sábado, 8 de xaneiro de 2022

O Valo, de Carlos Labraña


 



Labraña, Carlos. 2017. O valo. Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, ilust. Nuria Díaz. Vigo:  Edicións Xerais de Galicia.


Libro ilustrado de Carlos Labraña e Nuria Díaz, impreso en papel, con tapas duras e cun total de 51 páxinas. Na cuberta aparecen Sáhara e Soldadiño de chumbo, os dous personaxes principais da historia, nunha actitude cómplice, mirando as estrelas. Na parte superior pódese ver o nome da colección (Biblioteca Dramática Galega), xunto co título e o nome do autor, resaltados e en letra de maior tamaño. Na marxe inferior aparece o nome da editorial e a institución que apoiou a edición, a Xunta de Galicia. O fondo está composto tan só dunha parte escura a modo de ceo e unha superficie areosa que continúa na contracuberta, onde se pode ver o resto do valo e a bandeira, dous motivos importantes que tamén aparecerán na historia.

Na contracuberta pódese ver de novo o logo da editorial e o nome da outra entidade responsable da edición, a Axencia Galega das Industrias Culturais. Deste xeito, o fondo escuro e o espazo desértico sobre o que están as dúas figuras fai de fío condutor entre ámbalas partes. Nela tamén aparecen o valo e a bandeira, dous elementos centrais na peza.

Esta peza teatral narra a historia de Sahara, unha nena que foxe da guerra e o Soldadiño de chumbo, quen decide poñer un valo para evitar a chegada de xente ó seu país. Ao atoparse, ambos comezan unha conversación na que se ven dúas posturas antagónicas do mundo: dunha banda a  da moza, quen non entende o propósito dos valos e anima ó rapaz en varias ocasións a cuestionar aquilo que lle din. Deste xeito, trata de demostrarlle o absurdo de moitas cousas que para el son absolutas, como a razón de ser dos valos ou o motivo polo que os migrantes foxen da súa terra. Pola contra, o mozo representa outra visión na que os inmigrantes son persoas que senten envexa e por iso se desprazan, tal e como lle teñen ensinado. Sen cuestionarse nada, e pese a ter frío e fame, o mozo está alí vixiando porque cre que é o seu deber. Finalmente, ámbolos mozos interactúan e rematan marchando xuntos, derribando o valo que os separaba e agochándoo para que os soldados non o atopen e crean que Soldadiño morreu.

Con respecto ás ilustracións, estas ofrecen pistas sobre o contido da obra. Todos os debuxos son de carácter realista, permitindo ó lector imaxinar como sería a súa representación na realidade. Nelas aparecen maioritariamente os protagonistas, agás nunha na que aparecen outros soldados. As vestimentas e os trazos das personaxes permiten diferenciar claramente aos dous protagonistas, Sahara e Soldadiño de chumbo. Así mesmo, existen elementos como os que se poden apreciar nas imaxes con gran significación como a bandeira ou o valo. As ilustracións adoitan aparecer intercaladas co texto en momentos importantes da historia, como o encontro inicial ou o final. Respecto ás cores non hai un predominio claro, existindo unha variedade cromática que enriquece o debuxo e imprimindo calidez ás imaxes.        




Esta lectura resulta interesante tanto dende o punto de vista do alumnado como da escola pois está a tratar unha cuestión de actualidade: o drama dos refuxiados. Neste sentido, resulta fundamental que o alumnado coñeza os verdadeiros motivos que levan á xente a abandonar a súa terra, coas consecuencias que iso implica a todos os niveis, e en especial no emocional. Por iso, é preciso concienciar os discentes da necesidade de axudar a todo aquel e aquela que o precise, como seres humanos que somos. Así mesmo, esta lectura permite traballar outros valores como o diálogo, a cooperación, o respecto ou a tolerancia ante outras culturas e formas de entender o mundo. Ademais, inclúe un elemento como os valos que se traballa tamén na área de Ciencias Sociais, de maneira que están aprendendo que as fronteiras son liñas imaxinarias, unha convención creada polo home. A este respecto, é importante ensinarlles aos máis cativos o importante que é adoptar unha actitude crítica ante estas realidades, de maneira que reflexionen sobre aquilo que lles veu dado e non o acepten sen máis. Tamén se fai referencia a feitos históricos como o colonialismo, cando o rapaz lle explica a Sáhara que cando un país se fai forte ten que estender o seu dominio a outros. Por último, sinalar tamén que na obra se traballa a oralidade e a herdanza cultural por medio das historias que a nena lle conta ó soldado ou os arrolos que lle fai cando Soldadiño quere descansar un chisco.

Respecto aos recursos en liña de acceso aberto sobre a obra, cabe sinalar que estes se atoparon en diversos formatos en lingua galega. A maior parte das entradas son de librarías onde mercar a obra. Ademais, existe algunha referencia a unha representación teatral da obra como o que tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, tanto en páxinas web como en artigos de xornais. Tamén atopamos un vídeo na Televisión de Galicia sobre a obra, enmarcado dentro dunha sección chamada Cada día un libro. Outro clip similar aparece na canle de Youtube Espazolectura. Nel fálase sobre a temática da obra, relatando a historia que se agocha tras el e apórtanos outra información, como que gañou o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Así mesmo, temos algún extracto sobre a representación teatral levada a cabo polo grupo Pallasos en rebeldía, dispoñible en Vimeo.

Finalmente, salientar que tamén se poden ver algunhas imaxes sobre a visita do autor, Carlos Labraña, a un centro educativo. Todo isto atópase no blog creado para a biblioteca do centro, escrito con motivo dunha sección sobre Labraña.

 

 Enlaces ós recursos

Culturactiva. (13 de novembro de 2017). O Valo, de Culturactiva- Pallasos en Rebeldía [Arquivo de vídeo].  Recuperado de: <https://vimeo.com/242563878  >

Cultura de Galicia. O valo de Carlos LabrañaRecuperado de: <https://www.cultura.gal/es/evento>

Espazolectura. Luisiño presenta “O valo” [Arquivo de vídeo].   Recuperado de:  < https://www.youtube.com/watch?v=sIigaKAaaME >

Televisión de Galicia. (25 de setembro de 2017). “O valo” de Carlos Labraña [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: < https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/o-valo-de-carlos-labrana >

Percebín lector. (29 de marzo de 2019). FADA PIRATA E O VALO! [Mensaxe nun blog]. Recuperado de: < http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnicolasrio/node/936?page=1  >


LOBOFEROZ




 PATACRÚA e GÓMEZ, Chené (2006). Loboferoz. Pontevedra: OQO Editora.

Loboferoz é un álbum ilustrado impreso en papel, con tapas duras e composto por 36 páxinas, elaborado a través dun conto popular ruso. Na parte superior da cuberta figura o título da obra, nome do autor, nome do ilustrador e nome da editorial, mentres que na parte inferior apréciase unha ilustración dun lobo coas boca medio aberta. Todo isto sobre un fondo marrón. 

Na contracuberta aparece de novo o logotipo da editorial, o código ISBN e dous paxariños pequenos sobre o que semellan pólas dunha árbore. Nas gardas figuan unhas ilustracións xeométricas do que semellan árbores. A portada volve ter un fondo marrón, onde figura o nome do autor e ilustrador, a editorial e unha ilustración pequena dun lobo. Tamén conta coa súa respectiva páxina de título de créditos con toda a información pertencente ao libro.

En canto ao argumento, a historia está narrada en 3ª persoa omnisciente. Loboferoz, canso de comer papas e arroz, mirouse no espello e deuse conta de que non metía medo ningún. Saíu entón para asustar os animais que ía atopando. Pero nin a cabra, nin o burro, nin a ovella, nin a vaca, nin o porco, nin os cans da vila se amedrentaron ao ver a Loboferoz, senón que se rían del. Así que o lobiño decidiu volver á súa casa para sempre e comer papas e arroz.

En canto ás ilustracións, son a dobre páxina e ofrecen algunha pista sobre o contido. O fondo sobre o que se atopan é sempre de cor marrón e os animais que van aparecendo non varían a paleta de cores, o ilustrador emprega sempre tons marróns, brancos ou negros. Os personaxes están representados con diferentes tamaños e formas, pero sempre a través de figuras xeométricas, o cal recorda o movemento artístico da abstracción. Desta maneira, Chené crea un ambiente minimalista para definir o carácter dos personaxes. 

O texto aparece en cor negra e nas dúas páxinas, alternando a súa colocación, ás veces na parte inferior e outras na superior. Cabe destacar que, para que os nenos/as as relacionen con máis facilidade, as intervencións de Loboferoz aparecen sempre en letra cursiva. O vocabulario empregado é sinxelo e fácil, xoga coa sonoridade e a rima a través de estruturas repetitivas e abundantes diálogos, o que facilita a memorización nos nenos e nenas

As posibilidades formativas que nos ofrece esta obra para un alumnado de primaria son variadas. Por unha parte, permítenos traballar os estereotipos que se crean, neste caso, dos animais nos contos tradicionais. Deste xeito, rómpese coa idea tradicional de que o lobo é sempre o malo, o que comía os outros animais e incluso os cativos (carapuchiña, por exemplo); nesta historia é un lobo que come papas e arroz. Por iso, a través desta obra podemos traballar os valores que os nenos e nenas teñen a raíz das historias tradicionais e a súa influencia na súa forma de pensar (relacionar sempre o lobo co malo). 

Por outro lado, traballamos un amplo abano de sentimentos e emocións como son o medo, a coraxe e a astucia, entre outras; xa que resulta paradóxico que son finalmente os animais domésticos os que conseguen amedrentar ao lobo, un animal temido e salvaxe.


A monstroescola: que veñen os monstros!

 FARIÑA, Anxo (2008). A monstroescola: que veñen os monstros!. Pontevedra: A Nosa Terra, [84 pp.]. (ISBN: 978-84-8341-261-9).

                A monstroescola: que veñen os monstros está escrita e ilustrada por Anxo Fariña e considero que esta é unha obra que se debería tratar dentro das aulas de Educación Primaria porque está cheo de boas leccións (como por exemplo a axuda aos demais, o respecto e a sinceridade) e trata a igualdade como un dos contidos máis importantes do relato.  

       Este libro ten unha tapa branda e unha lonxitude de 88 páxinas. Este publicouse no formato tradicional que significa que se debe pasar páxina a páxina de forma manual.

          A historia está composta por un total de nove capítulos, os cales están narrados en terceira persoa. O narrador ao ser omnisciente total sabe tanto o que acontece en todo o momento coma os sentimentos e os pensamentos que teñen todos os personaxes en todas as ocasións. Grazas á utilización deste narrador os lectores poden identificarse moito mellor coa historia, dado que vai dando moitos máis detalles segundo van avanzando os acontecementos.

         O relato cóntanos que nunha vila chamada Quintopiñeiro queren cerrar a escolar de Educación Primaria porque soamente teñen a dous nenos matriculados. Cando os rapaces se decatan da terrible noticia redactan un correo electrónico para anunciar que buscan novos rapaces que queiran estudar alí, pero eles non o enviaron porque simplemente era unha actividade proposta para facer na aula. O que non entendían os protagonistas nin a mestra era que nos seguintes días foron chegando diferentes monstros para vivir nesa vila. Despois descobren que foi a pantasma do antigo director da escola quen mandou a mensaxe a unha páxina chamada Monstronet para conseguir novos alumnos/as. Finalmente, pasan a inspección cunha valoración favorable, xa que conseguiron ser o número mínimo de alumnos/as para que a escola continuase aberta.

          Centrándonos nas ilustracións, cabe destacar que foron realizadas polo propio autor, Anxo Fariña. Pódese apreciar que as ilustracións que teñen máis importancia sempre ocupan toda a páxina e máis en concreto a da dereita, o cal está feito intencionadamente para darlle máis importancia á imaxe que ao texto. Isto é así porque ao pasar a páxina a vista o primeiro que localiza sempre é a páxina impar do libro que son as situadas á dereita. Por outra parte, neste relato podemos observar que existen moitos debuxos pequenos polo medio de todas as páxinas, as cales serven para que os lectores sexan capaces de imaxinar mellor a historia e, sobre todo, para resaltar o máis importante de cada momento.

        Despois dunha lectura e análise profunda decateime de que este libro posúe varias potencialidades para traballar dentro dunha aula de Educación Primaria. Máis en concreto eu levaríao ás clases de 3º e 4º curso porque creo que para os cursos anteriores pode resultar un libro longo e denso, incluso poderíase traballar esta obra co alumnado de 5º e 6º curso, xa que considero que trata temáticas moi importantes e necesarias, as cales nos permite realizar unha lectura máis profunda con nenos/as de máis idade, como por exemplo os diferentes estados de ánimo polos que van pasando todos os personaxes.. Primeiramente, esta lectura sérvenos para explicar que é un correo electrónico e como é o seu formato, xa que falan del e incluso poñen unha ilustración do correo electrónico que escribiron os protagonistas na súa clase. Tamén se podería traballar palabras novas procedentes doutras linguas (préstamos lingüísticos) como por exemplo “ jet-lag” que significa trastorno temporal do sono. Outro aspecto concreto para explicar na aula serían todas as características das pantasmas, xa que as explica dun xeito moi detallado, e tamén nos permitiría ligalo coa posta en práctica das descrición, tanto de maneira oral como escrita. Ademais, pódese realizar unha reflexión sobre que é a cooperación, dado que no relato explica que buscaron solucións aos seus problemas grazas ao traballo en equipo de todos eles/as. Finalmente, e ligado coa última potencialidade citada, estaría a loita pola inclusión, xa que segundo vai avanzando a historia narrada vaise explicando que todos debemos aceptarnos como somos, sen importar quen somos, de onde somos, como somos... Así que esta sería unha das temática que máis me chaman a atención para levar esta obra a miña futura aula, posto que se os protagonistas puideron aceptar aos monstros como compañeiros/as, os meus/miñas alumnos/as tamén teñen que ser conscientes de que todos/as podemos aceptarnos como somos.

           Finalmente, centrándome nos recursos en liña teño que destacar que hai moi poucos. En primeiro lugar atopei unha entrada nun blog da Biblioteca do CEIP San Martiño, a cal está feita por alumnos e alumnas do 4º curso de Educación Primaria: https://salcedoteca.blogspot.com/2010/03/visita-de-anxo-farina-hoxe-11-de-marzo.html?m=0. Por outra parte, atopei outro blog, pero neste caso en concreto trátase do blog do propio Anxo Fariña que foi creado no ano 2007 e a súa ligazón é a seguinte: http://introterrestres.blogspot.com/2008/11/monstroescola_03.html. Neste podemos ver como comunica a publicación deste novo libro e como amosa o póster do libro. 



O día que choveu do revés.



1. Elección da obra literaria para Educación Primaria. 

O día que choveu do revés. 

2.Ficha bibliográfica: 

Canosa Blanco, María & Padrón, Daniel (2016). O día que choveu do revés. Vigo: Xerais. 

3. O formato da obra. 

Trátase dun conto ilustrado cuxa cuberta amosa a un neno sentado no alto dunha torre de igrexa cun encrespado ceo de fondo. 

4. Resumo do argumento. 

Un día, fartas de tanto sol, as nubes decidiron botar unha tromba de auga sobre a vila de Portoseco. Foi tal a cantidade de auga que as causantes pedíronlle ao sol que lles botase unha man para mitigar a desfeita. Non obstante, era imposible facer fronte a esa inundación. 

Un neno da aldea decidiu enviar unha mensaxe ao mar para que levase toda esa auga. ¿Que podía saír mal? Que todo estaba empapado e era imposible escribir. Foi entón cando lle pediu axuda ás nubes. Estas valeiraron en Portoseco unha chea de cadernos, bolígrafos... Así, o protagonista conseguiu enviar a súa mensaxe. Tras un tempo, conseguiron saír adiante e cos cadernos que chegaran do ceo, agora cheos de historias que eles mesmos escribiran, acordaron crear unha biblioteca municipal. 

5. Descrición das ilustracións. 

As ilustracións deste conto, autoría de Dani Padrón, destacan polas súas cores vivas e o seu carácter animado, sendo debuxos que fuxen do realismo para achegarse ao estilo máis infantil. En cada páxina, o traballo do ilustrador toma un papel fundamental, aparecendo en toda a páxina e en especial na cara dereita (a que primeiro vemos ao cambiar de folla). De feito, pese a que o texto nos conta a historia, son as ilustracións as que cobran maior protagonismo nunha primeira ollada ao libro. 

6. Potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos. 

O día que choveu do revés conforma unha lectura sinxela, moi visual e idónea para nenos e nenas dos primeiros dous ou tres cursos de Educación Primaria. A temática é entendible, o vocabulario é acorde para o alumnado desas idades e a presenza de debuxos e escaso texto por folla fai deste libro unha opción apropiada e doada. Respecto a conceptos transversais, poderíase amosar como as nosas accións teñen repercusións sobre terceiras persoas, aspecto que as veces pasamos por alto. Neste caso, as nubes enfádanse co sol e deciden baleirar auga sobre unha vila, prexudicando a persoas que nada teñen que ver coa súa problemática particular.



Juan José Díaz Nieves.


O neno can.




1. Elección da obra literaria para Educación Primaria.

O neno can.


2. Ficha bibliográfica:

Ficha bibliográfica: Casalderrey, Fina & Castro, Francisco (2012). O neno can. Vigo: Galaxia, 61 pp. (ISBN 978-84-9865-431-8). 


3. Formato da obra.

A súa cuberta amosa un neno de pel escura deitado xunto a un can branco, cunha mancha negra nun ollo. Cada un conta unha historia diferente con personaxes propios. Previo a cada relato atópanse unhas liñas de dereitos promulgados pola ONU sobre a temática que se tratará a continuación. 


4. Resumo do argumento.

O neno can é un libro constituído por 5 relatos breves, de en torno a 10 páxinas. Cada un afonda nunha desigualdade social. O narrador é omnisciente en terceira persoa. En todos eles, os protagonistas van acompañados dun can sempre igual (branco coa zona dun ollo marchada de negro), aínda que con nomes diferentes en cada capítulo. O primeiro deles contanos a historia dun neno pobre chamado Aakesh que non ten para comer e mendiga comida unha uns cativos e cativas que celebran un aniversario, deixando impactada á protagonista do mesmo, interesándose por el e propóndolle unha amizade. No segundo trátase o tema do abuso de menores e a prostitución onde un xoven Nadim vai intuindo pouco a pouco o que lle sucede á súa irmá no almacén onde coinciden con outros mozos e mozas. O terceiro fálanos do racismo e a inmigración a través de Kai, un neno que se busca a vida só sofrindo os comentarios de xente ao seu paso, ata que por fin atopa unha rapaza disposta a falar con el. Pola súa banda, o cuarto conta o intento de voda forzada dunha moza de 11 anos nun país do deserto, por obriga do seu pai, que finalmente decide reflexionar e deixar libre á súa filla dun compromiso non dexado. Por último, o protagonista do quinto é Carlos, un neno discapacitado que se sente diferente aos demais e sofre desprezos e burlas, pero a súa amiga Carmen (da que está namorado) si o trata como merece. 


5. Descrición das ilustracións.

Esta obra tan só conta con ilustracións antes do inicio de cada relato (na cara par, polo que dan prioridade á escrita), ademais de na portada. A ilustradora é Patricia Castelao. Todas elas son a cor e a modo de debuxo animado (é dicir, non retratos realistas). Cando vai empezar unha nova historia, aparecen as pegadas dun can la páxina esquerda e o texto con liñas dos dereitos da ONU na da dereita. Na seguinte páxina atopamos sempre un debuxo co protagonista da historia e o can (sempre o mesmo). En xeral, trátase de rapaces e rapazas de pel lixeiramente escura, agás o último deles (un neno discapacitado). Ademais, acostuman amosar xestos tristes nos retratados, en consoancia coas historias que se narran sobre os mesmos.


6. Potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos.

O neno can é unha obra literaria perfecta para traballar con nenos e nenas de Educación Primaria. É un libro dunha extensión asequible, composto de relatos curtos, con algunha ilustración ao principio dos mesmos e dunha temática moi interesante para traballar coa xuventude. 

O libro trata de concienciarnos acerca de temas que moitas veces escondemos e quedan como tabú en idades temperás e incluso xa na ensinanza secundaria. Por iso, ensinar á cativada que existen problemas moi graves coma a pobreza, o racismo, a explotación, etc. e como poden marcar a vida dun neno ou nena é importante para forxar a súa conciencia e personalidade. Polo tanto, podería aportar moito contido para reflexionar e debatir dentro da aula, posiblemente máis nos cursos de 5º e 6º.

 

Juan José Díaz Nieves.

venres, 7 de xaneiro de 2022

Unha feliz catástrofe

 TURÍN, Adela & BOSNIA, Nella (2014). Unha feliz catástrofe. Trad. Glenn Tolentino. Pontevedra: Kalandraka.




Escollín a obra Unha feliz catástrofe debido a que considero que a temática que trata é de especial relevancia social e que é necesario presentala nunha aula de primaria. Ademais, é unha obra sinxela que motiva á lectura.


Este álbum ilustrado de 40 páxinas ten a cuberta de tapa dura e un formato convencional. Ofrece unha lectura tradicional e fácil, a súa extensión é breve, a súa estrutura sinxela e lineal (presentación dos personaxes, problema ao que se enfrontan e solución) e non está dividida por capítulos.


Este relato de Adela Turín, ilustrado por Nella Bosnia, conta a historia da familia Rato que leva unha vida moi tranquila e monótona nun modesto tobo. O pai traballaba fóra da casa, mentres que a nai se encargaba das tarefas doméstica e do coidado dos oito fillos. Cando o señor Rato chegaba á casa desfrutaba do silencio dos seus ratiños e tras degustar a cea preparada pola súa esposa contáballes as súas aventuras de cando era mozo, eles escoitaban encantados e impresionados. Un día, mentres o pai estaba na oficina, a súa vivenda inundouse e a señora Rato tivo que pensar rapidamente unha solución. Cos oito pequenos refuxiouse nun caixón e ao longo dos días a nai e os fillos dedicáronse a atopar un novo lugar, vivían moitas aventuras e pasábano moi ben, estábanlle moi agradecidos a súa nai por tanta diversión. Cando por fin se mudaron a súa vida era moi diferente, agora todas as noites os rapaces daban un concerto e seu pai facía a cea mentres os observaba felizmente. 


As ilustracións deste relato son debuxos de cores moi vivas que representan o que o texto está a contar. A pesar de que os protagonistas son uns animais a ilustradora logra darlles vida e humanizar os personaxes representando as accións que realizan e tratando de plasmar as súas emocións e pensamentos. Así pois, resultan moi atractivas para o lector. Ademais posúen un carácter simbólico, xa que transmiten de modo moi sinxelo e visual os roles sexuais estereotipados. Cada ilustración ocupa dúas páxinas e déixase un espazo para poñer as liñas de texto correspondentes. 


No referente ás potencialidades deste libro é esencial destacar os valores feministas, de coeducación e igualdade que nos aporta e a clara ruptura cos estereotipos de xénero. Como docentes é interesante e positivo, ademais de necesario, presentar ao alumnado modelos abertos sobre os roles dos homes e das mulleres. É o noso labor visibilizar que ambos sexos poden compartir a autoridade, as decisións e o coidado da casa, de xeito que se apoien e traballen colaborativamente sen que ningunha das partes teña un papel máis submiso. Nesta obra podemos ver como a nai é quen salva a situación e se converte na heroína da historia, pero tamén o fai o pai amosando un exemplo de apoio e axuda nas tarefas domésticas ademais dun esforzo por realizalas do mellor modo posible. Por outra banda, no relativo ás potencialidades para o fomento da lectura tan só mencionar que é un libro moi sinxelo e entretido, razón pola cal é atractivo para o lectorado, especialmente para os máis pequenos. Ademais considero que o feito de que os protagonistas sexan animais é un aspecto a destacar porque adoita ser máis divertido para os rapaces, cabe destacar que as ilustracións son atractivas e poderían ser unha motivación para a lectura da obra. Tamén o conflito é algo importante pois a historia de “ir pasando aventuras mentres buscan un novo fogar” resulta emocionante e incentiva aos cativos. 


Por último, os recursos en galego dispoñibles na rede relacionados con esta obra son moi escasos. Tan só podemos atopar un vídeo de YouTube (https://www.youtube.com/watch?v=GJzR69l-73I) no que se realiza unha lectura do relato, tamén se inclúen as ilustracións de fondo. Un aspecto a destacar desta lectura son os efectos sonoros, como por exemplo os suspiros dos personaxes, o ruído da auga, as exclamacións de felicidade...



mércores, 5 de xaneiro de 2022

Elmer




Ficha bibliográfica:

Mckee, David (2012). Elmer. A Coruña: Vicens Vives, col. Pillota, [40 pp ]. (ISBN: 978-84-682-1091-9). 


Descrición do formato da obra:

Este libro é un álbum ilustrado, impreso en papel, cunha encuadernación de cartón e tapas brandas. Está composto de 40 páxinas. Na cuberta atopamos unha ilustración de Elmer, o protagonista da historia. Esta ilustración atópase no centro.

Na parte superior da cuberta atopamos o nome do autor e debaixo deste, o título da obra. Á esquerda, o nome da colección do libro (Pillota). Na parte inferior, debaixo da ilustración, o nome da editorial.

Na contracuberta, podemos ler unha sinopse do libro, así como o título da obra, o autor e a súa editorial.

Na portada podemos observar, datos bibliográficos tales como: o título da obra, o autor, o ilustrador, o nome da editorial, a persoa que fixo a tradución, a persoa que realizou as actividades que aparecen ao final do libro...

Por último en canto ao interior do libro, vemos como en cada unha das páxinas aparecen imaxes para ilustrar a historia que vai narrando.

Resumo do argumento:

Esta obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. Trátase dun álbum ilustrado dado que ofrece unha gran variedade de ilustracións, as cales aparecen en tódalas páxinas. O texto e as imaxes compleméntanse, de modo que aportan coherencia e conexión á historia. As palabras e as imaxes son de gran axuda para introducirte de cheo na historia e para conseguir unha boa comprensión dela. 

Centrándonos xa no argumento, este libro narra a historia de Elmer, un elefante que ten como peculiaridade posuír unha cor de pel diferente á do resto da manda de elefantes. O protagonista era de remendo de cores: amarelo, rosa, morado, azul, verde, negro, branco, laranxa e encarnado. 

Elmer é amigo do resto de elefantes, todos se rin xuntos e fanse bromas mutuamente. 

Chegado un día, canso de sentirse diferente ao resto de elefantes da súa manda ( dado que pensaba que estes se rían del por ser o único elefante diferente ), afástase do resto de elefantes.

Comeza a pasear pola selva, saudando a tódolos animais que atopaba. Os animais, ao percatarse de que se trataba de Elmer, vendo as cores da súa pel, saudábano polo seu nome e Elmer contestaba contento.

Seguindo o seu camiño, Elmer remata por atoparse cunha árbore peculiar, que posúe unhas froitas da mesma cor exacta á que teñen na pel o resto de elefantes. Elmer, canso de sentirse diferente, abalou a árbore dun lado a outro ata que tódalas súas froitas remataron no chan. Nese momento, aproveitou para refregarse co zume das froitas, o cal estaba pintando a súa pel do cor da do resto de elefantes, unha e outra vez, ata que a Elmer non lle quedou máis pel por colorear.

Elmer, agora máis ledo ao sentirse igual que o resto de elefantes, comezou o camiño de volta. Atopouse cos mesmos animais que o saudaran antes, pero agora, xa non o chamaban polo seu nome, xa que non o recoñecían. Ao chegar onde o resto de elefantes, eles tampouco se percataban de quen era. Elmer estaba contento ao sentirse igual que os demais.

De súpeto, comezou a chover e a auga fixo que as verdadeiras cores de Elmer aparecesen de novo. Tódolos elefantes comezaron a rir, e decidiron celebrar ese día todos os anos: o Día de Elmer. Nel, tódolos elefantes pintarían o corpo de cores, a vez que Elmer da cor dos elefantes. 

Descrición das ilustracións:

Este libro conta con máis ilustracións ca texto. Considero que se lle dá máis importancia ao texto que as imaxes dado que estas ocupan case toda a páxina e aparecen en todas as páxinas. As imaxes representan todo o que relata a historia. 

A gran maioría das imaxes presentan formas redondeadas, o cal transmite un sentimento de dozura. En case tódalas imaxes as cores son chamativas e vivas. Nalgunha imaxe aparece algunha cor máis escura e apagada como cando comeza a chover. 

Potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos:

Este libro dado que é destinado a nenos de a partir de 4 anos, leríao en primeiro curso de Educación Primaria. 

Paréceme moi interesante traballalo na aula, dado que trata temas moi importantes que considero que debemos ensinarlle ao alumnado xa dende idades temperás. Tales como a diversidade,  o físico ( debemos tratar a todas as persoas de igual forma independentemente das súas características físicas ), a aceptación dun mesmo, a solidaridade, a amizade, a discriminación e o respecto. 

Por tanto, co alumnado podemos traballar o autoconcepto (concepto que teñen de si mesmos), intentando fomentar a autoestima nos nenos e nenas.

Por outra banda, reflexionar con eles sobre o físico, a apariencia e a importancia de valorar as peculiaridades de cada un.

Pódese traballar a inclusión para conseguir un bo clima na aula, dando a entender que inda que todos sexamos diferentes cada un de nós pode aportar algo novo aos seus compañeiros.

Por último, debemos ensinar aos nosos alumnos a aceptar aos demais tal e como son, fixándonos na persoa e non unicamente no seu aspecto físico, tal e como acontece no libro co elefante Elmer. 

Tamén cabe destacar, que ao final do libro aparecen unha serie de actividades para comprobar a súa correcta comprensión. 

Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra:

Conto Elmer en galego: https://www.youtube.com/watch?v=T3u0AoA-E-s
Actividades: https://aulasgalegas.org/wp-content/uploads/2020/03/ELMER.fpdf

Sheila Guzmán Gens, 3º curso do Grao de Educación Primaria.

Podesvir-Fina Casalderrey

 



RECENSIÓN


Podesvir- Fina Casalderrey e Noemí López




  • Referencia bibliográfica:

Casalderrey, Fina & López, Noemí (1997). Podesvir. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.


         O libro Podesvir de Fina Casalderrey e con ilustracións de Noemí López é un libro ilustrado xa que se nos presenta un texto acompañado dunhas imaxes que toman significado en conxunto.

        O formato do libro presenta cuberta e contracuberta de tapa branda que se deben observar en conxunto nunha única imaxe. Na cuberta tamén se nos indica: o título, o nome da autora e ilustradora e a editorial. Na contracuberta podemos observar: a idade recomendada do libro, os últimos trinta títulos publicados da colección, a editorial e o código de barras. A obra conta cunha páxina de título de créditos con toda a información da edición e na portada móstrasenos: o título, o nome da autora e ilustradora e a editorial.

             No conto nárrase unha historia dun lugar fermoso, soleado, no que predominaban as cores vivas e ledas. Un día todo isto muda debido á inesperada chegada dunha familia rica que busca explotar economicamente o lugar e obriga a marchar á xente que non sexa capaz de producir, coma os anciáns. Deseguida se converteu nunha vila próspera que exportaba o produto ao resto do mundo. Con todo isto, as fábricas empezaron a desprender fume que tapaba o sol e mudaba o lugar a sombrío e as cores viraban escuras e feas. A fauna e a vexetación tampouco quería estar neste lugar contaminado e marchaban. Migueliño, o fillo da familia rica tiña todo canto pedira pero realmente, os pais non eran capaces de darlle o que precisaba. O neno cuestionábase todo o que vía mais ninguén tiña tempo para resolverlle as dúbidas. Un día chegou á vila un autobús con persoas maiores que ao ver as condicións ambientais marchou axiña, agás o señor Lino que quedou na vila por despiste e atopouse con Miguel, o cal lle deu estancia na súa casa. Migueliño por fin era feliz escoitando as peripecias do ancián e todos os nenos e nenas da vila demandaban un ancián coma Lino. Finalmente os traballadores foron á busca dos avós e avoas que botaran da vila e Podesvir encheuse de persoas de tódalas idades. Por fin volveu a ser coma era nun principio.

O libro presenta un narrador en terceira persoa, as voces protagonistas son Migueliño e Lino e as secundarias son os pais do neno. O conto inclúe diálogos abundantes.

En canto á ilustración do conto, as imaxes están representadas nas páxinas impares, o que lle confire maior carga de significado, ao ser o primeiro que capta o ollo ao virar de cada páxina. As figuras son redondeadas, o que nos aporta tenrura e unha sensación de confianza, que fai que o/a lector/a se achegue máis ao conto. A diferente gama de cores tamén acada un significado moi representativo, xa que relaciona as cores escuras e pálidas á contaminación do medio ambiente. O texto sitúase nas páxinas esquerdas e non forma parte da ilustración. Cabe destacar que o tipo de caligrafía que se emprega é a letra ligada e redonda, utilizada nas primeiras etapas de escolarización para que a asimilación e a aprendizaxe da lectura e escritura sexa máis eficaz.

Dentro da dimensión lúdica, con este conto podemos traballar a importancia do gran compromiso que temos co benestar do noso planeta. Buscamos que o noso alumnado cobre conciencia acerca da contaminación e do cambio climático que nos está afectando no día a día e leve a cabo medidas para solucionar ou minimizar os efectos. Denunciamos a sobreprodución e o consumismo masivo sen sentido. Por outra parte, transversalmente tamén traballamos a importancia dos anciáns e anciás na nosa sociedade. Non son persoas sobrantes, senón que nos aportan grandes coñecementos e son pezas fundamentais dentro da nosa sociedade.

          Para a inclusión deste conto nunha aula de educación primaria, eu escollería o público máis cativo (primeiro curso) e contaríalles o conto detidamente. De seguido fariamos unha lectura individual reflexiva. Logo traballariamos transversalmente coa materia de ciencias naturais realizando dous debuxos da vila Podesvir. No primeiro debuxarían o pobo sen contaminación, con todos os elementos que cren que ten, podéndose guiar pola lectura que interiorizaron previamente. No segundo, debuxarían a mesma vila cos efectos da contaminación e representando todos aqueles causantes da situación. Finalmente todo o alumnado presentaría o seu segundo debuxo diante dos/as compañeiros/as explicándolles todos os elementos causantes da contaminación que debuxaron. Para traballar o tema da importancia das persoas maiores, propoño que o alumnado pregunte aos seus avós algunha historia da súa infancia e o grave cun dispositivo que se lles facilitará previamente. Posteriormente reproducirémolas na aula.

              Como recurso en liña podemos destacar a interpretación do conto mediante sobras chinesas realizadas por María Cadilla e Nieves Berrecoso para o alumnado do Cra María Zambrano de Pías, O Rosal. Accesible en: https://www.youtube.com/watch?v=5tpi8MiJc4w

martes, 4 de xaneiro de 2022

O dinosaurio Belisario




Ficha bibliográfica:  Cáccamo, Pepe e Arbat, Carles (2001). Dinosaurio Belisario. Kalandraka Editora,  1ª edición. Col. Demademora. ISBN: 84-8464-075-2.


O primeiro que sentimos e podemos apreciar cando nos atopamos coa obra entre as mans é a dureza da cuberta. Sobre un fondo neutro, destaca nunha cor verde viva o gran protagonista da obra, Belisario. Se abrimos o libro despregando as cubertas, podemos observar que entre as dúas conforman unha mesma imaxe, e se nos fixamos, tras ler o libro, poderemos interpretar a razón pola que os gatos que aparecen na contracuberta marchan cun taboleiro de parchís, á vez que, na cuberta, Belisario os mira de reollo mentres foxe con varios taboleiros en miniatura do mesmo xogo.


Ao abrilo, vemos unhas gardas ilustradas simples pero con significado. Nas gardas do comezo está Belisario sorrinte lanzando uns dados do parchís que pouco a pouco se van facendo máis pequenos; pola contra, nas gardas do final podemos ver a Belisario escapar dos mesmos dados, esta vez grandes, que ao comezo lanzou. Se nos seguimos adentrando, atopámonos coa páxina de créditos xunto coa portada, na que vemos de novo ao protagonista, quen expulsa unha chamarada de lume que envolve cunha espiral estas dúas páxinas. A tipografía de letra é redondeada e grande, ademais as follas son dunha gramaxe alta.  Estas características declinan que é unha obra pensada para uns lectores e lectoras de menor idade.


O estilo do libro ilustrado é directo e está narrado en terceira persoa con intervencións en primeira por parte de Belisario. Poderiamos dicir que esta obra é de modalidade poética, os seus versos préstanse a ser entoados coma unha canción e case todos os seus versos teñen rima. Isto tamén fai que os cativos, no caso de escoitar a historia a través doutra persoa, se enganchen á trama e a escoiten activamente. 


A historia que nel se conta está protagonizada por un dinosaurio, Belisario, quen é un personaxe de poder na súa sociedade animal. Empregaba o seu poder e o medo para someter á poboación baixo os seus ideais e isto desencadeou o illamento do dinosaurio. Non tiña xente coa que falar nin amigos cos que xogar a xogos de mesa, a súa gran afición, isto fixo que entrara en cólera e prohibiu toda fonte de diversión. O pobo rematou sublevándose contra Belisario procurando así a liberdade.

En canto ás ilustracións, estas son de estilo convencional, semellan feitas a man no propio libro. Isto débese á naturalidade coa que están pintadas as figuras, incluso se poden apreciar algúns trazos pintados con ceras brandas. As imaxes ocupan por completo todas as páxinas da composición e representan graficamente ao texto que as acompaña. Estas axudan a que os/as novos/as lectores/as comprendan o texto con máis facilidade. Os/as lectores/as quedarán prendados/as das ilustracións.


En canto ás potencialidades: con este libro ilustrado podemos traballar a importancia  e a necesidade dos Dereitos Humanos na sociedade; a liberdade e o poder que posúe a sociedade para realizar cambios; as consecuencias tras os malos actos; e as emocións e a súa xestión. Este último tema, aínda que é complexo de abordar,  podería traballarse a través de talleres emocionais na aula ou no propio centro.


Por último, no relativo aos recursos en liña atopei o seguinte audioconto: https://youtu.be/KxRsAZOXVSc . Ademais, tamén din cun vídeo interpretativo do conto realizado por uns nenos e nenas de sexto curso do CEP Brea Segade: https://youtu.be/5N_xwc_pp14.


Zaira Ferradás Iglesias

luns, 3 de xaneiro de 2022

Balea

                   


Fernández, Federico. (2015). Balea.Kalandraka. (ISBN:978-84-8464-977-9)


Descrición do formato:   Na portada da obra podemos ver en grande o título da mesma, escrito de arriba cara abaixo, cun formato de letra que imita unha feitura de metal. Estas letras están rodeadas de auga, e mergulladas nesta hai uns buzos pintándoas e peixes nadando. Para poder ver o contido do libro é preciso desplegar todas as páxinas xa que é un mural a dobre cara dobrado coma se fose un acordeón.


Argumento:   Este álbum ilustrado non ten unha orde fixa na súa historia, pero en xeral conta a historia dos habitantes dunha enorme balea de metal. Esta balea é un submarino que se atopa dividido en diferentes salas nas que os seus habitantes realizan diferentes accións. Por unha das caras do mural amósanos esta historia e pola outra cara amosa o exterior da balea navegando polo mar, rodeada da fauna mariña. Cabe destacar que trata o tema da sustentabilidade xa que este cetáceo ten a propiedade de ser unha máquina autosuficiente.


Ilustracións:   As ilustracións, feitas por Germán González, son debuxos a gran escala, que só se poden observar na súa totalidade ao despregar por completo o álbum ilustrado na súa totalidade. Estas páxinas tan só teñen ilustración, polo que a totalidade da historia resulta da interpretación que lle deamos ás mesmas. Están a dobre cara e amosan diferentes perspectivas da historia. 


Potencialidades:   Como potencialidades desta obra podemos destacar que é un álbum ilustrado, formato que nos permite traballar a imaxinación do alumnado, mellorar a súa competencia lingüística e narrrativa, todo isto débese a que este formato en especial, debido a carecer de texto e so posuír imaxes, permítenos desenvolver estas capacidades por medio de diferentes actividades propostas como por exemplo explicar aos compañeiros que sucede nas viñetas, entre outras. 

A isto súmaselle o feito de que con esta obra acercamos o tema da sustentabilidade, do coidado do medioambiente, consumo responsable de recursos etc, ao grupo-aula e permítenos traballar estes aspectos con eles, para así complementar o currículo de primaria, e reforzar de maneira transversal contidos doutras materias, de actualidade e imprescindibles á hora de vivir en sociedade.



Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...