as, debido a súa resistencia. Na cuberta frontal podemos ver unha ilustración en cores vivas fronte a un fondo máis escuro, a ilustración podemos visualizala no interior do libro nunha das escenas, que ademáis, xa nos deixa ver un pouquiño do que vai tratar a historia. Nas gardas hai unha ilustración pequena fronte a un fondo branco. Na portada observamos en letras grandes e de cor laranxa, o título do libro, o nome da autora, da ilustradora, da traductora e a editorial; acompañando a estas letras, temos unha ilustración da protagonista. Unha vez abrimos o libro podemos ver as ilustración na páxina impar, a donde vai dirixida directamente a nosa vista, e que ademáis nos vai servir de apoio para entender mellor o texto.

As ilustracións, feitas por Kerstin Meyer, acompañan aos textos, de xeito aleatorio, tanto nas páxinas impares como nas pares. A parte escrita ten letras grandes, redondeadas e aumenta de tamaño nas frases importantes, a primeira letra coa que comeza o texto está nun maior tamaño, e en cor laranxa, Este álbum ilustrado está escrito en 3ª persoa do singular, pois reflexa a perspectiva dun narrador omnisciente.

Sabela, a protagonista, está cansa de ser unha princesa, de que lle dean todo feito, ela quere levar unha vida máis normal e desfrutar como unha nena da súa idade. Subir ás árbores, escalar, saltar, meter o dedo no nariz, vestirse e peitearse soa, etc. Pero un día decide rebelarse e tirar a coroa ao estanque dos peixes. Esta escena desencadeará que Sabela queira marchar durmir á corte dos porcos e alonxarse da vida que levaba ata o de agora. O rei comprenderá que Sabela é máis feliz axudando na cociña ou limpando a corte dos porcos que sendo unha princesa, por iso deixará que Sabela sexa libre e elixa a vida de “princesa” que queira levar.

Esta obra permítenos traballar cos estereotipos que atopamos na nosa sociedade, e aínda que no presente cada vez somos máis conscientes da súa existencia, debemos seguir traballando por e para o cambio de sociedade. Aínda temos como referente as innumerables princesas de Disney que deben ser salvadas por un maravilloso príncipe. Os menos aínda pensan que optan a ser un forte e aposto cabaleiro que protexa a pobre e indefensa princesa.

Ademais existen estudos que reflicten que as mulleres dende pequenas non teñen grandes aspiracións ou expectativas de futuro fronte as grandes aspiracións dos homes. Todos estes estereotipos influirían negativamente na baixa autoestima das nenas. Este álbum ilustrado permítelles aos nenos e nenas disfrutar con humor do contrario a eses estereotipos, de ver a rebeldía como un acto de liberación, de poder obter a liberdade de ser quen a princesa quere ser, ou deixar de ser literalmente. 

En canto a recursos online podemos atopar o libro contado en You Tube por parte da Biblioteca de Verín. https://www.youtube.com/watch?v=HCwch4I-fiU

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...