domingo, 29 de novembro de 2020

O misterio dos fillos de Lúa

 Casalderrey, Fina (1995). O misterio dos fillos de Lúa. Ilust. Manuel Uhía. Madrid: SM, O Barco de Vapor, [122 pp.] (ISBN: 84-348-4674-8)


A continuación preséntase unha análise crítica do libro O misterio dos fillos de Lúa de Fina Casalderrey. A obra foi publicada pola editorial SM en Madrid no ano 1995, mais a edición utilizada correspóndese coa undécima (2002). A publicación conta co premio O Barco de Vapor e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.

É unha novela infantil narrada en primeira persoa polo protagonista, David. A historia está contada en formato diario, polo que recolle todas as súas peripecias, pero tamén tódolos seus pensamentos, coñecementos e opinións. Grazas a isto, pódese observar a súa evolución no relato. 

O exemplar en físico conta con cubertas brandas de cartón. Na cuberta principal aparece a ilustración dun gato coa lúa de fondo, ademais de datos como o título, a autora, a editorial, etc. Na cuberta posterior atópase unha imaxe de dous nenos correndo nunha paisaxe rural. Ámbalas dúas sitúanse sobre un fondo de cor laranxa. 

O relato desenvólvese ao longo de 122 páxinas e estrutúrase en 28 capítulos titulados (todos con aproximadamente a mesma extensión). O libro non ten grandes dimensións (19x12x1 cm). Respecto da tipografía, a letra é sinxela e cun tamaño adecuado para o público ao que vai destinado.

Con relación ao argumento, David é un neno de 8 anos, que acompañado da súa moza Branca, intenta descubrir quen lle rouba os fillos á súa gata Lúa cada vez que pare. Dende unha perspectiva inocente e curiosa, David describe as trasnadas do felino. Ademais, relata os cambios de comportamento do animal e a súa transición ata o momento do parto. Cando Lúa comeza a dar a luz por terceira vez, David e Branca están presentes para protexela do ladrón. No momento que nace o primeiro gatiño, os nenos asústanse ao ver que a gata lambe e morde o cordón do animal. Deseguido, a nai de David aparece para explicarlles que sucede no parto, como chegaron os gatiños á barriga de Lúa e, por último, o máis importante: resolver o misterio dos fillos desaparecidos nos anteriores partos. Tratábase de Rambo, o can dos donos da botica, este matara os gatiños, e os pais de David decidiran enterralos na eira para que o seu fillo non sufrira por eles. 

Respecto ás ilustracións da obra, Manuel Uhía foi o encargado de deseñalas. Son imaxes en branco e negro. Semellan estar realizadas cun lapis. Acompañan ao relato exemplificando accións, pero o lectorado non precisa focalizar a súa atención nelas para comprender a historia. Polo xeral, a medida que o lectorado crece, as imaxes redúcense, ata desaparecer. Desta forma é o texto quen recolle a historia. Aínda así, a continuación móstranse algunhas:


O misterio dos fillos de Lúa está recomendado a partir dos nove anos. É unha lectura sinxela debido ao vocabulario empregado, a construción das oracións e a estruturación do relato en capítulos curtos. Esta obra trata diversos temas dunha forma moi coidada que poden ser moi enriquecedores no ámbito educativo.

En primeiro lugar, abórdase como tema á amizade entre David e Branca. Mostran complicidade, xenerosidade, lealdade e preocupación polo benestar do outro. Na obra, David promételle a Branca que a gata será dos dous. O neno cumpre a promesa durante todo o relato e en múltiples ocasións autocorríxese "Por terceira vez a miña gata... Vaia!, tamén é de Branca. (...) Por terceira vez a nosa gata está preñada (capítulo 2)". Tamén se aborda a superación do protagonista ante os seus medos "Aquela escuridade metía un pouco de respecto malia que eramos valentes (capítulo 11)".

Ademais, trátanse as relacións familiares. No relato, David conta constantemente que sucede na súa casa, como se comportan os membros da súa familia e os roles que ocupan. Tamén se fan certas referencias relixiosas que deixan ver como vive a familia a fe: "Como estabamos moi preocupados, non nos acordou nin rezar (capítulo 18)", "Mamá tamén sabe o Credo, e iso que non vai nunca á misa (capítulo 18)".

Por último, o tema principal da historia: o mundo animal e a reprodución sexual exemplificados en Lúa. A gata fora abandonada e a familia de David recóllea. O neno relata dende o seu punto de vista inocente o celo do animal, o cortexo, o embarazo e o parto. Ademais, tamén se observa como David vai aprendendo sobre todo isto. Así a todo, abórdanse outros aspectos sobre a vida do felino: enfermidades, morte, alimentación etc.

A obra facilita que todos estes asuntos sexan tratados nunha aula de Educación Primaria. De feito existen algúns recursos en liña sobre o relato, de entre os que se destacan dous que ofrece a propia editorial. O primeiro (http://ecat.server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12973.pdf) é unha ficha. Na miña opinión non é moi apropiada para traballar sobre a historia, xa que non extrae do alumno ou alumna ningún tipo de reflexión sobre o contido. Sería útil para facer unha breve síntese do libro, pero non para afondar nos temas que aborda. Para esta segunda labor, pode ser moito máis eficaz o segundo recurso (http://ecat.server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12972.pdf), xa que propón certas actividades interesantes e enriquecedoras que se poden levar a cabo na aula (actividade en grupo, actividade de ciencias da natureza e taller de escritura).


A illa dos cangrexos violinistas

Queipo, Xavier & Cisneros, Jesús (2009). A illa dos cangrexos violinistas. Pontevedra: Oqo Editora, col.Q [48 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-165-3).




A illa dos cangrexos violinistas é un álbum literario escrito por Xavier Queipo e ilustrado por Jesús Cisneros, que está composto por unha narrativa coidadosamente redactada e unhas fermosas ilustracións. A editorial do libro, Oqo, inclúe este libro dentro da súa colección Q, pensada e escrita para nenos/as de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. O formato do libro está elaborado cunha cuberta de tapa dura, nel podemos ver como as páxinas están encoladas ao lombo e contan cun tamaño de 22x28 cm. As páxinas que compoñen o libro son dunha alta calidade, grosas e con brillo, un tacto e unha cor moi agradables. Tanto as gardas como a parte interior do lombo compóñense do mesmo papel que o resto do libro.

Na cuberta aparece unha imaxe dunha nena e un ancián pescando dentro dunha barca, por debaixo da barca aparecen unha morea de peixes pequeniños que se afastan da cana de pescar. Non obstante, existe unha continuidade coa contracuberta, na que aparece un peixe moito máis grande e definido que os anteriores, preto do fin da cana, coma se fose picar. Esta alegoría pode representar a idea de como os maiores e os pequenos aprenden uns dos outros, poñéndose ao servizo da necesidade innata de aprender dos cativos, o saber, a experiencia dos máis vellos. O título A illa dos cangrexos violinistas pode dar pé a diversas interpretacións do que vai acontecer no relato, inclinado o interese cara á temática dos animais ou sobre a música e as habilidades para tocar o violín.

En canto ao tipo de letra, o texto está escrito en minúsculas, cun tamaño e grosor apropiado para favorecer a súa lectura. A posición do texto está situada ao borde, en función das ilustracións, e aparece nas marxes dereita, esquerda ou no fondo, dándolle así todo o protagonismo á imaxe.

Moi, é unha nena que vive nunha illa do Caribe e xoga sempre soa, xa que na aldea non hai outros nenos/as. Un día a nena descobre ao pé da súa casa unha chea de buratos e comeza a escaravellar para ver o que atopa. Nunha noite de tormenta, Moi viu coa axuda da luz dun lóstrego como se movía algo nos buratos, seu pai díxolle que eran os cangrexos violinistas, e contoulle onde vivían e de que se alimentaban. A partir dese momento Moi, dedicouse a coidalos, leváballes comida, esperábaos, pero non conseguía velos.

Foi onda o seu avó á procura de máis información e este recomendoulle que tivese paciencia, que os espreitara. Un día mentres os espreitaba, Moi foi mordida por unha cobra e desmaiouse, os cangrexos deseguido foron avisar a súa nai, acenáronlle coas súas pinzas e ela de súpeto soubo que algo lle pasara a nena. O avó de Moi xunto con outros anciáns da illa prepararon emplastos de herbas para curala e dende ese día os cangrexos son tratados como amigos na illa e ninguén pode molestalos.

Ao longo do relato descríbese a illa, as rutinas dos seus habitantes, as súas vivendas, os costumes dos cangrexos… de xeito que entran en contacto con outras culturas e países. No conto trátanse diferentes temáticas: a sabedoría dos maiores, o avó que lle axuda a recoller a información que lle falta ou lle prepara a menciña para curala, a curiosidade dos cativos por explorar o mundo e a importancia que ten a investigación e a experimentación nese coñecemento. Por outra banda a voz do narrador aparece para introducir o inicio e o fin da historia, describe aos personaxes e narra a historia en terceira persoa, non participa dentro do relato. A súa intervención recóllese nunha letra sen marcar mentres que os diálogos dos personaxes aparecen en negriña.

En canto á linguaxe empregada en todo o relato é sinxela e de fácil lectura, aparecen palabras algo máis complexas que poden ser descoñecidas para os nenos/as, como hibisco, iuca, malanda, pilastre, emplasto… isto vai contribuír á ampliación do vocabulario e a desenvolver a capacidade interpretar o seu significado. En canto á arquitectura textual, preséntase unha estrutura coma se fose un poema, con parágrafos separados, alienados a esquerda ou a dereita en función das ilustracións e a escrita caracterízase polo uso de figuras como a esaxeración ou a hipérbole.

    As ilustracións están realizadas en papel de cor sepia ou ocre e as representacións da paisaxe e dos personaxes reflíctense nunha gama de cores terra, cunha combinación do negro, o branco e do azul á hora de representar tanto o mar como o ceo. Isto permite aos lectores trasladarse a un mundo de fantasía e de soños onde os habitantes da illa se caracterizan polas súas peculiares pernas infinitas. A caracterización dos personaxes represéntase con formas longas e esveltas, coas pernas e brazos estensos e delgados, transmitindo así ese carácter exótico das illas e dos países descoñecidos. Os trazos realizados están feitos a pincel, con salpicaduras que dotan as imaxes de expresividade e movemento. Grazas a estas imaxes, o lector mergúllase nun mundo tropical, seguramente descoñecido para moitos, cunhas características distintivas como as árbores, as vivendas, as barcas e a xoiaría artesanal das personaxes… de xeito que favorece a súa visualización e esperta a imaxinación e a creatividade.

A obra está pensada para traballar cun alumnado de entre os 8 e os 12 anos. En función do establecido no Decreto da Educación Primaria e respecto á materia de Didáctica da lingua e da literatura Galega é moi axeitada para traballar no 2ºcurso, xa que nos diversos bloques de contidos nos que se atopa dividida esta materia se atopan contidos e estándares que se poden desenvolver a través do tratamento deste libro.

De xeito global a obra está moi indicada para favorecer o coñecemento doutras culturas, o respecto pola natureza e os animais e a importancia de ter en conta a sabedoría popular, a que outorgan os maiores, coas súas experiencias, para favorecer a aprendizaxe dos máis pequenos/as e a de toda a comunidade. De xeito específico e relacionado con outras culturas aparecen os seguintes estándares: en canto á comunicación oral preténdese que acaden o uso dunha linguaxe respectuosa coas diferenzas, en especial as referentes ao xénero, ás razas e as etnias. Relacionado coa Educación literaria búscase que amosen curiosidade por coñecer outros costumes e formas de relación social, respectando e valorando a diversidade cultural.

A utilización do libro como recurso e fonte de animación á lectura permite adquirir a competencia da comunicación escrita, ler. De xeito específico preténdese que interpreten e comprendan, de maneira xeral, a información de ilustracións. Tamén deben descodificar de forma axeitada a lectura de textos diversos, ler textos sinxelos en voz alta, coa velocidade adecuada e facer lecturas dramatizadas de textos. Así como amosar interese pola lectura como fonte de aprendizaxe. Esta competencia trabállase co correcto uso da biblioteca da aula de xeito autónomo, para obter datos, coñecemento e como instrumento cotián de busca de información e fonte de recursos textuais. Por outra banda en canto a adquisición desta competencia da comunicación escrita, outra destreza que permite desenvolver é a de escribir. A partir do libro poderán elaborar textos sinxelos que combinan a linguaxe verbal e non verbal coa elaboración de carteis publicitarios ou anuncios. Fomentarase que elaboren os textos, con coherencia xeral e de xeito creativo.

Para todo isto é preciso potenciar un coñecemento da lingua cada vez máis amplo, polo que a través do conto tentarase que interioricen as normas ortográficas máis sinxelas, aprecien o seu valor social e a necesidade de cinguirse a elas, así como a identificación das palabras como instrumento para a segmentación da escritura.

Por último dentro da didáctica da lingua atópase o bloque da educación literaria. En relación ao desenvolvemento desta habilidade, o conto en si ten como potencialidade a de beneficiar a capacidade para recrear e reescribir diversos textos literarios sinxelos: contos, poemas, refráns, adiviñas, trabalinguas, cantigas e xogos de sorte; e facilitar a lectura, de forma guiada, de textos tanto en silencio como en voz alta, para chegar progresivamente á autonomía lectora. Todo isto levará ao alumnado a valorar a literatura en calquera lingua, como vehículo de comunicación e recurso de gozo persoal.

CHOCOLATA

 




Núñez, Marisa (2006). Chocolata. Ilust. Helga Bansch. Pontevedra: OQO editora, Colección O, [36 pp.] (ISBN: 84-96573-62-1)


Álbum ilustrado con tapas duras de cartón, unhas dimensións de 230 x 250 mm e un peso de 450 gr. A cuberta está ocupada na súa integridade pola imaxe dunha hipopótamo, que porta un vestido rosa e adopta unha postura de bailarina saudando, mentres mira con timidez ao lectorado, acompañada dun paxaro e unhas zapatillas, que adiantan aspectos relevantes do argumento. Na parte superior dereita aparecen os nomes da autora e ilustradora, debaixo dos que destaca o título da obra en letras irregulares, mentres que na parte inferior aparece o nome da editorial. Na contracuberta aparece de novo o paxaro da cuberta cunha maleta, que simboliza a viaxe que emprende a hipopótamo e aparece a imaxe dunha bañeira cun bikini colgando, que simboliza o urbano e a cidade.


No interior, as gardas están cheas de debuxos de marcado carácter étnico, estilo que se mantén nas ilustracións da obra, con imaxes relacionadas con África, que amosan unha paisaxe alegre e colorista onde as pinturas se mesturan sobre os papeis con diferentes texturas. Ademais, a protagonista e os seus amigos mostran felicidade e optimismo, nunha clara humanización de todos os personaxes animais que aparecen ao longo da historia, que incide nunha atmosfera de normalidade e de convivencia plena entre perfís humanos e animais que falan, mercan nas tendas e comen en restaurantes. A imaxe e o texto están intimamente relacionadas, propiciando unha necesaria lectura visual, pois é algo difícil de seguir o texto sen as imaxes, xa que vai axudar moito aos cativos a comprender a mensaxe.


Dende o punto de vista do argumento, Chocolata é unha hipopótamo que vive na selva. Un día decátase de que hai unha casa de baños na cidade e cansada de mergullarse sempre na lagoa, decide somerxerse nunha viaxe en solitario cara á cidade. Unha vez chegada á cidade, Chocolata ten que adaptarse á nova vida e a unha serie de normas, pois non quere aparentar ser una “salvaxe”. Para iso, comeza comprando roupa e zapatos e tamén visita restaurantes vexetarianos. Unha vez chegada a hora, a nosa protagonista achégase á casa de baños e aínda que non era o que ela esperaba desfrutou dunha tarde de charla e relaxación con novos amigos. Antes de regresar á casa para nunha librería e mércalle un agasallo ao seu amigo Teófilo, durme nun hotel e soña coa selva, á que volve o día seguinte impaciente por contar a súa experiencia fóra dela.


A lectura desta obra permite, entre outras potencialidades, reflexionar o dotarse de coñecemento grazas á experimentació, o afán por facer pequenas viaxes e saír da zona de confort, a posta en práctica do valor propio e o valor de todo o que temos preto e tamén dalgunha forma aprender sobre os animais da selva africana.

Entre os recursos en liña que se atopan salientamos un conta-contos e una canción baseada no libro:

Taxi Roberto Burela (s.d.). Chocolata. Conto en galego. Recuperado de: https://youtu.be/AszcpKy3yfI

Taxi Roberto Burela (s.d.). Chocolata. Canción en galego. Recuperado de: https://youtu.be/vQ2_7yV8qUg

Vaite xa!

 

VISO, MARCOS (2016). Vaite xa!. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Merliño, nº 251, [40 pp.]. (ISBN 978-84-9914-964-6).


É un álbum ilustrado de cartón de tapa dura, cun formato de 20 x 18 cm, con texto e ilustracións de Marcos Viso que conta con 40 páxinas e custa aproximadamente 11 euros. A súa lectura está recomendada a un público infantil e xuvenil, a partir dos 5 anos de idade e pódese atopar con outros libros relacionados con relatos sobre a familia e o fogar ou sobre animais.

A pesar de que as ilustracións están realizadas polo propio escritor, o deseño da cuberta foi realizado por Miguel Vigo. Nela podemos atopar a un oso, dentro dunha habitación, sentado nunha cadeira case sen luz e cos brazos e a cabeza apoiados sobre os seus xeonllos. É importante mencionar que a figura do oso parece moi pequena, en contraste co tamaño da habitación que é inmenso, pois contia na contracuberta. Tamén podemos observar na parte superior da ilustración do oso o nome da colección “Merliño”, debaixo o título e o nome do escritor e ilustrador e, na parte inferior, o nome da editorial.

A cuberta e contracuberta débense observar xuntas horizontalmente pois xa aportan ideas ao lector acerca da historia que se narra no seu interior. Pódese ver unha habitación na que predominan os cores da terra: variados de marróns, negro, azul mariño… que gardan unha estreita relación cos estados de ánimo (dúbidas, medo, tristeza…) que vai desenvolver Oso. Soamente co exterior do libro, xa se aporta información visual ao lector de como se sente o protagonista e busca chamar a atención para motivar a ler o álbum e coñecer o porqué deste sentimento.

Neste conto nárrase en 3ª persoa como Oso ten que deixar atrás a súa filla Osiña e a súa muller Osa e ir na procura dun traballo mellor lonxe do seu fogar, porque no mercado non consegue vender as cenorias abondas para vivir. Aínda que sabe que non hai outra solución para conseguir unha vida mellor a Osiña, a despedida é moi dura, consciente de que as vai botar moito de menos e está cheo de dúbidas e medos, debido a que comezar de cero é moi complicado. Dentro desta narración atoparemos páxinas cheas de diferentes ilustracións, acompañadas de texto en cor negra ou branca, dependendo das cores empregadas no fondo das ilustracións de cada páxina.

Ao tratarse dun álbum ilustrado, escrito e ilustrado por Marcos Viso é moi importante mencionar e destacar o gran reto que supón esta combinación de texto con imaxes que permite ao lector imaxinar todo sen dificultade. Viso préstalle moita atención ao tratamento visual e ilustra o texto mesturando diversas perspectivas e cores, ao mesmo tempo que realiza continuos cambios e combinacións de planos e encadres (plano xeral, primeiro plano…), empregando obxectos que simbolizan distintas situacións e sentimentos ( a barca, as bágoas…). As diferentes gamas de cores (azul, marrón, laranxa, amarelo... ) empregadas permiten ao espectador descubrir novos espazos relacionados segundo o estado de ánimo do protagonista, o que lle permite ao lectorado sentir máis a fondo o que está a vivir o protagonista nese momento.

O anterior pódese observar claramente, por exemplo, en dúas páxinas onde sae a cara de Oso en primeiro plano cos ollos abertos sen ningún tipo de texto ou noutras dúas páxinas onde aparece un plano xeral do lugar que abandona en busca dunha vida mellor. Son imaxes que, a pesar de non ter texto, teñen unha gran forza por si soas e están cheas de sentimentos e emocións. Este tratamento das ilustracións e o emprego das diferentes técnicas permite obter un resultado realmente sorprendente e atractivo, ao contribuír á creación dunha atmosfera realista que lle permite o lectorado crear imaxes realistas e fermosas. 

Un dos principais criterios para seleccionar esta obra literaria foi o tema que trata e como Marcos Viso, apoiándose nas ilustracións tan precisas, conta unha historia que reflicte uns feitos que estiveron e están a padecer moitas persoas. Empregando un ton lírico xunto cunha linguaxe sinxela e directa, que incide nas emocións e sentimentos ao longo das súas páxinas.

Este álbum ilustrado paréceme un libro moi interesante e entretido para ler nas aulas de Educación Primaria pois non é fácil atopar nun álbum ilustrado, destinado a un lectorado tan pequeno, o tema da emigración e das fendas que produce o desarraigo persoal, familiar e social.

É moi importante concienciar aos nenos e nenas máis pequenas da situación á que se teñen que afrontar moitas familias actualmente. Ademais de que nunha aula se pode atopar algún neno ou nena inmigrante que vivira unha situación similar.

Tamén destacar que permite ao alumnado relacionar as distintas cores cos diferentes estados de ánimo, ao mesmo tempo que traballan coas emocións, aprenden a diferencialas e son capaces de identificar como se chegan a sentir as persoas nesa situación.

No seguinte enlace aparece unha entrevista a Marcos Viso onde conta coas súas palabras información interesante sobre o seu álbum ilustrado e as súas ilustracións: FERNÁNDEZ, Elisabet (2018). “Marcos Viso: Na ilustración dixital existe o prexuízo de ser menos real ca un óleo”. Recuperado de: https://www.laregion.es/articulo/ourense/marcos-viso-ilustracion-dixital-existe-prexuizo-ser-menos-real-oleo/20180914085834822949.html


sábado, 28 de novembro de 2020

¿E ti que farías por min?

¿E ti que farías por min? 

Casalderrey, Fina (2010). ¿E ti que farías por min?, ilust. Manolo Uhía. Vigo: Editorial Xerais, col. Infantil e Xuvenil - Merlín - Merliño, [40 pp.].  (ISBN: 978-84-9914-137-4). 


  

Para comezar coa análise deste libro de literatura infantil, clasificarei os paratextos, definidos por Gérard Genette na literatura infantil como as “manifestacións icónicas como as ilustracións ou as manifestacións materiais como o número de páxinas ou a tipografía elixida”. En primeiro lugar analizarei os máis visibles no exterior, como son: cuberta , formato, número de páxinas etc., en segundo lugar, dentro do libro, como: título do libro, dedicatorias, tipografía etc. e, por último, fóra do propio libro: crítica literaria, propostas de lectura etc.


Este libro é un álbum ilustrado, impreso en papel. O tipo de papel denomínase “papel recuberto/cuché/estucado”, é un papel que no seu exterior está recuberto por productos que lles confiren diferentes cualidades que se poden observar coma o brillo. As tapas do libro son duras e está composto por 40 páxinas. A cuberta é o paratexto que máis información acumula, no caso deste libro na cuberta aparecen os protagonistas, no centro, tirando un pouco máis cara á dereita. Á esquerda en negrita o nome da autora e debaixo ó do ilustrador en letra máis pequena. Enriba destes nomes con outra tipografía aparece o título en grande, e por enriba do título, a colección. Na parte inferior, no centro, o nome da editorial en letra pequena e o logo. Destacar tamén que a ilustración da portada a miúdo representa a parte dentral da narración, unha escena importante ou os protagonistas neste caso. 

Na contracuberta ou contratapa atopámonos na parte superior un breve resumo do libro, no medio unha ilustración que tamén fai referencia a algunha escena, ou  un dato importante da obra, neste caso aparece unha ilustración de “lixo”, xa que os protagonistas viven nel, e xa na parte inferior o nome da editorial outra vez e á esquerda o código de barras.



Entre os paratextos que se sitúan dentro do libro, na primeira páxina aparece unha bolboreta, xa na segunda unha dedicatoria mais unha pequena ilustración na parte inferior. Nas dúas páxinas seguintes aparece información máis detallada sobre o libro. Na páxina da esquerda recóllese información como: editorial, colección, deseño da cuberta, produción, ano da primeira edición, “copyright” do autor, ilustracións,  ISBN, depósito legal etc., na da dereita: título, autora, ilustrador, ilustración similar á da cuberta, editorial. A continuación xa comeza coa historia. 

En canto ao texto deste libro, adecúase perfectamente a idade tempranas, pero dada a temática considero que é valido para Educación Primaria. En cada páxina hai un breve párrafo, onde se conta a historia con tipografía e vocabulario sinxelos. O texto sitúase tanto nas páxinas pares coma impares.




Esta historia ten como principal tema a amizade. Son dous animais que teñen fame, son Malta e Marqués. Malta é caracterizada como a traballadora e a previsora desta relación dicotómica, a que anda á procura de algo que levar á boca. Pola contra, o Marqués (que xa o seu nome o indica), é un preguiceiro e vividor, que na historia só lle fala a Malta enumerando as cousas que sería quen de facer con ela, pero só as enumera. Mentres Malta busca algo para alimentarse entre o lixo, o can Marqués só fala, ata que ao final o Marqués cumpre o seu obxectivo: que a cadela comparta o zanco de polo que atopa no vertedoiro. 

En canto ás ilustracións, son de gran relevancia para a lectura visual, complementaria ao texto escrito.  

Neste libro, as ilustracións de Manolo Uhía, teñen un estilo inconfundible en canto á figuración e escolla da variedade cromática, relata todas as escenas que a autora debuxa coas súas palabras. Ao principio observamos que o primeiro que nos chama a atención é o ambiente onde se deselvolve a historia, nun vertedoiro. Vemos como a protagonista Malta, se achega pouco a pouco a el, e o Marqués queda atrás falando.  Nas seguintes páxinas as ilustracións representan todo o que o Marqués desearía ser para darllo todo a Malta. Observamos que o ambiente é sempre no vertedoiro. Nas penúltimas escenas, Malta consegue o zanco de polo e, xusto de seguido, o Marqués di que “se fose pasteleiro, faríache un rico pastel de carne”, e aí vemos como é un relato cheo de propósitos encadeados que evidencian o carácter nugallán do can fronte ao comportamento traballador da cadela. Penso que a autora constrúe unha estructura repetitiva que leva a pensar que o can é como un animal ao que lle marcha a forza pola boca pero que con iso consegue o seu obxectivo, que é que a cadela comparta ese zanco de polo. Cabe destacar que as cores do fondo non cambian moito dunha escea a outra, sempre se amosan cores vivas.

 

A lectura deste libro penso que trata temas que son de moita importancia para todas as edades: amizade e os roles de xénero tradicionais. 

Cómpre subliñar o valor da amizade, pois non sería de estrañar que a cadela non quixese compartir o seu achádego co can. Malta coñece moi ben o seu amigo e non ten atrancos á hora de compartir con el a comida atopada. Ela é a mostra de amizade incondicional, da que non pide nada a cambio. Un valor transmitido por Fina Casalderrey nesta historia á maneira de quen coñece verdadeiramente o pensamento dos lectores e lectoras máis novos. 

En canto aos roles de xénero tradicionais, relata Fina como é ela quen busca e traballa sen parar no vertedoiro para conseguir alimento, vemos como ese rol tradicional de que é o “home quen vai traballar para poder levar algo á casa para comer”  se rompe totalmente.


















venres, 27 de novembro de 2020

O estanque dos parrulos pobres

CASALDERREY, FINA (1996). O estanque dos Parrulos pobres. Ilust. Teo Puebla. A Coruña: Rodeira, Col. Tucán, nº 9, 168 pp. (ISBN: 978-84-8349-098-3).




    A cuberta do libro é de tapa branda, presentando o nome da colección. O título da obra con letra grosa e minúscula, o nome da autora e do premio que gañou a obra, o Edebé de Literatura Infantil. A ilustración da cuberta presenta a unha nena na ventá da súa habitación ollando o ceo no que se ve unha lúa chea e estrelas. Debaixo da ilustración aparece o nome da editorial (Rodeira) e o número da edición (9) en minúsculas. Na contracuberta continúa a ilustración, que forma unha mesma unidade coa cuberta, mencionando debaixo dela o premio, a colección, un resumo do conto, a editorial e o código de barras do libro.

    O título do libro débese aos paseos que facían Noema e o seu avó a Alameda; alí atopábase un estanque cheo de parrulos, pero Noema dicía que eran pobres porque non tiñan de que comer e sempre lles daba do seu bocadillo. 

    Narimeira páxina do libro contén o nome da colección, o título (en letra grosa) e menciónase unha vez máis o Premio Edebé de Literatura Infantil. A terceira páxina contén os mesmos elementos cá primeira máis o nome da autora, do ilustrador e da editorial. Na cuarta páxina aparece unha vez máis o contido da portada describindo un pouco máis o premio outorgado á obra, o ano de publicación, onde se sitúa a editorial, a directora da colección, o deseñador das cubertas e a información sobre o ISBN. Na quinta páxina, amósanos unha dedicatoria da autora ao seu pai/avó. Nas páxinas sete e oito aparece o índice, que dá paso aos vinte e dous capítulos.

    Esta obra cuxo xénero correspondente é a ficción, trata sobre a relación de Noema Afonso e o seu avó Pablo. Os dous personaxes principais pasan case toda a trama xuntos, van á aldea, votan para as eleccións, pasean pola alameda, bótanlle pan os parrulos que viven no estanque dos desexos... ata que Pablo falece. 

    Nesta obra, o avó amósalle as cousas que a rodean, para que sexa unha nena madura e preparada para calquera situación que lle aconteza, pero dunha maneira máis ficticia e infantil. Deste xeito, prepara a rapaza para a súa morte, finxindo estar morto e dicíndolle que algún día morrerá e que non quere que ela chore por iso.

    O interior do libro conta con numerosas ilustracións levadas a cabo por Teo Puebla, as cales describen situacións do relato. A maioría dos capítulos finalizan coa mesma ilustración, unha especie de cadro que contén dous parrulos, un enriba doutro, que dende o meu punto de vista son a neta e o avó. O resto das ilustracións amósanos situacións que pasan no conto, como por exemplo no capítulo dous vemos a Noema xunto con Tino cunha chea de garavanzos que lle tiran a Dominga; no capítulo tres, Noema acariña a Pancho, o can do veciño Pepe; no capítulo catro, Noema soprando as velas porque cumpre anos o 1 de setembro; no capítulo nove, a cabuxa que desapareceu porque marchou o túnel da moura; no capítulo doce, onde vemos a Noema chorando no seu cuarto debido á trombose que lle deu ao seu avó… ata o último capítulo, onde vemos a Noema coa súa mellor amiga Pili Canosa, as dúas contentas xogando entre sí tras falecer o avó Pablo.

    A partir destra obra de literatura infantil, trátanse temas de gran profundidade dende o punto de vista dos rapaces e rapazas nunha aula. A educación emocional e o respecto polos nosos maiores son temas secundarios, fronte ao da morte e a perda, que xorde como os máis relevante.

    A través da lectura, os nenos e nenas adquiren valores éticos como o respecto, a xustiza, a virtude cívica e a cidadanía e a responsabilidade por sí mesmos e polas persoas. 

    En canto a morte, na maioría das familias é un tema tabú que debería de tratarse tanto dentro como fóra da aula, xa que a chegada da morte aos seres queridos provoca dor nos máis pequenos ou incluso algunhas veces toman a morte como algo sen relevancia, pensando que non é nada malo e que volverán ver a ese ser querido. 

    Por último, é importante mencionar os diversos cursos en liña de acceso aberto en relación a esta obra que podemos atopar en internet. No meu caso, ao realizar a búsqueda, atopei tres recursos que amoso a continuación:

  1. BOOKTUBER: MATÍAS GONZÁLEZ COMENTA «EL ESTANQUE DE LOS PATOS POBRES» DE FINA CASADELRREY. (2018, 28 noviembre). [Archivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=CRFFpTBFQzc → un rapaz cóntanos en español latino o resumen da trama do conto de Fina Casalderrey.
  2. E. (2020a, noviembre 27). O ESTANQUE DOS PARRULOS POBRES II. Recuperado de: http://ocantildaspalabras.blogspot.com/2012/05/o-estanque-dos-parrulos-pobre s-ii.html?m=0 → este enlace lévanos ata un blog estudiantil “O CANTIL DAS PALABRAS”. Nunha das súas publicacións aparece o libro.
  3. Sánchez, O. (2014, 7 abril). Los alumnos de un colegio de Santiago, protagonistas en la presentación de la última obra infantil de Fina Casalderrey. La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2014/04/07/fina-casalderrey-presenta-ultima-obra-infantil-ante-alumnos-colegio-divino-maestro/0003139686 7730225808612.htm → é unha noticia do periódico de “La Voz de Galicia” que trata sobre un colexio de Santiago. Os alumnos desta insitución presentan a última obra de Fina Casalderrey. O final desta noticia, mencionan o libro “O estanque dos parrulos pobres”.

Escarlatina, a cociñeira defunta

 Costas, Ledicia (2014). Escarlatina, a cociñeira defunta. Ilust. Víctor Rivas. Vigo: Edición Xerais de Galicia, col. Merlín, serie amarela, n.º 238, 167 pp. (ISBN: 978-84-9914-739-0).

 


A obra escollida para esta recensión é Escarlatina, a cociñeira defunta. As potencialidades que ten este libro son múltiples. Todos os mortos levan o nome da causa da súa propia morte como se pode observar con Escarlatina, Nicotina, Trombose…


O volume presenta un formato de tapa branda, cunha ilustración na cuberta na que aparecen os dous protagonistas (Escarlatina e Román) cociñando e nun segundo plano aparece un gato negro e unha araña. Ademais, están rodeados de esqueletos. Na contra cuberta só aparece unha breve sinopse da obra. O libro está dividido en 12 capítulos, iniciados todos eles por unha receita do libro de Román, ademais conta cun epílogo.


A obra trata dun rapaz chamado Román que quere ser un dos mellores chefs e pídelle aos pais un curso de cociña. O seu aniversario é o mesmo día no que se festexa o día dos mortos, polo que o seu agasallo ten que ver cos mortos. Neste regalo aparece unha morta chamada Escarlatina e vén coas instrucións para espertala. Esta muller foi cociñeira e deste xeito ela vaille ensinar ao neno receitas e vivir outro tipo de historias relacionados cos mortos.


O libro conta con varias ilustracións que podemos dividir en dous apartados: as receitas de Román e as que recrean escenas do narrado. Nas receitas, a cor da páxina cambia a unha cor máis laranxa; o texto cambia, tanto a forma, o tamaño; hai algúns debuxos moi sinxelos, feitos só con liñas e non están nin coloreados. As outras ilustracións representan a historia do libro, aparecen os personaxes que se mencionan. Algunhas ocupan a páxina completa e outras son máis pequenas. As cores son dunha gama cromática fría, xa que se representa o tema da morte, pero algunhas son máis escuras que outras para dar un ambiente de terror, medo...


As potencialidades que se poden traballar grazas a esta obra son as seguintes: o tema da amizade entre Escarlatina e Román, xa que ambos lles encanta a cociña. Tamén outra amizade é entre a araña e a cociñeira. Obviamente outro tema importante que se engade de maneira is amena é a morte. O avó do protagonista morre e máis adiante na historia atópano no Inframundo e o neno quere permanecer co avó, pero como todos sabemos a morte é irremediable e non se pode revivir aos mortos.

Un día de caca e vaca

 Casalderrey, Fina e Seoane, Marina (2006). Un día de caca e vaca. Alzira: Algar, col Cartera de Valores, n.º 4, 29 pp. (ISBN: 978-84-96526-55-6).



Trátase dun libro de tapa branda. Na parte superior da cuberta aparece o nome da autora (Fina Casalderrey) e da ilustradora (Marina Seoane) na mesma liña e co mesmo tipo e tamaño de letra. Debaixo delas aparece o título do libro nun tamaño máis grande. Nunha esquina do título podemos observar cal é a editorial e a colección á que pertence. Por último, debaixo do título observamos unha ilustración dunha muller collendo no colo a un neno ou nena (dando a supor que son nai en fill@).

O libro non presenta gardas entre a cuberta e a páxina de título de créditos, na que volve aparecer a autora, a ilustradora, a editorial, a colección e o título, ademais do selo da biblioteca da universidade, onde foi emprestado o libro. Na seguinte páxina comeza o conto. Tódalas páxinas conteñen grandes ilustracións que presentan desbordamento, estas ilustración son moi coloridas, xa que se utilizan cores vivas en contraposición coas cores máis pastel do fondo. Debúxase a protagonista de maneira andróxina para que non poidamos adiviñar cal é o seu xénero ata o final. As ilustracións acompañan ao texto describindo o que conta a historia. Sen elas o conto seguiría tendo sentido máis axúdanos a entender algúns detalles. Polo contrario, as ilustracións sen texto carecerían de significado, non conseguirían expresar a historia que se quere contar. O texto aparece indistintamente na páxina dereita ou esquerda, máis sempre ocupando unha soa. Nalgunhas ocasións preséntase encima das ilustracións.

As dúas páxinas seguintes ao final do conto conteñen un texto sobre os dereitos dos nenos e a igualdade entre todos e todas, acompañado dunhas ilustración con nenos e nenas facendo diferentes labores. A seguinte folla trátase da páxina de créditos, e , por último, a contraportada, onde aparece unha breve sinopse da historia, unha ilustración que tamén podemos encontrar na interior do conto, os títulos de toda a colección, a editorial á que pertence e o ISBN. Finalmente no lombo do libro aparece o título da obra e o número ao que pertence na colección.

A historia trata sobre Alex, unha nena de curta idade que convive con Cruz e Andrea, que a queren moito. Un día, Alex vai de excursión co seu colexio e na viaxe en autobús descobren que a nosa protagonista pisou feces, polo que se alborota toda a clase. Despois da excursión, na viaxe de volta, o autobús ten un accidente ao atropelar unha vaca e os nenos asústanse e preocúpanse por un neno ferido. Unha vez que todos os problemas son solucionados, chegan ás súas respectivas casas e Alex, feliz por regresar con seus pais, descóbrenos que Cruz é a súa nai e Andrea o seu pai, ademais de que ela é unha nena chamada Alexandra.

A lectura desta obra é recomendable para todos os cursos a partir de 2º de Educación Primaria, polas múltiples potencialidades que permite desenvolver, entre elas a reflexión sobre os roles de xénero, os estereotipos e prexuízos que a estas idades xa teñen interiorizados nenos a nenas sobre as expectativas de homes e mulleres na sociedade.

No contexto educativo e tendo en conta o currículo, a lectura de Un día de caca e vaca pode abordarse na materia de lingua e literatura, no Bloque 2: comunicación escrita: ler, para traballar estándares de aprendizaxe como a descodificación axeitada na lectura de diferentes clases de textos (neste caso, dun conto); a lectura de textos sinxelos en voz alta coa velocidade correcta e o amosamento de interese pola lectura como medio de comunicación, de aprendizaxe e de lecer. Pola súa banda, na materia de valores sociais e cívicos, no Bloque 3: a convivencia e os valores sociais, os estándares que se poden traballar son: o respecto á igualdade dos dereitos dos nenos e nenas no xogo e o emprego de xoguetes; e a colaboración cos compañeiros indiferentemente do seu sexo en diferentes situacións escolares. Xa dende unha perspectiva transversal, tamén se poderán traballar as normas viarias básicas.

            Entre os recursos nos que aparece citada a obra cabe sinalar unha entrevista a Fina Casalderrey pola concesión dos Premios da Cultura Galega 2015 na que fala da súa obra e que se pode atopar en RAG (2015). “A auténtica literatura infantil admite lecturas diferentes a distintas idades”, recuperado da páxina da Real Academia Galega. tamén é de interese consultar a propia páxina web que ten a autora: https://fina.casalderrey.com/.

xoves, 26 de novembro de 2020

DISTANCIAS





Andrés, Tamara e Viso, Marcos (2020). Distancias. Vigo: Galaxia, Varios, 64 pp. (ISBN: 987-84-9151-441-1)



 



    Este libro nada máis miralo decatámonos de que presenta un formato apaisado e as tapas duras.

    Na cuberta encontrámonos xa coa primeira peculiaridade deste volume, o deseño da cuberta aparece en horizontal en vez de seguir o esquema convencional dos libros en sentido vertical. O título vese en letras maiúsculas, de cor vermella, e situado no centro dunha cuberta blanca. Xusto enriba del observamos unha cadeira situada nun elemento que aparecerá despois no interior libro. Situado na dereita e esquerda dese debuxo aparecen os nomes da autora e do ilustrador, respectivamente. Debaixo do título encontrámonos co logo da Editorial Galaxia. Na contracuberta vese unha ilustración rodeada por un verso. Esta imaxe encontrámola nunha paxina do interior. Tamén volve aparecer un logo diferente da Editorial Galaxia.

    Xa na portada observamos o mesmo que na cuberta, pero esta vez a ilustración que separa a autora do ilustrador é diferente. Nesta ocasión é un ollo, que suxire que prestemos atención a calquera detalle, calquera ilustración e calquera verso. O formado apaisado asenta en composicións de dobre páxina, nas que xorde unha ilustración de Marcos Viso e un verso breve de Tamara Andrés, configurándose unha imaxe suxestiva e moi evocadora. Tamén hai que ter en conta que tanto a autora como o ilustrador só fan uso de tres cores: o branco, negro e vermello.







    O libro mediante versos fai un percorrido da autora sobre a súa vida mediante un xogo de diálogo entre os versos e as ilustracións. Comeza facendo referencia ás limitacións da memoria e cóntanos as súas experiencias na etapa de Educación Primaria e Secundaria as súas excursións e os seus recordos dende un suposto eu poético. Seguendo na mesma liña continua facendo un percorrido pola súa vida pero nesta ocasión os espectadores/lectores encontrando similitudes co que conta.

    As ilustracións neste libro teñen a mesma importancia ou máis que o texto/versos, desta forma a imaxes complementan ao texto. Delas hai que comentar que o ilustrador só fai uso de tres cores: negra, vermella e branca do papel. As imaxes/ilustracións son moi simples e en moitas ocasións o texto segue a silueta do debuxo ou introdúcese nel. Os debuxos fan de axuda a visualizacion e continuacion dos versos, xa que en moitos casos cos versos non chega.

    Esta obra literaria considero que non está dirixida só para un público infantil senón que ten ese poder de universalidade de lectores. É unha obra que dependendo en que etapa a leas ten unhas mensaxes ou outras debido ás metáforas. Con isto quero dicir que, dependendo do momento, do estado de ánimo, da idade ou das experiencias propias fas unha interpetación ou outra. Para os nenos e nenas de 6 a 12 anos considero que esta é unha boa obra para que comecen a introducirse na poesía, xa que mediante a combinacion de versos moi breves e as ilustracións pode resultarlle moito máis fácil e interesante, pola capacidade suxestiva de cada dobre páxina.
 
    Considero que a poesía é moi importante para os nenos nesta etapa, xa que estimula a memoria auditiva e a rítmica. Tamén estes potencian a sua memoria visual. Os mestres e mestras temos un papel moi importante, xa que non é nada fácil espertar ese gusto pola lectura. Outro aspecto a destacar da poesía é a promoción de valores éticos.

Espantallo amigo

 Neira Vilas, X. (2006). Espantallo amigo. Ilustr. Xaquín Marín. Vigo: Editorial Galaxia, col. Árbore (a partir de 10 anos), nº12, [96 pp.]. (ISBN: 84-8288-903-6)


Espantallo amigo e un libro ilustrado, impreso en papel, con tapas brandas e composto de 96 páxinas. Na cuberta aparece o Nome do autor (Xosé Neira Vilas) enriba do título (Espantallo amigo) e á súa dereita, o nome da editorial. Na parte inferior aparece un debuxo no que podemos ver ao espantallo nunha árbore e tres merlos voando ao redor. As cores son vivas. Na contracuberta volve a estar o nome da editorial e a idade recomendada para ler o libro. Tamén se pode ver a casa do tío Ramón de Rebordena xunto cun merlo, un cadelo e o sol do atardecer. Se o libro se abre totalmente, obsérvase que a imaxe da cuberta e da contracuberta son a mesma, separadas polo lombo. No interior, nas primeiras follas preséntanse os personaxes do conto, xunto cunha ilustración de cada un. Despois comeza a historia separada en sete partes.


Con respecto ao texto, é unha narración sinxela e que se entedende moi ben coa axuda das ilustracións, mais ten algún vocabulario que pode ser descoñecido para nenos e nenas de Educación Primaria, xa que algunhas palabras son difíciles de entender se non están acostumados a falar galego.

Escollín esta obra literaria porque a lin en 5º de Educación Primaria no meu colexio e lembro que me gustou moitísimo e que fixemos moitas actividades ao redor desta lectura. Ademais chamoume a atención que o autor fose Xosé Neira Vilas, posto que tamén o estudei en clase durante moitos anos e ata agora non sabía que tiña un libro seu. Despois de volver ler a historia, sigo pensando que é un moi bo libro e que o usaría para traballar co alumnado en clase.


Dende o punto de vista argumental, cóntase que o tío Ramón de Rebordena, farto de que os merlos lle peteirasen todos os figos, decide crear un espantallo co fin de que os paxaros non volvesen pola súa figueira. Para facelo, o tío Ramón empregou un sacho que foi cubrindo con palla, un melón para a cabeza, dúas cereixas para os ollos e un pexego para o seu corazón. O Espantallo sentíase moi só e decidiu facerse amigo de todos os animais que pasaban por alí. Tivo moitos amigos: os merlos, o cadelo Penexo, un grilo e o gato Xirimía. Mais o Espantallo non quería estar alí para sempre, quería viaxar e coñecer máis sitios á parte da eira, e así foi como un día se ergueu unha rolada de vento tan forte que foi capaz de levantar o Espantallo polo aire. Chegou a unha pequena casa onde vivían dous nenos moi pobres, entón o noso protagonista decidiu darlle todo o que el tiña a eses rapaces, que se quedaron coa súa chaqueta, o pantalón e incluso coas cereixas e o pexego.


As ilustracións, feitas por Xaquín Marín, teñen moita importancia na historia, xa que aparecen frecuentemente e axudan a que o alumnado comprenda mellor a obra e fomentan a súa creatividade.

Agás a cuberta e a contracuberta, nas que se empregan distintas cores, no resto das imaxes do libro só se empregan tres cores fundamentais: o negro, o marrón e o branco. Todas aparecen no lado dereito da páxina para que sexa o primeiro que destaque ao cambiar de folla. Tamén se encontran no interior dun fondo branco, para diferenciar os límites da ilustración. Son ilustracións infantís debido a que están dirixidas a nenos e nenas de a partir dos oito anos. Nas primeiras páxinas aparecen as imaxes de cada un dos personaxes da obra: Espantallo, o grilo,o tío Ramón de Reborneda, Moncho, Penexo, os merlos e Xirimía. No inicio de cada parte, hai dúas follas coa ilustración do Espantallo voando e unha frase ao seu carón.


Esta obra trata moitos temas que están presentes na vida cotiá, como a amizade, a pobreza, a soidade ou a vida no rural. Todos se poden traballar na clase con exercicios ou actividades que favorezan a súa reflexión. Un dos temas máis importantes e que máis se repite durante a obra é a soidade que padece o tío Ramón de Reborneda e que se pode levar á vida real como os avós que traballan no campo e que por desgraza non teñen a ninguén ao seu carón. Co alumnado traballarase o respecto cara ás persoas maiores e o dereito a desfrutar da súa compañía. O segundo tema a resaltar é a amizade que o Espantallo procura ter con todos os animais, axudándoos por enriba do seu propio interese. Isto tamén ocorre na vida cotiá, xa que lles ensina aos nenos e nenas a ter respecto polos seus compañeiros e compañeiras e axudar en todo o posible.



O estanque dos parrulos pobres

 

RECENSIÓN CRÍTICA DUNHA OBRA LITERARIA


Autora: Nerea Durán Pérez




CASALDERREY, FINA (2007). O estanque dos parrulos pobres. Ilust. Teo Puebla. A Coruña: Rodeira, col. Tucán, 168 pp. (ISBN: 978-84-8349-098-3). 


A miña elección de obra literaria para a etapa de Educación Primaria foi O estanque dos parrulos pobres. Este libro pareceume moi interesante para esta etapa educativa, por amosar un problema importante desta sociedade como é a morte dende unha ollada infantil, pero ao mesmo tempo moi madura. Este libro transmite valores moi importantes e relevantes para os nenos e nenas. 


O estanque dos parrulos pobres ten 168 páxinas e conta con ilustracións moi significativas. Non contén solapas. A portada é dunha cor laranxa moi rechamante e aparece Noema con un dos seus maiores segredos, o que nos contará despois dentro do libro. No lombo podemos ler o título e tamén o nome da editorial. Na contraportada atopamos un breve resumo do contido.

É un volume de 20x13 cm, de tapa branda, encadernación rústica, ten un índice no que nos indica o número dos diferentes capítulos e as páxinas onde podemos atopalos. 


O estanque dos parrulos pobres trata sobre Noema, unha nena de sete anos que ten moita imaxinación. Unha das cousas que máis lle gusta neste mundo é estar co seu avó e xogar con el, pásano moi ben xuntos. O seu avó cóntalle un montón de historias, ata que un día cambia todo e Noema tenlle que ensinar ao seu avó como morrer. Trátase dunha entrañable e sensible historia na que se afrontan as  etapas da vida, dende diferentes perspectivas. 


Con respecto ás ilustracións, cabe destacar que vou describir as máis relevantes do libro, aínda que todas son significativas. Na primeira ilustración atopámonos con Noema mirando pola ventá e dicindo que o que hai alí é un segredo e que non llo pode contar a ninguén. Esta ilustración ten moita importancia no desenvolvemento da historia. A maioría das ilustracións son de Noema e o seu avó, onde se reflicte como é a relación entre eles dous e como o seu avó sempre lle conta moitas historias coas que a nena queda enfeitizada. Tamén é de salientar a imaxe na que Noema chora desconsoladamente porque ocorreu unha traxedia, o seu avó mexouse polos pantalóns e non falaba, deulle unha trombose. A partir de , a mamá de Noema xa sabe que ao seu pai lle queda  pouco para morrer e Noema cando se decata da situación decide xogar a morrer co avó para que cando chegue o día saia todo perfecto. Finalmente, nunha das derradeiras imaxes que nos acompaña ao longo de todo o libro, vemos un pato do estanque onde ían Noema e o seu avó, xa que o avó de Noema deixoulle unha moeda de recordo e ela decidiu tirala o estanque dos parrulos pobres para que se cumprise o seu desexo que era poder falar co avó a través da estrela que máis resplandecese.  


Aquí podemos observar algunhas das ilustracións nas que sae o avó contándolle unha historia a Noema e Noema ensinándolle a morrer ao seu avó. Todas as ilustracións deste libro son moi significativas e ademais diso fan que a lectura sexa moito máis emotiva. 


 
                                                         

A lectura desta obra considero que é de interese para nenos e nenas de 6 a 12 anos, pois permite reflexionar sobre o transcurso da vida, incidir en valores como o amor entre avós e netos, o paso da vida ata chegar á vellez e as súas consecuencias, a sabedoría de toda unha vida, como afrontar a morte dende varias perspectivas, pero tamén como afrontar a chegada de novos membros a unha familia. Estes valores son fundamentais na etapa de Educación Primaria porque considero que é un tema moi realista que pode estar vivindo calquera dos nosos alumnos e a alumnas






 



Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...